jueves, 22 de diciembre de 2011

Isidro Parga Pondal e Ramon y Cajal,


Comunicado
En relacion cos investigadores dos colectivos Isidro Parga Pondal e Ramon y Cajal, +IDEAS reitera a sua posición de que a USC debe respeitar os compromisos adquiridos e apostar decididamente por unha politica de captación de talento como xeito de manter unha posición de referencia e de anovar o seu cadro de persoal docente e investigador coas debidas garantías en canto ao nivel académico.
Tras o Claustro da Universidade do pasado dia 14, no que foron rexeitadas a programacion plurianual e as liñas xerais do orzamento,  entendemos que quedou patente que a comunidade universitaria non acepta que se tomaran decisións de alcance, por unha exigua maioria no Consello de Goberno, con respecto á estabilización de investigadores, precipitadas e sen unha autentica discusión e planificación, no marco das cales deben encaixarse as medidas estratéxicas que a USC ten que adoptar na dificil situación na que se atopa.
Facemos un chamamento para que o equipo de goberno da universidade reconsidere esas decisions e estableza vias de dialogo, que eviten situacions irreversibeis,  permitan desbloquear a situacion e garantan as lexitimas aspiracions de promocion de todos os membros do PDI da universidade.
+IDEAS prestará toda a colaboración a unha acción de goberno que estea encamiñada á busca dunha solución.

jueves, 15 de diciembre de 2011

COMUNICADO DE +IDEAS

O Claustro da USC acordou na sesión do 14 de decembro de 2011 rexeitar tanto a Programación Plurianual 2011-2014 como as Liñas Xerais do Orzamento Económico para 2012, presentadas polo equipo de goberno do Reitor Juan Casares.  

+IDEAS pediu o voto en contra dos dous documentos por medio de dúas emendas á totalidade.

A Programación Plurianual, que debería marcar a acción de goberno durante os próximos anos,  estaba formulada en termos simples, imprecisos e inconcretos e non contiña ningunha acción precisa nin unha temporización das medidas propostas. Trátase dun texto cheo de xeneralidades pero que non define un modelo universitario coherente.  Presentouse ademais con case un ano de retraso e non contemplaba algunhas medidas concretas do  recente Plan Estratéxico, como por exemplo a estabilización de investigadores dos programas de captación de talento (como Ramón y Cajal -RC- e Isidro Parga Pondal-IPP), sobre as que o Claustro se pronunciou de forma clara e maioritaria..

En canto as Liñas Xerais dos Orzamentos carecían dun plan viable para afrontar a delicada situación económica da USC. Con eses presupostos diante non era posible valorar cales ían ser as accións concretas de goberno, as políticas de gasto ou aforro nas distintas áreas de actividade e os obxectivos estratéxicos críticos que permitan á nosa universidade continuar a ser unha institución de referencia.

+IDEAS protestou tamén polo curtísimo tempo dado aos claustrais para preparar as emendas e o feito de que parte da documentación, enviada  fora de prazo e distribuída a toda comunidade universitaria nos días previos, contribúa a xerar enfrontamentos entre colectivos e áreas do coñecemento.
 

Cos resultados das votacións +IDEAS entende que o Claustro non pretende desequilibrar á Universidade senón forzar  a que o equipo reitoral mude o preocupante rumbo que estaba a tomar nos últimos tempos. En definitiva que goberne de cara a universidade e non de costas a ela. Prácticas como o peche imprevisto do exercicio económico que sufrimos recentemente, o regateo incesante nos procedementos, as medidas de despido de persoal tomadas sen planificación nin consenso e a improvisación permanente deben rematar.

O resultado do Claustro esixe que o Goberno da USC recapacite, modifique os modos de gobernar e que conte con toda a comunidade universitaria. Que  presente unha programación plurianual consecuente co Plan Estratéxico e uns orzamentos  cun plan realista de asignación de recursos, de actuacións de aforro basadas en medidas estructurais, de accións imaxinativas para a captación de recursos externos.

A comunidade universitaria pode ter a seguridade de que +IDEAS prestará toda a colaboración a unha acción de goberno que estea encamiñada á busca do consenso e de solucións.

miércoles, 14 de diciembre de 2011

Emenda á totalidade das Liñas Xerais do Orzamento 2012: Intervención do voceiro de +IDEAS

O Claustro rexeitou a Programación Plurianual [77 favor, 100 contra, 13 branco] e as Liñas Xerais do Orzamento [81 favor, 99 contra, 9 branco].

En xaneiro deste ano, o  Claustro aprobou, na discusión das Liñas xerais do Orzamento para 2011, que “as liñas xerais teñen que concretar da forma máis detallada posible, para cada un dos ingresos e gastos, as principais magnitudes, as accións que se financian, os compromisos que se adquiren e as variacións máis significativas respecto ao exercicio anterior”.
Así está escrito. E así o fixo a Sra. Vicerreitora na súa exposición, o que estaría ben se non fose porque eses datos e esa información foron dados a coñecer despois de que se pechara o prazo de presentación de emendas. No texto orixinal, que se mandou en prazo, só había dúas táboas, e inda por riba estaban mal. Eso non é aceptable. Tampouco é aceptable que se teñan dado só tres días para estudar un presuposto de máis de 200 millóns de euros.
Non pode ser que una empresa tan grande como a USC basee a sua actuación económica nun documento de dez páxinas, no que non hai modelo de universidade nen plan económico. Cun documento tan xenérico non hai xeito de saber cómo vai ser a acción de goberno, non se ve por onde van os orzamentos.
Poño un exemplo. Fálase dun aforro de 1,5 millóns de euros no concurso do servizo de limpeza, o que suporía una rebaixa do 35%, pero este aforro non está debidamente xustificado nen sabemos se é realmente posible, máis ben da a impresión que se pon só para cadrar as contas. Esto impide que o Claustro saiba realmente o que se está a aprobar.
Teño que decir que aquí non estamos a tratar de desestabilizar a Universidade nen a que caiga o goberno da USC, senon que tratamos de que mude de rumbo. O peche precipitado do exercicio económico, o regateo nos procedementos, a improvisación,… teñen que rematar.
Queremos que o voto en contra sexa un toque de atención. Que se presenten uns orzamentos serios, pensados, razoados, negociados; que conteñan por exemplo un plan realista de asignación de recursos; un plan de actuacións estratéxicas de aforro; un plan de captación de recursos externos. Cunha verdadeira planificación, como a USC merece.
Gustaríanos votar outra cousa, pero a responsabilidade institucional fai que hoxe sexa obrigado votar en contra.

martes, 29 de noviembre de 2011

Isidro Parga Pondal e Ramón y Cajal


TEXTO DA CARTA REMITIDA AO REITOR DA USC POR JUAN M. VIAÑO, REPRESENTANTE DE +IDEAS NO CONSELLO DE GOBERNO, SOBRE A ESTABILIZACIÓN DOS INVESTIGADORES DOS PROGRAMAS ISIDRO PARGA PONDAL E RAMÓN Y CAJAL.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2011.

Magfco. Sr. Reitor  D. Juan J. Casares Long:
ante a imposibilidade de asistir á sesión extraordinaria do Consello de Goberno de hoxe dia 29 de novembro para tratar da estabilización dos investigadores dos Programas Ramón y Cajal e Isidro Parga Pondal, por mor de participar nunha comisión de avaliación na Universidade do Minho (Braga, Portugal),  quixera transmitirlle os seguintes puntos que resumen  a miña postura favorable a dita estabilización e amosan a miña preocupación pola posible decisión no  senso contrario:

1º) A USC ten adquirido un compromiso institucional para ofrecer un concurso a unha praza estable  aos investigadores dos programas RC e IPP que resulten avaliados positivamente nos programas I3 y Manuel Colmeiro, respectivamente. Calquera decisión que non sexa cumprir con ese compromiso é un erro manifesto que pon en cuestión a nosa imaxe como Universidade de referencia na captación de capital humano e debilita a nosa posición en futuras convocatorias de captación de fondos para  I+D+I.

2º) A situación económica que atravesamos non pode ser utilizada para deixar na rúa a investigadores moi valiosos e de recoñecida capacidade docente e investigadora, que levan cinco anos na institución con financiamento externo dos seus contratos,  e para os que temos garantido dito financiamento  aínda 3 anos máis.  É necesario poñer enriba da mesa datos suficientes que permitan tomar decisións con todo o coñecemento de causa nun contexto de política de persoal que este equipo aínda non ten definida.

3º)  No seu día estes investigadores foron atraídos á nosa universidade nunha oferta competitiva  da que hoxe non podemos renegar pois, ademais de traizoar aos que confiaron en nós,  estariamos cometendo un erro sen precedentes. Trátase dunha vía de captación de talento  que ten amosado o seu éxito na universidade española.

4º) Os criterios de asignación das prazas ás areas foron aprobados no seu día polos órganos competentes desta universidade en base á normativa vixente e a criterios de necesidades investigadoras  e de evolución de plantilla nos vindeiros anos,  co apoio maioritario ou por asentimento de todo o Consello de Goberno, como definición das liñas  programáticas e estratéxicas da USC. As expectativas xeradas nos investigadores e nas súas familias non poden truncarse agora por un cambio na política de persoal que este goberno  pode adoptar, lexitimamente,  de aquí en diante, pero que nunca debe facelo con efectos retroactivos.

5º) Un goberno como o actual que proclama como lema do seu mandato a defensa das persoas ten aquí unha magnífica ocasión de poñelo en práctica,  de defender un colectivo valiosísimo pola súa capacidade de investigar e captar fondos, polo que supón de renovación da plantilla, polo que supón,  en definitiva,  de aposta pola investigación e a innovación nunha universidade que pretende facelo con excelencia.
Existen moitas máis razóns para non tomar unha decisión que vai a supoñer un erro estratéxico e político do seu equipo pois a nosa universidade perderá poder de atracción e transmitirá unha mensaxe negativa ás seguintes xeracións de xoves doutorandos e investigadores, que ven como a USC no é quen de reter os investigadores mais preparados e comprometidos coa institución. 

Ten a miña autorización para, se o considera oportuno, facer público o contido desta carta na sesión do Consello de Goberno. Pola miña banda enviarei copia da mesma a representantes do colectivo de investigadores afectados e a outros membros do Consello.

Cos meus atentos saúdos,

Juan M. Viaño Rey
Catedrático de Matemática Aplicada
Membro do Consello de Goberno da USC

lunes, 28 de noviembre de 2011

+ IDEAS CRITICA AS MEDIDAS DE PECHE DO EXERCICIO ECONÓMICO DO 2011 NA USC

O colectivo +IDEAS considera necesario pronunciarse sobre a Resolución Reitoral do 21 de novembro sobre o Peche do Exercicio Económico do 2011 e a alarma creada na comunidade universitaria.
Dita Resolución introduciu unha norma que imposibilita a autorización de gastos con cargo ao orzamento do exercicio 2011 a partir do 22 de novembro –24 horas despois de terse recibido dita Resolución nos centros de gasto!-.
Pode que aínda neste momentos non toda a comunidade universitaria teña coñecemento da excepcionalidade que dita Resolución introduce respecto do proceder que neste ámbito se viña realizando en exercicios anteriores. Significa que a partir do 22 de novembro ningún centro de gasto poderá tramitar autorizacións de gasto, xa sexa con folla de pedimento, axudas de custos, conferencias, colaboracións, ... Por dicilo doutro xeito, a efectos económicos o ano 2011 rematou o día 22 de novembro, aínda que a investigación e as clases continúen ata o día 31 de decembro. Esta medida, tomase por primeira vez na historia recente da USC e supón unha paralización total da actividade da universidade, ao non poder tramitar a autorización de ningún gasto.
Ademais, tomouse unha medida tan drástica sen tela avanzado nin comentado cos directores dos diferentes centros de gasto nin cos responsables de asuntos económicos, de forma tan apresurada, que foi necesaria unha corrección posterior, o día seguinte, para liberar parcialmente da medida algúns gastos (teses de doutoramento, proxectos de investigación e cursos e actividades con financiamento externo que deban xustificarse antes do 31 de decembro).
Como era de prever, todo isto provocou que os directores dos centros de gasto intentaran comprometer en 24 horas os créditos aínda dispoñibles que deben xestionar ata o fin  do ano, amosando ante os nosos provedores e a sociedade unha imaxe de improvisación e non contención que non ten nada que ver coa realidade da nosa universidade, onde a xestión económica é executada con toda seriedade e rigor.
+IDEAS considera que é necesario protestar enerxicamente contra este xeito de proceder por parte do equipo reitoral e contra a intolerable deriva que estamos a sufrir nos usos académicos e normativos polos que a USC se viña rexendo. Este caso e outros exemplos recentes (programación plurianual presentada fora de prazo, plan estratéxico presentado sen o necesario debate, prazos mínimos impostos para a presentación de emendas no Claustro...) fan necesario abrir urxentemente un debate sobre os principios de rigor e transparencia que deben rexer a o funcionamento da universidade.
En particular é necesario discutir as implicacións da Resolución de Peche do Exercicio respecto da xestión económica da USC. Ademais dunha falta de respeto para os encargados da xestión económica de centros, departamentos e proxectos de investigación, tanto a repentina resolución inicial como a rectificación “complementaria” do día seguinte parecen indicar que, de novo, os créditos dos Centros e Departamentos, que a partir do día 22 de novembro xa non poden ser comprometidos, serán unha vez máis “requisados” pola Reitoría e non incorporados ao exercicio seguinte.
Todo o acontecido ten provocado unha grande alarma na comunidade universitaria que require, primeiro, a retirada inmediata da medida e, segundo, unha explicación por parte da Reitoría, tanto en clave interna, como de cara á sociedade, principalmente aos nosos provedores.

sábado, 19 de noviembre de 2011

CONSELLO DE GOBERNO DA USC - 7 DE NOVEMBRO DE 2011


Valoración dos asuntos tratados, elaborada polos membros do Consello de Goberno pertencentes ao Colectivo +IDEAS

A información recollida nesta reseña non ten validez oficial

1.Acta da sesión Anterior
2. Informe do Reitor 
3. Informes das Vicerreitorías
4. Profesorado "Ad Honorem"
5. Modificación RPT
6. SGIC
7. Suspéndese este punto da orde do día
8. Universidade de Verán 2012
9. Regulamento de réxime interno da Fac. De Humanidades
10. Regulamento de réxime interno de másteres
11. Cursos de posgrao propio.
12. Recursos
13. Asuntos económicos
14. Asuntos de trámite
15. Convenios
16. Rogos e preguntas

martes, 15 de noviembre de 2011

Claustro da USC, 14/11/2011 - Intervención de Juan Viaño


O "Plan Estratéxico da Universidade de Santiago de Compostela 2011-2020" elaborado polo Reitor Juan Casares e o seu equipo, recibiu no Claustro de onte unha severa crítica e só puido ser aprobado cunha maioría de abstencións e votos en contra: 63 votos favorables, 22 en contra e 60 abstencións.  Un apoio de apenas un 21% dos membros do claustro pon en evidencia a escasa implicación da comunidade universitaria acadada polo equipo de goberno nun tema desta transcendencia.  

lunes, 14 de noviembre de 2011

Claustro da USC, 14/11/2011 - Intervención do voceiro de +IDEAS


Intervención de Enrique Macías, voceiro de +IDEAS, no turno final de explicación de voto antes da votación final sobre o Plan Estratéxico da USC 2011-2020.

Bós días, vou falar en nome de +IDEAS. Nós mostramos a nosa disposición para colaborar na elaboración do Plan Estratéxico e participamos nos grupos de traballo, pero reservándonos o dereito a ser críticos. E o feito é que o documento final é decepcionante. Xa amosamos o noso desacordo co calendario de traballo, e non pode ser que o tempo de consulta á comunidade universitaria sexa só de tres ou catro días. 



domingo, 13 de noviembre de 2011

+IDEAS critica o Plan Estratéxico 2011-2012


+IDEAS considera que o Plan Estratéxico que vai discutir o Claustro Universitario é un documento inicial, que debe ser revisado con vistas a dar lugar en 2012 a un verdadeiro Plan  que contemple dun xeito máis elaborado a análise e proxección a longo prazo  precisas para un plantexamento estratéxico da USC para a próxima década.
O documento actual non se pode aprobar como plan estratéxico porque, obxectivamente, aínda non é un plan estratéxico No estado actual o documento é prematuro e pouco elaborado, a pesares do esforzo dos distintos grupos de traballo, debido ó escaso tempo de que se dispuxo e á complexidade da tarea abordada. O método empregado non permitiu a necesaria e desexable participación aberta dos distintos sectores da comunidade universitaria. O documento inclúe unha análise preliminar da situación e un bosquexo de posibles accións no marco das liñas extratéxicas fixadas polo equipo de goberno, enfocadas cara a un horizonte temporal curto, pero carece dunha proxección a longo prazo, que contemple una análise rigurosa dos posibles escenarios, así como dunha definición do modelo universitario e dos obxectivos estratéxicos perseguidos para a súa implementación.
 Aprobalo sen máis na actualidade é asumilo como un documento de tramite cando debe ser un documento excepcional. Para o equipo reitoral, o obxectivo é ter un documento aprobado canto antes, confundindo o fin cos medios, sacrificando unha ocasión de ter un verdadeiro plan de guía para esta década, para estes momentos tan transcendentes para a vida da nosa universidade.
+IDEAS solicita do Claustro que considere o documento como punto de partida para seguir traballando e chegar a un Plan Estratéxico que se presentaría no ano 2012.

jueves, 27 de octubre de 2011

COMUNICADO DE +IDEAS

A USC non pode conformarse con facer menos con máis

A nosa universidade ven de ser obxecto de dúas importantes decisións que nos aportan un punto de optimismo. Por unha banda, o refrendo do Ministerio de Educación ao proxecto “Campus Vida” como Campus de Excelencia Internacional de referencia global e, pola outra, a posible recuperación de 5,7 millóns de euros do IVE, retidos indebidamente por actividades de ciencia básica, tal como ven de establecer a Audiencia Nacional.
No medio de tantas novas desesperanzadoras que só transmiten recortes, estas dúas son positivas e premian a dedicación do PDI e do PAS da USC, que dan o mellor de si mesmos para facer que a nosa Universidade se sitúe entre as mellores.

miércoles, 27 de julio de 2011

VALORACIÓN DE +IDEAS SOBRE ALGÚNS ASUNTOS TRATADOS NO CONSELLO DE GOBERNO DO DIA 19 DE XULLO DE 2011


Elaborada por representantes de +IDEAS no CG
A información recollida nesta reseña non ten validez oficial
INFORMES DA REITORÍA
·      Medallas de Galicia ao ILGA e ao Profesor Ángel Carracedo Álvarez. 
·      Consejo de Universidades (11/07/2011)
·      Comisión Mixta USC-SERGAS (01/07/11)
INFORME DAS VICERREITORÍAS 
·      Vicerreitoría de Investigación - Investigadores IPP.   
·      Vicerreitoría de Economía e Infraestruturas - Plan de Financiamento e Plan de Austeridade. 
·      Vicerreitoría de Grao e Posgrao 
·      Xerencia
PARTICIPACIÓN  NA FUNDACIÓN CENTRO GALEGO DE INVESTIGACIÓNS DA AUGA (CETAQUA)
MODIFICACIÓN DE VARIOS PLANS DE ESTUDO
PROPOSTA DE MEMORIA DE MÁSTER EN MEDICINA
PLAN DE PROMOCIÓN DOS INSTITUTOS UNIVERSITARIOS DE INVESTIGACIÓN
ÁMBITOS E LIÑAS DO PLAN ESTRATÉXICO DA USC 2012-2020
COMPOSICIÓN DOS GRUPOS DE TRABALLO PARA A ELABORACIÓN DO PLAN ESTRATÉXICO DA USC 2012-2020.
MODIFICACIÓN DO ACORDO DO CONSELLO DE GOBERNO DE 27 DE XULLO DE 2010 NO REFERENTE AO CALENDARIO ACADÉMICO.
ACORDO SOBRE A REGULACIÓN DUNHA OPORTUNIDADE DE RECUPERACIÓN PARA OS PLANS DE ESTUDIO EN PROCESO DE EXTINCIÓN.
ASUNTOS ECONÓMICOS - MATRÍCULA FILLOS DE TRABALLADORES DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

jueves, 14 de julio de 2011

Comentarios de +IDEAS Sobre Algúns Asuntos Tratados no Consello de Goberno do 15 de Xuño de 2011

 Tratáronse os seguintes temas:

  • Normativa de Permanencia en Titulacións de Grao e Máster.
  • Planificación da obra RAM
  • Prórroga de contratos de profesores asociados en réxime laboral e interinos de sustitución
  • Prazas de PDI
  • Mobilidade intercampus para o curso 2011-12
  • Informe de execución do plan estratéxico PETIC II 2007/2010
  • Modificación RPT PAS

jueves, 23 de junio de 2011

Información sobre a elaboración dos novos Estatutos da USC

COMISIÓN: A Comisión de Estatutos foi elexida polo Claustro en Outubro de 2010. +IDEAS ten nela unha importante representación. A composición da Comisión pódese ver aqui

CONSTITUCION: A Comisión constituiuse o 18 de xaneiro e elixiu a Juan M. Monterroso como presidente.


POSICIÓN de +IDEAS: O 16 de Febreiro celebramos unha reunion de +IDEAS para discutir a nosa posición no traballo que ía desenvolver a Comision de Estatutos. Acordamos que se debería apostar por uns Estatutos moi sinxelos, non regulamentistas, que permitiran deixar un marxe para  gobernar aos responsabeis da USC de cada momento. 

Decidiuse tamén transmitir ao equipo reitoral a nosa vontade de consensuar uns Estatutos aceptabeis por toda a comunidade universitaria, sen imposicións.
 

MESA DO CLAUSTRO: Con algún retraso, finalmente a Mesa do Claustro reuniuse o 7 de abril para facer o encargo á Comisión de Estatutos (este é o procedemento formal), dandolle unhas poucas recomendacións:  intensificar o traballo xa que estamos fora de prazo, pero sen establecer datas concretas; buscar o maior consenso; tratar de captar suxerencias externas.
 

PONENCIA:  O 3 de maio reuniuse a Comisión para aprobar unha modificación do seu Regulamento e aprobar a Ponencia, que quedou formada polas seguintes persoas:

  • PDI: Juan Monterroso Montero(Presidente), Luis Miguez Macho(Secretario), Francisco Rodriguez Lestegas (Vicepresidente), Beatriz Cebreiro Lopez, Ignacio M Palacios Martinez, Jose Manuel Gonzalez Herran, Marta Carballo Fidalgo, Mª Concepcion Nistal, Antonio Segura.
  • Estudantes 1º ciclo: Adrian Dios Vicente, Andrea Martinez Fernandez, Sara Serrano  Estrada, 3º Ciclo: Alvaro Rodriguez Nuñez.
  • PAS: Juan Mariñas Liste, Francisco Castro Alvaredo.

TRABALLO DA PONENCIA: A ponencia comenzou a traballar o 11 de maio e fai unha reunion cada semán. A previsión é que se poda ter un primeiro texto a finais de ano.   Dacordo coa información dos nosos representantes, as modificacions estanse a facer co maior consenso e tentando elaborar un texto o mais sinxelo posible e non regulamentista.

lunes, 6 de junio de 2011

Información dos representantes de +IDEAS sobre o Consello de Goberno do 5 de Maio de 2011

- Campus do Mar, Fundación USC deportiva
- Máster Enxeñaría Industrial, Máster en Tecnoloxías da Información, Grao en xestión de PEMES
- Límite de prazas en Graos e Másters
- adscripcion do Traballo Fin de Grao e o Traballo Fin de Máster 
contrato Ponte, axudas predoutorais financiadas por grupos
- Plan estratéxico da BUSC

lunes, 28 de marzo de 2011

CONSELLO DE GOBERNO DA USC do día 23/03/2011

Elaborada por representantes de +IDEAS no CG

A información recollida nesta reseña non ten ningunha validez oficial

Faise un resumo do consello de goberno, das distintas propostas do reitorado, a postura e as alternativas presentadas por +IDEAS.