lunes, 28 de marzo de 2011

CONSELLO DE GOBERNO DA USC do día 23/03/2011

Elaborada por representantes de +IDEAS no CG

A información recollida nesta reseña non ten ningunha validez oficial

Faise un resumo do consello de goberno, das distintas propostas do reitorado, a postura e as alternativas presentadas por +IDEAS. 
CG 23/03/2011

O Sr. Reitor anuncia a retirada dos puntos 12 e 15. O punto 12 (prórroga contrato Unidixital) por non estar suficientemente “maduro” e o punto 15 (regulamento de réxime interno da Facultade de Humanidades) por non estar aínda rematado o trámite no centro.

1.    Acta

Secretaria Xeral: aprobación da acta. Acéptanse dúas alegacións: unha da profesora García del Río e outra da propia Secretaria Xeral.

2. Informe do Sr. Reitor

a)    Consello Galego de Universidades (CGU). O Sr. Reitor informa dos seguintes puntos tratados na última reunión do CGU:

Proposta de racionalización de estudos oficiais de posgrao. Estableceuse en 5 o número mínimo de alumnos matriculados para a continuidade dun Máster. O número de matriculados de referencia é a media dos dous cursos anteriores. Máster afectados: 1 (Fiscalidade) pero autorizouse igual para o curso que ven. Había outros másteres interuniversitarios que non cumprían pero autorizáronse e pospúxose a análise para mantelos ou non.

Informe de proxecto de docencia clínica de Ciencias da Saúde do SUG: para regular as prácticas de docencia hospitalaria.

Proposta de estruturación da CIUG. Proposta da USC: que a xestión das probas de acceso á Universidade saíra fora da USC e que a CIUG teña personalidade xurídica propia. A Consellería presentou dúas propostas: creación dun consorcio entre as tres Universidades e a Consellería ou só entre as tres Universidades. A USC opta por esta última proposta que consistiría basicamente en utilizar o consorcio existente modificando as súas funcións. A intención é que a 31/12/2011 a CIUG estea fora da estrutura da USC.

Envío a verificación de másteres: Bioloxía Mariña e Turismo si, Enxeñaría Informática non. Informará posteriormente con máis detalle deste tema no punto 6. Dificultades postas por parte das outras universidades.

Situación dos centros adscritos: Na USC o Centro Superior de Hostelería e as Escolas Universitarias de Traballo Social, Relacións Laborais e Enfermería. En teoría en maio de 2011 estes centros teñen que ter un mínimo de 50% de doutores no seu persoal docente dos cales o 60% con algún tipo de acreditación a corpos docentes. Ningunha das tres titulacións cumpre con estes requisitos agora mesmo. Tampouco os das outras universidades. Probable moratoria do Ministerio xa que é un problema xeral.

b)    Reunión da CRUE do 16/03:

Decreto do regulamento de acceso á avogacía. O Ministerio de Xustiza esqueceu enviar o informe de alegacións da CRUE ao Consello de Estado, que é preceptivo pero non vinculante. Van analizar posibles solucións que eviten que teña que volver ao Consello de Estado: para tal fin creouse unha Comisión con representantes das universidades, colexios, etc… Cuestións a decidir: Acceso só dende o Grao de Dereito? Peso do Máster en dito acceso? Forma de exame? Confirmaron que o título será expedido polo Ministerio de Educación e non polo de Xustiza.

Sistema de acceso a Medicina: Co sistema do presente curso académico unha semana estaba a lista chea e á semana seguinte aparecían vacantes (xa que era unha lista nacional). Isto é debido a que os estudantes apúntanse en varias universidades. Problema que tratarase de corrixir.

Lei da Ciencia: aprobada na Comisión do Congreso dos Diputados. Non ten memoria económica de custes asociados.

Borrador do Estatuto do PDI: foi o punto que máis debate suscitou. Solicitouse debatelo con máis detemento. Mellora a situación actual: valorase o título de doctor na escala funcionarial, mobilidade, etc… O máis preocupante son os límites que establece ás posibilidades de intensificación docente e investigadora. A redución da adicación docente a partires dos 60 anos podería provocar un importante incremento de plantilla en moitas universidades. Norma inaplicable se non vai acompañada de medidas económicas (incrementos de plantilla e nivel, etc…). Necesita unha memoria económica asociada. Perigo: que as universidades non teñan recursos económicos para asumilo. Destacouse tamén o problema de baremos para a carreira horizontal: 3 niveis para TU e 4 para CU. Baremos que entenden que están moi distorsionados. Co máximo nivel de méritos docentes e investigadores non se chegaría nen ao nivel 2, o cal parece sorprendente aínda que tamén deba de valorarse a xestión e a transferencia do coñecemento. Petición de que se modifique a inclusión do detalle e a categorización da carreira docente (ítems idénticos na carreira investigadora e na docente: Ex. dirección de teses,…).

Modelo de contabilidade. Petición do Tribunal de Contas para que se incorpore ás Universidades ao modelo de contabilidade analítica. Isto posibilitará unha mellor rendición de contas á sociedade. Acordo CRUE + Ministerio de Educación para a creación dunha comisión mixta Ministerio de Educación, Comunidades Autónomas e Universidades e axentes sociais para que exista un acordo sobre o modelo de contabilidade antes de mediados de abril (fixouse a data límite do 18 de abril).
A implantación nas Universidades estímase que levará entre 18 e 24 meses. Para a 1ª quincena de abril convocarase unha reunión coas xerencias das Universidades. Tratarase de dar algunha incentivación económica para facer este traballo.

Enxeñaría da Edificación: Sentenza do Tribunal Supremo que obriga a cambiar o nome do título de Grao de Enxeñaría da Edificación (antes Aparelladores ou Arquitectos Técnicos). Os Colexios Profesionais impugnaron os nomes de case todos os títulos de Enxeñaría. O problema o teñen ás Universidades que deban cambiar os nomes dos títulos como resultado destas sentencias. Neste caso non afecta á USC, xa que Enxeñaría da Edificación é unha titulación da U. da Coruña no SUG.

c)    Consello de Universidades do 17/03:

O Secretario de Investigación dixo que non hai ningunha variación restritiva a respeito dos I3 ou do InnoCampus 2011. O InnoCampus 2011 está á espera dos trámites no Ministerio de Economía. Os xustificantes de gasto de proxectos con fondos FEDER débese a requisitos da UE.

O Secretario Xeral de Universidades falou do sistema de acreditación. Ata hoxe van 14755 candidatos avaliados, polo que procede a revisión do proceso de acreditación no que se refire aos procesos e trámites. Tamén comentou a revisión dos Estatutos das Universidades, non só para a elección do Reitor senón tamén en todo ao que se refire á Gobernanza das universidades. Prazo: 3 anos para facer este proceso.

Estatuto do PDI: informouse da creación dunha comisión para intentar chegar a un acordo antes do 18 de abril.

Asuntos económicos:
-       Bolsas: conxelación dos umbrais de renda e patrimonio para o curso 2011-2012 e adianto de que tamén se terá en conta o rendemento académico.
-       Novidade en bolsas Séneca: prazas para discapacitados, aumento de bolsas medias, bolsas de 5 e 9 meses.
-       Convocatoria de acción para o emprendemento.
-       Prezos públicos: Grao e Máster IPC + 4 puntos.
-       Estas cuestións económicas aínda non son propostas definitivas xa que o documento está a ser elaborado.

d)    Outros asuntos

-       Substitución do representante da USC na CIUG. Manuel Bermejo pediu ser substituído. Novo representante: Jaime Romero.
-       Nomeamento do director comisario do CITIUS: Paulo Félix Lamas.
-       Concesión da Insignia de Ouro póstuma da USC ao Profesor Herminio Barreiro.


Preguntas sobre o Informe do Sr. Reitor:

Decano Dereito:
-       Pediu unha aclaración da situación da CIUG e a proposta de sacala da estrutura da USC. (O Sr. Reitor volveu a reiterar o xa indicado no informe)
-       Acceso á Avogacía: o acceso a través do Grao de Dereito é a postura defendida pola USC?. Resposta: Sì.

Pérez Casas.
-       Pregunta sobre a retirada do punto 12 (Unidixital).
R.: Retirouse por non estar maduro para traelo a CG.

J. Bueno (+ Ideas):
-       Tras indicar que o resultado do último Consello Galego de Universidades foi moi desfavorable para a USC e que botábase en falla un posicionamento público máis contundente do equipo de Goberno da USC, pediu máis información sobre o que acontecera cos másteres, en especial co de Enxeñaría Informática.
R.: O Sr. Reitor indicou que o explicaría con máis detemento no punto 6

-       Tamén preguntou se podía aclarar algo máis sobre o acceso á avogacía (reunión da CRUE), en relación coa posibilidade de que os títulos de Enxeñaría poderían ser expedidos por Ministerios diferentes ao de Educación.
R.: Foi algo que se deixou caer na reunión pero sen entrar no tema, polo que de momento non lle da moito crédito.

Jorge Barreiro:
-       Pregunta polo Informe de proxecto de docencia clínica de Ciencias da Saúde do SUG.
R.: As bases de acordo para docencia clínica desapareceron e non se están tendo en conta como referencia. Hai un problema de relación das titulacións de Ciencias da Saúde cos centros hospitalarios, problema que non é exclusivo de Medicina.
Respecto ao número de prazas de Medicina o Sr. Reitor destacou a inxerencia do Parlamento de Galicia na autonomía da USC ao ter proposto o incremento do número de prazas. Hai que ter en conta que os estudantes de 4º, 5º e 6º teñen moita actividade hospitalaria: hai que buscarlle unha solución para a descentralización da docencia en hospitais. Anuncia que espera a incorporación do Hospital de Lugo en breve, ademais dos actuais de Santiago, Coruña e Vigo. Indica tamén que foi un erro adscribir hospitais a ámbitos xeográficos das universidades galegas no ano 2001.

Ana Bravo:
-       Solicita que se traslade á CRUE a petición para que se permita a matrícula en planes vellos mentres non remate á extinción dos títulos non adaptados ao EEES (as de 6 anos rematan posteriormente ao 30 de setembro de 2015).
R.: Este tema vaise resolver, xa que alguén non fixo ben os cálculos cando se estableceu o 30 de setembro de 2015 como a data de extinción definitiva dos planos non adaptados ao EEES.

3. Informes Vicerreitorías

Vice. de estudos de Grao e Posgrao:
-       3/03: peche convocatoria mención de excelencia programa de doutoramento 2010-2011: 32 solicitudes presentadas de entre 84 programas existentes.
-       Axudas de prácticas de campo para o curso 2010-2011: convocatoria do 16/03. A finais de marzo espera que estean resoltas

Preguntas á Vicerreitora:

J Bueno (+ Ideas)

-       Transmite o desacordo coa convocatoria de axudas de prácticas de campo en relación ás seguintes cuestións:

1)    O título da convocatoria préstase a confusión, xa que por un lado fálase de curso 2010-2011 e por outro a cantidade a repartir coincide con todo o orzamento dispoñible para o ano 2011. A dúbida que xurde é de onde sairán os recursos para realizar as prácticas do primeiro semestre do curso 2011-2012 e cando será realizada a convocatoria para dito primeiro semestre.
R. O título da convocatoria é correcto. Respecto a cómo se financiarán as prácticas de campo do 1º semestre do curso 2011-2012 non contestou.

2)    O reparto do crédito inicial parece desproporcionado en relación ao número de estudantes afectados: dotado de 67.500 € entre as titulacións de grao e as licenciaturas (2/3= 45.000 €) e titulacións de máster oficial (1/3 = 22.500 €). Destínase o 33,33 % dos recursos dispoñibles aos estudantes de máster, que representan só o 6,5 % da totalidade de estudantes matriculados en titulacións de 1º e 2º ciclo da USC.
Este feito vai ter consecuencias moi graves, pois neste ano 2011 o crédito inicial dotado xa foi reducido nun 50% respecto ao exercicio do ano 2010 (onde foi de 135.000 €). Isto supón que haberá que repartir unha cantidade extremadamente reducida (45.000 €) entre todas as licenciaturas, diplomaturas, graos e enxeñarías da USC, o cal vai ter como consecuencia que vai ser imposible cubrir a demanda de todas estas titulacións no referido a prácticas de campo.
R. O reparto fíxose estudando a proporción que representaban as distintas titulacións no conxunto de prácticas de campo indicadas nas programacións docentes das materias de todas as titulacións da USC, polo tanto a Sra. Vicerreitora o considera correcto.

3)    Comentouse que o criterio 3 de valoración das axudas solicitadas podería interpretarse como que se van favorecer unhas determinadas prácticas que utilicen as instalacións propias citadas na convocatorias.
R. Aclarouse que só se aplicará este criterio ás prácticas que poidan realizarse nas instalacións indicadas, sen prexudicar as demais.

Ana Bravo
-       Pregunta se este ano haberá un segundo prazo para recibir axudas de practicas de campo a finais de ano, como viña sendo tradicional.
R. Non, só haberá a presente convocatoria.

Vice. de PDI:
Responde a unha pregunta formulada polo estudante Adrian Dios no CG pasado en relación a incidencias nas materias de Macroeconomia I na facultade de Ciencias Económicas e de Macroeconomia na Facultade de ADE, indicándolle que xa foron resoltas.

Vice. de Campus de Lugo:
Informa sobre trámites relacionados con prazas de PDI que xa poden ser realizados no Campus de Lugo. A entrega de documentación poderá facerse no Campus de Lugo, dándolle traslado posterior a Santiago. As tomas de posesión/sinaturas de contratos tamén poderán facerse no Campus de Lugo.

Vice. de Cultura:
-       Informa de actos varios: 17 festival de teatro universitario. 9º encontro de danza. 4º ciclo de formacións de cámara.
-       4 de marzo: tivo lugar o inicio do proceso selectivo para seleccionar un novo xerente da fundación USC deportiva. 43 persoas presentadas.

Xerenta:
Informa sobre a circular do 3 de marzo en relación as mesas electorais das eleccións sindicais do 24 de marzo.

Vice. de Economía:
Informa que o Consello Social aprobou os orzamentos con modificación das tarifas das estacións da Graña, Courel e Encoro do Con (problema co IVE).

Secretaria Xeral:
-       Desculpa asistencias ao presente CG.
-       Informa sobre as eleccións a representantes de Xunta de Centro. Participación escasa en estudantes sobre todo. As votacións foron necesarias só en 6 centros e non en todos os sectores.


4. Calendario académico 2011-2012

Secretaria Xeral:
Informa sobre as principais datas establecidas no calendario académico. Recorda que para acollerse ao calendario único para titulacións adaptadas e non adaptadas ao EEES será necesario o acordo da Xunta de Centro e trasladalo despois á Vicerreitoría de Estudos de Grao e Posgrao e á Secretaría Xeral.

Preguntas:

Juan Lema:
-       Solicita comezar o curso o 5 de setembro en vez do 12.
R. Non se acepta, principalmente porque os servizos administrativos solicitaron dispoñer dunha semana en setembro, aínda que non se concreta para qué necesitan dita semana.

Javier Bueno:
-       Apoia a solicitude do profesor Juan Lema e solicita tamén que o prazo da convocatoria de exames fin de carreira sexa o mesmo tanto para titulacións adaptadas como para non adaptadas ao EEES.
R. Acéptase que convocatoria fin de carreira teña os mesmos prazos nos dous grupos de titulacións se os centros o consideran necesario e o solicitan.

Ernesto González:
-       Apoia tamén o cambio de data de inicio de curso para o día 5.

Julio Seijas:
-       recorda o problema dos alumnos non matriculados que asisten a prácticas a principios de curso.

Ana Bravo:
-       Apoia tamén o inicio do curso o 5 setembro, e solicita que se corrixa o documento para falar de semestres en vez de cuadrimestres. Tamén solicita que o período de exames do 1º semestre non teña un día menos pola festividade do Santo Tomé.

Sara Serrano (estudante):
-       Informa que o calendario único grao-licenciatura: causa problemas co período de exames. Hai menos avaliación contínua na licenciatura e, polo tanto, máis materia a preparar para os exames para o mesmo tempo dispoñible.

Jorge Barreiro:
-       Comenta que desde o seu punto de vista o calendario académico é meramente orientativo, xa que despois adáptase nos centros. (Esta intervención non tivo réplica algunha por parte do equipo de goberno). Tamén indica que a matrícula tardía (marzo) causa problemas.

Juan Lema:
-       solicita que a CIUG estea operativa en agosto, reitera o comezo o 5 de setembro, e non entende por qué os servizos administrativos necesitan unha semana en setembro.

Andrés Barreiro:
-       Indica que o 22 febreiro non aparece nas titulacións non adaptadas ao EEES e erros de redacción.

Representante 3º ciclo:
-       adaptación de calendarios de licenciaturas a graos, problemas co período dispoñible para exames na mesma liña que o indicado na intervención da estudante Sara Serrano.

Juan Lema:
-       solicita votación: 20 a favor de comezar o dia 12, 7 a favor de comezar o dia 5, 14 abstencións. Apróbase o calendario cos cambios indicados.

5. Regulamento acceso maiores 40 anos

A Vicerreitora estudos Grao e Posgrao informa do regulamento. Apróbase por asentimento

6. Modificación de másteres

Vicerreitora de estudos de Grao e Posgrao:
Expón os cambios dos másteres afectados excepto o de Enxeñaría Informática que o fai o Reitor.

Reitor:
Máster en Enxeñaría Informática. Na reunión do CGU á petición de Coruña e Vigo entendeuse que o máster da USC estaba baseado no establecemento dun posgrao sen que a USC tivera previamente un título de Enxeñaría Informática que concedese o dereito a establecer o Máster. Esta alegación baseábase tamén en que existía unha “pseudo-ficha” que establecía unhas posibles atribucións profesionais para a profesión de Enxeñeiro Informático.
A pesares das explicacións do Sr. Reitor, Coruña e Vigo entendían que se rompía co mapa de titulacións do SUG. A Xunta tamén entendía que era unha titulación “pseudoregulada” e polo tanto a tratou como calquera outra profesión regulada xa implantada no SUG.
Xunta, Coruña e Vigo estiveron polo tanto en contra do máster da USC. Ante esta postura a decisión do equipo de Goberno da USC e a Dirección da ETSE foi modificar o Máster que pasou a denominarse “Máster en Tecnoloxías da Información e Comunicación”. Modificouse levemente a memoria xa presentada eliminando unha materia que era obrigatoria (4,5 ECTS) e incorporando eses 4,5 ECTS ao Traballo Fin de Máster. O CGU acordou alongar o prazo para a USC para facer esa correción. Fíxose o cambio por parte da ETSE, foi aprobado na Xunta de Centro e tráese hoxe a CG para aprobalo e envialo de novo á Xunta.

Juan Lema:
Informa que os cambios realizados foron moi poucos: cambio de título, eliminar calquer referencia á profesión de Enxeñeiro Informático e a modificación anteriormente comentada polo Sr. Reitor. Que aínda que non estaban de acordo, e dado que o Máster é practicamente o mesmo, optaron por aceptar modificalo para que puidera comezar no vindeiro curso académico.

Javier Bueno:
Tras deixar claro que a Enxeñaría Informática non é unha profesión regulada e que, polo tanto, carece de atribucións profesionais legalmente recoñecidas, co cal coincide o Director da ETSE, manifesta que o escrito remitido pola Xunta utiliza unha argumentación falsa para retirar o máster de Enxeñaría Informática da USC. O equipo de goberno coincide con esta observación. Por este motivo solicítase que o posicionamento público do goberno da USC debería de ter insistido na falsidade das argumentacións da Xunta que se apoian en atribucións profesionais inexistentes para non autorizar o envío á verificación do máster da USC.

Perez Casas:
Comenta que baixo o seu punto de vista non foi boa idea o da pseudo-ficha.

Aprobanse as modificacións por asentimento.


7. Memoria Grao en Xestión de PEMES

Vicerreitora adxunta do Campus de Lugo.
Expón a historia deste Grao.

Decano de ADE:
Expón o sentido do Grao.

Pérez Casas:
dubida que un estudante quera optar por un Grao especializado en PEMES.
R. do Decano: O Grao en PEMES xa existe noutras universidades e cre que terá demanda.

Ernesto González:
-       Este Grao substitúe ao de ADE ou vai haber 2 Graos en Lugo?
R. Vai haber 2 Graos
-       ¿Posible atomización do número de alumnos?
R. Pode ser, pero confían en que haxa demanda para os 2.
-       Dato a retirar da memoria: Tasa de graduación do 2009/2010 moi baixa.

Apróbase por asentimento.


8. Modificación RPT de PAS

Debido á sentenza firme.

Pérez Casas:
A praza debería ser máis de PDI que de PAS. Financiación da praza non a costa do orzamento xeral da USC. Que a financie o Instituto.

Isabel García:
coincide en que a praza non debería ser de PAS. Tamén se preocupa polo financiamento.
Di o Sr. Reitor que hai cousas que non pode dicir por estar baixo secreto de sumario

Apróbase: 19 a favor, 4 abstencións.


14:30 h parada para comer

16:25 h comezamos de novo

9. Regulamentos de réxime interno de máster

Eva Castro: expón o punto. Aprobados por asentimento

10. Informes Instituto de Investigación

Pablo Ramil:
Balance realizado pola Vicerreitoría de Investigación en colaboración cos Directores de Institutos. Conclusións:
-       Existen Institutos que non teñen adaptadas as súas normativas. É necesario adaptar as normas dos Institutos (algún deles xa ten 40 anos). Adaptar tamén os seus regulamentos de réxime interno (Ex. Cerámica, Ciencias Forenses,..). Adaptacións aos Estatutos da USC ou a LOU. Composición dos órganos de goberno adaptados a LOU. Aspectos a revisar: nomeamento de directores que superaron o periodo máximo establecido no marco legal actual (5 institutos).
-       Actividades. A maioría cumpren as actividades para os que foron creados. Algúns non, xa que foron diminuíndo a súa actividade. Apreciable diminución de ingresos dende o ano 2006 ao 2010 (sobre o 50%). De 12 a 6 millóns de euros. Os Institutos supoñeron o 10% da captación de fondos de i+D da USC no 2010.
-       Valoración positiva no 2010 de 3 institutos dentro do plano de promoción. Negocian un plano de actuacións na actualidade. Estase a elaborar un borrador con acordo de case todos os institutos que se traerá a un próximo CG.
-       Instituto de Informática cesou no 2006 nas súas actividades e cos órganos de goberno disoltos. Proponse a supresión deste instituto dende a Vicerreitoría.

Preguntas:
Esther:
Situación do PAS dos institutos? Ten que andar indo dun a outro. Incluir no informe unha referencia ao mesmo.

Aprobado por asentimento.

11. Adhesión a CETEMAS

Pablo Ramil: expón o punto. Aprobado por asentimento

12. Retirado

13. Transformación EU de Óptica e Optometría en Facultade

Aprobada por asentimento

14. Integración da Fac. de CC. da Comunicación na Asociación de Universidades con estudos de Comunicación

Secretaria Xeral: expón o punto. Aprobada por asentimento

15. Retirado

16. Prórroga de investigador ad honorem

Emilio Rolán Mosquera, investigador en malacoloxía. Aprobada por asentimento.

17. Proposta de conformidade nos procesos xudiciais relativos aos procedementos abreviados nums. 328/2008 e 704/2009

Xerenta: expón o punto.

Isabel García:
demanda do PAS atendida, alégrase da iniciativa.

Aprobada por asentimento.

18. Designación membro do Comité de Avaliación da Actividade Docente da Área de Ciencias Experimentais.

Benita Silva: A designación é unha demanda do programa Docentia e ven provocada por unha baixa e o corremento da lista. Correspóndelle a dona Teresa Pereiro Lorenzo. Aprobada por asentimento.

19. Nomeamento do Director/a do Departamento de Lingua Española

Guillermo Rojo rematou o seu segundo periodo e convocou eleccións. Non se presentou ninguén e segundo o procedemento hai que permitir que permaneza como director en funcións ata o remate do curso académico e despois volver a convocar eleccións. Proposta: manter ao profesor Rojo ata convocatoria de novas eleccións.

Aprobado por asentimento.

20. Cursos de posgrao propio

Paco Durán: Master en Asesoría Ambiental no sector da construción última edición: 150 estudantes. 7 sedes. Equipos de videoconferencia inventariados na USC. Aclaracións solicitadas no pasado CG.

Pregunta:
Esther:
-       PAS externo = 72000 Euros e aparecen 3 persoas. Solicita aclaración.
R.: técnicos expertos no manexo dos equipos informáticos.

21. Recursos

Secretaria Xeral. Recursos de profesores sobre anulación do regulamento de Traballo Fin de Máster. Informe da asesoría xurídica: favorable en xeral ao regulamento con dúas observacións. Aprobada a desestimación dos recursos.

22. Asuntos económicos

Xerenta: doazóns. Manuel Sanmartín e Carmen Josefa. Informadas favorablemente por asentimento.

23. Asuntos de trámite

Secretaria Xeral: premio extraordinario de licenciatura. Aprobado por asentimento.

24. Convenios

Pablo Ramil: 88 convenios. 118 actividades ( 2,134 millóns de euros).
Aprobados por asentimento.

25. Rogos e preguntas

Sr. Reitor:
 informa de que a Xunta de Galicia solicita a oferta de prazas para o próximo curso antes do 13 de abril, xa que o teñen que levar a unha reunión ao Ministerio.

Estudantes:
-       Prazas docencia clínica en medicina.
R: Custe elevado dos desprazamentos,están a estudiar o tema
-       Grao de Turismo:
R: aspiración a que o centro superior de hostelería imparta este Grao
-       Prezos en cafeterías que non respectan as tarifas:
R. Que traian os tickets cando hai algunha actuación incorrecta. Necesita probas.
-       Matrícula de fillos de funcionarios da Xunta ¿van devolver os cartos?
R. Hai que aterse aos prazos do escrito feito á Consellería. E ata o més de Xullo non se poden tomar decisións. En función da resposta da Consellería tomarán as decisións no Consello de Goberno.
-       Colexio Rodríguez Cadarso ¿apertura no segundo semestre? ¿6 bolsas a concurso sen ter estudantes?
R, O retraso nas obras previstas impediron abrir no 2º semestre. Xa está amoblado actualmente. Abriuse un proceso de participación de moitos proveedores. As bolsas sacáronse coa previsión inicial, por iso saíron sen haber estudantes. Finalidade das bolsas: Biblioteca do Cadarso: sen inventariar, Preparación de aulas de informática, sostibilidade ambiental do colexio,....
-       Colexios maiores privados ¿relacións coa USC? Regulamentos?
R. Colexios adscritos. O fan a práctica totalidade das universidades españolas. Bonificacións fiscais: acordos Igrexa-Estado, alleas á USC. Os colexios non teñen exencións nin bonificacións. En 1988 na USC adscribíronse todos estes centros cunha vixencia indefinida.
-       Grao B1 para cursar algún máster (CAP?) Máster en profesorado
R, Para matricularse no máster en secundaria o alumno ten que acreditar o coñecemento de lingua a nivel B1.
-       Lingua: regulamento de uso do galego que non se cumpre.
R. O equipo de goberno está a traballar para corrixir estes feitos, pero sempre hai algún documento de traballo que está en castelán e non se traduce.
-       Facultade de CC da Educación: arranxos pendentes?
R. Esta mañá falou co Decano para ver de arranxar a planta 5ª. Van ir os técnicos polo centro para ver as necesidades de arranxos que hai por alí.
-       Iluminación no Campus Norte xunto a xornalismo, Campus Sur xunto ao observatorio.
R. O 15 de marzo, o reitor entregou no Concello un traballo cunha serie de temas de mantemento dos campus entre os que estaba o tema da iluminación. Está a esperar a reposta do alcalde.

Lucas (PAS):
-       traballadores da OIU en Lugo non teñen clara a súa dependencia e polo tanto a onde recorrer para facer trámites. Situación de desamparo.
R. (Xerenta). Non teñen ningunha noticia deste desamparo que afecta a estes 4 traballadores. Mañá recabará información sobre este tema.
Lucas dí que son 6 persoas, non 4.
A Xerenta di que en RPT só hai 4 efectivos. E que dependan de vicexerencia do Campus de Lugo non quere significar desamparo. Pero de todos xeitos vaise informar e dar unha resposta máis precisa.

J. Seijas:
-       elaboración de PDA e POD. Para impartir cursos en inglés é necesario acreditar algúnha titulación ou non?
R. Non se solicita ningún coñecemento específico. O Sr. Reitor imparte docencia en inglés e non ten ningún título de inglés.

Perez Casas:
-       Burgo das Nacións: aluguer dunha sala para montar un negocio particular: clases de inglés particulares (150 euros ao mes durante 4 meses) ¿é certo? Participa Xoan XXIII?
R. Vicerreitor sorprendido por isto, coñeceuno esta mesma mañá. Presentouse como un taller e os cartos estan a ser ingresados polos procedementos establecidos na universidade. Estase a informar con detalle sobre o tema e o traerá a o próximo CG
-       Bolsas do Cadarso: puntuación e baremo: parte económica puntua moi pouco respecto aos outros apartados. Habitación gratis: non ten o mesmo custe para todos os residentes.
R. Baremo de adxudicación: revisarase pero hai que ter moitas cousas en conta: linguas,...
-       Escrito: convocatoria sobre actuacións relativas a PDI: prórrogas dos contratos existentes actualmente, futuro problema de bolsa.
R. (V. PDI). Riscos de encadeamento en prórrogas dos profesores interinos e asociados. Acordos de CG que non vulneren dereitos dos traballadores. Para non dar lugar a recursos xudiciais pídese aos departamentos que informen e traeranse a CG. Asociados: tasa de reposición, prórrogas extraordinarias. 40 profesores asociados neste ano. O máis prudente é prorrogar ata clarificar que non entran na tasa de reposición (aclaración pendiente da Xunta). 2012 remate dos contratos administrativos dos asociados.

Javier Bueno:
-       Matrícula en titulacións de máster na USC, recordatorio da petición feita no pasado CG.
R. escúsanse polo esquecemento, que remitirán a información solicitada.
-       Convocatoria Erasmus 2011.
Os cambios introducidos na convocatoria de bolsas Erasmus para o curso 2011-2012 teñen causado unha serie de problemas coa xestión destes programas de intercambio en moitos centros. No caso da Escola Politécnica Superior trasládase o malestar existente no centro pola exclusión da maioría dos estudantes que solicitaran praza para irse de Erasmus o curso que ven.
O principal cambio foi esixir a obriga de superar a proba de idioma para poder optar a unha praza. Deste xeito aos centros só chegaron os listados de estudantes coa proba de idiomas superada, non a relación de todos os estudantes que se presentaran as mesmas coas súas correspondentes cualificacións como sucedía en anos anteriores. Isto deixou fora á maioría dos estudantes da EPS que fixeron as probas de idioma. Desde a EPS solicitouse que para os destinos en Italia e Portugal, en base a experiencia de anos anteriores, non fose necesario ter superada a proba de idiomas dada a afinidade lingüística co galego e o español. 33 estudantes da EPS que desexaban ir a algún destes dous países quedaron excluídos por este motivo existindo prazas vacantes.

Como isto sucedeu en máis centros o 1 de marzo recibiuse un correo electrónico nos centros onde se indicaba que despois de asignar destino aos estudantes que tiveran aprobada a proba de idioma da universidade de destino, podíanse ofertar as prazas vacantes a aqueles estudantes que non tiveran superada a proba de idioma do país en cuestión (pero si polo menos a dun calquera dos posibles destinos, algo que tivo que aclararse en reiteradas ocasións dada a súa pouca lóxica). A condición para facer isto era que se asumise o compromiso de seguir un curso obrigatorio de formación nese idioma que organizaría o Centro de Linguas Modernas da USC, curso que deberían de aprobar para formalizar a súa mobilidade.

Cremos que esta opción debería de terse ofertado a todos os estudantes presentados a calquera exame de idioma, independentemente de que superaran algún exame ou non. Asemade, isto debería terse reflectido oficialmente nunha modificación da convocatoria. Por poñer un exemplo da pouca lóxica desta instrución, un estudante que quería ir a unha universidade que esixía o coñecemento do inglés, pero que suspendera a proba de idioma de inglés e que aprobara a proba de alemán, podería agora optar a unha praza en Portugal con preferencia sobre outro estudante que sabendo galego ou español non tivera aprobado ningunha proba de idioma.

O 9 de marzo recíbese outro correo electrónico nos centros no que, á vista das listas provisorias remitidas o 1 de marzo polos centros e unha vez valorado pola Vicerreitoría o número de prazas asignadas conforme aos criterios da convocatoria, constatándose que se acadaba sobradamente o número de prazas subvencionadas pola Unión Europea, púxose fin á posibilidade de abrir un novo prazo para asignar destinos ao anular a instrución recibida unha semana antes.

Queda de manifesto que as actuacións desenvolvidas na convocatoria Erasmus non tiveron un criterio claro e puxeron aos estudantes e aos responsables dos centros nunha situación de desconcerto e incerteza que solicitamos que non se volva a repetir. Seguindo as instrucións recibidas da Vicerreitoría a un estudante da EPS que tiña superada a proba de inglés e que desexaba ir a un destino a Alemaña, ofrecéuselle a posibilidade de facer o curso de alemán no verán e que si o aprobaba podería concedérselle a mobilidade para dito país. Ante a contraorde recibida posteriormente, houbo que volver a contactar con este estudante para indicarlle que dita opción xa non era posible co trastorno que isto lle provocou. Se o importante son as persoas hai que tratalas cunha maior consideración.

R. O Sr. Vicerreitor de estudantes recoñeceu fallos na convocatoria e pediu desculpas polas instrucións contraditorias do 1 e 9 de marzo, lamentando os prexuízos que puideran ter causado (cousa que a Vicerreitora adxunta de estudos de Grao e Posgrao nunca recoñeceu cando se lle trasladaron estas queixas). Considerou positivo manter a esixencia de aprobar a proba de idioma xa que con isto tenta evitar que nos devolvan estudantes por non dar o nivel de idioma. (Eu pregunteille se tiñan constancia dalgún estudante da EPS que devolveran por este problema pero dixéronme que non o sabían. A min nos 4 anos que levo de Director nunca me pasou tal cousa). O Sr. Reitor puxo como exemplo algún estudante da USC que devolveran de Polonia por non saber Polaco (situación ben distinta aos casos de Portugal e Italia). En fin, que estudarán estas queixas á hora de redactar a convocatoria do ano que ven, pero que a deste ano queda como está.

Maribel García (PAS).
-       Obra RAM?
R, (Vice. Economía). Solicitudes recibidas > 5 millóns de euros. “Depuraron” as solicitudes recibidas e están a priorizar na actualidade as obras a levar a cabo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario