miércoles, 9 de marzo de 2011

+IDEAS contra a eliminación dos remanentes de investigación

Despois da aprobación do Orzamento da USC para 2011 no Consello de Goberno (14 de febreiro), o equipo reitoral ven de decidir a non incorporación do 75% dos remanentes do 2010 dos Departamentos e Institutos de Investigación. Esta "expropiación" colocará aos Departamentos, Institutos e grupos de investigación nunha situación de parálise total da que dificilmente poderán saír, toda vez que nos orzamentos do 2011 estas mesmas partidas redúcense o 50% con respecto ao 2010. Tamén nos Centros anúncianse medidas semellantes.
Esta é unha decisión dramática que provoca unha situación crítica e supón a inmediata paralización de todas as actividades que os Departamentos, Institutos e grupos de investigación tiñan en marcha e que son vitais para o desenvolvemento da USC, cun efecto demoledor no deterioro dos servizos básicos da Universidade: a docencia e a investigación.
Os remanentes de crédito non son “excedentes” nen fondos "sobrantes", senon que se trata de partidas con finalidades moi concretas e imprescindibles (material, axudas de viaxe, estadías, plans estratéxicos, calidade da docencia, ...) e fondos asignados  directamente aos grupos de investigación en función da súa produción científica para seguir facendo rendible o seu esforzo. Na maioría dos casos,  resultan esenciais para o seu funcionamento ata o ingreso das partidas do ano 2011.
Esta medida, inxusta co esforzo dos investigadores, foi tomada ao fío dun Plan de Financiamento que o Reitor apoiou despois de ter sido incapaz de que a Xunta recoñecese a realidade e as necesidades da USC. Á vista do devandito Plan tememos que esta situación se reproducirá nos vindeiros tres ou catro exercicios e impedirá á USC manter os niveis de calidade e excelencia alcanzados nos últimos anos. Levará a USC a unha perda de presenza, de protagonismo e de oportunidades nos contextos galego, español e internacional.
En momentos de crise como o que estamos a vivir  a USC ten que asumir solidariamente a súa responsabilidade na contención do gasto e no aumento da eficiencia. Pero o  equipo de goberno adopta unha postura irresponsable renunciando á consecución dun Plan de Financiamento acorde coa realidade e necesidades da nosa Universidade e renuncia tamén á procura de ingresos fora do mesmo (sirva como exemplo a decisión de non participar na convocatoria Innocampus para Campus de Excelencia na que se podían conseguir 4 millóns de euros en anticipos reembolsables en 15 anos, o que permitiría atender necesidades imperiosas que, por moito que a situación económica sexa difícil, non se poden agochar indefinidamente).
Os recursos hai que buscalos con intelixencia, valentía e traballo (aínda que por criterios de prudencia se orzamenten condicionados) pero non se ve qué accións vai levar a cabo a USC para captar novas achegas que financien a súa actividade máis alá dos contratos e proxectos de investigación.
Non vale agocharse, nin "requisar" os aforros  e deixar esmorecer ou pechar os nosos Departamentos, Institutos e grupos de investigación obrigados a non poder atender as   necesidades máis perentorias.  O equipo de goberno ten a obriga de actuar e reivindicar para a USC o que lle corresponde para cumprir cos obxectivos básicos de docencia e investigación que a sociedade galega lle encomenda.
O actual equipo de goberno, por boca do Reitor asumiu no Claustro e no Consello de Goberno a existencia dun compromiso da Xunta de Galicia de achegar á USC 5 millóns de euros en convenios. Un acordo que fora negociado polo anterior goberno da USC, pero que aínda non foi asinado polo actual, o que, segundo o reitor, motiva a  decisión tomada sobre os remanentes. Despois de case nove meses gobernando, cremos que o reitor tivo tempo suficiente para esixir  á Xunta o cumprimento do seu compromiso. Non pode seguir escudándose nesta desculpa para paralizar ás actividades esenciais da Universidade.
En todo caso, aínda está a tempo. Estando vixente o compromiso da Xunta de facer ese ingreso ao longo do 2011, como recoñeceu o propio equipo no Claustro de aprobación das Liñas Xerais do Orzamento, nada impide liberar os remanentes de forma inmediata, para que os Departamentos, Institutos e grupos de investigación poidan seguir coas súas actividades, en lugar de querer financiar con eles o orzamento deste ano, nun intento de corrixir parcialmente as grandes carencias do Plan de Financiamento.
Dende +IDEAS entendemos que con esta medida estáselle dando un golpe de morte á investigación e ás actividades da USC en xeral, e solicitamos do equipo reitoral a inmediata revogación desta medida. 
Ofrecemos toda a nosa colaboración aos directores de departamentos e institutos e aos coordinadores dos grupos para canalizar todas as súas iniciativas nos órganos de goberno reivindicando o que inxustamente lles foi arrebatado.

4 comentarios:

  1. A verdade e que estamos ante un ataque moi directo a docencia e a investigación. Os recortes no orzamento 2011 na axuda a producción científica e as dotacións das facultades son moi severas e a "expropiación" dos "aforros" de grupos de investigación, departamentos e facultades e moito máis grave xa que era o colchon que nos permitiría pasar estes tempos duros.
    Estes fondos non estan ahí sin utilizar, como parece pensar o Sr. Reitor, son fondos de maniobra que permiten cofinanciar novos equipos tanto para docencia como para investigación, contratar temporalmente a xente para proxectos, modernizar equipamentos, etc.
    O Sr. Reitor insiste en que en tempos de crise debemos facer máis con menos, e eu podo estar parcialmente de acordo, pode pedirnos máis dedicación e máis rendimentos, pero non pode quitarnos os mínimos recursos de que dispomos. Non nos pode pedir que teñamos máis presenza en congresos sin cartos, non nos pode pedir máis e millores prácticas de laboratorio con menos reactivos e equipos, non nos pode pedir máis tesis doctorais con menos contratos e bolsas (a xente ten que sobrevivir de algunha maneira).
    Esta decisión ataca directamente a capacidad de maniobra e supervivencia dos grupos e das facultades. E dirixese contra os principais obxectivos dunha universidade: a docencia e a investigación.
    O Sr. reitor ten que explicarnos cales son as prioridades e cales son os seus plans para pasar esta crisis e preservar os mellores valores desta nosa universidade de xeito que poidamos sair reforzados. Eu estou convencido de que calquera priorización sensata ten que preservar as nosas potencialidades en docencia e investigación e esta decisión vai clara e directamente en contra. Neste contexto, e difícil entender que sea prioritaria a transformación de catedráticos ou que poidamos manter un dos equipos directivos máis numeroso dos últimos tempos.
    En fin esperemos que se impoña a sensatez e recapaciten.
    J.R. Leis

    ResponderEliminar
  2. Parabéns pola entrada. Clara e realista. Xusto dúas cualidades que estamos a botar en falta nas decisións do equipo de goberno da USC á hora de enfrontarse ao problema de financiación da institución.
    Tamén rotundo e contundente o argumento de Moncho Leis con que non podo estar máis de acordo. Una preclara visión da nosa universidade. Parabéns.
    Unha vez máis as asimetrias no PDI da nosa institución amplía a fenda xa existente. Aclaro: Aquí non todo o mundo (persoas, grupos, institutos, departamentos...) que vai sofrir esta "expropiación" de fondos de producción científica perde o mesmo e de igual xeito. Perden máis os que seguiron políticas de gasto racionais, sen malgastar á tola, e "aforrando" para ter disponibilidade de gasto absolutamente necesario en momentos críticos e, así, poder facer máis con menos. Son estes remanentes, como fondos estratéxicos de quen aforramos e non malgastamos, os que agora van a servir a outros intereses pouco claros.
    Podería terse anunciado con antelación que de non terse invertido o remanente acumulado nun certo prazo, a institución procedería á requisa. Pero no se fixo así. O que si aconteceu e que dias antes da notificación oficial da requisa de fondos non faltou quen procedeu, se súpeto, a liberar remanentes das súas partidas que levaban "dormidas" había tempo. Que se actúe con información privilexiada non é o máis grave. Somos así porque nos fan ser así nunha cultura de "sálvese quien pueda".
    Que a docencia e, sobre todo, a investigación se resintan drásticamente sen solución de continuidade é o verdadeiramente demoledor.
    A USC non o merece. Que se impoña a sensatez.

    ResponderEliminar
  3. A cuestión é que hai departamentos e institutos de investigación (ou grupos que forman parte destes) que tiñan previstos eses cartos para afrontar iniciativas concretas a desenvolver neste ano 2011, cando non para pagar gastos que se deron no tramo final do 2010. Con dita medida afógase a estes colectivos nas súas iniciativas e incluso en relación a compromisos contraidos.
    Certamente hai unha responsabilidade de fondo da Xunta de Galicia, pero non podemos esquecer a que ter este equipo reitoral pola súa incapacidade na negociación dun mellor financiamento para a USC. Este responsibilidade alcanza directamente ao reitor, Juan Casares, cando non conquiriu cartos comprometidos por el presidente da Xunta de Galicia coa USC para 2010,por dexación ou despiste. José L. Falguera

    ResponderEliminar
  4. Quizais fora convinte inc¡dicar para que utilizan estes fondos os grupos de investigación. Compre sinalar en primeiro lugar que son uns fondos moi versatiles e que os grupos os utilizan de forma complementar a outras fontes de ingreso más rixidas nos tipos de gasto que admite. E moi dificil facer unha lista exhaustiva pero atrevereime con alguns:
    -Cofinanciación equipamentos e aparataxe adquiridos con fondos que so financian parcialmente (FEDER e outros)
    -Contratos de persoal, en alguns casos cofinanciacións esixidas en convocatorias públicas pola propia universidade
    -Mellora e mantemento de infraestructuras básicas
    - financiar actividades dos alumnos de doutorado, p.e. participación en congresos internacionais ou cursos especializados, etc.
    - manter a actividade nos laboratorios nos periodos entre proxectos.

    Estamos a falar dun colchon imprescindible que non ten solucions alternativas e que, polo tanto, vai a paralizar o funcionamento normal dos grupos.

    OUTRO GOLPE mais a docencia e a investigación do equipo de goberno anunciado onte: Reducción de entre un 35 e un 45% (dependendo de facultades) das suscricións periódicas que dependen das bibliotecas de centro. OUTRO GOLPE DURO A INVESTIGACION NA USC e xa levamos un feixe deles nos últimos meses.
    JRL

    ResponderEliminar