martes, 29 de noviembre de 2011

Isidro Parga Pondal e Ramón y Cajal


TEXTO DA CARTA REMITIDA AO REITOR DA USC POR JUAN M. VIAÑO, REPRESENTANTE DE +IDEAS NO CONSELLO DE GOBERNO, SOBRE A ESTABILIZACIÓN DOS INVESTIGADORES DOS PROGRAMAS ISIDRO PARGA PONDAL E RAMÓN Y CAJAL.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2011.

Magfco. Sr. Reitor  D. Juan J. Casares Long:
ante a imposibilidade de asistir á sesión extraordinaria do Consello de Goberno de hoxe dia 29 de novembro para tratar da estabilización dos investigadores dos Programas Ramón y Cajal e Isidro Parga Pondal, por mor de participar nunha comisión de avaliación na Universidade do Minho (Braga, Portugal),  quixera transmitirlle os seguintes puntos que resumen  a miña postura favorable a dita estabilización e amosan a miña preocupación pola posible decisión no  senso contrario:

1º) A USC ten adquirido un compromiso institucional para ofrecer un concurso a unha praza estable  aos investigadores dos programas RC e IPP que resulten avaliados positivamente nos programas I3 y Manuel Colmeiro, respectivamente. Calquera decisión que non sexa cumprir con ese compromiso é un erro manifesto que pon en cuestión a nosa imaxe como Universidade de referencia na captación de capital humano e debilita a nosa posición en futuras convocatorias de captación de fondos para  I+D+I.

2º) A situación económica que atravesamos non pode ser utilizada para deixar na rúa a investigadores moi valiosos e de recoñecida capacidade docente e investigadora, que levan cinco anos na institución con financiamento externo dos seus contratos,  e para os que temos garantido dito financiamento  aínda 3 anos máis.  É necesario poñer enriba da mesa datos suficientes que permitan tomar decisións con todo o coñecemento de causa nun contexto de política de persoal que este equipo aínda non ten definida.

3º)  No seu día estes investigadores foron atraídos á nosa universidade nunha oferta competitiva  da que hoxe non podemos renegar pois, ademais de traizoar aos que confiaron en nós,  estariamos cometendo un erro sen precedentes. Trátase dunha vía de captación de talento  que ten amosado o seu éxito na universidade española.

4º) Os criterios de asignación das prazas ás areas foron aprobados no seu día polos órganos competentes desta universidade en base á normativa vixente e a criterios de necesidades investigadoras  e de evolución de plantilla nos vindeiros anos,  co apoio maioritario ou por asentimento de todo o Consello de Goberno, como definición das liñas  programáticas e estratéxicas da USC. As expectativas xeradas nos investigadores e nas súas familias non poden truncarse agora por un cambio na política de persoal que este goberno  pode adoptar, lexitimamente,  de aquí en diante, pero que nunca debe facelo con efectos retroactivos.

5º) Un goberno como o actual que proclama como lema do seu mandato a defensa das persoas ten aquí unha magnífica ocasión de poñelo en práctica,  de defender un colectivo valiosísimo pola súa capacidade de investigar e captar fondos, polo que supón de renovación da plantilla, polo que supón,  en definitiva,  de aposta pola investigación e a innovación nunha universidade que pretende facelo con excelencia.
Existen moitas máis razóns para non tomar unha decisión que vai a supoñer un erro estratéxico e político do seu equipo pois a nosa universidade perderá poder de atracción e transmitirá unha mensaxe negativa ás seguintes xeracións de xoves doutorandos e investigadores, que ven como a USC no é quen de reter os investigadores mais preparados e comprometidos coa institución. 

Ten a miña autorización para, se o considera oportuno, facer público o contido desta carta na sesión do Consello de Goberno. Pola miña banda enviarei copia da mesma a representantes do colectivo de investigadores afectados e a outros membros do Consello.

Cos meus atentos saúdos,

Juan M. Viaño Rey
Catedrático de Matemática Aplicada
Membro do Consello de Goberno da USC

lunes, 28 de noviembre de 2011

+ IDEAS CRITICA AS MEDIDAS DE PECHE DO EXERCICIO ECONÓMICO DO 2011 NA USC

O colectivo +IDEAS considera necesario pronunciarse sobre a Resolución Reitoral do 21 de novembro sobre o Peche do Exercicio Económico do 2011 e a alarma creada na comunidade universitaria.
Dita Resolución introduciu unha norma que imposibilita a autorización de gastos con cargo ao orzamento do exercicio 2011 a partir do 22 de novembro –24 horas despois de terse recibido dita Resolución nos centros de gasto!-.
Pode que aínda neste momentos non toda a comunidade universitaria teña coñecemento da excepcionalidade que dita Resolución introduce respecto do proceder que neste ámbito se viña realizando en exercicios anteriores. Significa que a partir do 22 de novembro ningún centro de gasto poderá tramitar autorizacións de gasto, xa sexa con folla de pedimento, axudas de custos, conferencias, colaboracións, ... Por dicilo doutro xeito, a efectos económicos o ano 2011 rematou o día 22 de novembro, aínda que a investigación e as clases continúen ata o día 31 de decembro. Esta medida, tomase por primeira vez na historia recente da USC e supón unha paralización total da actividade da universidade, ao non poder tramitar a autorización de ningún gasto.
Ademais, tomouse unha medida tan drástica sen tela avanzado nin comentado cos directores dos diferentes centros de gasto nin cos responsables de asuntos económicos, de forma tan apresurada, que foi necesaria unha corrección posterior, o día seguinte, para liberar parcialmente da medida algúns gastos (teses de doutoramento, proxectos de investigación e cursos e actividades con financiamento externo que deban xustificarse antes do 31 de decembro).
Como era de prever, todo isto provocou que os directores dos centros de gasto intentaran comprometer en 24 horas os créditos aínda dispoñibles que deben xestionar ata o fin  do ano, amosando ante os nosos provedores e a sociedade unha imaxe de improvisación e non contención que non ten nada que ver coa realidade da nosa universidade, onde a xestión económica é executada con toda seriedade e rigor.
+IDEAS considera que é necesario protestar enerxicamente contra este xeito de proceder por parte do equipo reitoral e contra a intolerable deriva que estamos a sufrir nos usos académicos e normativos polos que a USC se viña rexendo. Este caso e outros exemplos recentes (programación plurianual presentada fora de prazo, plan estratéxico presentado sen o necesario debate, prazos mínimos impostos para a presentación de emendas no Claustro...) fan necesario abrir urxentemente un debate sobre os principios de rigor e transparencia que deben rexer a o funcionamento da universidade.
En particular é necesario discutir as implicacións da Resolución de Peche do Exercicio respecto da xestión económica da USC. Ademais dunha falta de respeto para os encargados da xestión económica de centros, departamentos e proxectos de investigación, tanto a repentina resolución inicial como a rectificación “complementaria” do día seguinte parecen indicar que, de novo, os créditos dos Centros e Departamentos, que a partir do día 22 de novembro xa non poden ser comprometidos, serán unha vez máis “requisados” pola Reitoría e non incorporados ao exercicio seguinte.
Todo o acontecido ten provocado unha grande alarma na comunidade universitaria que require, primeiro, a retirada inmediata da medida e, segundo, unha explicación por parte da Reitoría, tanto en clave interna, como de cara á sociedade, principalmente aos nosos provedores.

sábado, 19 de noviembre de 2011

CONSELLO DE GOBERNO DA USC - 7 DE NOVEMBRO DE 2011


Valoración dos asuntos tratados, elaborada polos membros do Consello de Goberno pertencentes ao Colectivo +IDEAS

A información recollida nesta reseña non ten validez oficial

1.Acta da sesión Anterior
2. Informe do Reitor 
3. Informes das Vicerreitorías
4. Profesorado "Ad Honorem"
5. Modificación RPT
6. SGIC
7. Suspéndese este punto da orde do día
8. Universidade de Verán 2012
9. Regulamento de réxime interno da Fac. De Humanidades
10. Regulamento de réxime interno de másteres
11. Cursos de posgrao propio.
12. Recursos
13. Asuntos económicos
14. Asuntos de trámite
15. Convenios
16. Rogos e preguntas

martes, 15 de noviembre de 2011

Claustro da USC, 14/11/2011 - Intervención de Juan Viaño


O "Plan Estratéxico da Universidade de Santiago de Compostela 2011-2020" elaborado polo Reitor Juan Casares e o seu equipo, recibiu no Claustro de onte unha severa crítica e só puido ser aprobado cunha maioría de abstencións e votos en contra: 63 votos favorables, 22 en contra e 60 abstencións.  Un apoio de apenas un 21% dos membros do claustro pon en evidencia a escasa implicación da comunidade universitaria acadada polo equipo de goberno nun tema desta transcendencia.  

lunes, 14 de noviembre de 2011

Claustro da USC, 14/11/2011 - Intervención do voceiro de +IDEAS


Intervención de Enrique Macías, voceiro de +IDEAS, no turno final de explicación de voto antes da votación final sobre o Plan Estratéxico da USC 2011-2020.

Bós días, vou falar en nome de +IDEAS. Nós mostramos a nosa disposición para colaborar na elaboración do Plan Estratéxico e participamos nos grupos de traballo, pero reservándonos o dereito a ser críticos. E o feito é que o documento final é decepcionante. Xa amosamos o noso desacordo co calendario de traballo, e non pode ser que o tempo de consulta á comunidade universitaria sexa só de tres ou catro días. 



domingo, 13 de noviembre de 2011

+IDEAS critica o Plan Estratéxico 2011-2012


+IDEAS considera que o Plan Estratéxico que vai discutir o Claustro Universitario é un documento inicial, que debe ser revisado con vistas a dar lugar en 2012 a un verdadeiro Plan  que contemple dun xeito máis elaborado a análise e proxección a longo prazo  precisas para un plantexamento estratéxico da USC para a próxima década.
O documento actual non se pode aprobar como plan estratéxico porque, obxectivamente, aínda non é un plan estratéxico No estado actual o documento é prematuro e pouco elaborado, a pesares do esforzo dos distintos grupos de traballo, debido ó escaso tempo de que se dispuxo e á complexidade da tarea abordada. O método empregado non permitiu a necesaria e desexable participación aberta dos distintos sectores da comunidade universitaria. O documento inclúe unha análise preliminar da situación e un bosquexo de posibles accións no marco das liñas extratéxicas fixadas polo equipo de goberno, enfocadas cara a un horizonte temporal curto, pero carece dunha proxección a longo prazo, que contemple una análise rigurosa dos posibles escenarios, así como dunha definición do modelo universitario e dos obxectivos estratéxicos perseguidos para a súa implementación.
 Aprobalo sen máis na actualidade é asumilo como un documento de tramite cando debe ser un documento excepcional. Para o equipo reitoral, o obxectivo é ter un documento aprobado canto antes, confundindo o fin cos medios, sacrificando unha ocasión de ter un verdadeiro plan de guía para esta década, para estes momentos tan transcendentes para a vida da nosa universidade.
+IDEAS solicita do Claustro que considere o documento como punto de partida para seguir traballando e chegar a un Plan Estratéxico que se presentaría no ano 2012.