lunes, 8 de octubre de 2012

Crise de goberno, crise na USC?


Días atrás, o Claustro da USC rexeitou, por ampla maioría e por segunda vez en poucos meses, a Programación Plurianual presentada polo reitor Casares. Unha programación chea de bos desexos, pero completamente alonxada da realidade, dos enormes problemas aos que se están a enfrontar as Universidades.
A situación creada é anómala e preocupante. Transcorrida xa máis da metade do seu mandato, o reitor non conseguiu aprobar o programa de goberno nen os orzamentos para 2012. Que o equipo reitoral non teña os apoios necesarios é seguramente o reflexo do disgusto provocado por decisións erróneas tomadas nos dous anos que leva gobernando. A súa actitude fronte os campus de excelencia e os investigadores Parga Pondal; o intento de aprobar uns criterios de plantilla que menoscababan a investigación; a aceptación acrítica do plan de fi nanciamento das universidades galegas; e outras varias decisións erráticas, provocadas pola falla dun modelo universitario coherente, transmiten unha situación de parálise e falta de iniciativa, que é percibida polos estamentos universitarios e por toda a sociedade.
Ninguén pode negar a lexitimidade do reitor para gobernar a USC. Máis ben, todo o contrario, se lle esixe que goberne e que goberne ben, nunha situación crítica como a actual. Pero tamén o Claustro é elexido democráticamente por todos os sectores da comunidade universitaria e é «o máximo órgano representativo» desta, único competente para aprobar as liñas xerais da programación e dos orzamentos. Por iso é un erro a «claustro-fobia» que parece deducirse dunhas desafortunadas declaracións recentes do reitor. O Claustro non é un órgano dominado por escuros intereses, nen se pode eludir o seu control democrático. Os claustrais somos profesores, estudantes e persoal da Universidade que presentamos as nosas emendas asinadas con nomes e apelidos e as defendemos para ser votadas. Non hai nada que non sexa transparente.
Tampouco se pode gobernar mirando cara ao pasado, botando a culpa de todo á herdanza recibida. O que espera a USC é un liderazgo forte, capaz de ollar cara ao futuro e suscitar consensos. É imposible dirixir unha institución enfrentándose á institución mesma. E os claustrais sabemos que nada outorga máis lexitimidade que ser os portavoces das inquedanzas universitarias.
Afortunadamente, a USC segue a cumprir a sua misión con normalidade. Pero o funcionamento por inercia xa non da máis de si. En +IDEAS preocúpanos moi seriamente esta situación. É responsabilidade do reitor reflexionar, resolvela, e emprender urxentemente as iniciativas precisas para reconducila nos meses que lle quedan de mandato, ou, en caso contrario, deixar paso a outros proxectos.
Enrique Macías, voceiro de +IDEAS
(La Voz de Galicia, 07-10-2012)

No hay comentarios:

Publicar un comentario