jueves, 25 de abril de 2013

en relación con recentes afirmacións do equipo de goberno sobre a situación económica da usc e as súas causas

Nos últimos tempos membros da actual equipa reitoral da USC, moi singularmente o Reitor Casares, veñen manifestando en diferentes ámbitos, nomeadamente en centros da USC, que unha parte importante do problema económico que está a vivir a nosa universidades débese ao que chaman “as facturas do equipo anterior que se atoparon no caixón”. Evidentemente, non se trata de simples valoracións sobre a actividade desenvolta no pasado por quen tivemos a responsabilidade de gobernar a USC senón de acusacións moi graves respecto da xestión económica realizada. Neste sentido, e como responsable da vicerreitoría de Economía e Financiamento no período 2002-2010, quero facer constar o seguinte:
  • A  situación económica da USC a 24 de xuño de 2010 fíxose pública diante do Reitor, do Consello Social, da vicerreitoría de Economía e da comunidade universitaria, sen que ata o de agora, case tres anos máis tarde, se teña cuestionado a realidade manifestada no seu momento. De novo queremos facer pública dita realidade e voltar a explicala para evitar malentendidos e tamén que a equipa reitoral desvíe con estas calumnias a atención sobre os verdadeiros problemas económicos nos que vive actualmente a USC:
  • 2. A situación da USC no momento do traspaso de poderes por parte do equipo anterior figuraba
    • a. Por un lado, na Memoria Económica do ano 2009, con datos a 31 de decembro, que contaba con Informe de Auditoría favorable, e tamén informe favorable e aprobación polo Consello Social. Na memoria constaban todas as débedas que, no proceso normal de xestión da USC, tiñan nacido como obrigas no 2009 e se incorporaban ao exercicio do 2010. A meirande parte destas débedas estaban relacionadas con partidas de financiamento finalista.
    • Por outro, no informe preparado pola vicerreitoría de Economía e Financiamento, contando coa información do Servizo de Contabilidade, na que figuraba a situación de execución e crédito dispoñible a data de 24 de xuño de 2010.
      Tamén figuraban en dito informe os créditos retidos, e por tanto dispoñibles, para o desenvolvemento de tódalas actuacións en marcha e programadas, principalmente no ámbito de infraestruturas.
      Dito informe foi entregado por rexistro e publicado na web da USC, desaparecendo da mesma moi pouco tempo despois de tomar posesión a actual equipa de goberno actual, non figurando xa no apartado de información económica.
    • Axúntase copia do informe entregado por rexistro, pasando a comentar algúns dos aspectos máis salientables do mesmo.
  • 3. Como se pode constatar no informe antes referido, a execución do orzamento do 2010, no referido ás partidas xestionadas centralizadamente, era moi inferior ao 40% por cento. Isto supuxo que a nova equipa puidese xestionar no resto do ano máis da metade do orzamento do exercicio 2010.
    En todo caso, son de destacar partidas non comprometidas, e polo tanto á libre disposición da nova equipa, en: Calidade por 1,5 millóns de euros; Investigación por 4,48 millóns de euros; Política Internacional por 2,89 millóns de euros; EEES con 0,89 millóns de euros; Comunidade Universitaria con 1,16 millóns de euros, e outras. Estes recursos a disposición do actual equipo de goberno, e acadados con anterioridade a súa chegada, superaban nalgúns casos máis do 90% do dotado no orzamento para o ano 2010.
    Mención especial require o apartado de Infraestruturas, onde ademais de deixarse dispoñible o 50% dos recursos dotados no orzamento do 2010, tíñase xa retido ou en crédito dispoñible, é dicir, cantidades xa acadadas e en execución ou programadas para executar, un importe de 48,8 millóns de euros. Ver Anexo I de Infraestruturas do  Informe.
  • 4. Da situación que reflicte o informe de execución a 24 de xuño de 2010, informe que como vimos de dicir foi preparado dende a vicerreitoría de Economía e Financiamento e do Servizo de Contabilidade, sen que fose cuestionado ata o momento actual, pódese deducir que,  calquera obriga de anos anteriores, lóxica no proceso de xestión de calquera  organismo, terían encaixe sobradamente nos créditos deixados a disposición do actual equipo no ano 2010.
  • 5. Neste senso, queremos tamén resaltar que no exercicio 2011 a USC ingresou en concepto de IVE máis de 5 millóns de euros por dereitos orixinados en anos anteriores ao 2010, que non tiñan sido orzamentados como tales polo anterior equipo e, polo tanto, que foron cartos de libre disposición para o actual equipo de goberno –por certo, todo o proceso e documentación necesarios para obter estes recursos foi desenvolvido con anterioridade á toma de posesión da actual equipa de goberno-.
  • 6. En todo caso, e como exercicio de transparencia pedimos que se volva a facer público o informe presentado por rexistro o 24 de xuño de 2010, que se indiquen claramente os importes e conceptos das obrigas ás que fai referencia a actual equipa, póndoas en relación cos saldos do informe de 24 de xuño de 2010 e o ingresado en concepto de IVE. Por certo, gustaríanos que a actual equipa faga o mesmo exercicio de transparencia e rendemento de contas, co mesmo tipo de informe, no momento en que deixen as súas funcións.
Somos conscientes de que non é usual ter que dar este tipo de explicacións tres anos despois de deixar as nosas responsabilidades como goberno da USC, máis aínda cando fixemos públicos todos estes datos de índole económico-financeiro, poñéndoos ademáis a libre disposición na web da USC e entregándoos a distintos órganos da nosa universidade. Pero ante as mentiras e calumnias que se están a lanzar desde o goberno actual da USC non podemos, nin agora nin nunca, permanecer impasibles. Non só por un lexítimo dereito a defender a verdade senón tamén por evitar que con este tipo de estratéxias se estea a confundir á comunidade universitaria, e a sociedade en xeral, desviando a atención sobre as responsabilidades de quen está a gobernar a nosa institución desde fai xa tres anos.

Miguel A. Vázquez Taín