lunes, 28 de marzo de 2011

CONSELLO DE GOBERNO DA USC do día 23/03/2011

Elaborada por representantes de +IDEAS no CG

A información recollida nesta reseña non ten ningunha validez oficial

Faise un resumo do consello de goberno, das distintas propostas do reitorado, a postura e as alternativas presentadas por +IDEAS. 

lunes, 21 de marzo de 2011

+IDEAS aplaude a iniciativa do Parlamento a favor dos campus de excelencia

A agrupación +IDEAS aplaude a Resolución aprobada o pasado día 16 de marzo no Parlamento galego que insta á Xunta de Galicia a comprometerse cos proxectos de excelencia Campus Vida, liderada pola Universidade de Santiago de Compostela, e Campus do Mar, liderada pola Universidade de Vigo, por medio de partidas orzamentarias específicas, negociadas coas devanditas institucións, así como a apoiar o proxecto que poida presentar a Universidade da Coruña.
Dende a súa creación no outono de 2010 +IDEAS tiña trasladado por diversas vías aos representantes no Parlamento galego a súa preocupación pola falta dun compromiso claro do goberno galego coas actuacións promovidas polas universidades galegas a favor de constituír polos de excelencia na investigación e na transferencia de coñecemento.
Os campus de excelencia constitúen marcos idóneos para que, co concurso de todos, as nosas universidades poidan chegar ao mais alto nivel internacional en campos estratéxicos do saber. Para lograr este obxectivo é fundamental unha colaboración institucional na que se impliquen ás tres universidades,  todas as forzas políticas, todos os axentes económicos e sociais e o goberno galego, para convertelos nun verdadeiro motor do I+D+i e de desenvolvemento de Galicia.
+IDEAS congratúlase de ter colaborado a que as forzas políticas parlamentarias asuman esa visión e lla trasladen ao noso goberno.
O texto aprobado polo Parlamento é o seguinte:
O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a comprometerse cos proxectos de excelencia Campus Vida, liderada pola Universidade de Santiago de Compostela, e Campus do Mar, liderada pola Universidade de Vigo, por medio de partidas orzamentarias específicas, negociadas coas devanditas institucións, así como a apoiar o que poida presentar a Universidade de A Coruña.”

miércoles, 9 de marzo de 2011

+IDEAS contra a eliminación dos remanentes de investigación

Despois da aprobación do Orzamento da USC para 2011 no Consello de Goberno (14 de febreiro), o equipo reitoral ven de decidir a non incorporación do 75% dos remanentes do 2010 dos Departamentos e Institutos de Investigación. Esta "expropiación" colocará aos Departamentos, Institutos e grupos de investigación nunha situación de parálise total da que dificilmente poderán saír, toda vez que nos orzamentos do 2011 estas mesmas partidas redúcense o 50% con respecto ao 2010. Tamén nos Centros anúncianse medidas semellantes.
Esta é unha decisión dramática que provoca unha situación crítica e supón a inmediata paralización de todas as actividades que os Departamentos, Institutos e grupos de investigación tiñan en marcha e que son vitais para o desenvolvemento da USC, cun efecto demoledor no deterioro dos servizos básicos da Universidade: a docencia e a investigación.
Os remanentes de crédito non son “excedentes” nen fondos "sobrantes", senon que se trata de partidas con finalidades moi concretas e imprescindibles (material, axudas de viaxe, estadías, plans estratéxicos, calidade da docencia, ...) e fondos asignados  directamente aos grupos de investigación en función da súa produción científica para seguir facendo rendible o seu esforzo. Na maioría dos casos,  resultan esenciais para o seu funcionamento ata o ingreso das partidas do ano 2011.
Esta medida, inxusta co esforzo dos investigadores, foi tomada ao fío dun Plan de Financiamento que o Reitor apoiou despois de ter sido incapaz de que a Xunta recoñecese a realidade e as necesidades da USC. Á vista do devandito Plan tememos que esta situación se reproducirá nos vindeiros tres ou catro exercicios e impedirá á USC manter os niveis de calidade e excelencia alcanzados nos últimos anos. Levará a USC a unha perda de presenza, de protagonismo e de oportunidades nos contextos galego, español e internacional.
En momentos de crise como o que estamos a vivir  a USC ten que asumir solidariamente a súa responsabilidade na contención do gasto e no aumento da eficiencia. Pero o  equipo de goberno adopta unha postura irresponsable renunciando á consecución dun Plan de Financiamento acorde coa realidade e necesidades da nosa Universidade e renuncia tamén á procura de ingresos fora do mesmo (sirva como exemplo a decisión de non participar na convocatoria Innocampus para Campus de Excelencia na que se podían conseguir 4 millóns de euros en anticipos reembolsables en 15 anos, o que permitiría atender necesidades imperiosas que, por moito que a situación económica sexa difícil, non se poden agochar indefinidamente).
Os recursos hai que buscalos con intelixencia, valentía e traballo (aínda que por criterios de prudencia se orzamenten condicionados) pero non se ve qué accións vai levar a cabo a USC para captar novas achegas que financien a súa actividade máis alá dos contratos e proxectos de investigación.
Non vale agocharse, nin "requisar" os aforros  e deixar esmorecer ou pechar os nosos Departamentos, Institutos e grupos de investigación obrigados a non poder atender as   necesidades máis perentorias.  O equipo de goberno ten a obriga de actuar e reivindicar para a USC o que lle corresponde para cumprir cos obxectivos básicos de docencia e investigación que a sociedade galega lle encomenda.
O actual equipo de goberno, por boca do Reitor asumiu no Claustro e no Consello de Goberno a existencia dun compromiso da Xunta de Galicia de achegar á USC 5 millóns de euros en convenios. Un acordo que fora negociado polo anterior goberno da USC, pero que aínda non foi asinado polo actual, o que, segundo o reitor, motiva a  decisión tomada sobre os remanentes. Despois de case nove meses gobernando, cremos que o reitor tivo tempo suficiente para esixir  á Xunta o cumprimento do seu compromiso. Non pode seguir escudándose nesta desculpa para paralizar ás actividades esenciais da Universidade.
En todo caso, aínda está a tempo. Estando vixente o compromiso da Xunta de facer ese ingreso ao longo do 2011, como recoñeceu o propio equipo no Claustro de aprobación das Liñas Xerais do Orzamento, nada impide liberar os remanentes de forma inmediata, para que os Departamentos, Institutos e grupos de investigación poidan seguir coas súas actividades, en lugar de querer financiar con eles o orzamento deste ano, nun intento de corrixir parcialmente as grandes carencias do Plan de Financiamento.
Dende +IDEAS entendemos que con esta medida estáselle dando un golpe de morte á investigación e ás actividades da USC en xeral, e solicitamos do equipo reitoral a inmediata revogación desta medida. 
Ofrecemos toda a nosa colaboración aos directores de departamentos e institutos e aos coordinadores dos grupos para canalizar todas as súas iniciativas nos órganos de goberno reivindicando o que inxustamente lles foi arrebatado.