miércoles, 12 de diciembre de 2012

Emendas á totalidade presentadas por +IDEAS para o Claustro do día 19/12/2012

Proponse a retirada do texto de Liñas Xerais do Orzamento para o exercicio 2013 ao resultar absolutamente imposible poder concluír, da análise do texto, sobre os obxectivos orzamentarios da USC, e sobre a realidade dos ingresos e os gastos a considerar para dito Orzamento
Proponse a devolución do Plan de actuacións 2013-1014. O documento do Plan de Actuacións resulta especialmente decepcionante e preocupante pola ausencia de referencias  ás actuacións nos eidos básicos da nosa actividade (docencia e investigación) nin tampouco en materia de PDI.


Primeira enmenda

Proponse a retirada do texto de Liñas Xerais do Orzamento para o exercicio 2013 ao resultar absolutamente imposible poder concluír, da análise do texto, sobre os obxectivos orzamentarios da USC, e sobre a realidade dos ingresos e os gastos a considerar para dito Orzamento. Aínda que o contido é mais extenso que as Líñas presentadas no seu momento para o exercicio 2012, a súa redacción resulta absolutamente xenérica e sen ningunha concreción, xustificación e explicación sólida e fundamentada, en especial no que atinxe as cantidades estimadas de ingresos e a súas variacións respecto de exercicios precedentes.
A falla de fundamentación é especialmente preocupante no que a estimación de ingresos se refire. A pesares de que para o ano 2013 o Plan de Financiamento do SUG presenta novidades importantes na contía dos fondos a repartir e nos criterios de reparto –ao contemplarse un transvase cara fondos de reparto competitivo por resultados-, as estimacións previstas nas Liñas Xerais son as mesmas que no exercicio anterior e polos mesmos conceptos. Elo da unha sensación dun “corta e pega”, coa finalidade de cadrar as cifras, sen que existan detrás estimación fundadas.
Lembremos neste senso que para o ano 2013 increméntanse considerablemente os fondos ligados a resultados en detrimento dos fondos estruturais. Como nas propias Liñas se recolle (páxinas 9 e 10), no conxunto do SUG son 15 M€ menos en fondos estruturais e 21 M€ máis en fondos por resultados, pero esta evolución  non ten o seu traslado aos conceptos e contías da previsión de ingresos da páxina 20, que mantén cantidades e conceptos case idénticas ás dos dous primeiros anos do Plan recollidas nas propostas de Orzamentos anteriores.
Moito nos tememos que os criterios de reparto aceptados polo actual goberno da USC para o actual Plan, en contra do mandato dado por este mesmo Claustro nas emendas as Liñas Xerais do exercicio 2011, prexudiquen gravemente á USC, e supoñan unha minoración de fondos. Os criterios aprobados, á marxe do resultado acadado para os indicadores propostos, non teñen en conta o peso relativo de cada universidade dentro do SUG. De forma gráfica, a igualdade de éxito relativo nos indicadores, dúas universidades acadarían o mesmo financiamento aínda que unha cuadriplicase o tamaño da outra. Isto, tendo en conta o tamaño relativo da USC dentro do SUG, fará que deste fondo non se nos acheguen os recursos que nos corresponden, e perderemos peso relativo dentro do reparto dos fondos do Plan.
Desgraciadamente, o Plan de Financiamento do SUG, ademais de non recoller contías de recursos suficientes para SUG, como de forma reiterada temos explicado e documentado, contempla uns criterios de reparto –apoiados polo actual goberno da USC-, que farán que a USC cada ano reciba menos cartos. Estas Liñas Xerais parecen querer agochar esa realidade ao non xustificar as previsión de ingresos incluídas.
Preocupados como estamos pola evolución do financiamento do SUG  para o vindeiro ano 2013 e as consecuencias tan directas que esa decisión ten sobre o noso Orzamento,  non se comprende que estas liñas xerais se queiran aprobar antes de coñecer o avance do Orzamento da Xunta, cando bastaría  esperar dous días máis (segundo as últimas novas será o día 20 cando a Xunta peche a súa proposta para enviar ao Parlamento). Nestas liñas estase a traballar coa previsión de que os ingresos sofren unha mingua do 0,67%, pero haberá que ver se isto se cumpre ou ben temos que revisar todo a baixa. Se a isto engadimos agora que, segundo as informacións dos últimos días,   parece que a Consellería de Educación non nos vai a ingresar os fondos por complementos retributivos, a situación será aínda mais complicada da que se reflexa nestas Liñas.
Outro exemplo da falta de solidez da previsión de ingresos proposta reflíctese nas contradicións do propio texto: na páxina 12 anunciase en relación coa evolución dos ingresos no ano 2012 “un descenso na recadación por Prezos Públicos por un valor, ……...  de 788.565€ sobre o orzamento prorrogado”; mentres que na páxina 19 se di que “a partida mais destacada deste capítulo corresponde aos prezos públicos de matrícula onde se espera manter o importe orzamentado no ano 2011….”. Isto é un erro manifesto, motivado pola necesidade de cadrar as contas e consideramos necesaria unha explicación, aínda que exemplos coma este abondan ao longo do texto.
Tamén no que atinxe aos gastos e aos obxectivos propostos para os mesmos, as liñas xerais recollen unha serie de xeneralidades, en varias ocasións de forma reiterada e de redacción confusa, que nin tan sequera permiten realizar unha análise axeitada para poder concluír sobre a súa adecuación ás necesidades da USC:
•    Fálase de diversas actuacións (a maioría delas nin tan sequera son mencionadas no plan de actuacións 2013-2014 que tamén se leva ao claustro) pero non se da ningún detalle sobre a asignación de recursos. Citamos algúns exemplos: Campus Vida (páx. 13), Escola de Doutoramento Internacional (páx. 14), II Plan de Igualdade de Xénero (páx. 14-15), Proxecto “USC en transición” (páx. 15)...
•    Os descensos propostos con respecto a 2011 no Capítulo II –case todos por enriba do 15%- poñen en dúbida a posibilidade dun funcionamento mínimo da institución, en canto a instalacións e subministracións,  que permita o cumprimento da nosa misión en docencia e investigación (páx. 26-27).
É necesario redobrar os esforzos para trasladar aos poderes políticos e a sociedade en xeral que unha institución capital na docencia e na investigación da Comunidade Autónoma como a USC e en xeral todas as actividades de I+D+i galegas,  non poden seguir perdendo recursos. De seguir por este camiño, seguiremos a perder competitividade,  oportunidades fundamentais e a esmorecer  cada vez máis, despois dos logros acadados pola USC noutros anos. A situación actual do goberno da USC ofrece enormes dúbidas de que poida facer esta tarefa con convicción e criterio. Estas  liñas xerais do orzamento 2013 son unha clara mostra e deberían ser retiradas e revisadas,  unha vez se teña o avance dos orzamentos da Comunidade Autónoma. 

Segunda enmenda

Este “Plan de actuacións 2013-2014” preséntase ao Claustro nun dos momentos máis complicados dos últimos anos na universidade española e moi particularmente na USC. En efecto, a situación universitaria é preocupante, porque,  dende o comezo da crise económica, o sistema universitario está a ver minguada a súa capacidade orzamentaria, debido aos sucesivos recortes. No ámbito da investigación, cae o financiamento da I+D universitaria e, como consecuencia, a produción científica dos campus. Os orzamentos do Estado  para I+D+i de 2013 presentan, por quinto ano consecutivo, unha importante baixa que en conxunto alcanza o 7,21%. Por outra banda, increméntase a demanda de servizos universitarios debido ao aumento de matrículas, especialmente, nos másteres e cursos de formación permanente.  O sistema universitario vese obrigado a xestionar un axuste que afecta a súa actividade docente e investigadora nun momento crucial, xusto cando a nosa sociedade necesita contar con universidades potentes que contribúan a facilitar a saída da crise aportando innovación, formación  e tecnoloxía.
Neste contexto, a USC necesita un goberno cohesionado e decidido. Pero o que temos é un goberno cunha crise interna propia, que nas últimas semanas deu síntomas de gravidade extrema.   Este “Plan de actuacións 2013-2014” que envía ao claustro, chega despois de dous anos e medio de goberno errático, sen liñas de actuación nin obxectivos, con dous intentos fallidos de aprobar unha programación plurianual e cos orzamentos de 2012 prorrogados; chega despois dunha xestión de trinta meses salpicada de conflitos con diferentes colectivos e enfrontamentos ata no propio equipo de goberno (nada menos que cinco vicerreitores dimitidos neste tempo). Demasiado tempo perdendo enerxías e prestixio,  xerando desilusión e desconfianza na nosa institución. Despois de dous anos e medio, este equipo reitoral xa non está en condicións de levar adiante ningún proxecto serio nin é capaz de  enderezar o rumbo da USC.
Agora se presenta un programa de mínimos,  un plan de actuacións no 2013 e 2014 co que intentan salvar a cara. É de xustiza recoñecer que, recollendo o sentir das críticas e razóns traídas a este claustro polos distintos colectivos, entre eles +IDEAS, a proposta que agora nos fan, está máis traballada, é mais realista,  non adoece da ambigüidade e dos brindes ao sol das dúas propostas anteriores. Pero, pola contra,  tampouco contén unha análise motivada das necesidades e obxectivos xerais que se perseguen para a nosa universidade. Por iso, o documento parece mais a folla de ruta diaria para os meses inmediatos que  un verdadeiro plan de medidas de calado para a nosa universidade.
Algunhas das propostas están ben traídos e forman parte das obrigas impostas por lei ou por consensos que veñen de gobernos anteriores nesta universidade. Así, están xustificadas e razoablemente programadas  ás actuacións seguintes:
-    a reestruturación e reorganización de postos e servizos administrativos (punto 6),
-    a implantación da contabilidade analítica (punto 7),
-    a culminación da implantación da administración electrónica (punto 9), na que a nosa universidade é pioneira.
Por outra banda, entendemos –así o manifestamos nas outras programacións falladas-,  que as reflexións sobre as estratexias no Campus de Lugo (Punto 2) e na internacionalización da USC (Punto 8) son de vital importancia para o futuro da USC. No texto apórtanse algúns elementos de reflexión aproveitables, pero, é moi tarde para este equipo. Resulta paradoxal, que propoñan  un plan estratéxico para Lugo, agora, despois de que o propio equipo rexeitara nos órganos de goberno diversas propostas académicas que  el mesmo impulsou para Lugo e non reaccionaran ante a perda do 50% do alumnado nos últimos dez anos. Non ten sentido que o presenten agora cando non será posible que executen nada do que nel se aprobe e non o tiveran feito no inicio do mandato.
Pero o documento do Plan de Actuacións resulta especialmente decepcionante e preocupante pola ausencia de referencias  ás actuacións nos eidos básicos da nosa actividade (docencia e investigación) nin tampouco en materia de PDI.
•    Todo o que se menciona en relación á docencia se reduce a describir, con extensa profusión de detalles,  como se ofertaría un curso on-line piloto de ¡cinco créditos!, dirixido á formación permanente de adultos de fala hispana …
•    A elaboración dun regulamento do SUR (punto 5) ¿é todo o que lles preocupa en relación ao estudantado e aos servizos que oferta esta universidade? .
•    En canto a temas relacionados coa investigación tan só se fala de proxectar ao exterior os servizos da RIADT,  tratando de facelos máis rendibles economicamente. Independentemente da oportunidade, e dos custes e retornos da medida, aínda por avaliar, parece moi escasa a reflexión  sobre a investigación e os investigadores da USC,  para un momento e un contexto de competitividade internacional no que debemos movernos.
•    ¿Cales son as liñas xerais nas que se vai mover a política de PDI nos vindeiros meses?.
Resulta evidente que o plan de actuacións que se presenta é tan só unha guía da xestión diaria mínima que debe realizar o equipo. Pero non é o programa de actuacións que necesita a nosa Universidade, nos momentos tan delicados que está a vivir, unha situación límite en canto a falta de recursos, de ilusión e de obxectivos na que este equipo se instalou e que non sabe como xestionar. A USC necesita recuperar o rumbo da excelencia, recuperar as posicións de prestixio e referencia que lle corresponden e isto non se fai cunha programación de tan curtas miras como a que se presenta ao claustro. Con ela, o actual equipo reitoral,  dá mostra unha vez máis do seu esgotamento. É moi tarde para que este equipo poida reconducir esta situación e, dende logo,  non o vai facer con propostas tan exiguas como a que presenta. É necesario procurar outro clima e outros consensos, conxuntar esforzos e vontades,  para programar axeitadamente o que esta universidade necesita neste momento e de cara ao futuro inmediato. 
 


Asinadas por 10 claustrais de +IDEAS




No hay comentarios:

Publicar un comentario