lunes, 8 de octubre de 2012

Crise de goberno, crise na USC?


Días atrás, o Claustro da USC rexeitou, por ampla maioría e por segunda vez en poucos meses, a Programación Plurianual presentada polo reitor Casares. Unha programación chea de bos desexos, pero completamente alonxada da realidade, dos enormes problemas aos que se están a enfrontar as Universidades.
A situación creada é anómala e preocupante. Transcorrida xa máis da metade do seu mandato, o reitor non conseguiu aprobar o programa de goberno nen os orzamentos para 2012. Que o equipo reitoral non teña os apoios necesarios é seguramente o reflexo do disgusto provocado por decisións erróneas tomadas nos dous anos que leva gobernando. A súa actitude fronte os campus de excelencia e os investigadores Parga Pondal; o intento de aprobar uns criterios de plantilla que menoscababan a investigación; a aceptación acrítica do plan de fi nanciamento das universidades galegas; e outras varias decisións erráticas, provocadas pola falla dun modelo universitario coherente, transmiten unha situación de parálise e falta de iniciativa, que é percibida polos estamentos universitarios e por toda a sociedade.
Ninguén pode negar a lexitimidade do reitor para gobernar a USC. Máis ben, todo o contrario, se lle esixe que goberne e que goberne ben, nunha situación crítica como a actual. Pero tamén o Claustro é elexido democráticamente por todos os sectores da comunidade universitaria e é «o máximo órgano representativo» desta, único competente para aprobar as liñas xerais da programación e dos orzamentos. Por iso é un erro a «claustro-fobia» que parece deducirse dunhas desafortunadas declaracións recentes do reitor. O Claustro non é un órgano dominado por escuros intereses, nen se pode eludir o seu control democrático. Os claustrais somos profesores, estudantes e persoal da Universidade que presentamos as nosas emendas asinadas con nomes e apelidos e as defendemos para ser votadas. Non hai nada que non sexa transparente.
Tampouco se pode gobernar mirando cara ao pasado, botando a culpa de todo á herdanza recibida. O que espera a USC é un liderazgo forte, capaz de ollar cara ao futuro e suscitar consensos. É imposible dirixir unha institución enfrentándose á institución mesma. E os claustrais sabemos que nada outorga máis lexitimidade que ser os portavoces das inquedanzas universitarias.
Afortunadamente, a USC segue a cumprir a sua misión con normalidade. Pero o funcionamento por inercia xa non da máis de si. En +IDEAS preocúpanos moi seriamente esta situación. É responsabilidade do reitor reflexionar, resolvela, e emprender urxentemente as iniciativas precisas para reconducila nos meses que lle quedan de mandato, ou, en caso contrario, deixar paso a outros proxectos.
Enrique Macías, voceiro de +IDEAS
(La Voz de Galicia, 07-10-2012)

martes, 2 de octubre de 2012

+IDEAS esixe responsabilidades e promete tomar a iniciativa para salvagardar a Universidade

A Programación Plurianual do Reitor Casares rexeitada por segunda vez polo Claustro da USC

Para o colectivo +IDEAS, a Programación Plurianual que se presentaba hoxe non difería en nada substancial do texto rexeitado polo Claustro en decembro de 2011. Tan só estaba estruturada dun xeito diferente, o que melloraba a presentación pero non o contido. Por eso +IDEAS presentou unha emenda á totalidade, como fixeron outros grupos de claustrais.
O documento segue a ser un "desideratum", unha lista de desexos, cheo de xeneralidades e declaracións de intencións, pero que non define un modelo universitario coherente. Ademais ignora por completo a situación económica e social na que se debe desenvolver. Os cambios na política económica por mor da crise, os cambios normativos en políticas de persoal, non teñen o máis mínimo reflexo no documento.
Tampouco ten en conta que o Reitor xa leva máis de dous anos gobernando, cun equipo de goberno no que catro vicerreitores xa teñen dimitido ou foron cesados Neste tempo leva tomado decisións erráticas, contraditorias, en moitos casos, coas que enuncia na Programación.
Para +IDEAS o documento está fora da realidade. Esqueceron que xa nos lles queda tempo nin recursos para facer todo o que presuntamente propoñen. Non se trata de ter un papel que se chame "Programación plurianual", trátase de saber cara onde vai a Universidade. Pero o Reitor nunca dixo claramente o que querían facer en catro anos de mandato e tampouco agora no lo din para os vindeiros meses que lles restan. Por iso pedimos a retirada do texto.
A Programación Plurianual é o programa de goberno que presenta un equipo reitoral ao Claustro o comenzo de seu mandato, para ver se conta con apoios suficientes para levar adiante o seu programa. Esta é a práctica absolutamente normal en todos os órganos democráticos. Neste sentido, a situación da USC é certamente anómala. Non é este un tema no que valan os argumentos que serven para asuntos de máis calado institucional como os Estatutos ou o Valedor. Este equipo reitoral leva esgotado xa máis da metado do seu mandato sen conseguir aprobar estas directrices programáticas, desenvolvendo unha acción de goberno carente de rumbo, o que está a causar un enorme desánimo e preocupación na comunidade universitaria, no que seitores amplos consideran que o tempo transcurrido do mandato do profesor Casares foi un tempo perdido para a USC, no que se deberían ter tomado decisións de alcance.
En +IDEAS pensamos que non se pode apoiar un programa de goberno que non muda pase o que pase. Pechar os ollos non é unha forma de gobernar. Por iso pedimos o voto en contra e así o entendeu o Claustro por unha amplísima maioría de 127 a 83.
Lamentablemente, os últimos meses foron un tempo perdido e un reflexo da parálise, da falta de ideas e de apoios para levar adiante un programa de goberno. Cada vez hai máis temas pendentes de solución.
A USC non se pode permitir perder máis tempo, abocada a unha situación de desgoberno Alguén ten xa que asumir a responsabilidade do que está a pasar, non chega con "tomar nota", como dixo hoxe o Reitor no Claustro. +IDEAS ten dado mostras máis que suficientes da súa vontade de colaboración, pero chegado este momento tan delicado de falta de liderado na USC, se non hai cambios a curto prazo terá que tomar a iniciativa para salvagardar á Universidade e emprender as accións precisas para reconducir esta situación, na seguridade de que contará co apoio da comunidade universitaria.
Temos que abordar a situación dun xeito decidido para que a USC poda recuperar o liderado que lle corresponde, baseado nun ideario de progreso e na aposta por unha universidade pública, comprometida coa calidade docente e investigadora, dinamizadora do seu entorno socioeconómico, preocupada pola súa autonomía e con capacidade de abordar os retos aos que se enfronta.

Intervención de Juan Viaño no Claustro do 2 de outubro de 2012 sobre a Programación Plurianual en representación de +IDEAS

Son moitas as razóns que levaron a +IDEAS a presentar esta emenda a totalidade. Resumireinas en tres.

1. VOSTEDES PRESENTAN HOXE A MESMA PROGRAMACIÓN QUE FAI 10 MESES. 
2. IGNORA POR COMPLETO A SITUACIÓN ECONÓMICA E SOCIAL NA QUE SE DEBE DESENVOLVER
3. NON TEN EN CONTA QUE ESTE EQUIPO LEVA MAIS DE DOUS ANOS GOBERNANDO E QUEDALLE MENOS DUN ANO PARA POR EN MARCHA AS MEDIDAS QUE PROPÓN PRESUNTAMENTE. 


Intervención do voceiro de +IDEAS en relación co Proxecto de Estatutos da USC no Claustro do 2/10/2012

No mes de abril +IDEAS deu o seu voto a estes Estatutos, por sentido institucional. Neste tempo ten habido novedades importantes que afectan á Universidade e agora estase a someter a votación exactamente o mesmo texto.
Como xa dixemos antes, non vale o argumento de aprobar as cousas "sexa como sexa". A Universiddae non pode estar allea aos cambios na política universitaria que se están a producir. Non pode estar paralizada e sen iniciativa.
Estes Estatutos xa estaban obsoletos hai dous anos e agoran están máis obsoletos. Terán un percorrido moi curto e serán unha ocasión perdida. Pero aínda que o dano xa está feito, non queremos dar a imaxe dun Claustro ineficaz, senon dun Claustro con criterio e con sentido institucional xeneroso, polo que +IDEAS non se vai opoñer a estes Estatutos.

lunes, 1 de octubre de 2012

RESEÑA E VALORACIÓN DO CONSELLO DE GOBERNO DO DÍA 28 DE SETEMBRO DE 2012


Informes do reitor

➢    Éxitos dos grupos de investigación da USC. O reitor informa, entre outros,  do descubrimento das primeiras pinturas rupestres de Galicia en Triacastela polo grupo do historiador Ramón Fábregas e da portada da revista SCIENCE dedicada a unha investigación do equipo do CIQUS dirixido polo profesor Enrique Guitián, do que forman parte a profesora Dolores Pérez Meirás o profesor Diego Peña.

➢    Anulación da convocatoria de prazas de Titular de Universidade publicada en BOE o 25 de xuño de 2012. O reitor fai un pormenorizado relato das xestións realizadas despois da recepción do burofax do Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas requirindo a anulación da convocatoria de prazas de profesorado por ser contraria á lexislación (RD 20/2011 de medidas urxentes en materia orzamentaria, financeira e tributaria, e a Lei 2/2012 de Presupuestos Generales del Estado):  trámite de audiencia cos afectados, reunión en Madrid (Ministerios de Hacienda e AP e Educación), escrito de alegacións insistindo que non se trataba de prazas de nova creación, resolución reitoral de suspensión cautelar o 20 de agosto, escrito do Ministerio de Hacienda e AP rexeitando as alegacións, nova reunión  cos afectados e, finalmente, resolución reitoral de anulación da convocatoria pública (ao parecer, solicitada polos afectados). As prazas quedan creadas (isto é,  permanece o acordo do CG de creación das mesmas).

➢    Rankings de Universidades. Distribúese aos membros do CG un informe elaborado pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade titulado "A posición da USC nos distintos rankings de universidades" (ver "Documentos de interese" na páxina de +IDEAS ou neste enlace).
+IDEAS xa ten manifestado que, se ben é certo  que a posición nos diferentes rankings é froito de moitos factores,  non todos directamente relacionados directamente coa acción de goberno, observamos unha tendencia preocupante na que á USC perde posicións nas distintas avaliacións. Algo ten que ver con esta tendencia a falta de liderado deste equipo reitoral e a carencia de políticas programáticas precisas en temas clave como campus de excelencia, transferencia e emprendemento, escolas de doutoramento, apoio aos investigadores de excelencia en programas competitivos...

➢    Negociación coa Xunta das prazas de PDI aprobadas no CG do 20-07-2012. O reitor informa das reunións mantidas pola vicerreitora de Titulacións e PDI, acompañada pola Xerenta e/ou a vicerreitora de Economía e Infraestruturas, con representantes da Consellería de Educación, en relación a preceptiva autorización das prazas que require a normativa actual. A primeira reunión tivo lugar o 27 de agosto.  Unha nova reunión tivo lugar o día 27 de setembro. En ningunha das reunións e contactos se tivo unha resposta clara da Consellería en ningún sentido. Debido a esta situación de indefinición, o reitor decide enviarlle a documentación ao presidente da Xunta (en agosto) e solicitar (o dia 28/09) unha entrevista persoal con el, da que non ten aínda resposta. 
Sobre esta cuestión intervén J. Viaño para solicitarlle ao reitor máis precisión sobre a postura da Consellería e tamén  para manifestar o seu acordo con que non se paralizara e se fixera pública a convocatoria sen esperar pola resposta da Xunta, solicitando o mesmo tratamento para as prazas que probablemente aprobemos neste CG (as 13 prazas dos IPP de 2006). A resposta do reitor e da vicerreitora de Titulacións e PDI foi que "por suposto, farase o mesmo".
Reflexión de +IDEAS: Nin á USC nin a Xunta poden xogar a unha indefinición que ten preocupados a decenas de profesores e investigadores da USC.

Informes das vicerreitorías 

continúa...