martes, 2 de octubre de 2012

Intervención de Juan Viaño no Claustro do 2 de outubro de 2012 sobre a Programación Plurianual en representación de +IDEAS

Son moitas as razóns que levaron a +IDEAS a presentar esta emenda a totalidade. Resumireinas en tres.

1. VOSTEDES PRESENTAN HOXE A MESMA PROGRAMACIÓN QUE FAI 10 MESES. 
2. IGNORA POR COMPLETO A SITUACIÓN ECONÓMICA E SOCIAL NA QUE SE DEBE DESENVOLVER
3. NON TEN EN CONTA QUE ESTE EQUIPO LEVA MAIS DE DOUS ANOS GOBERNANDO E QUEDALLE MENOS DUN ANO PARA POR EN MARCHA AS MEDIDAS QUE PROPÓN PRESUNTAMENTE. 





1. VOSTEDES PRESENTAN HOXE A MESMA PROGRAMACIÓN QUE FAI 10 MESES. 

O contido da Programación Plurianual que se presenta non se diferencia en nada sustancial do texto rexeitado polo Claustro en decembro de 2011. En efecto, tan só está estruturado de distinta forma e fíxose un esforzo por mellorar a redacción  e engadir (nalgúns casos aleatoriamente) os anos de execución dalgunhas accións, o que mellora a presentación e a súa lectura pero non o contido. 

O documento segue a ser un "desideratum", un listado de desexos, cheo de xeneralidades e declaracións de  intencións, de anuncios de estudo e análises de situación, de posíbeis actuacións (moitas inconexas) pero que non define un modelo universitario coherente.
Está moi lonxe da realidade, pretendendo en menos de dous anos abordar revisións e cambios estruturais e normativos de calado (que inclúen case todos os ámbitos da actividade universitaria), cando a lóxica e a experiencia do seu goberno nos convencen de que non é posible facelo en períodos tan curtos.

Isto por si só xa sería suficiente para votar en contra como fixemos en decembro de 2011. Porque non hai motivo ningún para cambiar o voto.

2. IGNORA POR COMPLETO A SITUACIÓN ECONÓMICA E SOCIAL NA QUE SE DEBE DESENVOLVER

Isto xa o dixemos o ano pasado. ¡Como non imos a dicilo agora se vostede nos trae o mesmo documento, despois da que está caendo neste país  nos últimos meses! Os  cambios na política económica dos dous últimos anos por mor da crise, os cambios normativos en políticas de persoal coa limitación de contratacións  e reposición de vacantes  que tanto nos afectan a nosa actividades docente e investigadora, non teñen nin o máis mínimo reflexo no documento, que ao manter a mesma redacción que fai ano e medio ignora por completo esa realidade e nada se di de como pensa enfrontala no resto do seu mandato

3. NON TEN EN CONTA QUE ESTE EQUIPO LEVA MAIS DE DOUS ANOS GOBERNANDO E QUEDALLE MENOS DUN ANO PARA POR EN MARCHA AS MEDIDAS QUE PROPÓN PRESUNTAMENTE.

Neste tempo leva  tomando decisións erráticas, contraditorias, en moitos casos, co que enuncian na Programación presentada. Para ilustrar o que digo teño seleccionado uns exemplos  en investigación,  en titulacións e oferta docente e na política de financiamento que trato de expoñer brevemente aínda que serían moitos mais

A) INVESTIGACIÓN E TRANSFERENCIA DE RESULTADOS
Por non falar da súa falta de compromiso cos investigadores IPP e RC que converteron no maior conflito do seu mandato, quero recordarlle que esta universidade ten o único Campus de Excelencia de ámbito Internacional de Galicia que é o Campus Vida. Sendo un dos principais activos que ten esta universidade vostedes parece que se avergonzan del, ralentizan todos os seus proxectos, na programación apenas aparece (Páx 28), non teñen ningún programa ambicioso, nin liñas de traballo especificas dos ámbitos das humanidades e das ciencias sociais para asociar a este campus. Non teño que lembrarlle que os Campus de Excelencia son un criterio esencial no Plan de Financiamento do SUG.

Tamén son fundamentais no Plan de Financiamento os criterios vinculados a actividade de investigación e transferencia no que todos se miden en relación co número de PDI doutor. Por iso é fundamental que a maior parte do PDI teña un alto nivel de actividade de investigación e resultados transferibles. Pero iso non se consigue con propostas tan tímidas como as que vostedes traen na páxina 28 do documento. É utópico pensar que o profesorado non activo en investigación vaia mellorar agora nun momento de falta de recursos incluso para os grupos competitivos a non ser que se implanten medidas rigorosas de avaliación e rendición de contas e que teñan consecuencias reais.

Na súa programación teñen unha páxina completa (páx. 48) dedicada á necesidade de reforzar as estruturas e procesos de transferencia de resultados de investigación. Son áreas nas que a USC foi pioneira e un referente para as outras universidades.  Na súa programación ignoran esta realidade e propoñen a realización de medidas como se partiran de cero... e, o que é aínda máis grave, como vemos estos días nos xornais, están desmantelando os servizos da área de Valorización, Transferencia e Emprendemento, cunha estratexia demoledora dende o inicio do seu mandato.

B) TITULACIÓNS E OFERTA DOCENTE

Na páxina 23 falase do "Desenvolvemento estratéxico do Campus de Lugo". Tema de enorme importancia no goberno da nosa universidade. O Campus de Lugo ten unhas características especiais, vive un momento delicado e necesita atención en todo os eidos. No que se refire a revisión e actualización da súa oferta docente nunca nos dixeron cal era o seu plan. No último ano animaron aos compañeiros de Lugo a traballar na preparación do ofertas de grao (Ciencias experimentais, Enxeñaría e Ciencias dos Materiais) coa falsa promesa de que se poderían sacar adiante... e vostedes mesmos se encargaron de paralizar as súas propostas nas comisións e no Consello de Goberno. ¿Como se pode crer no que fan? ¿Cal é a súa meta para o campus de Lugo? Seguramente non teñen ningunha.

Na oferta de másteres (Páx. 22) falan de implementar accións para incrementar as taxas de matrícula.  ¿Cales? Neste momento a  cuarta parte  dos másteres non acadan o mínimo  requirido polo decreto 222/2011 e dende o 7 de setembro hai alumnos recibindo clases nos másteres nos que se matricularon e,  mes e medio despois , o dia 15 de outubro poden anularlle a matricula e mandalos para a casa...porque o máster non reúne o mínimo de alumnos...¿A que esperan para tomar unha decisión?  ¿De que falan coa Consellería? ¿Ou é que non lles fan caso?.

Na páxina 22 falan de desenvolver a Escola de Doutoramento Internacional, pero o certo é que, despois de dous anos e de ter nomeado xa dúas directoras, aínda non foron capaces de rexistrar no RUCT á Escola de Doutoramento de Ciencias e Tecnoloxías da Saúde e tampouco de definir con claridade o seu papel no regulamento dos estudos de doutoramento aprobado recentemente no CG.

Non teño tempo de insistir, pero non podo pasar por alto o despropósito da normativa de permanencia dos estudantes que se leva redactando dende mediados de 2010, sen consenso,  e que non deixa de provocar problemas no momento da súa aplicación.

C) FINANCIAMENTO

Xa mencionamos antes o gol que lles meteron cos criterios do Plan de Financiamento ao promedialos ao  número de doutores...

A falta de recursos pode colocarnos en situacións de necesidade que de forma excepcional requira botar man temporalmente de remanentes para aliviar situacións de falta de tesourería. Pero vostede fixo algo peor: requisou os remanentes dos centros e departamentos (fondos de investigación fundamentalmente) e repartiunos para outros gastos xerais segundo o seu propio criterio,  vulnerando as normas que nos tiñamos dado para os gastos nestas unidades.

Remato lembrándolles que todas as obras (Pax. 43) que din proxectar xa estaban en marcha ou negociadas en xuño do 2010 (nave da EPS de Lugo, Enxeñaría Civil de Lugo, CITIUS, CEBEGA, Aula de produtos lácteos)... pero renunciouse expresamente a acadar fondos para outras obras novas... (CIFUS, Reforma de Químicas)... A obra RAM que se adxunta no documento corresponde a 2011-2012 pero nin unha liña do 2013-2014... ¿Qué se está sometendo a aprobación? ¿Que propón para os meses  que faltan ? Nada...

CONCLUSIÓN

En definitiva, nunca nos dixo claramente o que  querían facer nos 4 anos de mandato e tampouco agora nos din o que queren facer nos vindeiros meses que lle restan.

O documento está fora da realidade. Tan fora da realidade que foi redactado por un equipo de goberno do que 4 vicerreitores teñen dimitido ou foron cesados.  Tan fora da realidade que pretende revisar por completo a USC en menos de dous anos e iso todos sabemos que é imposible e menos aínda por un equipo que vive afogado nos asuntos do día a día. Non se trata de ter un papel que se chame "programación plurianual", tratase de saber cara onde vai este equipo e esta universidade... vostedes non o saben...
Por iso  pedimos a retirada deste texto.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario