lunes, 1 de octubre de 2012

RESEÑA E VALORACIÓN DO CONSELLO DE GOBERNO DO DÍA 28 DE SETEMBRO DE 2012


Informes do reitor

➢    Éxitos dos grupos de investigación da USC. O reitor informa, entre outros,  do descubrimento das primeiras pinturas rupestres de Galicia en Triacastela polo grupo do historiador Ramón Fábregas e da portada da revista SCIENCE dedicada a unha investigación do equipo do CIQUS dirixido polo profesor Enrique Guitián, do que forman parte a profesora Dolores Pérez Meirás o profesor Diego Peña.

➢    Anulación da convocatoria de prazas de Titular de Universidade publicada en BOE o 25 de xuño de 2012. O reitor fai un pormenorizado relato das xestións realizadas despois da recepción do burofax do Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas requirindo a anulación da convocatoria de prazas de profesorado por ser contraria á lexislación (RD 20/2011 de medidas urxentes en materia orzamentaria, financeira e tributaria, e a Lei 2/2012 de Presupuestos Generales del Estado):  trámite de audiencia cos afectados, reunión en Madrid (Ministerios de Hacienda e AP e Educación), escrito de alegacións insistindo que non se trataba de prazas de nova creación, resolución reitoral de suspensión cautelar o 20 de agosto, escrito do Ministerio de Hacienda e AP rexeitando as alegacións, nova reunión  cos afectados e, finalmente, resolución reitoral de anulación da convocatoria pública (ao parecer, solicitada polos afectados). As prazas quedan creadas (isto é,  permanece o acordo do CG de creación das mesmas).

➢    Rankings de Universidades. Distribúese aos membros do CG un informe elaborado pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade titulado "A posición da USC nos distintos rankings de universidades" (ver "Documentos de interese" na páxina de +IDEAS ou neste enlace).
+IDEAS xa ten manifestado que, se ben é certo  que a posición nos diferentes rankings é froito de moitos factores,  non todos directamente relacionados directamente coa acción de goberno, observamos unha tendencia preocupante na que á USC perde posicións nas distintas avaliacións. Algo ten que ver con esta tendencia a falta de liderado deste equipo reitoral e a carencia de políticas programáticas precisas en temas clave como campus de excelencia, transferencia e emprendemento, escolas de doutoramento, apoio aos investigadores de excelencia en programas competitivos...

➢    Negociación coa Xunta das prazas de PDI aprobadas no CG do 20-07-2012. O reitor informa das reunións mantidas pola vicerreitora de Titulacións e PDI, acompañada pola Xerenta e/ou a vicerreitora de Economía e Infraestruturas, con representantes da Consellería de Educación, en relación a preceptiva autorización das prazas que require a normativa actual. A primeira reunión tivo lugar o 27 de agosto.  Unha nova reunión tivo lugar o día 27 de setembro. En ningunha das reunións e contactos se tivo unha resposta clara da Consellería en ningún sentido. Debido a esta situación de indefinición, o reitor decide enviarlle a documentación ao presidente da Xunta (en agosto) e solicitar (o dia 28/09) unha entrevista persoal con el, da que non ten aínda resposta. 
Sobre esta cuestión intervén J. Viaño para solicitarlle ao reitor máis precisión sobre a postura da Consellería e tamén  para manifestar o seu acordo con que non se paralizara e se fixera pública a convocatoria sen esperar pola resposta da Xunta, solicitando o mesmo tratamento para as prazas que probablemente aprobemos neste CG (as 13 prazas dos IPP de 2006). A resposta do reitor e da vicerreitora de Titulacións e PDI foi que "por suposto, farase o mesmo".
Reflexión de +IDEAS: Nin á USC nin a Xunta poden xogar a unha indefinición que ten preocupados a decenas de profesores e investigadores da USC.

Informes das vicerreitorías 

continúa...


➢    Investigación. Da  conta da información provisional recibida sobre a resolución das axudas para proxectos de investigación desenvolvidos por investigadores emerxentes (Orde do 14/05/2012):
3 universidades: 32    - USC: 20
Tamén informa das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do SUG para 2012 (Orde do 7/5/2012),  nas seguintes modalidades: 




➢    Estudantes, Cultura e Formación Continua. Rematou o proceso de admisión no SUR. Procesáronse 1920 solicitudes para 1071 prazas ofertadas.

➢    Titulacións e PDI. En cumprimento do vixente Plan de Financiamento do SUG   a Xunta transfire as contías correspondentes aos sexenios e complementos retributivos autonómicos recoñecidos ao persoal do SUG. Tal como di o plan "o seu importe engadirase ás transferencias realizadas a favor de cada universidade calculándose en base ás certificacións relativas aos tramos de investigación concedidos pola Comisión Nacional Evaluadora de la Actividad Investigadora e ás certificacións achegadas polo Consello Social de cada universidade".

➢    Xerencia. Da conta das consecuencias que ten para USC a aplicación das medidas do RD-Lei 20/2012: os contratados con cargo a proxectos de investigación non poden recibir a paga extra de nadal  e non está claro se poderán utilizarse no proxecto os aforros producidos  ou deberán devolverse.
Intervén o prof. L Fernández para preguntar sobre os efectos que teñen os despedimentos de traballadores no servizo da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento. A xerente dou unha detallada explicación sobre os despedimentos: algúns son técnicos de emprego que non poden seguir contratados porque xa non continúa a axuda da Consellería de Traballo que se tiña dende o ano 2001; outros contratos non poden ser renovados para evitar o encadeamento de contratos mais de 3 anos consecutivos.
Intervén tamén o prof J. Viaño para manifestar "o dano que esta situación está producindo de maneira particular nas áreas de transferencia e emprendemento, nas que a nosa universidade foi sempre pioneira e referente en España. De proseguir este "desmantelamento" non poderemos manter esta situación que tanto prestixia á USC". Contesta o reitor dicindo que "está a facer todo o que se pode".
En +IDEAS estamos convencidos de que probablemente se está a facer "todo o que se pode", pero claramente para desmantelar esta importante estrutura universitaria, clave en universidades modernas para a dinamización do entorno  socioeconómico das universidades.

➢    Secretaría xeral. Informa que neste momento están matriculados 20.527 estudantes, pero están pendentes aínda moitas matrículas por diversos procesos (estranxeiros, másteres, selectividade setembro...).

Prazas de PDI

Apróbase por unanimidade as 13 prazas de PCD de estabilización doutros tantos investigadores do programa IPP do ano 2006, cuxos contratos remataran en decembro do ano 2011 e que tiñan a avaliación de excelencia da ANEP. Dáse cumprimento así o acordo do CG do pasado 23 de marzo acadado despois do conflito xerado na nosa universidade ao negarse este equipo reitoral a cumprir o compromiso que a USC tiña adquirido cos investigadores IPP e RC.
Da convocatoria do 2006 eran 17 investigadores dos que 15 xa teñen a avaliación excelente da ANEP (2 chegaron mais tarde por ter recurrido) e os 2 restantes quedaron fora por unha mínima diferencia -ainda que están en fase de revisión das normas de avaliación aplicadas. Dos 8 IPP da convocatoria do 2007 -rematan os seus contratos en decembro- 5 xa teñen tamén a avaliación de excelente que fixan os requisitos.
Neste punto intervén en nome de +IDEAS o prof J. Viaño, para manifestar a súa satisfacción pola chegada deste momento que tanto esforzo e sufrimento tiña costado. "Un sufrimento  e  un enfrontamento institucional innecesarios,  porque  se perdeu mais dun ano para acabar demostrando, o que xa se sabía:  que todos os investigadores merecían a praza que esta universidade lles ofrecía no caso de acadar a avaliación positiva nos seus programas. ¿Por qué non se traen aqui hoxe as 2 prazas de 2006 e as 5 de 2007 que xa cumpren cos requisitos?. Este CG tense pronunciado repetidamente sobre estas prazas. Non hai ningunha razón administrativa para retrasar a creación destas 7 prazas. Creo que o equipo comete outro erro, manténse na súa teima de non favorecer en nada a este colectivo; tendo en conta a negociación coa Xunta sobre as prazas (da que se informou neste CG), retrasar estas 7 ao vindeiro CG de outubro, supón facerlle correr un risco que este equipo podía evitar se tivese a mínima vontade".
A vicerreitora e o reitor aducen que falta o trámite de negociación na mesa de representación sindical e a aprobación do Consello Social e na COAP. J. Viaño insiste en que "se existise vontade xa se tería pasado todos os eses trámites para as 25 prazas,  condicionadas a que se aprobasen os requisitos da avaliación na ANEP e só se traería para aprobar as comisión xulgadoras. Isto xa se fixo sempre cando se creaban condicionadas a que tiveran o Manuel Colmeiro ou o I3 no caso dos RyC, e tamén se ten feito recentemente para os asociados LRU con posibilidade de ler a tese doutoral a unha determinada data".
No mesmo senso se manifestou o prof L Fernández  e tamén o estudante A.Dios.
 

Nomeamento de Profesores/Investigadores Ad Honorem

Apróbase o nomeamento como Profesores/investigadores ad honorem dos seguintes profesores: E. Gómez-Reino (Dereito Administrativo), J.M. Domínguez (Didáctica das Ciencias Experimentais), J.A. Cajaraville (Didáctica da Matemática), J.M. Calleja (Farmacoloxía), A. Rodríguez Colmenero (Historia Antiga), M.Dulce Estefanía (Filoloxía Latina), A. Dosil (Psicoloxía Evolutiva e da Educación), J.M. Antelo (Química Física).
Tamén se aproban a prórroga dos seguintes: J. Izco (Botánica), I. Paz-Andrade (Física Aplicada), E. Rolán (Museo Luis Iglesias) M. I. Suárez Gimeno (Química Inorgánica).
Intervén  J. Viaño para manifestar que a figura ad honorem e tamén a figura de emérito (a pesares de ter remuneración asociada) son formas de recoñecemento da institución a profesores de destacada traxectoria académica, aos que debemos un agradecemento especial e un trato exquisito, e dos que podemos aínda aproveitar da súa experiencia. En todo caso " debemos de coidar de non desvirtuar as figuras ad honorem e de emérito.   Temos que escapar dos extremos... Non parece lóxico que se eliminen de raíz a posibilidade de ter eméritos. Se non é lóxico que todos os xubilados sexan eméritos (ou ad honorem) tampouco o é que ningún poida selo (aínda que sexa cunha remuneración simbólica)".
O reitor resposta dicindo que  os novos estatutos (en caso de seren aprobados) darán ocasión de revisar estas figuras e a normativa que as regula porque neste momento no é posible modular a remuneración aos eméritos que está fixada nos estatutos.

Renovación da Comisión de Revisión

Apróbase a cobertura de 3 postos vacantes na Comisión de Revisión (concursos de PDI contratados) polos seguintes profesores/as: José Vázquez Tato (CC. Experimentais), Roque Rodríguez Soalleiro (Ens. Técnicas) e Mar Lorenzo Moledo (CC. SS. e XX.).

Aprobación de propostas de másteres para o curso 2013-14.

 Apróbanse as propostas dos seguintes másteres (condicionadas as correccións propostas nos informes dos SXOPRA e da Comisión de TItulacións): Máster en Enxeñaría Química e Bioprocesos, Ensinanza do Español como Lingua Estranxeira, Máster Universitario en Márketing e Dirección Comercial.
J. Viaño pregunta neste punto polos acordos das 3 universidades e a Consellería nunha reunión recente sobre  os másteres que comezaron este curso e non cumpren co  mínimo de alumnos especificado no Decreto 222/2011.  Respostou a vicerreitora dicindo que neste momento dos 52 másteres da USC, 40 cumpren co mínimo e 12 están pendentes da matrícula ata o 15 de outubro. Acordouse que o mínimo de 10 alumnos para os másteres de investigación se aplique a todos os másteres de carácter mixto que inclúan a investigación e a todos os másteres en proceso de reorganización.
A Vicerreitora da conta tamén da desconfianza coa que tratan dende a Consellería os datos de matrícula nos másteres que lles proporcionan dende a USC, chegando a pedir as listas nominais con números do DNI.
A Decana de Bioloxía (M.L. González) pregunta pola situación na que quedan os alumnos que xa están asistindo ás clases dos másteres que poden finalmente non impartirse. A vicerreitora resposta que  eses másteres non deberan ter iniciado ás actividades e que os alumnos coñecen esa posibilidade.
En +IDEAS cremos que non é de recibo que un mes e medio despois de iniciarse ás actividades se lles diga aos alumnos que o seu máster non se vai impartir. Algo está a fallar. O proceso de matrícula ten que acompasarse co calendario académico;  se non é posible facelo, o peche do máster terá que producirse o ano que ven.

Normativa dos estudos de IV Ciclo

Apróbase unha modificación da normativa dos estudos de IV Ciclo para adaptala ás directrices académicas que propón a UE na nova concepción do EEES. O IV Ciclo é un ciclo independente dos estudos universitarios para persoas maiores de 50 anos. A universidade tamén ten unha vía de acceso aos estudos universitarios para maiores de J. Viaño propuxo unha pequena modificación no texto para evitar confundilas, que foi incorporada.

Outros puntos de interese

➢    Foi aprobada unha redución de carga docente para o Director do Xardín Botánico, o delegado da USC na Escola de Hostelería de Galicia e para o Secretario executivo do Grupo Compostela.
➢    Aprobouse a creación do Centro Interdisciplinar de Bioestatística (ICBUSC).
➢    Diversos regulamentos de réxime interno.
➢    Cursos de posgrao propio.

Preguntas

A relación non é completa polo que pedimos desculpas aos autores das intervencións que non se recollen.

➢    García Alonso: Pregunta polos detalles das reunións coa Xunta a propósito da convocatoria das prazas de PDI aprobadas polo CG do 20 de xullo. Non se deu ningunha información que non fora xa dada antes.

➢    J. Viaño: Tendo informacións de que algúns estudantes son presionados para que abran unha conta bancaria asociada a TUI na entidade  que xestiona a tarxeta, ¿cal é exactamente a obriga dos estudantes de abrir unha conta bancaria asociada a TUI?.  ¿Teñen rexistradada na Vicerreitoría algunha queixa dos estudantes a este respecto? O vicerreitor de Cultura, Estudantes e Formación Continua resposta dicindo que non existe ningunha obriga dos estudantes en canto a contas bancarias e que non teñen recibido queixas dos estudantes.
Neste intre interveu o estudante A. Dios para contradicir ao vicerreitor e  afirmar que en efecto os estudantes reciben as presións mencionadas e que el mesmo e outros compañeiros teñen presentado queixas á vicerreitoría por este motivo. Mais tarde, interveu a Decana de Bioloxía, M.L. González, ratificando que esta situación se producía tamén coa entidade bancaria que xestionou anteriormente este servizo. O vicerreitor solicita que se lle faga chegar toda a información para poder actuar contra estas prácticas.

➢    J. Viaño: Pregunta pola situación na que se atopa o Servizo de Edición Dixital da USC (Unidixital S.L.) A USC, a través de Unixest, dispón dunha participación do 51% do capital social de Unidixital S.L. Esta sociedade foi creada no ano 2001 en virtude dun contrato de xestión de servizos públicos, entre a Universidade de Santiago de Compostela e Tórculo Artes Gráficas S.L, no que se establecía unha vixencia do contrato por dez anos. No ano 2011 prorrogouse o contrato ata o 31 de decembro de 2012. Segundo o indicado na memoria presentada a Xunta Xeral de Unixest o 25 de xuño, "descoñécese se a empresa continuará en funcionamento con posterioridade ao vencemento do mencionado contrato".
Esta situación está provocando, como é lóxico unha preocupación crecente na plantilla de traballadores (xa reducida por un ERE) . ¿Qué se está a facer a este respecto? ¿Existe algún estudio de viabilidade ou negociación con Tórculo para reconducir as actividades desta sociedade?
Resposta a vicerreitora de Economía e Infraestruturas que o tema se está estudando pero que non se ten tomado decisión. Que teñen algunhas opcións enriba da mesa pero non da ningún detalle máis. Viaño insiste en que os prazos para a toma de decisión xa se achicaron tanto que o prexuízo para os traballadores e a propia sociedade pode ser irremediable.
+IDEAS: Dende o mes de xuño xa se puido avanzar algo na decisión...Unha mostra máis da incapacidade deste equipo para afrontarse cos problemas de goberno...

➢    J. Viaño: Algunhas partes da web institucional da USC  están sen modificar dende fai máis de catro ou cinco anos. Algúns contidos e enlaces están francamente obsoletos. Necesita unha revisión e actualización urxente. ¿Cando se pensa abordar?
Resposta a xerente dicindo que está previsto unha mellora da páxina principal no mes de outubro e  que as revisións dos contidos teñen que ser feitos cos recursos humanos propios da área TIC sen posibilidade de contratación externa e isto ralentiza o traballo.
Para +IDEAS  a ralentización xa é crónica...

➢    M. I. Sandez (decana de Farmacia): Enlaza coa pregunta anterior e fai unha pormenorizada crítica do deficiente funcionamento do Campus Virtual sobre todo da  emigración dos materiais que funcionaban  na plataforma Blackboard e que no o fan igual sobre Moodle. A decana e a vicerreitora de Titulacións e PDI mantiveron unha intensa discusión sobre o tema.

➢    M.L. González (Decana de Bioloxía): Pregunta cando entrará en vigor o novo horario de apertura dos centros (de 08:00 a 20:00) e as consecuencias para algunhas actividades xa programadas.
Respostaron o reitor e a xerente no senso de que non hai unha decisión firme ao respecto e que se está aínda en fase de estudo e negociación sindical.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2012.

1 comentario:

  1. Quixera facer unha puntualización en relación ao resumo do Consello de Goberno do 28/09/2012, no tocante á "Anulación da convocatoria de prazas de Titular de Universidade publicada en BOE o 25 de xuño de 2012". En concreto, respecto ao comentario sobre a solicitude, por parte dos afectados, da anulación de dita convocatoria.

    Recibido o burofax do Ministerio de Hacienda e despois do trámite de audiencia cos afectados, estes non presentaron obxección á suspensión cautelar da convocatoria mentres se procedía ás negociacións oportunas nos ministerios implicados. Con data 20 de agosto, dítase a RR confirmado dita suspensión. O 17 de setembro os afectados manteñen unha reunión co reitor, na que se lles informa das negociacións realizadas e do rexeitamento por parte do Ministerio de Hacienda das alegacións que se presentaron.

    Nesta última reunión, o reitor comunica de que se vai proceder á anulación da convocatoria. Dende o colectivo suxírese a posibilidade de continuar coa suspensión cautelar, xa que iso paralizaría os concursos coas listas de admitidos pechadas, mentres que a anulación supón volver a publicar novamente a convocatoria no BOE. O reitor indica que non cabe tal posibilidade. Polo tanto, a anulación da convocatoria é unha decisión unilateral por parte do reitor (ou da equipa de goberno) e en ningún caso foi requirida polos afectados.

    A preocupación neste momento é cando se van volver a convocar estas prazas, e solicitarase que sexan prioritarias fronte a outras posibles prazas de profesorado funcionario que se creen na USC. Tendo en conta a taxa de reposición vixente, non sería posible que se convocaran todas no vindeiro ano, pero nin o reitor nin a vicerreitora indicaron que criterios se seguirían para decidir a orde na que se enviarían a BOE (ao parecer, non era unha discusión pertinente...).

    ResponderEliminar