martes, 24 de julio de 2012

RESEÑA E VALORACIÓN DO CONSELLO DE GOBERNO DO DÍA 20 XULLO DE 2O12

RESEÑA E VALORACIÓN DO CONSELLO DE GOBERNO
DO DÍA 20 XULLO DE 2O12

Colectivo +IDEAS

Informes do reitor

RD 14/2012 

Tense aberto unha canle de comunicación con Ministerio a propósito da aplicación do art. 6.4 do RD 14/2012 relativo á dedicación do profesorado. En sendas reunións celebradas os días 25/06 e 02/07 acordouse a elaboración dunha nota que remitirá o Ministerio, e que debe ser referendada nun RD de próxima publicación, na que se establece que os sexenios serán unha parte mais de avaliación da actividade investigadora, manténdose os límites de 16 e 32 ECTS para a dedicación docente. Os sexenios serán incorporados aos cálculos de dedicación do profesorado da USC para o curso 2012-13. 

Dimisión de Dna Mercedes Pintos

O día 27/06 a Profesora Mercedes Pintos solicitou o cese como coordinadora do equipo reitoral. O reitor agradeceulle os servizos prestados.

Burofax anunciando recurso prazas de TU.

Da conta do burofax da Dirección General de Costes de Personal y Pensiones Públicas na que anuncia a súa intención de interpoñer recurso contencioso-administrativo contra a convocatoria de 16 prazas de TU, publicada en BOE o día 25/06/2012, en base a que infrinxe a Lei de PGE (Lei 2/2012 BOE do 29 de xuño) por sobrepasar a taxa de reposición do 10% e o RD-Lei 20/2011 que prohibe en 2012 a incorporación de novo persoal. 


A este respecto, informa que, a través da CRUE,  propiciouse unha reunión de asesores xurídicos das universidades afectadas, tentando acadar unha resposta común. Esta reunión tivo lugar o día 18/07, pero dela non saíu unha postura común, sendo maioritaria a opinión de que, en caso de entrar no contencioso,  as posibilidades das universidades eran escasas,  por canto se trata de leis en vigor cando foi publicada a convocatoria. Ante a falta dunha postura clara,  as universidades actúan de distintas maneiras: Huelva xa retirou a convocatoria; UAM, UCM, Alcalá, US e, probablemente, UZ suspendérona; Valencia, Córdoba e outras teñen intención de continuar co proceso. A USC non ten tomada unha postura e trata de gañar tempo consultado coa Xunta e cos afectados (o martes 24/07 ten unha reunión con eles). J Viaño e  L Fernández recrimináronlle ao Reitor que non trouxera este punto na orde do día respostando  que quería ter máis información, que segue pensando que o argumento de que non se trata de repoñer prazas nin de incorporar persoal seguen sendo válidos e que, se facía falta, faría un CG extraordinario. J Jorge tamén insistiu na súa necesidade. J Viaño afeoulle ao equipo reitoral a súa falta de sensibilidade por non avisar aos departamentos afectados antes de repartir o burofax a toda  comunidade universitaria, xerando mesmo unha certa alarma. Tamén lles acusou de falta de rigor na xestión por non ter previsto ou cando menos sospeitado que isto ía en contra da lei e por dúas veces sacar as convocatorias, ¿Acaso non fixeron ningún tipo de consulta xurídica antes de sacalas? ¿Por qué non se advertiu a este CG cando aprobou a convocatoria de que cabía a posibilidade de que foran en contra do RD 20/2011 publicado o día 31 de decembro de 2011, 6 meses antes?
O reitor insiste nas responsabilidades patrimoniais da universidade, e mesmo do propio reitor,  de persistir nunha actitude que pode ser constitutiva de delito administrativo e que polo tanto será el quen teña a última palabra. Tamén cabería a posibilidade de que fora o xuíz quen suspendera cautelarmente a cobertura das prazas, pero pode non facelo, como pasou en Vigo cunha convocatoria de cátedras recorrida. Ademais, en caso de anularse as prazas unha vez que tomaran posesión, os profesores quedarían na rúa pois as prazas de CDR que ocupan non son de funcionarios e amortízanse no momento da toma de posesión. O prazo da USC para tomar a decisión é ata o día 7 de setembro.

Informes das vicerreitorías

Economía e Infraestruturas. 

 O vindeiro día 26/07 terá lugar unha reunión sobre o Plan de Financiamento do SUG e a incidencia do RD-Lei 20/2012 das medidas para garantir a estabilidade orzamentaria.

Xerencia

Da conta das consecuencias que ten para USC a aplicación das medidas do RD-Lei 20/2012: modificación do programa de xestión de persoal, simplifícase a xestión dos días por asuntos propios e vacacións,  non afecta? á compatibilidade da remuneración dos eméritos, xa non se recibe a achega que incluía a paga extra de decembro de 2012, todo o persoal da USC está afectado dunha maneira ou doutra,...  

Prazas de PDI

O reitor da lectura a un escrito dos investigadores do programa IPP do ano 2006 - que acabaron contrato en decembro de 2011- recordando ao CG o seu compromiso de sacar prazas para os que sexan avaliados positivamente pola ANEP e a súa prioridade respecto a prazas que se levan no punto do CG de hoxe, tal como se acordou no CG do 23/03. O Reitor informa de que o día 19 (véspera do CG) comezaron a chegar as primeiras avaliacións e que as restantes chegaran nos vindeiros días.
A Vicerreitora fai unha presentación exhaustiva de todas as prazas que se levan para aprobación neste punto e que se poden resumir como segue:
  • 19 prazas de ASO LOU
  • 21 de PACS (Asociado de Ciencias da Saúde)
  • 41 prazas de CDR
  • 17 prazas de AXU DR 
Estas prazas corresponden a prazas de promoción, transformación ou integración por convenio colectivo, a estabilización de Asociados LRU por Transitoria primeira de  estatutos, estabilización de interinos de substitución, prazas para RyC de 2007 e Starting Grant, segundo a normativa de actuación aprobado no CG do 23 /03/2012. 
Ao o inicio do punto foi repartida a información sobre o custe económico estimado das actuacións. Tendo en conta que non se renova a ningún dos 9 profesores eméritos para segunda etapa e que non se fixo convocatoria de eméritos novos,  o custe estimado é de 155.774 €. Para poder asumir o custe das actuacións sen incrementar a masa salarial, a vicerreitoría propón a amortización de 10  prazas de asociado LRU a tempo parcial en áreas sen déficit estrutural e  5 en áreas con déficit. Os cálculos estruturais son os publicados recentemente na páxina web da vicerreitoría de acordo cos criterios aprobados no CG do 23/03, pero sen depurar e sen ter sido revisados polos departamentos. Criticada por este motivo, a vicerreitora promete que se colgarán tamén os datos utilizados para facer os cálculos.
Interveñen distintos membros do CG para aclarar cuestións de detalle (profesores vinculados provisionalmente, cátedras vacantes en distintas áreas de Medicina... ). J Viaño fai unha intervención global sobre o contido da proposta centrándose nos seguintes puntos:

* Nada que obxectar a execución dos acordos do CG do 23/03 e recoñécese o traballo da vicerreitoría na elaboración dunha proposta tan ampla e que afecta a todos os colectivos.
* Estamos a favor de buscar solucións ás lexítimas aspiracións dos profesores e dos distintos colectivos e  a proposta intenta ir  nesa dirección.
* Por esas razóns, nunha situación económica normal como a de anos pasados, esta proposta sería case de trámite. Agora ben, nun momento económico tan difícil  como o actual, esta é unha decisión de gran transcendencia, que pode condicionar o futuro doutras prazas e doutras persoas, que mesmo para algunhas  pode significar "perder o último tren". Por iso, temos que ter moi claro o que estamos a decidir e coidar as mensaxes que estamos mandando á sociedade e a outros colectivos afectados. E estas mensaxes negativas serían as seguintes:

Os titulares de prensa mañá poden ser algo así: a USC convoca 98 prazas de PDI e despide a 5 asociados. Se non se explica moi ben que se trata de prazas de transformación e de estabilización de investigadores, que non saímos dos límites da masa salarial, podemos ser tachados de irresponsables e mesmo provocar na Xunta unha reacción como a do Ministerio fronte a convocatoria de prazas de titulares. ¿Qué garantías temos de que a Xunta non vai presentar recurso por pasar dos límites da masa salarial ou do 10% de reposición? ¿Pode a vicerreitoría garantir que as prazas de CDR non forman parte da taxa de reposición? Hai interpretacións que aseguran que si.... (a resposta foi que non, que ningunha normativa actual asegura que os contratados afectan a taxa de reposición).

Ademais do perigo precedente, a cobertura interina directa das prazas de AXU DR ¿que garantía ten de non ser recorrida por  doutores que se sintan prexudicados...? A Vicerreitora nunha resposta posterior recoñeceu certas dúbidas xurídicas neste tema... pero se intenta cumprir coas normas do EBEP e demais lexislación.

Estase garantindo a contratación en áreas excedentarias, a contratación de interinos de substitución en áreas con déficits escasísimos... cando noutros colectivos de funcionarios se está aumentando a xornada laboral para poder despedir a interinos e contratados temporais... En base a cálculos estruturais sen depurar, coa frialdade duns números que dependen de conxunturas varias (un grupo mais, un máster que non se retira, un encargo docente nada preciso para áreas afíns, a aplicación do RD 14/2012 pendente...) estase poñendo na rúa  a profesores nas mesmas condicións que outros se poden quedar interinando unha praza un ano mais. A variabilidade deses cálculos pode levar a cometer arbitrariedades inadmisibles.
  
Esta cuestión foi defendida posteriormente con vehemencia por E. González rexeitando o despido de 5 ASO LRU sen tese en áreas excedentarias: "a 10 profesores sen tese (en áreas deficitarias) dámoslle un bote salvavidas, unha oportunidade mais,  interinando un ano unha praza,  e a 5 cos mesmos méritos guindámolos  pola borda."

Tamén L Fernández defendeu que a este colectivo, poñendo en dúbida que se acaben botando a rúa a profesores que levan 30 anos contratados pola USC, cando lle faltan poucos anos para xubilarse, por non facer a tese, requisito que a outros compañeiros non se lles esixe para poder quedar un ano mais. Non hai equidade e "en realidade bótanse por un problema económico porque a tese xa deixaron de presentala en varias ocasións máis e nunca se despediron..."
J Viaño rematou a súa intervención cunha chamada de atención directa a Vicerreitora para recordarlle que este CG tiña outros compromisos que teñen a mesma ou mais prioridade que as prazas que hoxe se sacan: as prazas dos investigadores do Programa IPP de 2006 e 2007.  "O acordo do 23 de marzo, da prioridade a estas prazas e ás dos Starting Grant incluso sobre as dos RC 2007 que hoxe veñen aquí -prosigue Viaño-. De acordo: as avaliacións da ANEP non chegaran a tempo para traelas hoxe aquí  pero ¡¡non se esqueza deles!!.  Unha cuestión é agora preocupante: se todos os investigadores tiveran avaliación positiva estaríamos falando de 25 prazas (17 do 2006 e 8 do 2007), ou sexa de 1 M€/ano  de nóminas. ¿Pensou vostede neste custe? ¿Ten marxe na masa salarial despois das prazas que hoxe se convocan? Aínda estando subvencionadas tres anos, ¿como pensa solventar ese problema?. Por iso lle dicía que a priorización é moi importante e a decisión de hoxe condiciona outras decisións e compromisos. Non vaiamos a pecharlles outra vez a porta aos IPP! Porque eu teño a sensación de que este é último tren por moito tempo e que non o colla queda en terra sen remedio!. "
A Vicerreitora na súa resposta, asegurou que non se esquece dos compromisos cos investigadores que ten este CG e este equipo. En efecto, trátase de un millón de euros (depende do número final de avaliados positivamente) -o día 19 comezaron a chegar as primeiras avaliacións- "e temos que ver de onde saen os cartos; en setembro poñerémonos a traballar para buscar solucións"  
J Viaño na súa réplica recriminou a Vicerreitora esta mensaxe tan vaga e pouco comprometida, "moi pouco tranquilizadora"  e  lonxe da firmeza do acordo de estabilización destes investigadores que o CG tomou o 23/03.  A Vicerreitora asegurou que a súa intención é convocar as prazas de 2006 en setembro/outubro (dando tempo as alegacións da avaliación) e as de 2007 en decembro/xaneiro sen precisar como fará cadrar o custe económico.  
Houbo algunha intervención máis: J Pereira preguntou polas promocións de acreditados a cátedra, respostando a Vicerreitora que as prazas de funcionarios están todas a espera de saber o que pasa co requirimento do Ministerio sobre as prazas de TU convocadas. I. Rodríguez e L. Fenández volveron a insistir nos IPP.  B. Rey fixo unha precisión técnica sobre as prazas que se cobren interinamente: como máximo poden estar un ano interinadas e no segundo  necesariamente deben saír a concurso.
A proposta foi votada: 15 a favor, 9 en contra, 8 abstencións.

Mobilidade intercampus, cambios de dedicación, comisións de servizo, complementos autonómicos.

Aprobáronse as propostas sen nada digno de mención.

Prórrogas de profesorado emérito

Por razóns económicas, denegáronse todas as prorrogas para a segunda etapa dos profesores eméritos. O equipo reitoral recibiu críticas unánimes (Decana F Farmacia, L Fernández, J Viaño) pola desconsideración que se tivo destes profesores que non foron informados de que a  COAP emitira informe desfavorable por esta razón e non pola memoria de actividades que lles fora requirida.  O equipo reitoral admitiu o seu erro e, de acordo co sentir do CG,  pediralles desculpas por esa actuación.  

Novas propostas de máster para o curso 2013-14.

Aprobáronse sen problema os másteres de Enxeñaría de Montes e de Enxeñaría Agronómica da EPS de Lugo.

Informe de non viabilidade emitido pola Comisión de Titulacións sobre o Grao de Enxeñaría e Ciencias dos Materiais (Facultade de Ciencias de Lugo).

Interveu o Decano da Facultade de Ciencias de Lugo para defender o traballo feito pola comisión de e o valor que ten na procura de solucións para o campus no momento en que dúas titulacións desaparecen. 
Tamén falou J Seijas criticando varios aspectos técnicos e científicos do informe emitido polo IGC (Instituto Galego de Cerámica) xustificando a non viabilidade do título.
J Viaño na súa intervención tamén criticou as formas do informe do IGC "por pouco respectuoso e mesmo ofensivo co traballo da comisión; os argumentos científicos e académicos -que non se cuestionan - poden dicirse sen ofender". Puxo en dúbida os argumentos das baixas ratios de poboación de Santiago e Lugo comparadas con Madrid, Barcelona ou San Sebastián que se utilizan para descartar a titulación: "con eses argumentos non se poría ningunha titulación nin en Santiago nin en Lugo". Finalmente, J Viaño, lembrou o que xa dixera no CG pasado cando se rexeitou o Grao de Ciencias Experimentais, criticando ao equipo de goberno por non ter deseñado un plan para o Campus de Lugo, por non ter traballado coas instancias que corresponderan para evitar que se producira esta situación frustrante para os  compañeiros de Lugo: dúas propostas rexeitadas polo CG e mesmo pola Comisión de Titulacións... ¿Onde estivo o Reitor e a Vicerreitora de Titulacións? A súa obriga e traballar para que as iniciativas estean ben pensadas de partida e acaben cun resultado positivo, non informadas negativamente e no lixo. Se fai falta nomear comisións de expertos para facer estudos previos que se faga. Aquí parece que os compañeiros de Lugo traballaron e a Vicerreitora estivo de espectadora, tramitando os papeis e pouco mais... Como se o tema non fora responsabilidade dela e do equipo reitoral.
A Vicerreitora negou que isto fose así... porque ademais do informe do IGC, tamén tiveran entrevistas con directores de departamentos de Física, decanos,...
O informe negativo foi validado e a proposta do Grao rexeitado por asentimento.

Creación e participación no Consorcio Instituto de Matemática Industrial (ITMATI)

Aprobáronse os Estatutos do Consorcio, con entidade xurídica propia, no que participan as tres Universidades Galegas e o CESGA. Nace coa intención de converterse nun centro tecnolóxico de referencia a nivel internacional, no ámbito da matemática industrial, promover a transferencia de tecnoloxía matemática e dar respostas eficaces e áxiles ás demandas das empresas, das industrias e das administracións públicas. O equipo promotor está formado por once investigadores matemáticos das tres universidades, incluíndo 9 grupos de investigación, con aproximadamente 150 investigadores dos que ao redor de 100 son doutores.

Modificación do Regulamento do Centro de Posgrao

Este punto e mais a proposta de transformación da Escola de Doutoramento de Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías da Saúde foron retirados polo reitor do CG do 25 de xuño despois da discusión do Regulamento de Doutoramento aprobado naquel Consello despois dun enconado debate. Hoxe volve o mesmo Regulamento do Centro de Posgrao,  no que apenas se retocaron minimamente algúns detalles de redacción e permanecen as mesmas incogruencias, a falta de rigor e confusión na distribución de competencias da organización académica e administrativa dos programas e teses de doutoramento entre o Centro de Posgrao, o SXOPRA, a Escola de Doutoramento, a Comisión de Doutoramento, as Comisións Académicas dos Programas... Así o manifestaron os representantes de +IDEAS e tamén algúns defectos mais de redacción e a incongruencia de chamarse Centro de Posgraer o sen competencias no posgrao oficial.
J Viaño tamén preguntou cando se traería de novo a transformación da Escola de Doutoramento   ou se xa se mudara de parecer. A proposta retirada era transformar  a Escola de Doutoramento de Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías da Saúde na única Escola de Doutoramento Internacional da USC, na que se integrarían todos os programas de doutoramento da nosa universidade. A Vicerreitora respostou que non se mudara de parecer e que xa se traería ao seu debido tempo. Pero que quizá non fose necesario facer a transformación que se propoñía pois a Escola de Doutoramento de CBTS "non existe oficialmente porque non está inscrita no Registro de Universidades, Centros e Titulacións (RUCT)".  Ante esta revelación, J Viaño preguntou as razóns polas que isto era así e a Vicerreitora respostou acusando ao anterior equipo por non telo feito e que a pesares de buscar documentación e ter entrevistas cos responsables do equipo anterior, non atoparan nada. Viaño lembroulles que "a Escola fora creada no CG nos últimos días do goberno anterior, fai xa mais de dous anos, cando aínda non había lexislación sobre a Escolas e que polo tanto o Rexistro correspondería a este equipo, unha vez que se ten a normativa das ED (RD 99/2011, BOE do 10/02/2011). Nestes dous anos este equipo xa nomeou dúas directoras da Escola... ¿para qué o fixo se a Escola non existe? Isto amosa o seu interese nos estudos de doutoramento...
O Reitor non deixou que a discusión seguise desa guisa e retiroulles a palabra os dous...Ao final do Consello, no punto de Rogos e Preguntas, Viaño volveu a preguntar formalmente cales eran as razón polas que a Escola de Doutoramento non estaba no RUCT, tal como dera a coñecer por sorpresa a Vicerreitora de Titulacións de PDI.  A propia vicerreitora contestou que non se atopara documentación ao respecto no momento de comezar a gobernar (seguramente porque no momento da creación aínda no existía normativa das ED) e posteriormente non se fixeran os trámites pois non existía aínda ningunha escola rexistrada e debían ser os primeiros... Toda unha mostra de como este equipo fai as cousas...

Viaño pechou a quenda de preguntas cunha  sobre as previsións do equipo para levar ao Claustro temas que están aínda pendentes porque este equipo non foi quen de sacar adiante: liñas xerais do orzamento 2012 (ou quizá xa 2013?), programación plurianual 2011-2014 (ou quizá xa 2013-2014), reforma dos estatutos, nomeamento de valedor/a da comunidade universitaria. O Reitor respostou que o día 24 estaba convocada a Mesa do Claustro para establecer o programa de actuacións.

[1] Acreditados antes do 31 de xullo de 2012: Cobertura interina directa da praza e saída a concurso libre.  Doutores que solicitaron ou soliciten acreditación antes do 31 de xullo: Cobertura interina directa da praza segundo acreditación solicitada e saída a concurso libre cando se resolva a acreditación. Non doutores ou sen solicitude de acreditación a 31 de xullo en áreas con necesidades estruturais: cobertura interina directa dunha praza de AXU DR e saída a concurso libre en xullo de 2013. 
[2] Acreditados en áreas con necesidades estruturais: mesmo tratamento que os Asociados LRU.
[3]  No momento de redactar estas notas xa é coñecido que a Mesa do Claustro acordou facer a convocatoria dunha sesión o día 2 de outubro, con seguintes puntos (nada menos!): aprobación de estatutos, programación plurianual, eleccións para vacantes en comisións e Consello de Goberno, elección de valedor. Como se ve, nada sobre liñas orzamentarias.

No hay comentarios:

Publicar un comentario