jueves, 27 de octubre de 2011

COMUNICADO DE +IDEAS

A USC non pode conformarse con facer menos con máis

A nosa universidade ven de ser obxecto de dúas importantes decisións que nos aportan un punto de optimismo. Por unha banda, o refrendo do Ministerio de Educación ao proxecto “Campus Vida” como Campus de Excelencia Internacional de referencia global e, pola outra, a posible recuperación de 5,7 millóns de euros do IVE, retidos indebidamente por actividades de ciencia básica, tal como ven de establecer a Audiencia Nacional.
No medio de tantas novas desesperanzadoras que só transmiten recortes, estas dúas son positivas e premian a dedicación do PDI e do PAS da USC, que dan o mellor de si mesmos para facer que a nosa Universidade se sitúe entre as mellores.

En opinión de +IDEAS, as decisións que comentamos son consecuencia directa do traballo de equipos de goberno anteriores, e correspóndelle agora ao actual equipo do Reitor Juan Casares administrar con intelixencia e valentía estes éxitos e actuar para que a USC, os seus centros, departamentos, institutos, servizos e grupos de investigación se beneficien o máis posible deles e se materialicen en achegas e accións concretas de interese para a USC.
Desafortunadamente, as actuacións do actual equipo de goberno da USC dende o inicio do seu mandato, tanto en temas económicos como en Campus Vida, non contribúen a ser optimistas. Nunca se amosaron entusiastas e foron sempre a remolque e dubidando do futuro do Campus de Excelencia Internacional. Aínda agora, en que acaba brilando con luz propia grazas á enorme valía e empuxe dos grupos e centros de investigación que o integran, a declaración do Reitor renunciando, de entrada, a beneficiarse da liña de créditos que establece o Estado para as universidades que obtiveron este rango terá que ser moi ben explicada á comunidade universitaria, xa que non deixa de ser preocupante que a USC sexa a única universidade que opta por non facer uso deses fondos. Predican co slogan de facer máis con menos pero levan camiño de facer menos con máis.
A comunidade de investigadores da USC non entende esa política de brazos cruzados do equipo de goberno actual, xa iniciada coa renuncia a captar fondos FEDER para novas infraestruturas e que elimina deste xeito case a única posibilidade de afrontar inversións infraestructurais críticas, cofinanciar e acadar novas axudas e manter posicións no competitivo contexto en que se moven as universidades.
+IDEAS reclama deste goberno que opte definitivamente por apostar sen medias tintas polo proxecto Campus Vida, tratando de obter o máximo beneficio dese recoñecemento de Campus Internacional. O que non vale é a actitude de velas vir e de non mollarse, pois acabará por facer esmorecer a iniciativa académica, científica e tecnolóxica con máis potencial e proxección que ten habido nunca en Galicia.
A comunidade universitaria, os centros, departamentos, institutos e grupos de investigación están a sufrir esta política de "esperar a que escampe", nun contexto da penuria provocado polo requisamento do 75% dos remanentes do ano 2011, imposto polo equipo de Juan Casares, e no medio dos recortes decididos pola Xunta en proxectos de investigación e en programas de estabilización de investigadores como o “Manuel Colmeiro”, decisións que terán consecuencias nefastas para o noso tecido de ciencia e tecnoloxía.
Esta retención dos remanentes levaba explícita a promesa da Reitoría da súa restitución, xa que xustificou esta "expropiación" como medida temporal en tanto non se facía efectiva a subvención de 5 millóns de euros que tiña comprometida a Xunta dende antes da toma de posesión do profesor Casares como Reitor. A pesares dos seus repetidos anuncios en Consello de Goberno de que este ingreso estaba a piques de producirse, prometendo reintegrar os remanentes en canto se materializase a axuda, despois de 16 meses no cargo seguimos á espera, tanto da subvención como dos remanentes.
Como consecuencia, a precariedade dos centros, departamentos e grupos de investigación está chegando a límites de penuria, como resultado da diminución moi importante das súas achegas económicas en relación co que viñan recibindo nos anteriores exercicios económicos.
Neste contexto, o reintegro á USC dos 5,7 millóns de euros retidos indebidamente por IVE entre os anos 2001 e 2004, é unha noticia magnífica. Cando a sentencia sexa firme temos un destino evidente para ditos recursos: reintegrar os remanentes dos departamentos e grupos de investigación que se lles sacaron a principios deste ano. En efecto, trátase dun IVE que se xerou precisamente polas actividades de investigación básica realizada nos departamentos e grupos de investigación, que son axentes xeradores dese recurso e aos que debe retornar. Por outra banda, trátase dunha achega que non estaba orzamentada, e polo tanto non afectada para actuacións pendentes no orzamento.
Dende +IDEAS, emplazamos ao Reitor e ao seu equipo
-       a procurar unha sentencia definitiva favorable á USC no asuntos dos fondos do IVE;
-       a que se que se comprometan sen demora a tomar a decisión de reintegrar os remanentes de centros e departamentos; é unha medida que cremos de xustiza porque permitirá devolverlle aos investigadores uns recursos propios e imprescindibles, que nunca deberan terlle sido requisados.
-       acudir á captación de fondos FEDER e de recursos económicos habilitados para as universidades con mención de Excelencia, que permitan á nosa universidade abordar necesidades imperiosas ou estratéxicas.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario