martes, 8 de octubre de 2013

Modificacións nos Estatutos da USC

As modificacións impostas pola Xunta de Galicia aos Estatutos aprobados polo Claustro da USC o día 2 de outubro de 2012 semella que obrigarán a celebrar un claustro extraordinario para dentro dunhas semáns. Aínda que algúns consideran este punto de trámite, non será doado conseguir o quorum necesario. De feito a Mesa do Claustro non o acadou na última reunión convocada.

 No apartado "Documentación de interese" tedes as modificacións propostas, para que valoredes  se son somentes de tipo técnico ou van máis aló.

jueves, 25 de abril de 2013

en relación con recentes afirmacións do equipo de goberno sobre a situación económica da usc e as súas causas

Nos últimos tempos membros da actual equipa reitoral da USC, moi singularmente o Reitor Casares, veñen manifestando en diferentes ámbitos, nomeadamente en centros da USC, que unha parte importante do problema económico que está a vivir a nosa universidades débese ao que chaman “as facturas do equipo anterior que se atoparon no caixón”. Evidentemente, non se trata de simples valoracións sobre a actividade desenvolta no pasado por quen tivemos a responsabilidade de gobernar a USC senón de acusacións moi graves respecto da xestión económica realizada. Neste sentido, e como responsable da vicerreitoría de Economía e Financiamento no período 2002-2010, quero facer constar o seguinte:
  • A  situación económica da USC a 24 de xuño de 2010 fíxose pública diante do Reitor, do Consello Social, da vicerreitoría de Economía e da comunidade universitaria, sen que ata o de agora, case tres anos máis tarde, se teña cuestionado a realidade manifestada no seu momento. De novo queremos facer pública dita realidade e voltar a explicala para evitar malentendidos e tamén que a equipa reitoral desvíe con estas calumnias a atención sobre os verdadeiros problemas económicos nos que vive actualmente a USC:
  • 2. A situación da USC no momento do traspaso de poderes por parte do equipo anterior figuraba
    • a. Por un lado, na Memoria Económica do ano 2009, con datos a 31 de decembro, que contaba con Informe de Auditoría favorable, e tamén informe favorable e aprobación polo Consello Social. Na memoria constaban todas as débedas que, no proceso normal de xestión da USC, tiñan nacido como obrigas no 2009 e se incorporaban ao exercicio do 2010. A meirande parte destas débedas estaban relacionadas con partidas de financiamento finalista.
    • Por outro, no informe preparado pola vicerreitoría de Economía e Financiamento, contando coa información do Servizo de Contabilidade, na que figuraba a situación de execución e crédito dispoñible a data de 24 de xuño de 2010.
      Tamén figuraban en dito informe os créditos retidos, e por tanto dispoñibles, para o desenvolvemento de tódalas actuacións en marcha e programadas, principalmente no ámbito de infraestruturas.
      Dito informe foi entregado por rexistro e publicado na web da USC, desaparecendo da mesma moi pouco tempo despois de tomar posesión a actual equipa de goberno actual, non figurando xa no apartado de información económica.
    • Axúntase copia do informe entregado por rexistro, pasando a comentar algúns dos aspectos máis salientables do mesmo.
  • 3. Como se pode constatar no informe antes referido, a execución do orzamento do 2010, no referido ás partidas xestionadas centralizadamente, era moi inferior ao 40% por cento. Isto supuxo que a nova equipa puidese xestionar no resto do ano máis da metade do orzamento do exercicio 2010.
    En todo caso, son de destacar partidas non comprometidas, e polo tanto á libre disposición da nova equipa, en: Calidade por 1,5 millóns de euros; Investigación por 4,48 millóns de euros; Política Internacional por 2,89 millóns de euros; EEES con 0,89 millóns de euros; Comunidade Universitaria con 1,16 millóns de euros, e outras. Estes recursos a disposición do actual equipo de goberno, e acadados con anterioridade a súa chegada, superaban nalgúns casos máis do 90% do dotado no orzamento para o ano 2010.
    Mención especial require o apartado de Infraestruturas, onde ademais de deixarse dispoñible o 50% dos recursos dotados no orzamento do 2010, tíñase xa retido ou en crédito dispoñible, é dicir, cantidades xa acadadas e en execución ou programadas para executar, un importe de 48,8 millóns de euros. Ver Anexo I de Infraestruturas do  Informe.
  • 4. Da situación que reflicte o informe de execución a 24 de xuño de 2010, informe que como vimos de dicir foi preparado dende a vicerreitoría de Economía e Financiamento e do Servizo de Contabilidade, sen que fose cuestionado ata o momento actual, pódese deducir que,  calquera obriga de anos anteriores, lóxica no proceso de xestión de calquera  organismo, terían encaixe sobradamente nos créditos deixados a disposición do actual equipo no ano 2010.
  • 5. Neste senso, queremos tamén resaltar que no exercicio 2011 a USC ingresou en concepto de IVE máis de 5 millóns de euros por dereitos orixinados en anos anteriores ao 2010, que non tiñan sido orzamentados como tales polo anterior equipo e, polo tanto, que foron cartos de libre disposición para o actual equipo de goberno –por certo, todo o proceso e documentación necesarios para obter estes recursos foi desenvolvido con anterioridade á toma de posesión da actual equipa de goberno-.
  • 6. En todo caso, e como exercicio de transparencia pedimos que se volva a facer público o informe presentado por rexistro o 24 de xuño de 2010, que se indiquen claramente os importes e conceptos das obrigas ás que fai referencia a actual equipa, póndoas en relación cos saldos do informe de 24 de xuño de 2010 e o ingresado en concepto de IVE. Por certo, gustaríanos que a actual equipa faga o mesmo exercicio de transparencia e rendemento de contas, co mesmo tipo de informe, no momento en que deixen as súas funcións.
Somos conscientes de que non é usual ter que dar este tipo de explicacións tres anos despois de deixar as nosas responsabilidades como goberno da USC, máis aínda cando fixemos públicos todos estes datos de índole económico-financeiro, poñéndoos ademáis a libre disposición na web da USC e entregándoos a distintos órganos da nosa universidade. Pero ante as mentiras e calumnias que se están a lanzar desde o goberno actual da USC non podemos, nin agora nin nunca, permanecer impasibles. Non só por un lexítimo dereito a defender a verdade senón tamén por evitar que con este tipo de estratéxias se estea a confundir á comunidade universitaria, e a sociedade en xeral, desviando a atención sobre as responsabilidades de quen está a gobernar a nosa institución desde fai xa tres anos.

Miguel A. Vázquez Taín

lunes, 18 de marzo de 2013

Proposta de enmenda as liñas xerais do orzamento

Proponse a retirada do texto de Liñas Xerais do Orzamento para o exercicio 2013 porque da súa análise resulta absolutamente imposible poder concluír nada concreto sobre os obxectivos orzamentarios da USC, e sobre a realidade dos ingresos e os gastos a considerar para dito Orzamento. A súa redacción resulta absolutamente xenérica e sen ningunha concreción, xustificación e explicación sólida e fundamentada, en especial no que atinxe as cantidades estimadas de ingresos e a súas variacións respecto de exercicios precedentes e, sobre todo, nas implicacións para os traballadores que tería á forte redución no capítulo I con respecto ao ano pasado. A continuación expoñemos as razóns principais nas que baseamos a nosa petición de retirada do texto.

1) Falta de fundamentación dos ingresos e opacidade sobre o plan de financiamento e peche de exercicio.

a) A falla de fundamentación é especialmente preocupante no que a estimación de ingresos se refire. A pesares de que para o ano 2013 o Plan de Financiamento do SUG presenta novidades importantes na contía dos fondos a repartir e nos criterios de reparto –ao contemplarse un transvase cara fondos de reparto competitivo por resultados-, as estimacións previstas nas Liñas Xerais son as mesmas que no exercicio anterior e polos mesmos conceptos. Resulta significativo, neste senso, como na proposta de Liñas Xerais presentadas polo equipo de goberno para o Claustro do pasado día 19 de decembro se indicaba de forma separada (pax. 20) que o financiamento por resultados se estimaba en 7,6 M€ e agora non se desagrega dita cantidade e se integra conxuntamente co financiamento estrutural (pax.21 do documento presentado).
Lembremos neste senso que para o ano 2013 increméntanse considerablemente os fondos ligados a resultados en detrimento dos fondos estruturais. Como nas propias Liñas se recolle (páxinas 8 e 9), no conxunto do SUG son 40 M€ menos en fondos estruturais e 18,45 M€ máis en fondos por resultados, pero esta evolución non ten o seu traslado aos conceptos e contías da previsión de ingresos da páxina 21, que mantén cantidades e conceptos case idénticas ás dos dous primeiros anos do Plan recollidas nas propostas de Orzamentos anteriores.
Pero a nosa crítica esténdese tamén ao feito de que se agochan os datos sobre as achegas que polos distintos conceptos supuxo para a USC o Plan de Financiamento nos últimos exercicios (2011,2012) e unha comparativa co total de recursos achegados á USC en anos anteriores polos planos de financiamento vixentes.
Consideramos imprescindible que nas Liñas Xerais do Orzamento para o ano 2013 figure a realidade do que supón o Plan de Financiamento para a nosa Universidade para así podela trasladar tamén á Comunidade Universitaria e á sociedade. Pero moito nos tememos que os criterios de reparto aceptados polo actual goberno da USC para o actual Plan, en contra do mandato dado por este mesmo Claustro nas emendas as Liñas Xerais do exercicio 2011, prexudiquen gravemente á USC, e supoñan unha minoración de fondos.
Desgraciadamente, o Plan de Financiamento do SUG, ademais de non recoller contías de recursos suficientes para SUG, como de forma reiterada temos explicado e documentado, contempla uns criterios de reparto –apoiados polo actual goberno-,que non teñen en conta o peso relativo de cada universidade dentro do SUG e que farán que a USC cada ano reciba menos cartos Estas Liñas Xerais parecen querer agochar esa realidade ao non xustificar as previsións de ingresos desagregadas no Plan.
b) Aínda que de menos entidade, temos o seguinte detalle tamén significativo sobre a falta de rigor na estimación dos ingresos: en decembro afirmaban vostedes que se producira un descenso na recadación por prezos públicos (matrículas) de 0,79€. Agora esa diminución cífrana en 1,35 M€.
c) Despois de esperar ata mediados de marzo de 2013 non se entende que non se dispoña dun avance do peche do exercicio económico 2012, que axudaría a trazar estas liñas xerais do orzamento con maior rigor e coñecemento real da situación. Esta é unha mostra máis da intención de agochar a verdadeira situación financeira da USC e o que está a supor para a mesma o actual Plan de Financiamento.

2) As liñas presentadas seguen ignorando a realidade da redución das achegas para gastos de persoal e non definen actuacións e obxectivos fundamentais no presente exercicio.

A emenda a totalidade presentada por estes claustrais as liñas xerais levadas ao claustro de decembro, criticaba aquelas liñas por terse elaborado sen coñecer o avance dos orzamentos da Comunidade Autónoma, o que puña en dúbida a credibilidade das cifras de ingresos que se nos achegaron. Alertabamos de que a redución do 0,67% sobre o orzamento prorrogado de 2011 podía quedarse curta e terse que revisar todo a baixa. O tempo e as circunstancias viñeron a darnos a razón, pois as súas previsións de ingresos en decembro eran nada menos que 7,1 M€ superior a que fan agora e a redución con respecto ao presuposto prorrogado pasou do 0,67% ao 3,77%. As súas previsións eran totalmente erradas e poñen en causa as intencións e a capacidade deste equipo reitoral para a xestión dos nosos recursos.
Pero, isto é aínda mais grave: esa diminución trasládase integramente ao gasto de persoal, que pasa de ser orzamentado (en decembro) en 151,19 M€ a 143,95 M€. A xustificación do equipo reitoral é unha obviedade: esta redución ven obrigada pola Lei de orzamentos promovida pola Xunta de Galicia, que nos impón un límite da masa salarial de 127,77M€ fronte aos 135.07 M€ do ano 2012. Ou sexa, unha redución do 5.4% da masa salarial, equivalente a 7,29 M€. Pero o Reitor e o seu equipo económico parecen pensar que o seu traballo acabouse aquí: dar fe desta redución e adaptar as táboas e porcentaxes do documento de decembro á nova realidade, sen ningunha explicación máis.
Debería responder a preguntas como as seguintes: Como pensa reducir eses 7,2 millóns de euros en persoal? Fálase de actuar sobre os complementos do PDI, pero, canto supoñen de aforro?, canto vai reducir pola non cobertura de prazas vacantes por xubilación? ¿haberá xubilacións anticipadas de PAS e de PDI? ¿qué actuacións contempla? ¿Qué ocorre coas prazas xa creadas ou comprometidas en Consello de Goberno?
Estas propostas son imprescindibles nunhas liñas xerais de orzamentos e vostedes as ignoran por completo, escudándose nun falso victimismo e dando, mostra, unha vez máis, da súa incapacidade para xestionar esta situación.
O reitor e o seu equipo non poden botarlle á crise toda a culpa do que pasa, como se foran meros espectadores da realidade; porque están aí para xestionar a USC da mellor forma posible, aínda nas peores condicións. É importante tratar de convencer e pedir o que nos corresponde, pero a USC tamén ten que tomar medidas propias para facer fronte a situación. Toda a sociedade está facendo cambios estruturais de importancia pero, que fai a USC?. A súa pasividade, a súa falta de decisión e firmeza, a súa xestión de curto percorrido está facendo moito dano a nosa institución.

3) As propostas de gastos en diversas actuacións son demasiado vagas e sen xustificación

Tamén no que atinxe aos gastos e aos obxectivos propostos para os mesmos, as liñas xerais recollen unha serie de xeneralidades, en varias ocasións de forma reiterada e de redacción confusa, que nin tan sequera permiten realizar unha análise axeitada para poder concluír sobre a súa adecuación ás necesidades da USC:
a)    Fálase de diversas actuacións (a maioría delas nin tan sequera son mencionadas no plan de actuacións 2013-2014 que tamén se leva ao claustro) pero non se da ningún detalle sobre a asignación de recursos. Citamos algúns exemplos: Campus Vida (páx. 14), Escola de Doutoramento Internacional (páx. 14), II Plan de Igualdade de Xénero (páx. 15), Proxecto “USC en transición” (páx. 15),...
b)    Os descensos propostos con respecto a 2011 no Capítulo II –case todos por enriba do 15%- poñen en dúbida a posibilidade dun funcionamento mínimo da institución, en canto a instalacións e subministracións, que permita o cumprimento da nosa misión en docencia e investigación (páx. 27).

4) Este equipo de goberno xa non está en condicións de elaborar unhas liñas xerais de orzamento.

A situación actual esixe redobrar os esforzos para trasladar aos poderes políticos e a sociedade en xeral que unha institución como a USC, capital na docencia e na investigación da Comunidade Autónoma, non pode seguir perdendo recursos. Tamén ten que adaptarse a situación que estamos a vivir e tomar medidas que aumenten a nosa eficiencia e afecten o menos posible ás funcións básicas da universidade. De continuar por este camiño, seguiremos a perder competitividade, oportunidades fundamentais e a esmorecer cada vez máis, despois dos logros acadados en anos anteriores.
A actuación do goberno da USC xenera enormes dúbidas de que poida facer esta tarefa con convicción e criterio. Estas liñas xerais do orzamento 2013 son unha clara mostra de falta de ideas e iniciativa. Ocupado en taponar as vías de auga que se lle abriron no barco á deriva no que se converteu á USC, este equipo non está en condicións de deseñar nin de aplicar as medidas de urxencia que se necesitan para poñer de novo á USC na senda do recoñecemento e prestixio que viña ocupando nos últimos anos.

miércoles, 20 de febrero de 2013

+IDEAS apoia o Comunicado do Colectivo Carta Aberta pola Ciencia

"¿Es esta la apuesta española en ciencia, tecnología e innovación?"

O colectivo Carta Aberta pola Ciencia, integrado pola Confederación de Sociedades Científicas de España (COSCE) e a Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas (CRUE), entre outras asociacións científicas e sociais, emitiu un comunicado con motivo da aprobación, o pasado día 7 de febreiro, da Estrategia Española de Ciencia, Tecnología e Innovación 2013-2020 e do Plan Estatal de Investigación Científica y Técnica y de Innovación 2013-2016.
O comunicado denuncia o que supón unha nova mostra da falta de ambición e compromiso do goberno coa I+D+i ao  ter como obxectivo alcanzar no 2020 o 2% do PIB, menos do que a media da Unión Europea ten xa hoxe.

Ver documento completo "¿Es esta la apuesta española en ciencia, tecnología e innovación?"

A Carta aberta pola Ciencia foi asinada por multitude de investigadores e subscribironna corporativamente medio centenar de sociedades científicas.

viernes, 15 de febrero de 2013

Reseña do Consello de Goberno do 30 de xaneiro de 2013

Informes do reitor
Reunión co Comité de Empresa.
Convocatoria prazas de funcionarios.
Estatutos da USC
Informe da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade
Informe da Vicerreitoría de Economía e Infraestruturas.
Informe da Vicerreitoría de Titulacións e PDI.
Informe da Vicerreitoría de Investigación e Innovación.
Normativa de P.A.A. Curso 2013-2014
Prazas de PDI
Regulamento polo que se implantan medios electrónicos e se crea a sede electrónica
Rogos e preguntas 

domingo, 13 de enero de 2013

Reseña do Consello de Goberno extraordinario do 12 /12/ 2012 sobre a anulación parcial da convocatoria de prazas de PDI

O reitor resume moi brevemente as actuacións do equipo nas negociacións coa Xunta e das que dera conta no CG, tamén extraordinario, do pasado 9 de novembro e fai referencia a que as súas actuacións están respaldadas pola documentación que se achegou a todos os membros do CG. A continuación cede a palabra aos asistentes