domingo, 13 de enero de 2013

Reseña do Consello de Goberno extraordinario do 12 /12/ 2012 sobre a anulación parcial da convocatoria de prazas de PDI

O reitor resume moi brevemente as actuacións do equipo nas negociacións coa Xunta e das que dera conta no CG, tamén extraordinario, do pasado 9 de novembro e fai referencia a que as súas actuacións están respaldadas pola documentación que se achegou a todos os membros do CG. A continuación cede a palabra aos asistentes 


Intervención de Dolores Riveiro

Toma a palabra Dolores Riveiro, directora do Departamento de Fundamentos de Análise Económica,  que fala en nome dos departamentos afectados polas prazas desconvocadas. Reclama que o Reitor revogue a súa decisión de anular os concursos destas prazas e se retrotraia ao momento en  que estaban todas convocadas. Entende que desta maneira non se prexudica a ninguén e se repara a inxustiza que se comete coas persoas afectadas. Indica que se a documentación que a reitoría achega agora a todos os membros do CG fora coñecida no CG do 9 de novembro, non sabemos se o CG coincidiría coa decisión do reitor, pero ata podería ser que si. O feito é que non foi así e o reitor tomou persoalmente a decisión de anular os concursos destas prazas xa convocadas. Non se entende que se estableza distinción entre unhas prazas e outras.  Agora a única forma de reparar este dano é que o reitor revogue  a súa RR e deixe seguir adiante todas as prazas.

Intervención de Juan Viaño

A continuación intervén J. Viaño repasando as actuacións do reitor e o seu equipo durante a tramitación destas prazas, a estratexia equivocada e premeditada da vicerreitora de PDI, agora dimitida, de xuntar todas as prazas na mesma convocatoria (convertendo un tipo de prazas en refén das outras), a tardanza e falta de contundencia do reitor en mostrar a documentación escrita, sobre todo, os requirimentos da Xunta de Galicia sobre a ilegalidade da convocatoria  e a posibilidade dun contencioso en caso de seguir adiante coas prazas que non tiñan autorización.
Segundo Viaño, esta estratexia, alimentada coa ruidosa dimisión da Vicerreitora, desenterrou o enfrontamento entre areas, facendo calar nunha parte da universidade a idea de que as prazas por necesidades docentes (maioritariamente nas áreas de ciencias sociais e xurídicas)  se lle negaban a esas áreas para darllas aos investigadores de programas competitivos (maioritariamente das áreas de ciencias); fixo que se desataran suspicacias sobre as negociacións do reitor coa Xunta e que dera pábulo a rumores dun inexistente pacto coa oposición no que  as prazas non convocadas serían a moeda de cambio  fronte as prazas dos investigadores que si se convocaron.
Lembrou Viaño que xa no mes de xullo cando se aprobaron todas as prazas, o seu grupo  recomendou unha  negociación inmediata coa Xunta para que no pasara o que acababa de pasar co requirimento do Ministerio de Hacienda, que levou  a anulación da convocatoria de 16 prazas de titular de universidade (sen que o CG se posicionara sobre a medida).
Na documentación que se aporta a este CG – que incomprensiblemente o reitor non fixo  pública antes da anulación, a diferenza do que fixera co “burofax” do Ministerio de Hacienda xa mencionado - queda claro que a convocatoria das prazas do 21/9  foi feita en plenas negociacións coa Xunta, como forma de presión e facendo caso omiso das súas advertencias. Tamén se pon de manifesto o requirimento de paralización e o anuncio de interposición dun contencioso-administrativo, por parte da D.X. de Planificación e Orzamentos, en caso de seguir adiante cos concursos non autorizados o que “comprometería irreversiblemente as prazas da convocatoria do 21 de setembro e calquera outra que se puidera producir nos próximos días”. Son os mesmos termos do “burofax” da Secretaría de Estado de Presupuestos y Gastos do Ministerio de Hacienda sobre as prazas de titular de universidade. Finalmente, tamén se explica que as prazas non paralizadas  teñen autorización da Xunta porque se excepcionan dos límites  da taxa de reposición,  por aplicación da lei,  en base a que son prazas de compromisos adquiridos en BOE (8 prazas RC/SG) ou por tratarse  dunha convocatoria pendente do 2011 –15 prazas de IPP 2006-. Por iso, a pesar de que todas teñen o apoio do CG e aprobación no CG, non todas conseguen a autorización preceptiva da Xunta.
Estas son as causas dunha situación crítica na que o reitor se veu envolto véndose obrigado a anular unha parte dos concursos para non meter a USC nunha encrucillada xurídica con consecuencias impredecibles  para a institución. Á vista do panorama, dificilmente podía  tomar unha decisión distinta que a anulación dos concursos sen poñer en perigo todas as prazas: as que seguen convocadas, as que se paralizaron e as que están pendentes de convocar.
Para Viaño, esta decisión é compatible coa postura que no seu grupo veñen mantendo: defender os compromisos desta universidade cos  seus profesores e investigadores. Lembrou  unha parte da súa  intervención no CG do pasado día 9 de novembro:
“Vostedes teñen a obriga de defender por igual todas as prazas acordadas neste CG. Se a Xunta permite convocar algunhas prazas, convóquense sen perder mais tempo. Aten todo o que poidan no 2012 e intenten amarrar todo o que poidan para o 2013,  a ser posible por escrito.  Acorden unha folla de ruta, convocatorias pautadas, un calendario,  o que sexa; pero fagan algo. E fágano o mellor posible. Consulte cos asesores xurídicos que teña que consultar para ver se anula ou non anula a convocatoria paralizada. Trate de que o dano e o sufrimento sexa o menor posible. Intente evitar que dentro de 3 ou 4 anos estas prazas estean aínda impugnadas. Pedímoslle que actúe, que resolva problemas e non os amoree  sen decidir nada,  como fixo ata agora.”
Despois de ano e medio, conseguiuse que as prazas de IPP 2006  e RC 2007 estean por fin convocadas e en fase de celebración dos concursos. Este compromiso está cumprido. E unha solución para unha parte importante do problema. Pero iso non significa renunciar a cumprir tamén o compromiso cos Asociados LRU e Axudantes Doutores que teñen a praza creada no CG e aprobada polo Consello Social. Neste momento todos os afectados seguen contratados na USC. A proposta -que figura na documentación- que o equipo de Goberno enviou á Xunta para  que se inclúa nos orzamentos da Comunidade de 2013  todas as prazas creadas en CG que quedan pendentes é unha vía prometedora para negociar e nela haberá que insistir.
Cunha decisión coma esta ¿estamos cedendo na autonomía universitaria? En efecto, ponse en cuestión a nosa autonomía universitaria, pero iso xa non é de agora, se non dende que comeza a asfixia económica á que nos está sometendo a actual política de recortes. Iso si que nos limita e contra iso temos que utilizar todos os medios legais pois esa é a orixe de todos os problemas. Os reitores españois manifestárono claramente na súa declaración de fai uns días.
O CG debe facilitar a resolución dos conflitos e non contribuír a que se enroquen. Anular a RR, complicaría todo moito mais, implica xudicializar con seguridade o proceso e por en risco todas as prazas. Como ademais, seguir adiante coa convocatoria pode ser ilegal, este CG non debería votar esa posibilidade e debería centrarse mais en buscar solucións posibles no 2013. Esta é a mellor maneira de defender todas as prazas e todos os compromisos.

Outras intervencións

A continuación tomaron a palabra dous estudantes (dos que non anotamos os nomes) e varios outros membros  (A. Pérez Casas, X. C. Carreira, L. Fernández Prieto) para adherirse as manifestacións da profesora Riveiro e reclamando a convocatoria das prazas outra vez. Tamén intervén J. Feijoo para insistir  que si parece haber un pacto para paralizar unhas prazas e outras non. Toma a palabra Ángel García e insiste con argumentos xurídicos que se as prazas paralizadas se volven a convocar, o contencioso da Xunta é inevitable e os prexuízos serán para todas as prazas e para toda a universidade.

Nova proposta do reitor

Despois de contestar brevemente as intervencións, o reitor reparte copias dun correo electrónico remitido polo Director Xeral de Planificación e Orzamentos, do día 11 de decembro, no que se pode ler o seguinte:
“tendo en conta que administración autonómica vai ter en consideración a casuística especial do persoal docente e investigador adscrito ás entidades que integran o SUG, quero informarte que no borrador de proxecto de orzamentos 2013 se recollerá un artigo no que se contemple a posibilidade de autorizar convocatorias de prazas e persoal laboral fixo vencelladas a necesidades docentes que precisen a súa cobertura con persoal fixo de xeito urxente e inaprazable e a programas de investigadores de carácter nacional e/ou internacional. Unha vez pechado o proceso de elaboración dos orzamentos, ao longo do mes de xaneiro, convocarase aos representantes de cada Universidade para concretar as prazas a convocar en función das listaxes xa presentadas, co cumprimento dos requisitos anteriores e dentro das dispoñibilidades financeiras de cada universidade.”
Baseándose nas posibilidades abertas neste escrito, o reitor propón que o CG  ratifique a convocatoria das prazas no exercicio de 2013, contando coa vontade da Xunta para negociar a partir de xaneiro todas as prazas que xa están creadas no CG e non convocadas (as 25 que se paralizaron -13 transformacións de AXU-DR, 12 transformacións de ASO-LR- mais  1  transformación de AXU-DR e 6 estabilizacións de IPP’s 2007 con avaliación excelente pola ANEP).
Sucédense de novo intervencións de Riveiro, Pérez Casas, Fernández Prieto, Carreira, negando valor a tal documento e afirmando que se debe seguir reclamando a saída a concurso inmediato e non deixar que nos fixen as condicións dende a Xunta.
Intervén R. Estévez para insistir que o que se pretende aprobar en realidade xa foi aprobado polo Consello e que o único que pode facer é ratificarse na creación das prazas e que sexan convocadas na medida en que sexan autorizadas pola Xunta. A profesora Riveiro engade que a solución debe ser que se convoquen inmediatamente.
Intervén a Secretaria Xeral para puntualizar que convocar inmediatamente leva implícito que se fará sen contar coa autorización da Xunta e iso ten indicios de ser ilegal polo que deberá votarse nominalmente.
R. Estévez  engade a súa  proposta que se fará a negociación de todas as prazas xa creadas o mais axiña posible en 2013 co obxecto de ter a preceptiva autorización de convocatoria e, no caso de que non poidan saír todas, que a priorización de saída se estableza por este CG.
O reitor fai súa esta proposta e propón que se acepte por asentimento ou se vote. A profesora Riveiro di que para ela podería valer pero que segue reclamando a saída inmediata dos concursos das prazas paralizadas. Insiste o reitor que a proposta que el fai é a que recolle o sentir de todos. En caso contrario procederase a votación nominal entre as dúas.  Despois de varios intentos de facer unha proposta final concreta desístese e optase por votar nominalmente a do reitor.  A aprobación por asentimento foi abortada pola decisión de A.Pérez Casas de non participar na votación por desacordo coa intervención da Xunta e dun estudante que  pide votar en contra.  Intervén tamén L. Fernández Prieto sobre o dereito a non votar e a ausentarse, momento no que varios membros do Consello de Goberno (Pérez Casas, Fernández Prieto, Carreira, Ignacio Rodríguez, Feijoo, … varios estudantes)   optan por ausentarse da reunión e non votar. En total foron 14.
Celébrase a votación nominal co resultado seguinte: a favor: 28; en contra:1; abstención: 1.

No hay comentarios:

Publicar un comentario