viernes, 15 de febrero de 2013

Reseña do Consello de Goberno do 30 de xaneiro de 2013

Informes do reitor
Reunión co Comité de Empresa.
Convocatoria prazas de funcionarios.
Estatutos da USC
Informe da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade
Informe da Vicerreitoría de Economía e Infraestruturas.
Informe da Vicerreitoría de Titulacións e PDI.
Informe da Vicerreitoría de Investigación e Innovación.
Normativa de P.A.A. Curso 2013-2014
Prazas de PDI
Regulamento polo que se implantan medios electrónicos e se crea a sede electrónica
Rogos e preguntas 

Informes do reitor

Orzamento 2013. 

O dia 28/12 recíbese copia do proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma  e o día 04/01 os tres reitores adoptan unha posición común para defender nunha reunión co Conselleiro e co S.X. de Universidades que tivo lugar o día 15/01. Nesa reunión son informados de que o Plan de Financiamento do SUG sufrirá un recorte de 20 M€ con respecto ao ano pasado e que a baixada salarial será de do 5% (art. 36 dos orzamentos). Os reitores plantexaron que a diminución do 5%  da masa salarial non xustifica a baixada dos 20 M€ e que polo tanto solicitaban aclaración sobre os conceptos aos que se lles aplicarían as reducións restantes. Pediron “seguridade xurídica e seguridade económica”. A Consellería quedou en buscar unha solución.
Neste senso, celébrase o dia 24/01 unha reunión dos vicerreitores de economía das tres universidades co S.X. de Universidades e o D.X. de Orzamentos que só supón unha toma de contacto, “pois na Dirección Xeral non tiñan coñecemento previo da problemática”. Quedaron en buscar solucións, incluíndo tamén a parte que correspondería á subida das taxas de matrículas en segundas convocatorias.
O dia 25/01 reuniuse o Consello Galego de Universidades,  que foi meramente informativo: a Xunta ten solicitado ao goberno central un informe sobre a seguridade xurídica que tería a redución das pagas extras dos funcionarios por parte da Xunta. As universidades están a espera da resposta da Xunta sobre esta cuestión que afecta a todo o cadro de persoal.

Interviñeron neste punto:
  • A. Pérez Casas: Está convencido de os recortes que se anuncian van a supoñer despedimentos, sobre todo no PAS. Pídelle ao reitor que se comprometa a dimitir se houbera despedimentos na USC. O reitor contesta que non pode coñecer os factores que impoñerá a Xunta.
  • L. Fernández Prieto: Se a Xunta non ten competencias para reducir o salario dos funcionarios, a redución caerá sobre os laborais PDI e PAS. Estariamos falando de 400 despidos nas tres universidades.
  • J. Viaño Rey (+IDEAS): Pide ao reitor que especifique con claridade qué cantidade, do total de 9 M€ de redución do orzamento prevista para a USC (20 M€ para o SUG), correspondería ao capítulo de persoal da USC e cales serían os efectos sobre o persoal: bastaría con reducir salarios?, serían necesarios despedimentos como nos están anunciando os sindicatos?. O reitor indica que, se  a baixa salarial non é suficiente, estaríase diante da posibilidade de reducir plantilla; por iso se lles está esixindo a Xunta que especifique en que conceptos se aplicarían as reducións. Viaño tamén indica na súa intervención que deben ser moi esixentes na negociación e non admitir que a recadación por taxas de matrícula (tanto que sexa á alza como á baixa)  teña efectos sobre a cantidade a recibir polo Plan de Financiamento 2011-2015, pois non é así como se recolle no Plan. Pídelle ao reitor que clarifique se existe un acordo das universidades coa consellería neste senso.  O reitor na súa resposta manifesta que non existe ningún tipo de acordo e que os reitores cooinciden en que as taxas están ao marxe do Plan. Sempre pensaron que o Plan estaba blindado pero neste momento as condicións da Xunta xa non van nesa dirección. Ata o día 24/01 os reitores mantiveron unha postura unitaria fronte as propostas da Xunta que, para eles, supoñen unha perversión do Plan de Financiamento. Nas datas de celebración do CG téntase recompoñer o consenso roto por unha das universidades (non especificou se A Coruña ou Vigo)[parece que foi Vigo].
  • L. Gómez: Intervén en representación do PAS,  que leva días mobilizándose pola falta de acordo nas negociacións coa Xerencia en relación a aplicación das novas normas sobre calendario de festas, vacacións, permisos e horario laboral (Instrución I/2013 da Xerencia), que só recortan dereitos e non aportan calidade ao servizo.  Acusa ao equipo reitoral de falta de sensibilidade e de flexibilidade na aplicación da norma, como fixeron noutras universidades. Tamén se refire a ameaza da baixa de salarios para o 2013. Solicita que se deixe intervir no CG a un representante dos traballadores. A. Pérez Casas apoia as súas palabras en base a que o Comité de Empresa e a Xunta de Persoal non están representados no CG. Intervén o alumno S. Piñeiro preguntando ao reitor se lle vai plantar cara a Xunta ou non.
O reitor responde dicindo que pensa que está a facer o que corresponde e que dará respostas máis concretas cando a Xunta responda as cuestións plantexadas.

Reunión co Comité de Empresa. 

En relación co punto anterior, o reitor informa que o día 29/01 tivo lugar unha reunión do reitor co Comité de Empresa para tratar dos efectos de entrada en vigor da instrución I/2013 contra a que se está mobilizando o PAS nos últimos días.
Un grupo de traballadores maniféstase na praza do Obradoiro con gritos e pitos, golpeando a porta de San Xerome e lanzando ovos as ventás do Salón Reitoral no que se estaba celebrando o Consello de Goberno.

  • O reitor informa que na reunión acordouse reabrir as negociacións en base aos seguintes puntos: non haberá despedimentos, buscaranse solucións conxuntas, posición unida fronte as agresións  externas, seguirase negociando cando se reincorpore a xerenta da súa baixa e a instrución entrará en vigor o día 01/02 como estaba previsto.
  • L. Gómez interveu alegando que a instrución non foi suficientemente negociada (as negociacións rompéronse o día 18/01 sen acordo)  e que, aínda recoñecendo que é unha norma xeral do estado para a función pública, a súa aplicación na USC supón perda de  dereitos laborais adquiridos e é ríxida en comparación coa feita noutras universidades. Enumerou as súas reivindicacións: manter o horario de 8 a 15 e a media hora que debe aumentarse engadila a bolsa de horas dispoñibles para necesidades puntuais xa existente; flexibilizar os días de baixa non remunerados cando se trate de enfermidades infecciosas, compensar os días de peche en centros e regularización do horario de verán.
  • A. Pérez Casas interveu para criticar a negociación coa Xerencia e a imposibilidade de avanzar mentres non se reincorpore ao seu posto por estar de baixa. Pide con insistencia e dureza que se anule a instrución de xerencia e que non entre en vigor.
  • L. Fernández Prieto manifesta que o CG no é o órgano que deba tomar unha decisión sobre este tema pero insiste que debe negociarse e este equipo parece incapaz de facelo.
  • J. Viaño Rey (+IDEAS) critica que este equipo de goberno deixe que os problemas se lle enquisten pola incapacidade para o diálogo, pola falta de cintura para procurar solucións. O diálogo debe ser a primeira opción, o diálogo ata o límite, pero para este equipo sempre é a última, sen aforrar nin o máis mínimo sufrimento aos afectados.

Convocatoria prazas de funcionarios. 

O reitor informa que o dia 22/01, el e mais o reitor da U. de Sevilla, acompañaron a presidenta da CRUE a unha reunión con  representantes do Ministerios de Facenda e de Educación, na que se tratou da posibilidade de flexibilizar a aplicación da taxa de reposición (10% de xubilacións) no tocante ao profesorado dos corpos docentes universitarios.  As distintas propostas dos reitores non foron admitidas. Unicamente, se comprometeron a estudar a seguinte: aplicar a taxa de reposición de funcionarios integramente para crear prazas de CU e permitir que o número de prazas que liberan os acreditados que accedan elas se convoquen como TU (así non se incrementaría a cifra de empregados e se respectaría a taxa de reposición). A proposta quedou pendente de estudo por parte do Ministerio de Facenda.

Estatutos da USC. 

A asesoría xurídica da Xunta xa rematou a revisión e control de legalidade do proxecto de estatutos aprobado polo Claustro. En breve, teremos coñecemento dos requirimentos que, segundo nos informan, poden obrigar a algún cambio importante.

Informe da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade

A Vicerreitora informa dos resultados da Enquisa de Valoración dos Estudantes coa Docencia Recibida. Mostra un cadro cos resultados globais dos que se destaca os seguintes:

Considéranse estudantes participantes aos que cubriron polo menos unha enquisa.
Considéranse materias valoradas as que conten, polo menos, cun cuestionario cuberto.


R. Estévez (+IDEAS) e a Decana de Matemáticas amosan a súa preocupación pola baixa participación do alumnado que invalida os resultados da enquisa e as súas posibles conclusións. A vicerreitora non ve claro como pode incentivarse a participación mais alá de facerlle ver aos alumnos a repercusión que pode ter na calidade da docencia que reciben, nos complementos retributivos dos profesores, etc. Comenta que unha posible causa de absentismo sexa a desconfianza de seren identificados cando cobren a enquisa pois é obrigatorio introducir o usuario e contrasinal habitual do alumno.

Informe da Vicerreitoría de Economía e Infraestruturas.

Os orzamentos foron prorrogados a 31 de decembro, habida conta de que non foron aprobadas as liñas xerais do orzamento para 2013. R. Estévez (+IDEAS) pregunta se existe vontade de presentar os orzamentos para 2013. Resposta o reitor que se levarán unhas novas liñas xerais ao vindeiro claustro que se someterán a emendas ou non segundo a decisión que tome a Mesa do Claustro. Esta decisión terá en conta o efecto sobre o capítulo I da prevista diminución dos 9 M€.
A unha pregunta de J. Ares (Decano de RR.LL.) a vicerreitora informa que están sistematizadas as peticións de obras RAM recibidas e feita unha primeira priorización (prevención de riscos altos, filtracións en cubertas,…).

Informe da Vicerreitoría de Titulacións e PDI.

§ Recibiuse informe desfavorable das titulacións sometidas a aprobación:
  • Graos de Criminoloxía, Xestión Hosteleira, Enfermería (modificación).
  • Másteres de Psicoxerontoloxía, Marketing e dirección comercial, Ensinanza do Español como Lingua Estranxeira.
Os argumentos non son  de índole académica e si política:
van en contra do acordo de 11/06/2012 segundo o cal non se poden presentar novas titulacións que no sexan reorganización da oferta.
non están aínda definidas as liñas de actuación nos distintos campus.
A este respecto J. Viaño Rey tomou a palabra para lembrar que tanto Criminoloxía como Xestión Hoteleira eran transformación de títulos propios xa existentes no SUG e sobre os que existía acordo de transformación  porque non suporían modificación do mapa de titulacións. O reitor está de acordo con esa versión e así o farán valer nas  alegacións que se van presentar.
Para E. González da impresión de que existiran razóns ocultas para recibir informes negativos as titulacións.

  • O vicerreitor da conta dun escrito enviado polos afectados pola anulación das prazas de PDI que no deu tempo de incluír na orde do día.
  • D. Riveiro fai unha intervención para preguntar ao vicerreitor sobre situación das 25 prazas anuladas dado que dende o día 17/01 non tiñan información ningunha agás que o día 21/01 se tería unha nova xuntanza do Vicerreitor coa Xunta.  O Vicerreitor informa que esa xuntanza non tivo lugar e polo tanto todo está igual.
  • O reitor informa dunha conversa co S.X. de Universidades sobre a posibilidade de que no futuro a Consellería de Facenda delegue na S.X. a autorización dos concursos para  prazas de carácter temporal nas universidades.

Informe da Vicerreitoría de Investigación e Innovación.

J. Viaño Rey (+IDEAS) recaba información sobre a tramitación e datos da convocatoria 2012 de  prazas  Ramón y Cajal (RyC), criticando que non fose aprobada no CG e mesmo non se informase con detalle. Pregunta expresamente se conleva obrigatoriedade de estabilización e se as  áreas con necesidades estruturais cumprirán coa obrigatoriedade de facer peticións como requisito para poder solicitar prazas ordinarias no futuro (aprobado en CG do 23 de marzo) e manifesta a súa estrañeza porque non se discutiran os criterios e o límite de prazas por área.
Informa o vicerreitor que hai  un total de 55 solicitudes, que  non se puxo límite de petición por áreas (dado que a Xunta financiará parte do contrato que non cubra o Ministerio) e que non supón compromiso de estabilización. Intervén o reitor para manifestar que sorprendentemente as áreas con déficit estrutural, na súa grande maioría, non pediron prazas RyC.
J. Viaño resposta dicindo que “a convocatoria tal e como se fixo vai camiño de constituír un dobre fracaso: as áreas deficitarias “pasan” de solicitar investigadores e as áreas excedentarias solicitan moitos. Se non queda claro que no hai compromiso de estabilización, pódese provocar unha tensión innecesaria ao longo da duración do programa. Deben estar claras as consecuencias que terá para as áreas deficitarias o feito de non ter solicitado prazas e tamén debería especificarse no contrato os termos de finalización  do mesmo, sobre todo  para os que vaian a áreas excedentarias”.

Normativa de P.A.A. Curso 2013-2014

Aprobouse a Normativa de PPA para o curso 2013-2014 que quedara pendente do CG de decembro. A razón pola que se aprazara fora para que a Vicerreitoría de Titulacións e PDI trouxera unha simulación dos efectos que tería a aplicación da normativa do Real Decreto 14/2012 sobre Medidas urxentes de racionalización de gasto público no ámbito educativo, e mais en concreto, os cambios na dedicación docente do profesorado en función do número de sexenios.
A sorpresa é que,  non só non se presenta esa simulación, senón que a normativa que se trae  nin sequera menciona o citado RD, tal como facía o borrador de decembro nunha disposición transitoria que deixaba aberta a porta a súa aplicación. A xustificación que deu o vicerreitor é que “a mesa de negociación e a COAP non aprobaron que se aplicara no curso 2013-14 e se faría no 2014-15”.
J. Viaño (+IDEAS) criticou esta actitude da vicerreitoría e do equipo reitoral: “A vicerreitoría tíñase comprometido a traer a este CG a simulación, con datos reais, da aplicación do “decreto Wert” e está incumprindo o mandato do CG. Non sei se a vicerreitoría xa ten os resultados, se os presentaron na mesa de negociación ou na COAP pero estánselle negando ao CG. Esa actuación é de todo punto inadmisible.  Temos o dereito e o deber de coñecer cales son os efectos de aplicación desta norma e comparalos co recoñecemento en POD do esforzo investigador que xa temos na USC. O recoñecemento que temos só permite diminuír a dedicación docente pero a nova norma aumentaría as horas de docencia aos profesores sen sexenios activos e diminuiría a dos  que teñen un número mínimo de sexenios vivos. Isto supón unha novidade importante e non se explica porque non se aplica nin se analizan os efectos que tería a súa aplicación. Non é de recibo que se teña en suspenso sen explicación un ano máis cando moitas universidades xa o aplicaron para o curso actual. ¿Cales son as razóns? Non se pode facer caso omiso dunha lei estatal en vigor e máis aínda se ten unha incidencia directa na dimensión da plantilla. Arriscámonos incluso a que a Xunta o teña en conta para o cálculo das nosas necesidades e nos penalice por non facelo. Debe ser o CG quen decida a forma de aplicación pero non ignorar a súa existencia.  ¿A quen favorece e a quen prexudica a aplicación da lei?. Sen datos non se pode opinar. É importante xogar con datos reais e non con falacias. Cando interesaba para a decisión sobre prazas, este equipo reitoral modificou os parámetros para o cálculo das necesidades estruturais (número e tamaño dos grupos, valoración da investigación, redución a 240 horas a todos os TEU…) e puxo en marcha un complexo proceso de simulación. Sen embargo, agora, cando temos unha normativa estatal que nos obriga, non é capaz de facer un simple cálculo de horas cos sexenios. Isto pode traer consecuencias á institución. Non podemos ignorar unha lei porque non nos guste”.
E. González tamén insistiu neste  aspecto e preguntou se o aplican na UdC e na UVigo. Respondeulle  o reitor que en Vigo comezan a aplicalo agora e que o S.X. de Universidades asegurou que o RD non sería tido en conta para as necesidades de prazas. O vicerreitor asegurou que agora están a facer as simulacións e tomando algunha referencia no País Vasco.

Prazas de PDI

Apróbase a convocatoria de 25 prazas de profesor asociado vacantes en distintas áreas con necesidades docentes (8 ASO LOU e 17 PACS). Na documentación figura expresamente que a convocatoria debe ser autorizada pola Comunidade Autónoma.
Neste punto tomou a palabra J. Viaño (+IDEAS) para “rogar ao equipo reitoral e a vicerreitoría correspondente que trasladen a información moi precisa e clara aos medios de comunicación para evitar que nos acusen de convocar prazas en plena crise como xa se insinúa nos xornais de hoxe. É moi importante recalcar que non se trata de prazas novas se non de cubrir vacantes de prazas temporais imprescindibles para a docencia clínica e polo tanto non estamos saltándonos a taxa de reposición, nin sobrepasando a masa salarial, … É moi importante non confundir á opinión pública e tamén tratar de concienciar aos responsables das Consellerías de Educación e Facenda sobre como estamos a facer as cousas: estas prazas están orzamentadas, non supoñen incremento de gasto,  a súa cobertura foi  aprobada nos respectivos consellos de departamento, foron negociadas cos representantes sindicais, contan coa aprobación da COAP e tamén coa da Comisión Mixta do SERGAS-USC e agora finalmente coa do CG. Pasarán tamén polo Consello Social no que se examina a incidencia sobre o capítulo I. ¿A qué estaríamos xogando se finalmente estas prazas as desautorizan na Xunta?...
Profesores  Ad Honorem: Jesús Devesa Múgica (Fisioloxía), José Luis Couceiro Pérez (ILGA), Ramón Lourenzo Vázquez (ILGA), Antonio Luis Santamarina Fernández (ILGA).

Regulamento polo que se implantan medios electrónicos e se crea a sede electrónica

Apróbase o regulamento que foi presentado polo secretario xeral adxunto Carlos Gómez. J. Viaño (+IDEAS)  na súa intervención recalcou que este documento é moi necesario e con el a USC da un paso mais na boa dirección e consolida o seu posto de referencia na administración electrónica universitaria alcanzado nos últimos anos. Puxo algún reparo á Comisión de Administración Electrónica (CAE) cuxa composición (todos do equipo de goberno ou técnicos, sen ningunha participación dos colectivos universitarios) non parece acorde coas súas competencias (propostas e informes pero poucas decisións).  Esta opinión foi rebatida polo secretario xeral adxunto.

Rogos e preguntas

Preguntas de J. Viaño (+IDEAS)

Acto de imposición de  medalla a Fernández Albor.

No acto celebrado no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, o reitor estaba nun extremo da mesa presidencial o que resultaba sorprendente. ¿Foi  un acto organizado pola USC, polo Goberno de España ou polo Partido Popular?. Se o acto foi académico e organizado pola USC ¿seguro que se seguiu o protocolo debido coa figura do Reitor?
Resposta: O acto foi organizado polo Goberno. O Salón foi cedido para tal fin e o Reitor estaba como un invitado mais na mesa.

Problemas relacionados con la Biblioteca Concepción Arenal.

Durante os exames hai sempre diversos problemas  (saturación, control de acceso, salas de lectura e informacións incorrectas aos alumnos). Despois dos peches do mes de xaneiro dos estudantes  de grado, temos agora os de licenciatura. Pregunto ¿cales son realmente as necesidades? Os medios de comunicación fanse eco inmediato desta problemática e mesmo escoitei nunha radio esta pregunta que lle traslado: ¿con tantos edificios que ten a USC, nos que pode dar clase a todos os seus alumnos, como é que non ten sitio para que poidan estudar?  Acaso, ¿estamos confundido necesidade de salas de estudo con necesidade de bibliotecas?.
Resposta: Tómanse as medidas oportunas para que todos os estudantes poidan ter un sitio. As veces non existe mais que un problema de acceso puntual que dura minutos pero os medios sacan ese minuto. Xa se habilitan salas de estudio adicionais. O problema é a  apertura de centros en horarios non habituais.

Novas probas de acceso á universidade.

Se a Xunta de Galicia non prepara nada común para o SUG, ¿que previsión tería a USC para a “nova selectividade”?
Resposta: Os reitores teñen a intención de facer unha proba de acceso común para o SUG pero de calquera xeito todo está moi verde: existen moitas incógnitas sobre a aplicación desta norma, sobre a súa organización a nivel nacional, sobre os seu custe.  Tense moi pouca información sobre como se esta movendo este tema no Consejo de Política Autonómica e no Consejo de Estado.

Noticia de La Voz de Galicia (07-01-13) sobre avaliación pola ACSUG sobre a calidade de Graos e Posgraos.

Nesta noticia púñase en causa o noso traballo e a nosa profesionalidade, botando por terra o esforzo de decanos, comisións académicas, profesorado, persoal da administración. Os medios aproveitaron para meternos unha navallada inmediatamente. Non temos visto ningunha reacción nin explicación do equipo de goberno sobre o significado desas avaliacións e  de que mais do 40% tiveran informe desfavorable. ¿Qué fixo a Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade?
Resposta a Vicerreitora: Decidiuse non entrar en polémica cos medios de comunicación e remitirlle inmediatamente á ACSUG unha carta de protesta solicitando unha aclaración inmediata nos medios (que se produciu a medias). Solicitaban que se aclarase que se trataba de informes de seguimento e que os informes estaban feitos sen un protocolo establecido por tratarse da primeira vez que se fan en España. De feito, deben facerse informes de 2000 títulos e as axencias non teñen capacidade para facelo. Tamén se advertiu a ACSUG do perigo da publicación de informes individualizados porque pode transmitir á sociedade unha visión negativa baseada tan só nun feito conxuntural dun curso académico.

Contratos de investigadores IPP 2007.

Solicito información sobre os contratos-ponte que se fixeron aos 6 investigadores IPP 2007 que remataron contrato o pasado dia 27 de decembro e cuxas prazas, creadas no CG do 26/10/2012, non foron convocadas por carecer de autorización da Xunta. Segundo a información que me pasan os interesados, o contrato que se viron obrigados a asinar é un contrato por obra e servizo de seis meses de duración que non contempla competencias docentes (de feito xa non figuran na USC virtual e non poden asinar as actas co  conseguinte prexuízo para os seus alumnos).  Este contrato non cumpre co compromiso de manter a vinculación dos interesados coa Universidade pois non permite que estes investigadores poidan seguir dirixindo os TFG, TFM e proxectos de investigación dos que se veñen ocupando.  ¡É sangrante a discriminación con respecto a outro casos da USC, que nas mesmas circunstancias, teñen agora contratos de interinos de substitución!.   
Resposta o Vicerreitor: A intención do equipo era a mesma que para os outros casos pero non prosperou na mesa de negociación sindical, porque estes investigadores ¡“aínda non pasaran ningunha selección na USC”(sic)!. Engade o reitor: Esta era unha solución para seguir mantendo a vinculación e pareceunos  aceptable,  para non iniciar outro conflito (xa temos abondo).

Nota: O día anterior, 29/01,  tan só a uns días do peche de actas, unha instrución da Secretaría Xeral nega toda responsabilidade docente ao colectivo destes investigadores e transfire aos departamentos a responsabilidade sobre as materias que imparten. Unha discriminación sen xustificación.


No hay comentarios:

Publicar un comentario