lunes, 18 de marzo de 2013

Proposta de enmenda as liñas xerais do orzamento

Proponse a retirada do texto de Liñas Xerais do Orzamento para o exercicio 2013 porque da súa análise resulta absolutamente imposible poder concluír nada concreto sobre os obxectivos orzamentarios da USC, e sobre a realidade dos ingresos e os gastos a considerar para dito Orzamento. A súa redacción resulta absolutamente xenérica e sen ningunha concreción, xustificación e explicación sólida e fundamentada, en especial no que atinxe as cantidades estimadas de ingresos e a súas variacións respecto de exercicios precedentes e, sobre todo, nas implicacións para os traballadores que tería á forte redución no capítulo I con respecto ao ano pasado. A continuación expoñemos as razóns principais nas que baseamos a nosa petición de retirada do texto.

1) Falta de fundamentación dos ingresos e opacidade sobre o plan de financiamento e peche de exercicio.

a) A falla de fundamentación é especialmente preocupante no que a estimación de ingresos se refire. A pesares de que para o ano 2013 o Plan de Financiamento do SUG presenta novidades importantes na contía dos fondos a repartir e nos criterios de reparto –ao contemplarse un transvase cara fondos de reparto competitivo por resultados-, as estimacións previstas nas Liñas Xerais son as mesmas que no exercicio anterior e polos mesmos conceptos. Resulta significativo, neste senso, como na proposta de Liñas Xerais presentadas polo equipo de goberno para o Claustro do pasado día 19 de decembro se indicaba de forma separada (pax. 20) que o financiamento por resultados se estimaba en 7,6 M€ e agora non se desagrega dita cantidade e se integra conxuntamente co financiamento estrutural (pax.21 do documento presentado).
Lembremos neste senso que para o ano 2013 increméntanse considerablemente os fondos ligados a resultados en detrimento dos fondos estruturais. Como nas propias Liñas se recolle (páxinas 8 e 9), no conxunto do SUG son 40 M€ menos en fondos estruturais e 18,45 M€ máis en fondos por resultados, pero esta evolución non ten o seu traslado aos conceptos e contías da previsión de ingresos da páxina 21, que mantén cantidades e conceptos case idénticas ás dos dous primeiros anos do Plan recollidas nas propostas de Orzamentos anteriores.
Pero a nosa crítica esténdese tamén ao feito de que se agochan os datos sobre as achegas que polos distintos conceptos supuxo para a USC o Plan de Financiamento nos últimos exercicios (2011,2012) e unha comparativa co total de recursos achegados á USC en anos anteriores polos planos de financiamento vixentes.
Consideramos imprescindible que nas Liñas Xerais do Orzamento para o ano 2013 figure a realidade do que supón o Plan de Financiamento para a nosa Universidade para así podela trasladar tamén á Comunidade Universitaria e á sociedade. Pero moito nos tememos que os criterios de reparto aceptados polo actual goberno da USC para o actual Plan, en contra do mandato dado por este mesmo Claustro nas emendas as Liñas Xerais do exercicio 2011, prexudiquen gravemente á USC, e supoñan unha minoración de fondos.
Desgraciadamente, o Plan de Financiamento do SUG, ademais de non recoller contías de recursos suficientes para SUG, como de forma reiterada temos explicado e documentado, contempla uns criterios de reparto –apoiados polo actual goberno-,que non teñen en conta o peso relativo de cada universidade dentro do SUG e que farán que a USC cada ano reciba menos cartos Estas Liñas Xerais parecen querer agochar esa realidade ao non xustificar as previsións de ingresos desagregadas no Plan.
b) Aínda que de menos entidade, temos o seguinte detalle tamén significativo sobre a falta de rigor na estimación dos ingresos: en decembro afirmaban vostedes que se producira un descenso na recadación por prezos públicos (matrículas) de 0,79€. Agora esa diminución cífrana en 1,35 M€.
c) Despois de esperar ata mediados de marzo de 2013 non se entende que non se dispoña dun avance do peche do exercicio económico 2012, que axudaría a trazar estas liñas xerais do orzamento con maior rigor e coñecemento real da situación. Esta é unha mostra máis da intención de agochar a verdadeira situación financeira da USC e o que está a supor para a mesma o actual Plan de Financiamento.

2) As liñas presentadas seguen ignorando a realidade da redución das achegas para gastos de persoal e non definen actuacións e obxectivos fundamentais no presente exercicio.

A emenda a totalidade presentada por estes claustrais as liñas xerais levadas ao claustro de decembro, criticaba aquelas liñas por terse elaborado sen coñecer o avance dos orzamentos da Comunidade Autónoma, o que puña en dúbida a credibilidade das cifras de ingresos que se nos achegaron. Alertabamos de que a redución do 0,67% sobre o orzamento prorrogado de 2011 podía quedarse curta e terse que revisar todo a baixa. O tempo e as circunstancias viñeron a darnos a razón, pois as súas previsións de ingresos en decembro eran nada menos que 7,1 M€ superior a que fan agora e a redución con respecto ao presuposto prorrogado pasou do 0,67% ao 3,77%. As súas previsións eran totalmente erradas e poñen en causa as intencións e a capacidade deste equipo reitoral para a xestión dos nosos recursos.
Pero, isto é aínda mais grave: esa diminución trasládase integramente ao gasto de persoal, que pasa de ser orzamentado (en decembro) en 151,19 M€ a 143,95 M€. A xustificación do equipo reitoral é unha obviedade: esta redución ven obrigada pola Lei de orzamentos promovida pola Xunta de Galicia, que nos impón un límite da masa salarial de 127,77M€ fronte aos 135.07 M€ do ano 2012. Ou sexa, unha redución do 5.4% da masa salarial, equivalente a 7,29 M€. Pero o Reitor e o seu equipo económico parecen pensar que o seu traballo acabouse aquí: dar fe desta redución e adaptar as táboas e porcentaxes do documento de decembro á nova realidade, sen ningunha explicación máis.
Debería responder a preguntas como as seguintes: Como pensa reducir eses 7,2 millóns de euros en persoal? Fálase de actuar sobre os complementos do PDI, pero, canto supoñen de aforro?, canto vai reducir pola non cobertura de prazas vacantes por xubilación? ¿haberá xubilacións anticipadas de PAS e de PDI? ¿qué actuacións contempla? ¿Qué ocorre coas prazas xa creadas ou comprometidas en Consello de Goberno?
Estas propostas son imprescindibles nunhas liñas xerais de orzamentos e vostedes as ignoran por completo, escudándose nun falso victimismo e dando, mostra, unha vez máis, da súa incapacidade para xestionar esta situación.
O reitor e o seu equipo non poden botarlle á crise toda a culpa do que pasa, como se foran meros espectadores da realidade; porque están aí para xestionar a USC da mellor forma posible, aínda nas peores condicións. É importante tratar de convencer e pedir o que nos corresponde, pero a USC tamén ten que tomar medidas propias para facer fronte a situación. Toda a sociedade está facendo cambios estruturais de importancia pero, que fai a USC?. A súa pasividade, a súa falta de decisión e firmeza, a súa xestión de curto percorrido está facendo moito dano a nosa institución.

3) As propostas de gastos en diversas actuacións son demasiado vagas e sen xustificación

Tamén no que atinxe aos gastos e aos obxectivos propostos para os mesmos, as liñas xerais recollen unha serie de xeneralidades, en varias ocasións de forma reiterada e de redacción confusa, que nin tan sequera permiten realizar unha análise axeitada para poder concluír sobre a súa adecuación ás necesidades da USC:
a)    Fálase de diversas actuacións (a maioría delas nin tan sequera son mencionadas no plan de actuacións 2013-2014 que tamén se leva ao claustro) pero non se da ningún detalle sobre a asignación de recursos. Citamos algúns exemplos: Campus Vida (páx. 14), Escola de Doutoramento Internacional (páx. 14), II Plan de Igualdade de Xénero (páx. 15), Proxecto “USC en transición” (páx. 15),...
b)    Os descensos propostos con respecto a 2011 no Capítulo II –case todos por enriba do 15%- poñen en dúbida a posibilidade dun funcionamento mínimo da institución, en canto a instalacións e subministracións, que permita o cumprimento da nosa misión en docencia e investigación (páx. 27).

4) Este equipo de goberno xa non está en condicións de elaborar unhas liñas xerais de orzamento.

A situación actual esixe redobrar os esforzos para trasladar aos poderes políticos e a sociedade en xeral que unha institución como a USC, capital na docencia e na investigación da Comunidade Autónoma, non pode seguir perdendo recursos. Tamén ten que adaptarse a situación que estamos a vivir e tomar medidas que aumenten a nosa eficiencia e afecten o menos posible ás funcións básicas da universidade. De continuar por este camiño, seguiremos a perder competitividade, oportunidades fundamentais e a esmorecer cada vez máis, despois dos logros acadados en anos anteriores.
A actuación do goberno da USC xenera enormes dúbidas de que poida facer esta tarefa con convicción e criterio. Estas liñas xerais do orzamento 2013 son unha clara mostra de falta de ideas e iniciativa. Ocupado en taponar as vías de auga que se lle abriron no barco á deriva no que se converteu á USC, este equipo non está en condicións de deseñar nin de aplicar as medidas de urxencia que se necesitan para poñer de novo á USC na senda do recoñecemento e prestixio que viña ocupando nos últimos anos.