lunes, 24 de febrero de 2014

Enmenda á totalidade as Liñas Xerais do orzamento para o ano 2014

O aspecto máis salientable das Liñas Xerais do Orzamento para o ano 2014 é precisamente todo o que o Equipo de goberno da USC trata de agochar e non recolle no documento entregado. Nun intento de ocultar información á Comunidade Universitaria e de confundir á mesma non se explicita o resultado do Actual Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego para a USC.
No documento entregado, e a pesares de dedicarlle 10 páxinas a describir o Plan de Financiamento –repetición literal de propostas de Liñas Xerais anteriores- así como outras tres páxinas á situación financeira da USC, non se referencia de forma clara e concisa o que supón de ingresos para a USC a aplicación do actual Plan de Financiamento. Tan só na páxina 22 do documento –última liña-, recollese “Financiamento estrutural e por resultados, por 122,15 millóns de euros”.
Consideramos que esta falta de información é un intento máis de desviar a atención sobre as verdadeiras causas da situación económica actual da USC. É por elo que, a pesares de que pedimos a retirada destas Liñas Xerais, vemonos na obriga de recoller nesta enmenda a información sobre o resultado para a USC da aplicación do actual Plan de Financiamento do SUG. Utilizamos para elo os propios datos achegados pola Vicerreitora de Economía no Claustro de decembro de 2013.

O cadro resumo, ao que se engade tamén a comparativa coa realidade do anterior Plan de Financiamento no ano 2010 é o seguinte 


Queda claro das cifras recollidas no cadro anterior que esta universidade resultou extremadamente prexudicada polo actual Plan de Financiamento que o equipo de goberno da USC negociou e asinou.
As cantidades globais do mesmo, que sí aparecen no documento de Liñas Xerais –páxina 9- son claramente insuficientes para o SUG, pero o grave é que esta universidade perde peso relativo e cada vez recibe menos recursos en beneficio das outras dúas universidades galegas, que si poideron presentar e aprobar os orzamentos en tempo e forma, sen os problemas cos que se atopa agora a USC.
Os recursos achegados á USC polo actual Plan de financiamento diminúen moi considerablemente respecto de anos anteriores.
No ano 2013 se teñen ingresado 9.140.000 Euros menos da Comunidade Autónoma no marco do Plan de financiamento que no ano 2011. Para o ano 2014 orzamentanse os mesmos ingresos por subvención fixa e por resultados que os acadados no ano 2013, a pesares de incrementarse o total de recursos do Plan en 3 millóns de euros –páxina 9-, incremento que, polo que se ve, levanse en exclusiva as outras dúas universidades.
A situación aínda é mais grave se comparamos  os ingresos actuais cos do último ano do Plan anterior, o ano 2010. A USC ten recibido no ano 2013 un total de 15,8 millóns de euros menos que no ano 2010, situación que se mantén tamén no ano 2014 segundo as provisións do equipo de Goberno. Somente con manter a situación do ano 2010, a USC nestes catro anos tería ingresado 51,6 millóns de euros mais.
E de manter a situación do primeiro ano do actual Plan de Financiamento, ano 2011, a USC tería ingresado a maiores nestes tres anos a cantidade de 26,4 millóns de euros.
Todo o anterior reflicte, como xa temos exposto en anteriores claustros, a incapacidade desde equipo, primeiro para lograr un Plan de Financiamento con recursos suficentes para o SUG en xeral e para a USC en particular, e segundo, a incapacidade para manter, cando menos, o peso relativo da USC dentro do SUG.
A perda de peso relativo está directamente relacionada cos criterios de reparto dos fondos ligados a resultados, que incrementaron o seu montante global nos anos 2013 e 2014 en detrimento do financiamento estrutural. Estes fondos repartense segundo uns criterios moi perxudiciais para a USC, como se explicou claramente na enmenda presentada por +IDEAS e aprobada por este Claustro en decembro de 2010. En dita enmenda explicabase que os criterios que naquel entón estaban en discusión non contemplaban o peso relativo das universidades, recibindo o mesmo as universidades cos mesmos resultados con independencia do seu tamaño. A este Claustro gustaríalle saber qué defensa se fixo do mandato deste Claustro coa enmenda aprobada, pois nas actas do Consello Galego de Universidades do ano 2011 no que se aproban estes criterios non consta referencia algunha desta Universidade ao respecto.
O resumo de todo o anterior é unha importante perda de peso relativo da USC no reparto duns fondos xa de por si claramente insuficientes.
So de ter sido quén de manter as achegas, xa non do anterior Plan de Financiamento, senón do resultado da aplicación no primeiro ano do Actual Plan, a situación da USC e os orzamentos que agora estaríamos a analizar seria radicalmente distinta. É por todo elo que este Equipo de Goberno non pode seguirse escudando na herdanza recibida para xustificar a súa incapacidade, facendo referencia reiterada a situación de endebedamento. Queda claro que os compromisos de débeda da USC poderían ser cubertos con creces –incluso con amortizacións anticipadas como se pode ver analizando as cifras do cadro- se se mantivese o peso relativo da USC no reparto dos recursos do SUG, xa non digamos se ademais se tivese logrado manter a situación do ano 2010.
O peor de todo é que esta renuncia por parte do Equipo de Goberno a reivindicar e acadar os recursos que lle corresponden a USC polas súas necesidades e posición no SUG, consolida unha situación de financiamento entre as tres universidades galegas á que vai ser moi difícil dar a volta no futuro próximo, hipotecando con elo o futuro da nosa universidade.
Esta realidade resulta aínda máis grave se temos en conta que neste período de goberno a USC ten renunciado a por en marcha proxecto novo algún que permita seguir avanzando, ou cando menos mantendo a posición que mantiñamos dentro do SUG e dentro do sistema universitario español
Feita esta primeira valoración global das Liñas Xerais, da que se pode concluír claramente cal é a realidade económica e orzamentaria da USC para este ano 2014, se entramos na análise dos ingresos e gastos, sen necesidade de afondar demasiado observase claramente que as cifras “están cadradas a machada” para poder igualar ingresos e gastos, sen que exista realmente un proxecto orzamentario ligado a obxectivos, fundamentado e viable. Sirvan como exemplos o feito de recoller como ingresos 2,78 millóns de euros por litixios pendentes dentro do capítulo III, cando este recoñecemento debe facerse con sentenza firme –qué pasa se a sentenza se demora máis aló do 2014, ou o que sería peor se a sentenza é contraria á USC, como se cadraría entón o orzamento?-, ou o feito de solicitar aprazar un ano a devolución de anticipos reembolsables por importe de 3,4 millóns de euros –dise que se ten solicitado, esta xa concedido o aprazamento?, cómo se afrontaría no ano 2015 a devolución desta cantidade do 2014 máis a do 2015, cando parece que nada vai mudar no actual Plan de Financiamento para a USC?-
En resumo, estas Liñas Xerais non son máis que o reflexo no papel, aínda que agochando información para que non quede tan explícito, da xestión deste equipo de goberno nestes tres anos e medio. Xestión que vai máis aló do económico, e que se pode resumir de renuncia a loitar por manter o proxecto da USC como unha universidade con futuro.



No hay comentarios:

Publicar un comentario