jueves, 1 de noviembre de 2012

RESEÑA E VALORACIÓN DO CONSELLO DE GOBERNO DO DÍA 26 DE OUTUBRO DE 2012

Informes do reitor

  • Prazas de PDI (inclúe o punto 4 da orde do dia) . O reitor informa de que se está a negociar coas Consellerías de Facenda e de Educación a autorización da convocatoria das prazas aprobadas nos CG do mes de xullo, setembro e outubro. +IDEAS elaborou o seguinte cadro informativo para que os nosos lectores non perdan a pista das prazas. 
 

Consello de Goberno do 20/07/2012

  • 19 ASO LOU (Asociados LOU) e 21 PACS (Profesores asociados de Ciencias da Saúde). Motivo: transformación Asociados LRU e cobertura de vacantes. Algunhas destas prazas foron convocadas nos concursos 6001/12-13 a 6024/12-13 (R.R. do 28/09/2012).
  • 17 AXU-DR (Axudantes doutores). Motivo: transformación Asociados LRU. En caso de que os asociados non estiveran acreditados para AXU-DR, cubríanas interinamente de forma directa. Destas prazas só foi convocada unha no concurso 5034/12-13 (R.R. do 21/09/2012), suspendida cautelarmente por R.R. do 26/10/2012.
  • 41 CDR (Contratados doutores). Un total de 33 destas prazas foron convocadas nos concursos 5001/12-13 a 5033/12-13 por R.R. do 21/09/2012 e agora suspendidas cautelarmente por R.R. do 26/10/2012. A continuación resumimos os motivos da creación e o número de prazas xa convocadas para cada un deles nos referidos concursos. 
    • Transformación de Asociados LRU con tese de doutoramento antes do 31 de xullo de 2012, con cobertura interina directa en tanto non se tivese a acreditación para CDR. Convocadas: 9. 
    • Transformación  de interinos de sustitución en áreas deficitarias con acreditación. Convocadas: 4. 
    • Promoción de AXU-DR acreditados recollida no Convenio Colectivo. Convocadas: 14. 
    • Estabilización de investigadores con Starting Grant con finalización de contrato. Convocadas: 2. 
    • Estabilización de investigadores RyC de 2007 que finalizan contrato en 2012. Convocadas: 4. 

Consello de Goberno do 28/09/2012.

  • 13 CDR. Motivo: Estabilización de investigadores IPP do 2006  avaliados positivamente pola ANEP en cumprimento do acordo do CG de 23/03/2012. Estas prazas non foron convocadas ata o momento.

Consello de Goberno do 26/10/2012. 

  • 8 CDR: Motivo: Estabilización de investigadores IPP do 2007 (6 prazas) e do 2006 (2 prazas para investigadores reclamantes da avaliación inicial). Obviamente, estas prazas tampouco foron convocadas.

O reitor informa das dificultades que están atopando nas negociacións coas Consellerías de Facenda e Educación en relación a aplicación da normativa actual en materia de reposición de vacantes e da non superación da masa salarial. Ante as reiteradas preguntas de J. Viaño e  A. García, o reitor afirma textualmente: “eu entendo que as prazas dos investigadores IPP e RyC xa non teñen problema”.  A postura da USC nas negociacións (ao parecer pactada coas outras 2 universidades de Galicia)  é a de loitar por todas as prazas, sempre que non se sobrepase o límite da masa salarial. Sobre este tema, no punto 4 das prazas aprobadas hoxe, a Vicerreitoría de Titulacións e PDI entregou un informe do custe económico das prazas que se aprobaron, acompañado dunha certificación da xerencia de que se dispón dos fondos necesarios no capitulo I para facerlles  fronte. 
J. Viaño (+IDEAS) amosa o seu acordo nos termos da negociación coa Xunta pero criticou que esta negociación non se tivera feito antes de ter dado tantos pasos e sen saber se finalmente estas prazas sairán a concurso, cos prexuízos e desazóns que está provocando aos afectados. “A decisión deste equipo de no cumprir o compromiso cos investigadores IPP e RyC levou a unha loita dun ano enteiro e a perda de tempo e recursos para comprobar o que todos xa sabiamos, que todos os investigadores reunían méritos sobrados para ser estabilizados segundo  establecían as súas convocatorias.  A consecuencia desta nefasta  xestión é que neste  momento, despois duna ano da finalización dos seus contratos, as súas prazas aínda non foron convocadas publicamente. Ademais, de forma premeditada o equipo reitoral está facendo colisionar os intereses dos distintos colectivos de profesores que aspiran a súa promoción e estabilización…”.
J. Viaño tamén preguntou expresamente á xerente se a súa certificación de dispoñibilidade de recursos implicaba que non se sobrepasaba a masa salarial e se existía algún outro requisito que impedira a convocatoria das prazas. A súa resposta foi que en efecto se respectaba o límite da masa salarial e que dende o punto de vista orzamentario ela non vía ningún motivo que impedira a convocatoria.
O reitor informou que, no caso de non seren autorizadas todas as prazas, faría un CG extraordinario para tratar o tema, e faría todo o posible para que todos os contratados non perderan a súa vinculación coa universidade.

Reflexión de +IDEAS: No momento de redactar esta reseña, o luns día 29 de outubro foi distribuída a toda comunidade universitaria unha copia da Resolución Reitoral que suspende cautelarmente a convocatoria das prazas feita por RR do día 21 de setembro (33 prazas de CDR e 1 de AXU-DR dos concursos 5001/12-13 a 5034/12-13) que inclúe as transformacións de ASO LRU e a estabilización dos investigadores RyC de 2007. A RR de suspensión está asinada o día 26 de setembro, isto é o mesmo día do Consello. A pesares da insistencia de varios membros do Consello en saber en que punto estaban as negociacións coa Xunta,  o reitor e a vicerreitora de PDI ocultáronlle ao CG os termos do escrito recibido o día anterior ao Consello,  da Dirección Xeral de Orzamentos da Consellería de Facenda  (aínda hoxe non foi dado a coñecer)  e ocultaron que  xa tiñan tomado a decisión da suspensión cautelar, asegurando que as negociacións continuarían esta semana.
Cando no mes de xullo se crearon as prazas agora suspendidas, +IDEAS alertou ao equipo reitoral da necesidade de explicar moi ben á Xunta e aos medios de comunicación á necesidade de convocar estas prazas e de convencelos de que non se sobrepasaba o límite da masa salarial imposto polas normas de control do déficit.  Reproducimos aquí unha pequena parte da intervención de J. Viaño naquel CG: “nun momento económico tan difícil  como o actual, esta é unha decisión de gran transcendencia, que pode condicionar o futuro doutras prazas e doutras persoas, que mesmo para algunhas  pode significar "perder o último tren". Por iso, temos que ter moi claro o que estamos a decidir e coidar as mensaxes que estamos mandando á sociedade e a outros colectivos afectados. …..  Se non se explica moi ben que se trata de prazas de transformación e de estabilización de investigadores que xa son traballadores da universidade, que non saímos dos límites da masa salarial, podemos ser tachados de irresponsables e mesmo provocar na Xunta unha reacción como a do Ministerio fronte a convocatoria de prazas de titulares. ¿Qué garantías temos de que a Xunta non vai presentar recurso por pasar dos límites da masa salarial …?---¿Tense negociado coa Xunta estes extremos …?.
Tres meses máis tarde, a situación non pode ser máis desesperante: todas as prazas dos investigadores IPP do anos 2006 e 2007 están creadas en CG pero sen convocar. As prazas de transformación dos asociados LRU e investigadores RyC 2007 e as de promoción de axudantes doutore a contratados doutores suspendidas cautelarmente. A convocatoria das prazas de promoción de CDR a TU definitivamente anulada. É difícil atopar un calificativo para unha actuación tan errática da Vicerreitoría de PDI: dous anos de xestión absolutamente perdidos, dous anos de enfrontamentos entre áreas e colectivos, negociacións in extremis, avaliacións por duplicado, bandazos e malentendidos, sufrimentos e ultimátums, consellos de Goberno extraordinarios, …. ¿e todo isto para qué?.  A Sra.  Vicerreitora de Titulacións e PDI debe asumir as súas responsabilidades e dar unha explicación á comunidade universitaria.
  • CRUE. O reitor informa de que a CRUE remitiu un escrito ao Ministro de Educación reclamando a inclusión dun punto no vindeiro "Consejo de Universidades" no que se reclame que, sen renunciar a solidariedade necesaria neste tempo de crise, nas universidades se aplique o límite da taxa de reposición do 10% dun xeito distinto ao do resto da administración pública, permitindo unha interpretación en termos de masa salarial e non en termos do número de efectivos, que pode levar a paralización das universidades porque impide o acceso e a promoción  de todos os acreditados. 
  • Grao en Xestión de Pequenas e Medianas Empresas. O 25 de setembro recibiuse informe negativo da ANECA. O dia 2 de outubro remitiuse de novo a ACSUG con todas as alegacións da USC. 
  • Claustro.  Interrogado por A Pérez Casas, o reitor informa da súa previsión de celebrar este ano unha nova sesión do Claustro para aprobar a programación plurianual e orzamentos para o 2013.

Informes das vicerreitorías
  • Investigación. Informa da resolución das convocatorias de axudas predoutorais e da convocatoria dos RyC, JdeC, Torres Quevedo e Persoal Técnico de Apoio.  
  • Titulacións e PDI. 
  • Complementos retributivos autonómicos. A Vicerreitora informa de que os tres reitores do SUG decidiron anular as ordes de pago dos sexenios de investigación  e complementos retributivos autonómicos, en tanto a Consellería non teña feito as transferencias previstas no  vixente Plan de Financiamento do SUG  por este concepto. Nota: Na reseña do CG do pasado 28 de setembro  informabamos, erroneamente, que a Xunta xa tiña feito esas transferencias. Parece que o que pasou foi que a Consellería de Educación solicitou das universidades a preceptiva certificación, pero aínda faltaba a conformidade da Consellería de Facenda.
  • Criterios de excelencia para másteres oficiais. Dende a CASUE (Comisión Académica da CRUE) se remiten suxestións ao Ministerio sobre o borrador dos criterios de excelencia para másteres oficiais que foi recentemente coñecido e distribuído a centros e coordinadores. En concreto, se fai referencia ao número de alumnos,  solicitando que non sexan os mesmos números para másteres investigadores e profesionalizantes (40 alumnos en interuniversitarios con un mínimo de 15 alumnos por universidade e 25 alumnos no caso dunha sola universidade)   e que se flexibilice o criterio de terse impartido 3 anos consecutivos.
  • Másteres 2012-13. A Vicerreitora informa das negociacións coa Consellería sobre a autorización dos 15 másteres que non reunían os requisito do Decreto 222/2011. A Xunta aceptou diversos criterios de oportunidade (másteres en proceso de reorganización, contar alumnos de intercambio, titulacións singulares,….) de maneira que tan só cinco másteres non foron autorizados (Dereito Privado, Dereito das Administracións Públicas, Industrias Leiteiras, Técnicas Veterinarias.
  • Secretaria Xeral. Informa, entre outros temas, da incoporacion ao Consello de Goberno dos novos representantes de Decanos e Directores de Centro: Juan Monterroso (Xeografía e Historia), Juan Ares (RR. LL.), Ramón Estévez (Químicas), Luis Gago (ADE Lugo), Antonia Gigirey (Óptica), Luis Soto (Filosofía).

Prazas de PDI

Apróbanse ás 8 prazas de CDR para estabilización de 2 investigadores IPP do ano 2006 e 6 do ano 2007 que alcanzaron as puntuacións requiridas na avaliación efectuada pola ANEP (algunhas delas despois de seren reclamadas). Para mais información consúltese o primeiro apartado de informes do reitor-

Aprobación de propostas de másteres para o curso 2013-14.

 Apróbanse as propostas dos seguintes másteres (condicionadas as correccións propostas nos informes dos SXOPRA e da Comisión de TItulacións): Estudos da Literatura e da Cultura; Estudos Ingleses Avanzados; Matemática Industrial; Monarquía de España; Psicoloxía da Saúde e  Química Orgánica.

Escola de Doutoramento

Volve a CG a proposta da Vicerreitoría de Titulacións e PDI para creación da Escola de Doutoramento Internacional da USC a que se adscribirían   todos os  programas de doutoramento da USC, calquera que sexa o seu ámbito, incluídos os adscritos actualmente a Escola de Doutoramento de Ciencias e Técnicas Biomédicas (EDCTB) creada en 2010, que desaparecería. Esta proposta culmina a reestruturación do Centro de Posgrao (CPG) e do Regulamento de Doutoramento aprobados no CG do 25 de xuño (no que foi retirado o punto que hoxe volve).
A proposta da Vicerreitoría foi defendida polo director do CPG (Jesús López Romalde) e pola directora da Escola de Doutoramento (Isabel Rodríguez-Moldes Rey), insistindo nos argumentos dunha sola escola –por exemplo, dicindo que se mellorarían as ratios de calidade- e mostrando que varias universidades españolas xa se decantaran por este modelo de escola única.
A proposta (a mesma que a de xuño) atopou a oposición de distintos membros do Consello de Goberno. En particular, J. Viaño (+IDEAS) e R. Estévez (+IDEAS) defenderon un modelo de varias escolas, unha por cada gran ámbito, semellante ao modelo francés, que permite visualizar os ámbitos nos que somos máis fortes e facilita a mellora dos parámetros de calidade. Insistiron tamén no retroceso que supón disolver a Escola de Ciencias e Técnicas Biomédicas, vinculada ao Campus de Excelencia Internacional (Campus Vida). J. Viaño propuxo como alternativa crear a Escola Internacional que se propón pero conservando a Escola xa existente.
Pola súa banda, I. Rodríguez e X. C. Carreira pediron que o tema quedara sobre a mesa para volver a ser discutido. A vicerreitora e o reitor non accederon esgrimindo que é necesario ter adscritos os programas de doutoramento antes do 14 de novembro.

Reflexión de +IDEAS: En dous anos este equipo non foi quen de rexistrar no RUCT a EDCTB creada en 2010 (antes do RD de Doutoramento) como apoio fundamental do Campus Vida….porque xa tiñan pensado eliminala. Agora culminan o traballo  e,  unha vez máis amosan o seu afán en agochar todos os referentes que  a USC foi creando nos últimos anos. A agregación “global” de todos os programas nunha sola Escola, non consegue as sinerxias e potencialidades que si se teñen coa agrupación “parcial” por grandes ámbitos e tampouco contribúe a mellorar  os parámetros relativos de calidade (aínda que si os absolutos). En todo caso, estaba xustificado experimentar un tempo con dúas escolas. A unificación sempre sería posible no futuro se a experiencia así o aconsellara.

Outros puntos de interese

  • Foi aprobado o Regulamento de Intercambios que revisa e unifica as normas sobre intercambio de estudantes e recoñecemento de estudos.
  • Proponse para este curso o nomeamento como Doutores Honoris Causa os seguintes (decididos entre 10 posibles): Antonio Bonet Correa (Historia da Arte), Luis Díez-Picazo y Ponce de León (CC. Xurídicas), Gatze Lettinga (Enxeñaría). Tivéronse en conta as grandes áreas, pero non os solicitados neste ano 2012 nin os que foron propostos por un profesor que xa non está en activo. Descartáronse a J. Delors (por motivos de axenda) e Lula da Silva (saúde)
  • Renovación da Comisión de Resolución de Conflitos: Diego Cabello (CC. Exp.), Mª Dolores Domínguez (CC. Saúde), Xosé A. Freire (PAS Santiago), Elvira López Mosquera (Enxeñaría), Fernando López Alsina (Humanidades), Asunción Pérez Pérez (PAS Lugo), Rita Rald (CC. Sociais).

Rogos e Preguntas

A relación non é completa polo que pedimos desculpas aos autores das intervencións que non se recollen.
  • Estudantes: Piden que se recollan os errores e disfuncións postos de manifesto na aplicación da Normativa de Permanencia para corrixilos nas futuras versións.
  • Prof. A. Montes: Pide mais rigor nas recentes instrucións de limitación no pago de dietas e gastos de viaxe para membros dos tribunais de teses. Tamén pide que se axilice a cobertura de prazas vacantes de PACS (que son revisadas polo SERGAS).
  • J. Ares: Critica o mal estado de conservación e funcionamento dos parkings das distintas facultades e centros. Tamén se refire aos cambios de criterios nalgunhas normas de matrícula e recoñecemento de créditos para estudantes que cambian aos graos.
  • J.Viaño: Pregunta pola situación definitiva das prazas de titulares que foron anuladas unha vez rexeitados os argumentos enviados a Dirección General de Presupuestos. Resposta o Reitor dicindo que esas prazas están definitivamente anuladas e aínda que algúns departamentos fixeron alegacións no senso de conservar o status quo dos asinantes (lista que nunca foi publicada), xa se lles devolveron as taxas.
  • +IDEAS: Outro episodio máis de ineficacia e falta de previsión nas xestións deste equipo…
  • J. Viaño: No punto 9 da orde dia preguntou a Vicerreitora de Economía e Infraestruturas polas xestións feitas coa empresa Tórculo S.A. sobre o cese ou continuación da actividade da empresa Unidixital S.A. que, de non prorrogarse, remata o vindeiro  31 de decembro. A vicerreitora informa que se está recadando toda a información,  incluída unha valoración externa dos custes da  liquidación da empresa e despido dos traballadores. O dossier completo será entregado ao reitor para a toma da decisión final que será sometida ao Consello de Administración de Unixest.

No hay comentarios:

Publicar un comentario