viernes, 23 de marzo de 2012

Valoración do documento sobre criterios de plantilla


Valoración de +IDEAS sobre o documento titulado

"Criterios para a determinación das necesidades docentes estruturais do cadro de persoal docente e investigador da universidade de Santiago de Compostela"
(Consello de Goberno do día 23 /03/2012)


+IDEAS quere amosar a súa crítica xeral ao documento presentado polo equipo de goberno da USC ao CG do 23/03/2012 e que se atribúe o obxectivo de "obter unha estimación do cadro de persoal que deberán ter as áreas de coñecemento" e que, en consecuencia, pode condicionar de xeito importante a política universitaria nos vindeiros anos.

Lamentablemente o documento non está a altura das necesidades e das circunstancias da nosa Universidade no momento crucial que estamos a vivir. O propio título do documento, a súa estrutura e as ideas que o inspiran traducen unha visión moi reducionista da universidade, dando unha preponderancia case exclusiva a función docente e deixando sen capacidade de asignar recursos ás funciones de investigación e de transferencia que forman parte da actividade universitaria.

É obvio que o documento só trata de atender, de modo equivocado na nosa opinión, ao que usualmente denominamos "labores docentes". O resto das funcións que a sociedade nos demanda quedan absolutamente desatendidas. Esta forma de proceder é non só descorazonadora, senón perversa, xa que conduce a unha universidade que non pode sobrevivir no entorno social actual.

Non está de máis lembrar que a dotación dunha institución, especialmente se é de carácter público, débese establecer de maneira que optimice os recursos económicos e humanos que a sociedade pon á súa disposición para poder cumprir as súas funcións. As funcións das universidades están establecidas na lexislación e inclúen: a investigación, a docencia e o estudio, a creación, desenvolvemento e crítica da ciencia, da técnica e da cultura, preparación para o exercicio de actividades profesionais, a difusión, a valorización e a transferencia do coñecemento ó servizo da cultura, da calidade da vida, e do desenvolvemento económico.

Polo tanto, o que se chama no documento "cadro de persoal de referencia" constituiría como moito un cadro de necesidades docentes, totalmente esaxeradas en contraposición á plantilla eficiente de PDI que recolle a Lei 6/2001 de universidades e Lei 4/2007.

O documento parte da idea simplista de calcular as necesidades docentes en base a definir, sen argumentos xustificativos, materias tipo e tamaños dos grupos de docencia que non teñen en conta as distintas realidades dos nosos centros nin as distintas necesidades e especificidades dos plans de estudos nas grandes áreas de coñecemento. Esto pode xerar necesidades de profesorado difíciles de explicar e imposibles de asumir no actual contexto de crise.

Ademáis, a introdución de coeficientes correctores da carga docente en función do número de alumnos sobredimensiona este aspecto fronte ao esforzo investigador, de xeito que este último se valora menos que un pequeno incremento no número de alumnos. Resulta tamén inexplicable que, nun momento de crise económica, se rebaixen sen motivo as obrigas docentes legais dalgunhas figuras de profesorado independentemente de se investigan ou non.

O documento establece certos criterios para conceder, ás áreas de coñecemento que demostren a súa excelencia investigadora, un lixeiro incremento do seu equipo "docente". Pero se establece unha valoración extremadamente baixa, inxusta e inaceptable do potencial e calidade dá investigación realizada na USC -non se pode cualificar doutro xeito que a investigación se valore como máximo no 10% da dedicación docente, cun tope de 480 horas (2 profesores)-.

Todo isto conduce a unha universidade incapaz de dar resposta ás demandas investigadoras e de transferencia que a nosa sociedade require e que irán incrementándose no futuro. En efecto, a sociedade, e mais en tempos de crise, só entenderá un financiamento da estrutura de educación-investigación na medida en que teña retornos tanxibles nun prazo curto. Eses retornos non son posibles dende unha concepción tan pobre e tan anticuada, que coloca a investigación como unha actividade marxinal do profesorado universitario.

Son moitas as solucións con que as universidades europeas, incluídas unha gran parte das españolas, teñen afrontado esta situación nos últimos anos, dependendo do marco que os poderes públicos proporcionen. Solucións que van dende a creación de institutos de investigación con personalidade xurídica propia integrados, en parte, por persoal pertencente a diferentes universidades, ata o establecemento de equipos especificamente investigadores a través de programas estatais ou autonómicos. Tamén pode optarse pola intensificación dos labores investigadores ou docentes segundo criterios establecidos polas propias universidades, intensificación de labores investigadores mediante diminución das docentes para determinados profesores seleccionados con criterios de gasto eficiente ou a regulación da figura de asistente de clases prácticas adaptada aos estudantes de doutoramento.

En contraposición, os cálculos cara a galería de necesidades docentes que propugna o documento do equipo de goberno serán de moi pouca utilidade, crearán confusión, falsas expectativas e enfrontamentos entre áreas. Xustamente o que menos precisa a USC na delicada situación coxuntural que está a vivir.

Por iso entendemos que a retirada deste documento parece agora a mellor opción, para dar oportunidade de abordar esta problemática con outras miras máis acordes coas necesidades e obxectivos da USC actual e de futuro. +IDEAS manifesta unha vez máis a súa preocupación por esta situación e a súa disposición para aunar esforzos e non a confrontar.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2012.