miércoles, 27 de junio de 2012

BREVE RESEÑA E VALORACIÓN DO CONSELLO DE GOBERNO DO DÍA 25 DE XUÑO DE 2O12

  1. Memoria Económica 2011
  2. Regulamento do Centro de Linguas Modernas
  3. Retirada de másteres para o curso 2012-13
  4. Másteres de Enxeñaría de Montes e de Enxeñaría Agronómica 
  5. Regulamento de Estudos de Doutoramento - Modificación da normativa do Centro de Posgrao (CPG) -Transformación da Escola de Doutoramento de Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías da Saúde na  Escola de Doutoramento Internacional da USC.

Memoria Económica 2011
Aprobouse a memoria económica do ano 2011 con 25 votos a favor e 8 abstencións. As intervencións de J Viaño, L Fernández, E González e LM Varela puxeron de manifesto a crítica situación que se nos aveciña con 23,6 M€ de déficit nas contas de 2011, cunha baixada enorme na captación de recursos (13,7%) especialmente grave na prestación de servizos (un 39%) e nas transferencias de capital (un 25%) con especial incidencia nas partidas de investigación. J Viaño puxo de manifesto que a pesares de reducir os gastos en 13 M€ millóns, a pesares de ingresos adicionais extras por lo IVE de 2001-2004 de 5,6 M€ (non recoñecidos en exercicios anteriores) e de reter os remanentes de 2009 e 2010  ceNtros e departamentos, as necesidades orzamentarias son de 1,11 M€, cantidade que nos últimos exercicios sempre foi nula. Isto fai prever que este ano as necesidades orzamentarias serán moito maiores, dado que non é previsible ningún ingreso extra  por IVE ni por outro concepto. Razóns pola que non se pode menos que cualificar de moi negativa a xestión económica do ano 2011. A Vicerreitora de Economía e Infraestruturas defendeu a súas xestión e mesmo xustificou as necesidades orzamentarias positivas porque tiña que presentar as contas de maneira que a auditoría non atopara tacha algunha, cousa que nos dous  pasados exercicios (2009 e 2010) non se facía porque se "pasaban gastos ao exercicio económico seguinte".
Regulamento do Centro de Linguas Modernas
Presentouse un texto con moitas incongruencias, defendido polo Vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, que non conseguía convencer aos membros do CG a pesar de admitir correccións e propostas de varios membros do CG, entre elas unha de Viaño sobre a necesidade de limitar a condición de membros da comunidade universitaria a unha parte dos alumnos matriculados no CLM -calquera persoa maior de 16 anos pode matricularse- e outras de E González e J Seijas sobre os órganos do CLM e sobre a composición do Consello do CLM. Dado que non parecía doado seguir introducindo modificacións de forma asemblearia, o CG aprobouno por asentimento a sabendas de que contén un montón de eivas debido a que non foi suficientemente debatido.
Retirada de másteres para o curso 2012-13
Retíranse 6 másteres da oferta para o curso 2012-13 entre eles un de Rehabilitación e Urbanismo de gran prestixio cando era máster propio e que agora non resulta viable como máster oficial (por razóns económica, esencialmente). Tamén se suprimiron 4 másteres do ámbito das Filoloxías (Literatura Alemá Medieval, Edición, Lexicografía, Lingüística Galega),  ben por falta de demanda ben por querer facer unha proposta de programa Erasmus Mundus.  
Másteres de Enxeñaría de Montes e de Enxeñaría Agronómica
Foi retirado da orde do día porque se deron conta de que lles faltaba un informe preceptivo.
Regulamento de Estudos de Doutoramento - Modificación da normativa do Centro de Posgrao (CPG) -Transformación da Escola de Doutoramento de Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías da Saúde na  Escola de Doutoramento Internacional da USC
Antes de entrar na discusión do punto a Vicerreitora de Titulacións e PDI repartiu a todos os membros do Consello un escrito  con data do 22 de xuño, dirixido ao Reitor e a Vicerreitora polos profesores Socorro Rodríguez Holguín, Xosé Luis Regueira Fernández e Marcelino Maneiro Maneiro, como membros da Comisión de Posgrao Oficial, trasladando a súa desconformidade co proceso de elaboración das propostas que se levan ao CG nos 3 puntos citados e cuestionando o funcionamento e trato dado pola Vicerreitoría a esta Comisión nos últimos tempos. Tamén entrega unha resposta escrita da Vicerreitora de Titulacións e PDI ao devandito escrito (acompañamos copia destes escritos en Anexo).
Houbo unha discusión longuísima con moi duras intervencións de J Viaño e L Fernández pedindo a retirada dos 3 puntos porque ningunha das propostas estaba suficientemente madura como para aprobala. J Viaño insistiu en poñer de manifesto varios aspectos negativos no Regulamento -que foi defendido polo Director do CPG,  invitado polo Reitor- facendo fincapé no seguinte:  ignora as escolas de doutoramento na tramitación dos programas de doutoramento, mantén unha ambigüidade calculada sobre a existencia dunha ou  varias escolas de doutoramento (aínda que no punto seguinte se decidía que habería unha sola para toda a universidade ), deixaba fora das posibilidade de titorizar doutorandos aos axudantes doutores e IPP/RC por non ter vinculación permanente, etc... Pero máis grave aínda é baleirar as escolas de doutoramento de toda a organización académica das actividades propias do doutoramento  que lle corresponden por lei e deixalas nunha mera estrutura administrativa que se solapa co CPG.  Algúns destes aspectos a Vicerreitora de PDI propuxo corrixilas sobre a marcha nun intento desesperado de salvar a cara do regulamento. J Viaño insistiu en que unha corrección sobre a marcha ía a seguir aumentando a numerosas incongruencias do regulamento e que debería deixarche un tempo de reflexión para esas correccións e para repensar a proposta de reestruturar o Centro de Postgrao (que se  deixa sen as competencias de másteres)  e a moi discutible proposta de crear unha sola escola de doutoramento metendo nela todos os programas de doutoramento da USC (unha sola Escola non corresponde a unha universidade da categoría investigadora e tamaño da USC). O reitor e a Vicerreitora informan sen convencemento que a Xunta impón unha sola escola no borrador da Lei do SUG, pero J Viaño di que el non tiña visto ningún borrador desa futura Lei con ese texto e si varios nos que se permiten varias por universidade e que se así fora a USC debería loitar para que non se aprobe así no parlamento.[Efectivamente, ao día seguinte do CG,  tivemos acceso ao  Proxecto de Lei do SUG aprobado polo Consello da Xunta o pasado día 14/06 e remitido ao Parlamento de Galicia no que, en efecto, se di textualmente que cada universidade poderá ter, polo menos, unha escola de doutoramento.] J. Viaño insiste en que nos tres documentos se trata un tema estratéxico no que se xoga a captación de talento nos doutorandos, a calidade das teses e dos programas de doutoramento, a captación de recursos de investigación e en definitiva de prestixio para universidade. Un tema desta envergadura estase tratando de forma irreflexiva por parte deste equipo e mesmo tratando de adiantarse a lei, eliminando unha escola de doutoramento que xa funciona e substituíndoa  por outra na que caben todos os programas se excepción (a unión de todos dificilmente acadará un nivel de excelencia e fará máis difícil competir en calidade coas universidades europeas nas que este tema se toma en serio). J Viaño propón sen ambaxes a retirada dos tres puntos.  O profesor L Fernández Prieto tamén propuxo deixalo para un futuro CG con argumentos similares e poñendo en valor o escrito dos membros da CPO que nos viñan de entregar. Abundaron nela LM Varela, E González, I Rodríguez e un membro do CG, coordinador dun programa de doutoramento, que non vía a necesidade de aprobar un documento con tantos problemas pois xa viñan traballando na elaboración dos programas  dende fai meses e bastaría ter unha referencia das principais novidades que se pensaba introducir.  
A Vicerreitora non cedeu. O Reitor retirou os puntos da Modificación da normativa do Centro de Posgrao (CPG) e da Transformación da Escola de Doutoramento   pero someteu a votación o Regulamento (cos engadidos que a Vicerreitora e o Director do Centro de Posgrao redactaron a toda presa para tratar de corrixir algúns dos erros e ausencias que J Viaño puxera de manifesto). O resultado foi: 15 a favor, 8 contra e 2 abstencións. 
Para aqueles interesados poden acceder nestes enlaces a:

No hay comentarios:

Publicar un comentario