viernes, 15 de junio de 2012

VALORACIÓN DO CONSELLO DE GOBERNO EXTRAORDINARIO DO DIA 12 DE XUÑO DE 2012

Elaborada por membros do Consello de Goberno pertencentes ao Colectivo +IDEAS
A información recollida nesta reseña non ten validez oficial

PUNTO ÚNICO: Convocatoria da Comisión de Desenvolvemento Estatutario
Na súa intervención inicial o Sr. Reitor fai unha introdución na que esencialmente di o seguinte:
No claustro do 25/4/12 non se puido  aprobar o proxecto de novos estatutos por tan só dous votos para atinxir o quórum necesario. A mesa do claustro reuniuse no mes de maio, e decidiu coñecer a dispoñibilidade da Comisión de Desenvolvemento Estatutario para continuar co traballo e presentar unha nova proposta. A devandita comisión, na súa xuntanza do 21/5/12, remitiu, por unanimidade, un escrito no que se indicaba a necesidade de facerlle un novo encargo, tal e como se sinala nos actuais estatutos.
Para o equipo reitoral existen dúas opcións: (i) incorporar aquelas emendas do claustro con maior apoio e presentar de novo os estatutos ou (ii) facer unha modificación con maior profundidade.
Intervén J.Viaño e..
... defende a postura decidida por +IDEAS (reunión do día 23/05)  no senso de que segundo os Estatutos vixentes e o Regulamento Interno do Claustro debe ser o pleno do Claustro quen tome unha decisión sobre a elaboración dun novo texto. A argumentación é a seguinte:
Aínda que pode parecer que o sentir maioritario dos claustrais e seguramente da comunidade universitaria poda dar a entender que a non aprobación do Proxecto de Estatutos por falta de 2 votos é un accidente co que todos nos sentimos amolados, non debemos caer na tentación repetir a votación do mesmo texto porque sería sentar un precedente perigoso e nada democrático de anular unha votación polo puro sentimento de que o resultado que se quería era outro. Pero ese sentimento non se pode medir, non sabemos por que non foron a votar moitos claustrais (¿pensaron que non era necesario? ou ¿non lle gustaron algunhas emendas aprobadas?). Unha repetición sen máis dunha votación na que non houbo ningunha irregularidade non podemos permitila para evitar reproducir unha situación de descrédito institucional (¿como nos vería a sociedade se a votación se perde outra vez?).
Por iso, estamos de acordo coa resposta da Comisión de Desenvolvemento Estatutario de iniciar unha nova reforma. Pero o artigo 186 dos estatutos e o Art. 37 do Regulamento Interno do Claustro, estipulan que ben o Consello de Goberno ou ben un 20% dos claustrais son os que teñen a capacidade para encomendar a reforma. Esta reforma debe ser tramitada polo Reitor á Mesa do Claustro para que, unha vez asumida, sexa o claustro quen decida, segundo o Art. 186 dos vixentes Estatutos e o Art. 37 do Regulamento do Claustro.
Sen embargo, na súa  intervención e nas posteriores aclaracións do Sr. Reitor e da Secretaria Xeral ás intervencións de J Viaño, L Fernández e A Pérez,  a proposta do equipo reitoral é a seguinte:
Solicitar da Mesa do Claustro que encargue á Comisión de Desenvolvemento Estatutario que, o máis axiña posible, presente unha nova proposta de Estatutos. Tendo en conta o amplo respaldo que o borrador xa tivo no claustro, esa nova proposta debería conter as mínimas modificacións. Dado que xa esta constituída unha Comisión de Desenvolvemento Estatutario, delegada do Claustro, non é necesario unha convocatoria previa do Claustro para seguir adiante coa reforma, toda vez que estamos obrigados por lei a facer uns estatutos e a reforma xa está definida. 

Votación da proposta: Votos a favor: 32 -  Votos en contra: 0 - Abstencións: 3

ANEXO
Esta convocatoria obedecía á resposta enviada pola Comisión de Desenvolvemento Estatutario á consulta formulada polo Reitor unha vez reunida a Mesa do Claustro.

ESCRITO DO SR. REITOR AO PRESIDENTE DA COMISIÓN DE DESENVOLVEMENTO ESTATUTARIO
Benquerido Presidente:
A mesa do Claustro reuniuse o pasado luns 21 de maio para analizar os resultados do último Claustro, e buscar solucións á situación creada pola falta de aprobación do proxecto de estatutos presentado.
Entre as actuacións adoptadas decidiuse solicitar á Comisión de desenvolvemento estatutario que preside a posibilidade de presentar un novo proxecto ao Claustro, ben antes do mes de agosto, ou despois da metade de setembro. Dado o sentimento positivo demostrado con carácter moi maioritario, trátase en todo caso de non perder ese clima favorable.
Santiago de Compostela, a 28 de maio de 2012

RESPOSTA DA COMISIÓN DE DESENVOLVEMENTO ESTATUTARIO
“Considerando que a función específica desta Comisión de desenvolvemento estatutario é a elaboración dos proxectos de reforma dos Estatutos da Universidade que lle encargue a Mesa do Claustro Universitario, ata conseguir a aprobación dos mesmos, a Comisión estima por unanimidade que se lle debe realizar un novo encargo, nos termos previstos polos vixentes Estatutos da Universidade, para reabrir o proceso de reforma estatutaria.”

EXPLICACIÓN  COA CONVOCATORIA DO CONSELLO DE GOBERNO:
 Co fin de que a Comisión de Desenvolvemento Estatutario poida reiniciar a tarefa de preparación dun borrador de Estatutos para a súa presentación de novo ao Claustro, e do mesmo xeito que se fixo no mes de decembro de 2010, procede convocar sesión extraordinaria do Consello de Goberno para decidir, na maior brevidade posible, sobre o devandito asunto.
Os vixentes Estatutos da USC e o Regulamento Interno do Claustro para a reforma estatutaria teñen previsto o seguinte:

ESTATUTOS
Da reforma dos estatutos
Artigo 186º
1. A iniciativa para a reforma dos presentes estatutos correspóndelle ao Consello de Goberno ou ao vinte por cento dos membros do Claustro.
2. Consonte o procedemento establecido para este fin no regulamento de funcionamento do Claustro Universitario, a reforma dos estatutos requirirá a aprobación por maioría absoluta do Claustro.
3. O novo texto será remitido á Xunta de Galicia para a súa ratificación e terá vixencia a partir do día seguinte á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

REGULAMENTO INTERNO DO CLAUSTRO
Capitulo VI - Da Reforma dos Estatutos
Artigo 37
1.     De conformidade co artigo 186 dos Estatutos da Universidade, o Claustro Universitario poderá aprobar a reforma dos Estatutos por maioría absoluta, a iniciativa do Consello de Goberno ou do vinte por cento dos membros do Claustro.
2.     A solicitude de reforma será presentada ao reitor mediante certificación do acordo do Consello de Goberno expedida polo secretario xeral ou mediante escrito asinado polos membros do Claustro, e entregado no Rexistro Xeral da Universidade. A iniciativa deberá conter unha proposta concreta de reforma ou detallar os aspectos dos Estatutos que se propón modificar. Unha vez recibida a solicitude, o reitor daralle traslado á Mesa do Claustro, que decidirá a súa admisión se cumpre os requisitos e, no seu caso, convocará unha sesión do Claustro na que será debatida.
3.     A Mesa do Claustro decidirá sobre o procedemento de discusión da proposta de reforma. En todo caso, establecerá un procedemento de redacción dun proxecto de reforma que será posto en coñecemento dos membros do Claustro coa apertura dun prazo mínimo de dez días hábiles para facer emendas, nas condicións que estableza a Mesa segundo o presente Regulamento. Na caso de que estivese constituída unha Comisión de Estatutos ou desenvolvemento estatutario, a Mesa encomendaralle a redacción do proxecto de reforma.

No hay comentarios:

Publicar un comentario