martes, 2 de octubre de 2012

+IDEAS esixe responsabilidades e promete tomar a iniciativa para salvagardar a Universidade

A Programación Plurianual do Reitor Casares rexeitada por segunda vez polo Claustro da USC

Para o colectivo +IDEAS, a Programación Plurianual que se presentaba hoxe non difería en nada substancial do texto rexeitado polo Claustro en decembro de 2011. Tan só estaba estruturada dun xeito diferente, o que melloraba a presentación pero non o contido. Por eso +IDEAS presentou unha emenda á totalidade, como fixeron outros grupos de claustrais.
O documento segue a ser un "desideratum", unha lista de desexos, cheo de xeneralidades e declaracións de intencións, pero que non define un modelo universitario coherente. Ademais ignora por completo a situación económica e social na que se debe desenvolver. Os cambios na política económica por mor da crise, os cambios normativos en políticas de persoal, non teñen o máis mínimo reflexo no documento.
Tampouco ten en conta que o Reitor xa leva máis de dous anos gobernando, cun equipo de goberno no que catro vicerreitores xa teñen dimitido ou foron cesados Neste tempo leva tomado decisións erráticas, contraditorias, en moitos casos, coas que enuncia na Programación.
Para +IDEAS o documento está fora da realidade. Esqueceron que xa nos lles queda tempo nin recursos para facer todo o que presuntamente propoñen. Non se trata de ter un papel que se chame "Programación plurianual", trátase de saber cara onde vai a Universidade. Pero o Reitor nunca dixo claramente o que querían facer en catro anos de mandato e tampouco agora no lo din para os vindeiros meses que lles restan. Por iso pedimos a retirada do texto.
A Programación Plurianual é o programa de goberno que presenta un equipo reitoral ao Claustro o comenzo de seu mandato, para ver se conta con apoios suficientes para levar adiante o seu programa. Esta é a práctica absolutamente normal en todos os órganos democráticos. Neste sentido, a situación da USC é certamente anómala. Non é este un tema no que valan os argumentos que serven para asuntos de máis calado institucional como os Estatutos ou o Valedor. Este equipo reitoral leva esgotado xa máis da metado do seu mandato sen conseguir aprobar estas directrices programáticas, desenvolvendo unha acción de goberno carente de rumbo, o que está a causar un enorme desánimo e preocupación na comunidade universitaria, no que seitores amplos consideran que o tempo transcurrido do mandato do profesor Casares foi un tempo perdido para a USC, no que se deberían ter tomado decisións de alcance.
En +IDEAS pensamos que non se pode apoiar un programa de goberno que non muda pase o que pase. Pechar os ollos non é unha forma de gobernar. Por iso pedimos o voto en contra e así o entendeu o Claustro por unha amplísima maioría de 127 a 83.
Lamentablemente, os últimos meses foron un tempo perdido e un reflexo da parálise, da falta de ideas e de apoios para levar adiante un programa de goberno. Cada vez hai máis temas pendentes de solución.
A USC non se pode permitir perder máis tempo, abocada a unha situación de desgoberno Alguén ten xa que asumir a responsabilidade do que está a pasar, non chega con "tomar nota", como dixo hoxe o Reitor no Claustro. +IDEAS ten dado mostras máis que suficientes da súa vontade de colaboración, pero chegado este momento tan delicado de falta de liderado na USC, se non hai cambios a curto prazo terá que tomar a iniciativa para salvagardar á Universidade e emprender as accións precisas para reconducir esta situación, na seguridade de que contará co apoio da comunidade universitaria.
Temos que abordar a situación dun xeito decidido para que a USC poda recuperar o liderado que lle corresponde, baseado nun ideario de progreso e na aposta por unha universidade pública, comprometida coa calidade docente e investigadora, dinamizadora do seu entorno socioeconómico, preocupada pola súa autonomía e con capacidade de abordar os retos aos que se enfronta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario