martes, 15 de noviembre de 2011

Claustro da USC, 14/11/2011 - Intervención de Juan Viaño


O "Plan Estratéxico da Universidade de Santiago de Compostela 2011-2020" elaborado polo Reitor Juan Casares e o seu equipo, recibiu no Claustro de onte unha severa crítica e só puido ser aprobado cunha maioría de abstencións e votos en contra: 63 votos favorables, 22 en contra e 60 abstencións.  Un apoio de apenas un 21% dos membros do claustro pon en evidencia a escasa implicación da comunidade universitaria acadada polo equipo de goberno nun tema desta transcendencia.  
En nome de +IDEAS defendín unha emenda na que se criticaba globalmente o documento por prematuro e pouco elaborado, e propúñase tomalo como punto inicial para unha discusión máis pausada na comunidade universitaria de cara a traer no ano 2012 un Plan Estratéxico como merece a nosa Universidade. Pretendiamos así non paralizar os traballos encetados, como sería o caso se presentamos unha emenda de devolución.   

Nós entendemos que o documento presentado ao Claustro, non se podía aprobar como plan estratéxico porque, obxectivamente, aínda non é un plan estratéxico. O documento está inacabado, debido ao escaso tempo do que se dispuxo para abordar unha tarefa tan complexa e de tanto alcance como esta. Un documento que non é posible melloralo en base a emendas, e por iso +IDEAS só propuxo dúas, de carácter xeral.

Un documento que se limita a unha análise preliminar da situación e un bosquexo de posibles accións a abordar, pero que carece de modelo, de planificación temporal, de indicadores, e,  en definitiva, carece de estratexia.

Aprobado así, é asumilo como un documento de trámite cando realmente debía ser un documento excepcional. Para o Reitor e o seu equipo, o obxectivo era ter un documento aprobado canto antes, confundindo o fin cos medios, sacrificando unha ocasión de ter un verdadeiro plan para esta década, nestes momentos tan transcendentes para a vida da nosa universidade. 

Aprobado así, é un Plan Estratéxico da USC que só sirve para concluír que se necesita un Plan Estratéxico na USC.   Por non traballar co método e tempo axeitado, por non implicar á comunidade universitaria e por carecer de modelo de universidade e escenario non é o plan estratéxico que necesitaba a nosa universidade.

A nosa emenda, que foi rexeitada, propoñía ao Claustro que reclamase mais traballo, co obxecto de conseguir un Plan Estratéxico para a USC que nos permita seguir sendo a universidade galega de referencia e continuar escalando postos de excelencia e relevancia a nivel español e internacional.

Agora tocará facer un plan operativo para poñer en marcha o Plan Estratéxico, e propoñer unha programación plurianual acorde con dito Plan. Dende +IDEAS estaremos atentos para esixir que este equipo comece dunha vez a actuar e salga do letargo en que está metido dende que goberna.



Argumentos que motivaron a nosa emenda



Nunha intervención de 2 minutos é moi difícil trasladar ao Claustro todos os argumentos que motivaron a nosa emenda. A continuación resumimos as razóns máis importantes que avalan a nosa proposta e subliñamos algúns aspectos que na nosa opinión deberían ser corrixidos.


A) O método e o prazo de elaboración foron inadecuados.

Cando no Consello de Goberno do mes de xullo, por lealdade institucional, decidimos participar nos grupos de traballo, xa manifestamos o noso desacordo cos prazos. Un Plano Estratéxico para unha universidade complexa, con dous Campus, que se cualifica de excelente, non se elabora en catro tardes, por moita vontade que puxeran os grupos de traballo, que me consta que foi moita.

A pesares de poder contar cun importante documento de partida, ben elaborado, como era o documento “USC Horizonte 2015", lamentablemente foi de pouca utilidade, dada a actitude do equipo reitoral que, por non querer recoñecer públicamente o seu valor, seguírono veladamente, aínda que distorsionando as súas propostas, agochándoas baixo redaccións equivocadas, ás veces, e imprecisas, outras.

A pesares do caótico do método de traballo e do escaso prazo dispoñible, os grupos de traballo presentaron un documento de 18 páxinas con obxectivos e accións nos catro ámbitos estratéxicos, que foi entregado o pasado día 25 de outubro. Sobre esas 18 páxinas está montado o documento de 86 páxinas que se enviou coa convocatoria do Claustro apenas 10 días despois.  Temos a sensación de que o equipo delegou toda a elaboración na asesoría técnica. O asesoramento dos consultores especializados é necesario, imprescindible mesmo, pero a reflexión e a redacción sobre as estratexias e a proposta do que queremos ser é indelegable: correspóndelle á Universidade, aos seus órganos e ao seu equipo de goberno.  Penso que este equipo fixo xusto o contrario.



B) A elaboración non contou coa participación da comunidade universitaria

Na páxina 12 do documento dise que "...os grupos de traballo foron constituídos por unha escolma da comunidade universitaria ....". Non discutimos que o reitor, exercendo o liderado que lle corresponde, elixira a comisión que lle parecera máis axeitada para a elaboración do Plan Estratéxico. Pero, criticámoslle que a súa labor de liderado neste asunto quedara reducida só a isto, e tamén que esa escolma fose realizada polo Reitor impoñendo os seus criterios e mesmo os seus vetos, sen darlle a oportunidade ao Claustro de elixir democráticamente unha comisión para a elaboración do Plan Estratéxico.

Tamén quero chamar a atención sobre o que incluíu o equipo reitoral na páxina 13:  "...o documento foi posto a disposición da comunidade universitaria para recibir as súas achegas..". Ademais, o reitor afirma na páxina 2 que "o equipo de goberno considera imprescindible a participación e a contribución de toda a comunidade universitaria" ...

Escribir isto, ademais de non ser certo, constitúe unha auténtica falta de respeto á comunidade universitaria. ¿Cómo se poden facer estas afirmacións, sabendo que non houbo ningún tipo de reunións específicas nin con colectivos universitarios, nin cos directores de departamento para tratar do plan estratéxico? Só unha reunión meramente informativa cos decanos e directores de centro.

¿Como se pode escribir isto cando o documento foi enviado á comunidade universitaria, coincidindo co fin de semana apenas dous días antes do remate do prazo para presentar emendas? Non é así como se consigue que a comunidade universitaria se sinta implicada no plan.

¿Como se pode escribir isto se se convocou esta sesión do Claustro xustamente nun día non lectivo para as cinco facultades de ciencias?. Quero pensar que non sería coa pretensión de desmotivar a participación dos claustrais destes centros. Pero non podo menos que ter certa desconfianza porque este reitor xa deu outras mostras de saber entorpecer a participación, por exemplo, aprobando en período de exames, en pleno mes de xuño, normativas que afectan de forma decisiva aos estudantes como é a de permanencia, e facendo crise de goberno que afecta a metade do seu equipo, dous días antes das vacacións de agosto.



C) Carencia de elementos esenciais nun Plan Estratéxico

Pero ademais destas importantes eivas formais, o realmente relevante, por decepcionante, do documento aprobado é a súa carencia de elementos esenciais para poder ser considerado como un Plan Estratéxico. Permítanme que me limite a enunciar soamente ás seguintes:

1.    Non define o modelo de universidade que queremos, nin dos obxectivos estratéxicos perseguidos, nin os mecanismos de seguimento e as accións precisas para a súa progresiva implantación. Neste documento non se detalla un plan, nin se detalla unha estratexia, non se marca un obxectivo cara o que se quere levar a nosa universidade. Por tanto non é un plan nin é unha estratexia.

2.  O instrumento inclúe unha análise preliminar da situación actual pero non se fai unha análise rigorosa dos posibles escenarios que se atopará a USC, especialmente, no tramo final do período de vixencia do plan, de maneira que tamén as accións propostas están enfocadas a un horizonte temporal curto, tendo en conta o período do plan (case un decenio).

3.  Non se aposta de verdade por unha universidade de excelencia na docencia e na investigación e na transferencia de coñecemento.

Na páx. 45 podemos ler: "As mencións obtidas de Campus de Excelencia Internacional constitúen un patrimonio corporativo da USC que debe ser aproveitado e reivindicado como propio por toda a comunidade universitaria". A verdade é que xa vai sendo hora de que o equipo reitoral se aplique nesta tarefa e recoñeza de verdade, e non coa boca pequena, o éxito de Campus Vida e Campus do Mar. E se de verdade cren nos campus de excelencia ¿por que renuncian sen máis a captar fondos aproveitando esas mencións?.

Tamén na páx 46 faise a cita seguinte: "A excelencia na USC non se cingue só aos ámbitos disciplinares que participaron na formulación destas iniciativas, xa que existen outras que poden reforzar e complementar os dous proxectos. É preciso visibilizalas ...." e na páx. 47. "Promover a integración de novos ámbitos de investigación nos proxectos de Campus de Excelencia..." ¡Claro que sí! De feito Campus Vida e Campus do Mar son propostas integradoras mais alá do seu perfil temático. Pero ¿cales son as propostas deste equipo para unha estratexia singular e de futuro para estes ámbitos? ¿Onde quedou a proposta de estratexia singular para o campus de Lugo que xa tiña orientada claramente o equipo de goberno anterior?.

Nas páxs. 48-49 atopamos propostas de accións como: "Conseguir a participación doutras institucións na xestión dos centros de investigación"; "Acadar a participación de institucións alleas á USC na xestión dos centros de investigación". Pero en ningún momento se fai referencia explícita aos centros singulares de investigación. Coñecida a animadversión ao concepto e filosofía dos CSI's ¿cal vai ser a política de futuro na súa xestión?.

Nas páxs. 40 e 52 propónse "potenciar a Escola de Doutoramento -de Ciencias Biomédicas e Tecnoloxías da Saúde-como aposta da USC cara o establecemento de posgraos de calidade na rama de Ciencias da Saúde..... e convertela nun polo de atracción de talento e mobilidade ..." No Plan aprobado, en ningún momento se fala da posibilidade de crear máis escolas de doutoramento, noutros ámbitos de coñecemento. ¿Non pensan facelo?, ¿cal é o plan de futuro neste tema?

4.  Non se indica nada relevante con respecto á articulación do Campus de Lugo no modelo universitario (ver páx. 57). ¿En qué dirección vai a moverse na vindeira década? Con este equipo o campus de Lugo está a perder peso especifico a pasos axigantados: empezando por diminuír a presenza no seu equipo de goberno e seguindo pola pouca implicación na defensa de titulacións que poden dar a Lugo unha personalidade propia. Temos que definir e defender un perfil propio para Lugo con titulacións con personalidade e atractivo que poidan competir nun escenario novo cunha oferta moi completa en todos os campus galegos. Debemos loitar contra a baixa de matricula en Lugo (onde están as únicas titulacións de grao que non cobren as prazas ofertadas). O Campus de Lugo non pode ser unicamente un apéndice complementario do Campus de Compostela.

5.  Non se precisa minimamente o modelo de goberno e xestión que se quere para a USC. A universidade española, en xeral, e a nosa en particular, padece de elefantiasis na toma de decisións. Se aspiramos a ser unha universidade de referencia temos que mudar a unha estrutura de goberno e xestión na que a toma de decisións sexa áxil, segura e xusta, sen deixar de ser representativa e democrática e, por tanto, sometida a control. Nun momento en que temos por diante a elaboración dos Estatutos da USC, moi adiantados os borradores de Estatuto do PDI e propostas novas do ME sobre gobernanza universitaria, neste documento non se cita nin sequera esta oportunidade (páxs. 55-56, 81).

O Plan Estratéxico debería incluír un obxectivo específico nesta dirección que permitira polo menos o seguinte:

·       Unha revisión de toda a estrutura de representatividade e goberno de USC (composición e funcións do Claustro, do Consello de Goberno, das Xuntas de Centro, das Comisións Académicas,...).

·       Unha revisión da estrutura organizativa: número e funcións dos Departamentos, novo deseño das Facultades con distintas competencias e órganos de goberno...

·       Revisión do número, tipo e funcións de cargos unipersoais.

Non é malo repensar fórmulas máis eficientes e eficaces na participación dos órganos da USC na gobernanza, pero si é pernicioso ningunealos como este equipo intenta facer co Claustro.

6.  ¿Cal é a política de persoal que se propón para o período de vixencia do Plan?  

Máis alá de palabras altisonantes, déixase todo no aire, non se define cal é o obxectivo nin as medidas que se tomarán na política de persoal. Fálase de perfís polivalentes (páx. 26-28) pero non se detalla o que significa, fálase de avaliar axeitadamente a investigación (páx. 47) pero non se da ningunha idea -na realidade este goberno non se destacou precisamente pola súa posta en valor e mesmo rebaixou a súa valorización no POD-, proponse a promoción potenciando o talento e a renovación do cadro de PDI (páx. 29) pero os investigadores novos que demostraron a súa valia (como os IPP) están a mendigar a súa estabilización. 

En definitiva: faise unha diagnose da situación actual e proponse traballar para seguir facendo diagnose da situación, pero non se propón ningunha actuación nin obxectivo concreto ¿cantos profesores novos terán que entrar nos vindeiros dez anos? ¿Seguiremos coa rixidez actual nas tarefas e dedicación dos profesores? ¿Porqué non se aventura algo na dirección de futuro que apuntaba o borrador do Estatuto do PDI no senso de intensificar as dedicación en docencia, investigación ou xestión? Como dicía o ministro Gabilondo a semana pasada "non existe unha única maneira de ser bo profesor. Cada un de nós debemos dedicarnos a aquela na que podemos ser mellores". ¿Apostase por unha selección de calidade ou prima a antigüidade ou cuestións aínda máis espurias? ¿Con que criterios captaremos o noso persoal?. Fálase de definir as cargas de traballo e de reasignar tarefas (páx. 26-28), rompendo coa rixidez das áreas de coñecemento pero, a pesares de que este tema xa quedou perfilado na lexislatura anterior, despois de ano e medio en San Xerome aínda nada se ten avanzado ¿para cando?

7.    Na política de oferta docente e organización académica, non se propón nada novo e case todo o que se propón xa está feito ou perfilado. En efecto, na páx. 39 lemos "Analizar a oferta actual para identificar os puntos fortes e febles e analizar o contexto para detectar as demandas das sociedade" "Definir unha nova oferta conforme cosa necesidades sociais e as estratexias da USC". Pero ¿acaso non fixemos estas análises entón cando propuxemos os graos e másteres actuais? ¿Estamos enganando á sociedade coa nosa oferta de EEES que aínda non esta completamente implantada? Certo que a oferta docente debe renovarse continuamente segundo a evolución das necesidades sociais, pero non debe ser unha actuación concreta neste momento pois a oferta actual aínda non foi completamente implantada.

Do mesmo xeito na páx. 41 propóñense actuacións como "Definir o conxunto de competencias transversais que deberían adquirir os graduados da USC ao longo da súa formación" "Identificar as propostas formativas necesarias para acadar as competencias transversais"; ·"Regular o procedemento para o completo recoñecemento de ditas competencias nos títulos de Grao da USC". Estas actuacións non teñen razón de ser porque xa están realizadas (temos un regulamento colgado na nosa web). En todo caso, pódense revisar as actuacións pero non debe ser un obxectivo do Plan Estratéxico da década próxima.

Na páx. 42 continuase na mesma liña cando se afirma "O EEES promove un novo modelo de formación, ... . Agora e o momento no que a USC debe comprometerse a facilitar a incorporación do profesorado ás novas metodoloxías e potenciar o ser uso como garantía do éxito e a calidade da docencia. Por outro lado, a adopción do novo modelo necesita dunha adaptación dos medios materiais e infraestruturas....

¡Estas actuacións xa se iniciaron fai catro anos polo menos! En todo caso, haberá que seguilas mantendo pero non como actuacións estratéxicas de futuro... Estase propoñendo facer o que xa está feito.



En fin, este é un resumo, non exhaustivo,  dos nosos argumentos e das nosas inquedanzas sobre o contido do documento, do que nos preocupa na estratexia da nosa universidade para os vindeiros anos e do que nos gustaría fora mellorado. En +IDEAS continuamos dispostos a seguir traballando para conseguilo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario