lunes, 28 de noviembre de 2011

+ IDEAS CRITICA AS MEDIDAS DE PECHE DO EXERCICIO ECONÓMICO DO 2011 NA USC

O colectivo +IDEAS considera necesario pronunciarse sobre a Resolución Reitoral do 21 de novembro sobre o Peche do Exercicio Económico do 2011 e a alarma creada na comunidade universitaria.
Dita Resolución introduciu unha norma que imposibilita a autorización de gastos con cargo ao orzamento do exercicio 2011 a partir do 22 de novembro –24 horas despois de terse recibido dita Resolución nos centros de gasto!-.
Pode que aínda neste momentos non toda a comunidade universitaria teña coñecemento da excepcionalidade que dita Resolución introduce respecto do proceder que neste ámbito se viña realizando en exercicios anteriores. Significa que a partir do 22 de novembro ningún centro de gasto poderá tramitar autorizacións de gasto, xa sexa con folla de pedimento, axudas de custos, conferencias, colaboracións, ... Por dicilo doutro xeito, a efectos económicos o ano 2011 rematou o día 22 de novembro, aínda que a investigación e as clases continúen ata o día 31 de decembro. Esta medida, tomase por primeira vez na historia recente da USC e supón unha paralización total da actividade da universidade, ao non poder tramitar a autorización de ningún gasto.
Ademais, tomouse unha medida tan drástica sen tela avanzado nin comentado cos directores dos diferentes centros de gasto nin cos responsables de asuntos económicos, de forma tan apresurada, que foi necesaria unha corrección posterior, o día seguinte, para liberar parcialmente da medida algúns gastos (teses de doutoramento, proxectos de investigación e cursos e actividades con financiamento externo que deban xustificarse antes do 31 de decembro).
Como era de prever, todo isto provocou que os directores dos centros de gasto intentaran comprometer en 24 horas os créditos aínda dispoñibles que deben xestionar ata o fin  do ano, amosando ante os nosos provedores e a sociedade unha imaxe de improvisación e non contención que non ten nada que ver coa realidade da nosa universidade, onde a xestión económica é executada con toda seriedade e rigor.
+IDEAS considera que é necesario protestar enerxicamente contra este xeito de proceder por parte do equipo reitoral e contra a intolerable deriva que estamos a sufrir nos usos académicos e normativos polos que a USC se viña rexendo. Este caso e outros exemplos recentes (programación plurianual presentada fora de prazo, plan estratéxico presentado sen o necesario debate, prazos mínimos impostos para a presentación de emendas no Claustro...) fan necesario abrir urxentemente un debate sobre os principios de rigor e transparencia que deben rexer a o funcionamento da universidade.
En particular é necesario discutir as implicacións da Resolución de Peche do Exercicio respecto da xestión económica da USC. Ademais dunha falta de respeto para os encargados da xestión económica de centros, departamentos e proxectos de investigación, tanto a repentina resolución inicial como a rectificación “complementaria” do día seguinte parecen indicar que, de novo, os créditos dos Centros e Departamentos, que a partir do día 22 de novembro xa non poden ser comprometidos, serán unha vez máis “requisados” pola Reitoría e non incorporados ao exercicio seguinte.
Todo o acontecido ten provocado unha grande alarma na comunidade universitaria que require, primeiro, a retirada inmediata da medida e, segundo, unha explicación por parte da Reitoría, tanto en clave interna, como de cara á sociedade, principalmente aos nosos provedores.

No hay comentarios:

Publicar un comentario