martes, 29 de noviembre de 2011

Isidro Parga Pondal e Ramón y Cajal


TEXTO DA CARTA REMITIDA AO REITOR DA USC POR JUAN M. VIAÑO, REPRESENTANTE DE +IDEAS NO CONSELLO DE GOBERNO, SOBRE A ESTABILIZACIÓN DOS INVESTIGADORES DOS PROGRAMAS ISIDRO PARGA PONDAL E RAMÓN Y CAJAL.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2011.

Magfco. Sr. Reitor  D. Juan J. Casares Long:
ante a imposibilidade de asistir á sesión extraordinaria do Consello de Goberno de hoxe dia 29 de novembro para tratar da estabilización dos investigadores dos Programas Ramón y Cajal e Isidro Parga Pondal, por mor de participar nunha comisión de avaliación na Universidade do Minho (Braga, Portugal),  quixera transmitirlle os seguintes puntos que resumen  a miña postura favorable a dita estabilización e amosan a miña preocupación pola posible decisión no  senso contrario:

1º) A USC ten adquirido un compromiso institucional para ofrecer un concurso a unha praza estable  aos investigadores dos programas RC e IPP que resulten avaliados positivamente nos programas I3 y Manuel Colmeiro, respectivamente. Calquera decisión que non sexa cumprir con ese compromiso é un erro manifesto que pon en cuestión a nosa imaxe como Universidade de referencia na captación de capital humano e debilita a nosa posición en futuras convocatorias de captación de fondos para  I+D+I.

2º) A situación económica que atravesamos non pode ser utilizada para deixar na rúa a investigadores moi valiosos e de recoñecida capacidade docente e investigadora, que levan cinco anos na institución con financiamento externo dos seus contratos,  e para os que temos garantido dito financiamento  aínda 3 anos máis.  É necesario poñer enriba da mesa datos suficientes que permitan tomar decisións con todo o coñecemento de causa nun contexto de política de persoal que este equipo aínda non ten definida.

3º)  No seu día estes investigadores foron atraídos á nosa universidade nunha oferta competitiva  da que hoxe non podemos renegar pois, ademais de traizoar aos que confiaron en nós,  estariamos cometendo un erro sen precedentes. Trátase dunha vía de captación de talento  que ten amosado o seu éxito na universidade española.

4º) Os criterios de asignación das prazas ás areas foron aprobados no seu día polos órganos competentes desta universidade en base á normativa vixente e a criterios de necesidades investigadoras  e de evolución de plantilla nos vindeiros anos,  co apoio maioritario ou por asentimento de todo o Consello de Goberno, como definición das liñas  programáticas e estratéxicas da USC. As expectativas xeradas nos investigadores e nas súas familias non poden truncarse agora por un cambio na política de persoal que este goberno  pode adoptar, lexitimamente,  de aquí en diante, pero que nunca debe facelo con efectos retroactivos.

5º) Un goberno como o actual que proclama como lema do seu mandato a defensa das persoas ten aquí unha magnífica ocasión de poñelo en práctica,  de defender un colectivo valiosísimo pola súa capacidade de investigar e captar fondos, polo que supón de renovación da plantilla, polo que supón,  en definitiva,  de aposta pola investigación e a innovación nunha universidade que pretende facelo con excelencia.
Existen moitas máis razóns para non tomar unha decisión que vai a supoñer un erro estratéxico e político do seu equipo pois a nosa universidade perderá poder de atracción e transmitirá unha mensaxe negativa ás seguintes xeracións de xoves doutorandos e investigadores, que ven como a USC no é quen de reter os investigadores mais preparados e comprometidos coa institución. 

Ten a miña autorización para, se o considera oportuno, facer público o contido desta carta na sesión do Consello de Goberno. Pola miña banda enviarei copia da mesma a representantes do colectivo de investigadores afectados e a outros membros do Consello.

Cos meus atentos saúdos,

Juan M. Viaño Rey
Catedrático de Matemática Aplicada
Membro do Consello de Goberno da USC

No hay comentarios:

Publicar un comentario