jueves, 24 de febrero de 2011

CONSELLO DE GOBERNO DA USC 14-02-2011

Valoracións  dos temas tratados dos representantes de +IDEAS no CG
A información recollida nesta reseña non ten ningunha validez oficial

Faise un resumo do consello de goberno, das distintas propostas do reitorado, a postura e as alternativas presentadas por +IDEAS.





A.- Informes Sr. Reitor, Vicerreitorías, Xerencia e Secretaría Xeral
  • O día 11 de xaneiro celebrouse Consejo de Universidades no que se da conta dos temas seguintes:
  • Publicación do Estatuto do Estudante (R.D. 1791/2010, de 30 de decembro, BOE do 31/12/2010). O Equipo de Goberno está facendo un estudo inicial sobre as implicacións na xestión e actividade académica que comporta.
  • Novo borrador do Estatuto do PDI sen preacordo da Comisión Técnica do Ministerio coa Mesa Sectorial, con cuestións de fondo e forma que aínda deben estudar as universidades (p.ex. falta memoria económica, imprescindible para os cambios de nivel dos catedráticos e profesores titulares). O Ministerio quere aprobalo antes do verán.
  • Renovación de distintas comisións de acreditación da ANECA con presenza de varios profesores da USC.
  • Imposición da Insignia de Ouro da USC ao prof. Jesús Izco Sevillano.
  • Enfrontamento co SERGAS porque este organismo non asume o custe nin  permite que os profesores vinculados de CC. da Saúde  que cumpren a idade  xubilación forzosa (70 anos) no medio do curso continúen coa súa docencia ata a súa finalización (como  se permite na USC) , chegando mesmo a impedir a entrada no CHUS. Tense presentado un requirimento á Consellería.

B.- Informes da Vicerreitorías, da xerencia e da secretaría xeral.

  • O vicerreitor de Investigación e Innovación informa da resolución da Convocatoria 2010 de Ramón y Cajal, na que a USC acadou 5 prazas de investigador todas en áreas de Física e Química. Tamén informa de que na Convocatoria de 2011, 101 áreas cumpriron os requisitos para solicitar prazas –fixérono 21-  e foron excluídas 75. Vicerreitor de Estudantes informa que se está negociando cos estudantes que se teñen manifestado en protesta polo calendario de exames e número de convocatorias nas materias que se extinguen das antigas licenciaturas e, en concreto, se intenta revitalizar a normativa sobre aprobación das 3 últimas materias para rematar os estudos.
  • A vicerreitora de Grao e Posgrao informa da apertura da convocatoria para Mención de Excelencia dos Programas de Doutoramento. Tamén informa da publicación do R.D.  99/2011, de 28 de xaneiro (BOE 10 de febreiro) regulando ás ensinanzas oficiais de doutoramento. En particular, regulase a creación das Escolas de Doutoramento.
  • A USC xa ten iniciado as xestións para inscribir a Escola de Doutoramento de Ciencias  Biomédicas e Tecnoloxías da Saúde. A Xerente informa que foi nomeada directora da devantida Escola a profesora da Facultade de Bioloxía, Monserrat Nogueira Alvárez.

C.- Orzamentos 2011
 A vicerreitora de Economía e Financiamento fai unha exposición e defensa inicial do proxecto de orzamentos 2011 presentado para a súa aprobación. Arranca a súa exposición co peche de exercicio 2010 volvendo a insistir en que os 5M€ prometidos polo Presidente da Xunta aínda non se puideron materializar en convenios – polo que se fai unha variación de pasivo por esa cantidade en base aos remanentes de centros, departamentos e servizos centrais, que só se recuperarán na medida en que a Xunta vaia facendo efectivos os fondos prometidos.
Ademais, lembra  que había 10 M€ de endebedamento, o que obrigaba a facer un plan de equilibrio económico financeiro que non fora presentado polo equipo saliente. Na súa resposta Juan Viaño esixiu a vicerreitora que rectificara esta afirmación, que é falsa, porque dende o ano 2004 o endebedamento non está ligado a ningún plan de equilibrio,  e se non o facía,  que nos presentase algunha evidencia documental; a vicerreitora prometeu facernos chegar “correos electrónicos” enviados dende a Xunta ao anterior vicerreitor-.
A vicerreitora presenta os orzamentos como os mellores que se poden facer habida conta das achegas do Plan de Financiamento e que non poder alardear de poñer “cousas bonitas” como fixeron anteriores equipos e que as baixadas do 30%, 40% ou 50% en partidas esenciais como investigación, créditos a centros ou calidade son unha necesidade a que se ven abocados pois para eles o prioritario son as persoas –o capítulo I apenas descende un 3%-
Despois de intervencións moi breves de X.A. Pérez Casas –pregunta polo CITIUS- e de X.C. Carreira  - poñendo en dúbida a efectividade da estrutura organizativa e de gasto actual da universidade e de que non queremos aínda ver a crise- interveu Juan Viaño de +IDEAS. Reproducimos aquí as partes máis importantes da súa intervención:

....Entrando na análise dos orzamentos,  a valoración global dos mesmos é que son o resultado dun Plan de Financiamento cuxa realidade para o SUG e para esta Universidade é claramente negativa.
Neste senso, creemos que a Comunidade Universitaria e a sociedade galega debe ser consciente de que o Plan de Financiamento do SUG para o período 2011-2015, nos descabalga definitivamente do financiamento que reciben as universidades españolas, e xa non digamos europeas coas que queremos e debemos competir. En termos de financiamento universitario en relación ao PIB, debemos transmitir a realidade á nosa comunidade Universitaria, realidade que dista moito do que se ten transmitido dende a propia Comunidade Autónoma e que o goberno da USC non ten refutado nin clarexado, parecendo que quere agochar que se coñeza o que supón o Plan para nós.

Agochar que se coñeza que o Financiamento Autonómico ao SUG volve a caer de forma significativa para o exercicio 2011, o que supón desandar camiño respecto do obxectivo de acadar o 1% do PIB. Se nos comparamos con outras Comunidades Autónomas podemos comprobar que tan só recibimos o 70% dos recursos que, por exemplo recibe Andalucía. Con estes recursos é difícil poder competir.
Desafortunadamente a USC ten aceptado e votado favorablemente un Plan no que renuncia á posibilidade de acadar o 1% do PIB, medido como se mide no resto do Estado e de Europa, no ano 2015. Coas cifras recollidas no Plan, e aínda sen crecemento do PIB ata o ano 2015, o financiamento da Comunidade Autónoma de Galicia ao SUG non acadaría o 0,80% do PIB nese ano.
Esta realidade do Plan de Financiamento se traslada ao Orzamento que agora se nos presenta, que aínda que logo analizaremos de forma máis detallada algúns aspectos do mesmo, concluímos que resulta moi restritivo, cercena as posibilidades da USC, non xa de manter os niveles de calidade e excelencia acadados,  senón a de desenvolver a súa actividade dunha forma razoable.

E,  o que para nós resulta aínda peor, este goberno ten apoiado e votado favorablemente este Plan de Financiamento que mantén esta realidade tamén para os anos 2012 e 2013. Realidade que aínda pode ser mais negativa ao cambiarse os criterios de reparto nos que previsiblemente cederemos parte desa tarta de recursos, xa de por si moi mermada,  ás outras universidades. Ou cando se apliquen os indicadores de calidade, que como o propio Claustro indicou aprobando unha emenda de +IDEAS, ao non ter en conta o peso relativo da USC, prexudicaranos  de forma grave... A pesares de todo iso este equipo de goberno no dixo nada ao respecto...
En resumo, , estamos ante un orzamento que é o resultado dun Plan de Financiamento no que a USC foi incapaz de que a Xunta recoñecese a súa realidade e necesidades (...) e , mesmo así,  o apoiou, permitindo agora que dende a Consellería se diga que é un “plan de consenso”, que nos vai a permitir equipararnos e competir con outras universidades (...) cando iso non é certo, como o demostran as cifras e a realidade dos orzamentos que nos presentan.
Xa entrando na análise dos Orzamentos, algúns dos aspectos máis importnates que consideramos máis salientable:


Polo que respecta aos INGRESOS

a.    Discrepamos da nova forma de orzamentar os ingresos e os gastos en relación coa gardería ou as residencias. Sen ter repercusións netas sobre os orzamentos, a anterior forma, recollendo os ingresos totais incluído a parte correspondente á subvención que aporta a USC a eses servizos, explicitaba mellor o custe real deses servizos. Sobre todo cando se argumenta diante da Comunidade Autónoma a necesidade de que se nos recoñeza o custo dos mesmos. Así se agocha o seu custo……aínda que vostedes tamén teñen renunciado a reclamar nada a Comunidade Autónoma…… [Esta idea foi tamén defendida por X.C. Carreira]
b.    Vostedes renuncian a buscar ingresos mais aló dos contemplados no Plan de Financiamento. Os recursos hai que buscalos (aínda que por criterios de prudencia non se orzamenten, ou se orzamenten condicionados) e non vemos que accións vai levar a cabo a USC para captar novos recursos que financien a súa actividade máis aló dos contratos e proxectos de investigación. Sería bo que este equipo explicase que accións vai a levar a cabo para poder captar recursos fora do Plan para compensar a lo menos en parte a diminución das achegas deste.
c.    No que atinxe á variación de 5 M€ de activos financeiros non se di claramente de onde van a saír eses cartos (...) Van saír eses activos da non incorporación dos remanentes dos centros ou departamentos. Se é así, e se vai a tomar unha medida tan extraordinaria e dramática para ao normal funcionamento da universidade, debería explicitarse claramente. [O Equipo de Goberno liga esta situación a que a Xunta aínda non fixo efectivos os 5 M€ prometidos e no CG aprobouse que  o Goberno da USC non incorpore os remanentes só mentres non acada a materialización do compromiso dos 5 millóns,  pero unha vez conseguidos se repoñan os remanentes]

Polo que respecta aos GASTOS
a.    i) Dise na introdución da memoria (pax. 11) algo que o noso reitor repite a miúdo: que “o eixo fundamental da nosa institución son as PERSOAS e polo tanto as repercusións da redución orzamentaria non van a afectar ás mesmas mais aló da redución establecida polo goberno do 5%”. Pero ¿a qué persoas se está a referir? Parece claro que vostede está pensando no PAS e no PDI. Nos estamos de acordo en qué hai que coidar ao PAS e ao PDI pero non é menos certo que as primeiras persoas que deben de considerarse nese primeiro obxectivo da USC deben ser os estudantes e os investigadores aínda  non estabilizados. Ou ¿é que vostede pensa que “as reducións brutais de gastos para  actividades docentes e de investigación que se contemplan nestes presupostos non afectan a persoas? [Este argumento tamén foi utilizado por X.C. Carreira]
ii) No apartado de gastos de persoal indicase que se dotan recursos para as actuación en materia de persoal (PDI e PAS) para levar a cabo melloras de carácter estratéxico.....(pax 22). Reclamamos que se indiquen qué actuacións se teñen previsto: ¿cátedras de promoción de acreditados? ¿estabilización de investigadores IPP o RyC?, ¿xubilacións?
Nos obxectivos dos Orzamentos (páx 11) fálase da “captación de talento....” pero ¿cales son as accións previstas nese sentido...? No orzamento non parece que estean reflectidas.... mais ben todo o contrario... no Plan de Sustentabilidade que vostedes traen no punto seguinte parecen dispostos a renunciar a participar nos programas de captación e estabilización de investigadores... tipo IPP e RyC... Son as únicas reducións de persoal que se mencionan....
É que unha Universidade cunha plantilla de 2500 profesores-investigadores non é capaz de absorber e estabilizar a 5/6 investigadores cada ano...??? [O reitor confirmou que se respetarán os compromisos de estabilización dos investigadores IPP e RyC actualmente contratados pero non para o futuro...;  dos acreditados non se falou e das xubilacións anticipadas tampouco se deron detalles... ]
iii) Nese apartado non vemos reflectido de maneira explícita as pagas extras nin de PAS funcionario – aprox. 3.000.000 Euros no 2010- nin de PDI funcionario–aprox 8.500.000 Euros  no 2010-.  ¿Poderían explicarnos por qué?.  [A resposta da xerenta foi que está incluído no soldo]

b.     No que atinxe ao capítulo II (Bens Correntes e Servizos), entendemos que unha vez cubertos aqueles gastos onde non temos moita capacidade de incidencia (limpeza -única partida que aumenta de 7,85 M€ a 8,422 M€-, seguridade, subministracións de luz, gas, gasoil, etc) a marxe de manobra  é escasa. Pero resulta que se recollen recortes brutais en todo o que esta relacionado coa calidade da docencia:
i) Recursos repartidos aos centros (incluíndo o capítulo VI) diminúen un 30%,  cando con eses recursos os centros sustentan a docencia e as necesidade inherentes a mesma. Sobre todo agora que estamos inmersos na transición plena ao EEES.
 ii) As partidas que no concepto 226 se contemplaban en anos anteriores relacionadas coa calidade e a mellora as deixan na metade ou en menos da metade ¿como queren que con esas cantidades os centros, departamentos ou servizos poidan seguir avanzando na liña de calidade de anos anteriores?.
iii) As prácticas de campo,  as cantidades para o PFID e apoio ao EEES e POPS,  teñen unha  dotación de tan só o 50% do ano pasado.
iv) Dentro dos Obxectivos do Orzamento na  páxina 11 se menciona: ...”ademáis, desenvolveranse accións para a implantación da Escola de Doutoramento e Posgrao Internacional... pero nin as Escolas Doutoramento nin o Postgrao Internacional aparecen explicitamente en ningunha partida do orzamento... ¿Qué actuacións se teñen previsto neste senso...? A recente publicación do Decreto de Doutoramento debería facer reflexionar ao equipo de goberno...

Non quero abondar nos exemplos pero o Orzamento que nos presentan reduce de forma dramática aqueles gastos máis directamente relacionados coa calidade da docencia, investigación e servizos.

c.    Cousa similar acontece no capítulo IV (Transferencias correntes) cos recursos destinados a mobilidade e aos programas de formación dos investigadores, cunha redución de case o 20%. Pero aínda é mais grave cando se engaden as reduccións recollidas no capítulo VI respecto de todo o relacionado coa investigación (concepto 640), - produción científica a Departamentos, axudas propias de promoción da investigación, adquisición de libros e revistas, emprendemento- onde as dotacións deste exercicio supoñen a metade das do ano pasado. Isto supón como mínimo retroceder unha década na nosa universidade... e tardaremos moito tempo en ver a universidade nos niveis de referencia que agora temos...
Dise no apartado dos Obxectivos do Orzamento (Pax 11) “O  Campus Vida entra no ano 2011 nuha nova etapa no eido da investigación e innovación. O novos centros CIQUS e CIMUS entrarán en funcionamento ...”  Sen embargo, a partida (8050 2C00 64000) dedicada a Unidades singulares de investigación experimenta unha redución do 90% (pasa de 300.000 Euros a 30.000). [A explicación da vicerreitora foi que eses fondos do 2010 estaban sen gastar...e que polo tanto non facían falta... cando é sabido que os CIMUS  e o CIQUS  comezaron a funcionar moi tarde... O lóxico era incorporar a lo menos a mesma cantidade... ]
Vendo os recursos dedicados a investigación preguntamonos: ¿renuncia este goberno a seguir impulsando a actividade investigadora cos recursos contemplados,  moitas unidades en marcha ou actuacións encetadas en exercicios anteriores perden a súa capacidade de funcionamento. E, como consecuencia,  a USC deixará de ser a universidade excelente que é agora no ámbito da investigación.

d.    Entendemos que en momentos como os actuais as posibilidades de encetar obra nova son escasas. Pero nestes orzamentos se renuncia, non contemplando ningún recurso propio ao respecto, á  posibilidade de cofinanciar e acadar novas axudas de FEDER, préstamos  reintegrábeis, etc. que permitan afrontar necesidades imperiosas como as reformas de determinados centros.
Neste senso, queremos deixar constancia de que a USC sigue tendo necesidade de equipamentos, fundamentalmente ligados a reforma de determinados edificios ou equipamento científico e que non pode desaproveitar as ocasións de financiamento que se lle presenten con fondos externos. Non compartimos a posición de que é mellor non optar a eses fondos porque aínda que se financien o 100% do custo das actuacións cando estas entran en funcionamento teñen custos para USC. Iso é renunciar a o que debe ser unha universidade..........podería dicirse o mesmo dos proxectos de investigación .......mellor renunciar a eles porque teñen custo para a USC (os custos indirectos non cobren os gastos reais que asume a USC). En fin.....iso supón, como dicimos,  renunciar a seguir sendo unha universidade de referencia.

En resumo, para terminar, por non estendernos en mais detalles,

Estamos ante uns orzamentos que son o resultado dun Plan de Financiamento que se nos vendeu como que permitía despegar o SUG e competir coas universidades do contorno –sen que esta universidade dixese nada ao respecto......... liderando as reivindicacións como ten feito no pasado- , pero a realidade é que este ano nos gastos máis relacionados coa calidade,  a excelencia e as posibilidade de competir,  se reducen entre un 30 e un 50%. É o que é aínda peor..........coas cifras incluídas nese Plan, que esta universidade votou favorablemente, nos anos seguintes a cousa vai a ser aínda peor........
Creemos que dende xa, esta universidade debe reivindicar diante da Xunta que os recursos do Plan non nos chegan (como o pon  de manifesto estes orzamentos) e que deben facerse novas achegas xa. E estas cifras e reivindicación deben exporse a Comunidade Universitaria que escoita como os nosos políticos nos din que o Plan nos achega recursos dabondo pero a realidade é a que temos diante de nós hoxe....


A votación final dos orzamentos resultou como segue: A favor: 31 – En contra: 9 – Abstencións: 6.

D.- Plan de Sustentabilidade Financeira

O Plan de Sustentabilidade Financeira, esixido anualmente polo Plan de Financiamento ás 3 universidades- foi presentado tamén pola vicerreitora de Economía e Financiamento, enumerando unha lista de medidas de austeridade e aforro que se pretende estudar e, no seu caso, implantar. 
Juan Viaño interveu sobre este punto. A súa intervención foi do xeito seguinte:

Este Plan de Sustentabilidade é unha esixencia, un requisito legal se se quere, que nos impón a Xunta de Galicia para atarnos aínda máis en curto respecto da nosa situación financeira, aínda que  para nós o importante é a valoración que antes fixemos do Plan de Financiamento do SUG 2010-15 e as moi negativas consecuencias que para a USC xa ten no orzamento deste ano 2011......e, como dicíamos anteriormente, con previsións aínda máis negativas para os anos que veñen (principalmente o 12 e o 13).
Por este motivo o Plan de Sustentabilidade  o consideramos unha rendición anticipada de contas diante da Comunidade Autónoma, que incluso cuestiona a nosa autonomía, e entendemos que as verdadeiras medidas para este ano 2011 son as contidas no orzamento, que é o instrumento que a partir de agora é lei para esta Universidade (con recortes que como vimos anteriormente fan dubidar do futuro da nosa universidade) e non este Plan de Sustentabilidade.
En todo caso si queremos facer unha puntualización e unha consideración xeral.
Respecto da puntualización consideramos que hai un erro na pax 20 cando se dí que en 2010 había un desfase de 20 millóns que entre outros foi cuberto con “5 millóns de remanentes que non se incorporaron”. Isto non é certo, porque unha non incorporación de remanentes sirve en todo caso para pechar a liquidación do exercicio anterior pero non para financiar o orzamento do ano seguinte. Ademais no 2010 non se incluíron no orzamento variacións de activos como ingresos (financiados coa non incorporación dos remanente como agora propoñen vostedes...) . Debendo recordar que se incorporaron todos os remanentes dos centros, departamentos, institutos, etc.  (obviamente os de proxectos e másteres) e ademais uns 4 -5 millóns de remanentes de servizos centrais non afectados. Remanentes estes últimos que van á marxe do orzamento do 2010 incrementando as dispoñibilidades de gasto do ano 2010.
Polo que respecta á consideración xeral queremos por de manifesto que cando fai agora un ano se empezaron a abrir as negociacións para o actual Plan de Financiamento dende a Comunidade Autónoma se dixo que o obxectivo para o novo Plan era o de equiparar as Universidades Galegas en materia de financiamento coas do resto do estado, achegando os recursos adicionais necesarios, etc. 
Pois ben, vostedes despois do verán (no CG do mes de novembro cando nos fixeron chegar o aquel borrador de puntos a incluír nun Plan de Sustentabilidade) e antes de pechar o Plan de Financiamento xa tiñan claudicado diante da Xunta de que aceptaban coas esixencias dese plan de sustentabilidade, non só non ter recursos adicionais como se dicía cando se empezaron as negociacións, senón estar dispostos a facer recortes enormes nos anos 11, 12 e 13, pondo en risco o futuro da USC.
É dicir o discurso e obxectivos iniciais ligados ao novo Plan foron mudados, aceptados e votados favorablemente por vostedes dando por boa a necesidade do Plan de Sustentabilidade incluso antes de que se pechase a negociación do Plan de Financiamento.
Por iso agora pornos a opinar nos detalles desta redacción para o ano 2011 dos recortes impostos pola Xunta, co beneplácito do goberno da USC, non ten moito sentido. Teno o que fixemos antes cos orzamentos, que si é o verdadeiro instrumento de execución da actividade financeira para este ano 2011.
En todo caso, e nos gustaría que quedase constancia desto na acta, nos pedimos que non se lle dea a este Plan carácter normativo, e que as medidas enunciadas nel, sexan soamente eso unha mera enumeración, pero que logo se desenvolvan e se aproben seguindo o marco establecido na normativa da propia USC, antes da súa implementación, para que a Comunidade Universitaria poida coñecer opinar e participar nas decisións ao respecto. Para nós, e aquí queremos que se pronuncie o goberno da USC, esta é unha declaración de intencións; unha especie de submisión si se quere aos desexos e mandatos da Xunta, pero que non pode ter carácter normativo para cada unha das medidas nel incluídas. Fálase de medidas tan importantes como:
-    Políticas de persoal:
o    limitacións en  prazas novas, promocións ou estabilizacións de investigadores...
o    política de xubilacións anticipadas...
o    participación en programas de captación de talento investigador...
o    reasignación de horas de docencia
-    plans de aforro enerxético, peche temporal de edificios,..
-    cambios de procedementos de licitación, control presupostario,...
-    participación ou non en programas de captación de fondos reembolsables... (caso de INNOCAMPUS  no Campus de Excelencia...)
-    Retraso ou paralización de obras previstas...venda de inmobles...
-    Sustentabilidade económica de graos e másteres...
que para a súa implementación deben ser desenvoltas e aprobadas polos órganos correspondentes da USC.


[Esta mesma petición foi feita tamén por representantes do PAS e de UA e aceptado polo Consello de Dirección. A vicerreitora asumiu que se trata “dunha declaración de intencións”. O resultado da votación foi o seguinte: A favor: 24, En contra: 5, Abstencións: 6].


E.- Regulamento de Réxime Interno do Xardín Botánico.
Foi aprobado con algunha modificación mínima proposta polos representantes de +IDEAS, que reclamaron que  a redacción do Regulamento se lle dera unha  volta máis antes de aprobalo definitivamente pois parecía ter moitas deficiencias.

F.- Estatutos do Colexio Maior Arosa.
A presentación deste punto no CG polo vicerreitor de Estudantes provocou varias intervencións, entre elas a de representantes de +IDEAS, no mesmo senso: ¿por qué se trae este punto a CG?. Ou aínda mellor  ¿cal é a regulamentación que obriga a traer os estatutos dun  Colexio privado ao CG? A normativa de colexios adscritos non parece estar moi clara pero o que parece e que esa adscrición se debe facer mediante convenio; convenio que debe aprobar o CG pero non directamente o ideario ou regulamento interno do Colexio privado.
O Consello de Dirección optou por deixar o punto sobre a mesa para volver a traelo máis documentado a outro Consello de Goberno.

G.-Modificación  e aprobación de titulacións de másteres universitarios
Foron aprobadas as modificacións dos cinco Másteres interuniversitarios seguintes: Acuicultura,  Turismo Urbano,  Xerontoloxía,  Técnicas Estatísticas, e Xestión e Dirección laboral. Destes, os tres últimos estaban no punto 7 do CG pasado e foran retirados porque faltaba o informe da Comisión de Organización Docente do claustro, reclamada por Juan Viaño. A vicerreitora de Grao e Posgrao di que veñen cos informes favorables das “comisións pertinentes”. Juan Viaño, pregunta cales son as “comisións pertinentes” ao que responde a vicerreitora de PDI,  dicindo que como se viña facendo antes: no caso de modificacións non pasan pola Comisión de Organización Docente e si no caso de novos másteres.  Que as modificacións pasaron pola COAP e os informes son todos favorables.

Os másteres que se presentaron para aprobación son Bioloxía Mariña, Enxeñaría Informática e,  Planificación e Xestión do  D.  Territorial (o primeiro xa se presentara ao CG anterior). Preguntamos polos informes e responde a vicerreitora de profesorado que son todos favorables, que non están redactados e que darán fe as actas das comisións correspondentes.


H.- Proposta de Acción Especial
Foi concedida a acción especial solicitada polo prof.  Rafael Crecente Maseda del  Área de Enxeñaría Agroforestal que leva equiparada concesión de exención docente e a contratación dun substituto con cargo a un memorando de colaboración de la USC con la FAO, que tiña informe favorable da Comisión de Accións Especiais, en aplicación da normativa: “As accións a valorar pola comisión de accións especiais serán accións de gran transcendencia que contribúan significativamente a aumentar o prestixio da USC [...] Polo tanto, excluiranse deste proceso de valoración as accións que habitualmente realiza o profesorado tales como a participación en contratos, proxectos,etc... que aínda que veñan acompañados dunha dotación económica, non cumpran os requisitos de excepcionalidade e especial transcendencia”.

I.- Regulamento do Comité de Bioética
Aprobouse

J.- Aprobación do protocolo da seguridade na información e o regulamento do Comité de Seguridade.
Aprobouse

L.- Modificación da concesión da exención de matrícula a fillos de funcionarios da Consellería de Educación. 
Punto introducido para discusión por decisión do Claustro. O CG debate sobre a procedencia da  reclamación individual do importe da matrícula do curso 2010/11 aos fillos de funcionarios da Consellería de Educación, toda vez que esta comunicou oficialmente en xuño do ano 2010 que non asumía este custe. Aínda así, a USC fixo a convocatoria de matrícula, advertindo na documentación que se nos mes de xuño de 2011 a Consellería non tiña abonado o importe (aproximadamente 900.000 Euros), reclamaríase o pago individualmente a cada estudante (ao redor de 1.500). 
A postura da maior parte dos intervintes foi clara: insistir ante a Xunta para o cobro desa matrícula e informar da situación nominalmente aos estudantes afectados. Se no mes de xuño as xestións non deron froito, procederase a reclamar  o importe a cada un dos estudantes.   O EG defendeu a postura de condonar a débeda e non reclamar nada á Consellería nin aos estudantes pero non convenceu ao Consello que finalmente por asentimento aprobou a postura maioritaria. 

M.- Prórroga de nomeamento como Profesora-Investigadora Ad Honorem.
Aprobouse a prórroga no nomeamento da Profesora Dna Imaculada Paz Andrade da Facultade de Física. 

N.- Cambio de adscrición de centro do Departamento de Electrónica e Computación.
Aprobouse o cambio de adscrición do Departamento de Electrónica e Computación da Facultade de Física a ETSE, aínda que ata que o CITIUS estea construído non se producirá ningún cambio de despachos.

Ñ.- Proposta de nomeamento de vicedecanos/as da Facultade de Económicas e Empresariais
A Decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, reclama o nomeamento dun cuarto vicedecano de “Asuntos Económicos”,  en base a que xa tivo 4 vicedecanos en tempos anteriores e agora a xestión é complicada pola coexistencia de diversas titulacións e moitos alumnos.  Prodúcense varias intervencións, entre elas a de Juan Viaño, todas no mesmo senso: 
Nestes  momentos, cando vimos de aprobar un orzamento cuns recortes brutais do 40% e 50% en docencia e investigación, non é oportuno dar un cargo adicional a ningunha Facultade.
A normativa da USC sobre este tema está obsoleta pois  hai un acordo da Xunta de Goberno do 19 de xaneiro de 1988 onde no pto. 6 se indica a fixación dun número máximo de cargos académicos por centros: “ata 2000 alumnos 1; de 2001 en adiante 2, de 4001 en adiante 3”. En todo caso, o acordo especifica que calquera situación excepcional debidamente razoada poderá tomarse en consideración e pospoñerse para a súa aprobación á xunta de goberno.

Foi en base a esa excepcionalidade que o  C. de Goberno do 7 de outubro de 2009 aprobou o nomeamento dun vicedecano na Facultade de Ciencias da Educación para coordinar o Máster de Formación de Profesorado. Sen embargo, neste caso, diversos membros do CG se manifestaron a favor de non nomear ningún vicedecano novo e facer unha revisión desta normativa para adaptala aos tempos actuais: menos alumnos pero distintas actividades académicas, graos, másteres, etc... Aínda que nalgún momento o Reitor parecía aceptar esta solución, repentinamente decide someter o tema a votación, defendendo nomealo xa agora en base ás explicacións de necesidades dadas pola Decana pero sen criterios xerais aplicables a calquera facultade. O resultado da votación foi: Favor: 18, Contra: 11, Abstencións: 2.

O.- Cursos de posgrao propio
Aprobáronse os cursos de posgrao presentados, con excepción dun,  financiado pola Fundación Laboral de la Construcción, que quedou enriba da mesa para o seu estudo máis polo miúdo.

P.- Transformación da Escola Universitaria de Formación del Profesorado e da Escola de Enfermería en Facultades.
 Aprobouse

Q.- Modificación da composición de comisións
Dáse conta de varias modificacións nas comisións delegadas do CG por motivos de finais de mandatos, incompatibilidades,...

R.- Recursos.
O CG rexeita o recurso de J. B. López e  P. Fisac, do campus de Lugo,  contra a resolución da Vicerreitoría de Profesorado de asignarlles docencia no Campus de Santiago porque neste momento non teñen ningunha docencia en Lugo.

S- Trámite.
Premios extraordinarios e outros.

T.- Convenios.
U.- Rogos e preguntas
 
As presentadas por +IDEAS son as seguintes:

a) Rogo
Que os servizos da USC non sigan a pedir documentos que xa teñen non seu poder por ser contrario ao procedemento administrativo. 

b) Pregunta:  
Número de estudantes a data de fin de matrícula: Primeiro por primeira vez y totais. Desglose do número de transferidos de licenciaturas a graos. Segundo  estes números, ¿qué efectos tivo sobre a continuidade de másteres tendo en conta a nova normativa? ¿cal é a situación? ¿suprimiuse algún?

c)  Pregunta: 
 O feito de que no SUG non está aberta a discusión de novas propostas títulos a implantar non significa que non se poidan ir traballando e verificando...pois nos colocaría en avantaxe con respecto a outras universidades e se finalmente non se autorizan quedaría o traballo feito...
Hai algunhas titulacións que teñen urxencia  como son a transformación a graos oficiais dos títulos propios da USC de  Criminoloxía e do Centro Superior de Hostalería de Galicia. ¿Cal é a posición e a perspectiva do EG con respecto a estes títulos?
Resposta o Reitor que nos dous casos se está estudando a transformación, especialmente no caso de Criminoloxía, que ten unha forte demanda aínda que teñen un problema importante: a maioría desta demanda non cumpre os requisitos para entrar nun grao e si cursan os estudos actuais como formación para a profesión. Tamén entraría en colisión  co Máster de detectives privados que imparte a UdC.

d) Finalmente convén destacar a intervención do Reitor a propósito dunha pregunta de D. Angel García en relación a un escrito remitido aos membros do Consello de Goberno, polos investigadores Carolina Bartolomé (antiga IPP) e José Ramón Vidal Juviño (antigo RyC), reclamando a nova saída a concurso das prazas de estabilización que, no seu día, quedaron vacantes.
O Reitor foi extremadamente duro coa súa actitude pola imaxe que traslada do sistema de selección de profesorado do que nos temos dotado e que nos seus casos se actuara con todas as garantías. Que para o EG trátase dun tema pechado, establecéndose un pequeno debate co Dr. García, no senso de que se trata de persoas que teñen avaliacións contrastadas da súa actividade e que finalmente quedan fora do sistema. Juan Viaño, interveu brevemente, para indicar que, se ben eran incontestables as actuacións formais, sería bo que a USC estudara mais polo miúdo a problemática xeral dos investigadores que con grandes currículos son captados nestas convocatorias, que teñen as avaliacións positivas e recoñecementos das axencias e comisións nacionais, que dirixen grupos de investigación competitivos e que, a hora de estabilizalos, son rexeitados nos departamentos porque non se incardinan convenientemente na súa docencia, aínda que si son fundamentais nos seus grupos de investigación....


Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2010.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario