jueves, 15 de diciembre de 2011

COMUNICADO DE +IDEAS

O Claustro da USC acordou na sesión do 14 de decembro de 2011 rexeitar tanto a Programación Plurianual 2011-2014 como as Liñas Xerais do Orzamento Económico para 2012, presentadas polo equipo de goberno do Reitor Juan Casares.  

+IDEAS pediu o voto en contra dos dous documentos por medio de dúas emendas á totalidade.

A Programación Plurianual, que debería marcar a acción de goberno durante os próximos anos,  estaba formulada en termos simples, imprecisos e inconcretos e non contiña ningunha acción precisa nin unha temporización das medidas propostas. Trátase dun texto cheo de xeneralidades pero que non define un modelo universitario coherente.  Presentouse ademais con case un ano de retraso e non contemplaba algunhas medidas concretas do  recente Plan Estratéxico, como por exemplo a estabilización de investigadores dos programas de captación de talento (como Ramón y Cajal -RC- e Isidro Parga Pondal-IPP), sobre as que o Claustro se pronunciou de forma clara e maioritaria..

En canto as Liñas Xerais dos Orzamentos carecían dun plan viable para afrontar a delicada situación económica da USC. Con eses presupostos diante non era posible valorar cales ían ser as accións concretas de goberno, as políticas de gasto ou aforro nas distintas áreas de actividade e os obxectivos estratéxicos críticos que permitan á nosa universidade continuar a ser unha institución de referencia.

+IDEAS protestou tamén polo curtísimo tempo dado aos claustrais para preparar as emendas e o feito de que parte da documentación, enviada  fora de prazo e distribuída a toda comunidade universitaria nos días previos, contribúa a xerar enfrontamentos entre colectivos e áreas do coñecemento.
 

Cos resultados das votacións +IDEAS entende que o Claustro non pretende desequilibrar á Universidade senón forzar  a que o equipo reitoral mude o preocupante rumbo que estaba a tomar nos últimos tempos. En definitiva que goberne de cara a universidade e non de costas a ela. Prácticas como o peche imprevisto do exercicio económico que sufrimos recentemente, o regateo incesante nos procedementos, as medidas de despido de persoal tomadas sen planificación nin consenso e a improvisación permanente deben rematar.

O resultado do Claustro esixe que o Goberno da USC recapacite, modifique os modos de gobernar e que conte con toda a comunidade universitaria. Que  presente unha programación plurianual consecuente co Plan Estratéxico e uns orzamentos  cun plan realista de asignación de recursos, de actuacións de aforro basadas en medidas estructurais, de accións imaxinativas para a captación de recursos externos.

A comunidade universitaria pode ter a seguridade de que +IDEAS prestará toda a colaboración a unha acción de goberno que estea encamiñada á busca do consenso e de solucións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario