lunes, 21 de marzo de 2011

+IDEAS aplaude a iniciativa do Parlamento a favor dos campus de excelencia

A agrupación +IDEAS aplaude a Resolución aprobada o pasado día 16 de marzo no Parlamento galego que insta á Xunta de Galicia a comprometerse cos proxectos de excelencia Campus Vida, liderada pola Universidade de Santiago de Compostela, e Campus do Mar, liderada pola Universidade de Vigo, por medio de partidas orzamentarias específicas, negociadas coas devanditas institucións, así como a apoiar o proxecto que poida presentar a Universidade da Coruña.
Dende a súa creación no outono de 2010 +IDEAS tiña trasladado por diversas vías aos representantes no Parlamento galego a súa preocupación pola falta dun compromiso claro do goberno galego coas actuacións promovidas polas universidades galegas a favor de constituír polos de excelencia na investigación e na transferencia de coñecemento.
Os campus de excelencia constitúen marcos idóneos para que, co concurso de todos, as nosas universidades poidan chegar ao mais alto nivel internacional en campos estratéxicos do saber. Para lograr este obxectivo é fundamental unha colaboración institucional na que se impliquen ás tres universidades,  todas as forzas políticas, todos os axentes económicos e sociais e o goberno galego, para convertelos nun verdadeiro motor do I+D+i e de desenvolvemento de Galicia.
+IDEAS congratúlase de ter colaborado a que as forzas políticas parlamentarias asuman esa visión e lla trasladen ao noso goberno.
O texto aprobado polo Parlamento é o seguinte:
O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a comprometerse cos proxectos de excelencia Campus Vida, liderada pola Universidade de Santiago de Compostela, e Campus do Mar, liderada pola Universidade de Vigo, por medio de partidas orzamentarias específicas, negociadas coas devanditas institucións, así como a apoiar o que poida presentar a Universidade de A Coruña.”

1 comentario:

  1. Quero sumarme a esta iniciativa de +IDEAS de aplaudir ó acordo do Parlamento Galego de compromiso co proxecto de campus de excelencia internacional Campus Vida, da Universidade de Santiago de Compostela.

    Espero que non quede nunha mera declaración retórica, que non vaia acompañado do imprescindible apoio económico a un proxecto que non só é da máxima importancia para a USC, senon estratéxico para Galicia, se queremos que poda xogar en primeira división en cuestións univesitarias.

    Espero que o Sr. reitor e as restantes autoridades académicas se poñan a traballar dende xa, para que este acordo do Parlamento non caiga en saco roto, abrindo as oportunas negociacións coa Xunta de Galicia.

    Convén tamén que non esquenzan a enorme importancia de explicar e apuntalar o proxecto de Campus de Excelencia internamente na universidade. Seguén a escoitarse discursos en sectores amplos da comunidade universitaria contarios a este proxecto. A liña argumental máis recente é a de que na situación actual da universidade os recortes económicas deben aplicarse nestes proxectos. Hay que convencer a estes sectores que probablemente incluso en momentos de crise é enormemente importante apoiar este proxectos estratéxicos de futuro, que, ademáis, se se plantexan ben non só non serán unha carga económica para a universidade, senón fundamentalmente unha oportunidade de captación de recursos externos.

    Espero firmemente que +IDEAS sexa un ámbito dende o que se apoie de forma clara e decida o proxecto de Campus Vida e en xeral todos aqueles plantexamentos universitarios polos que apostan de forma decida as que serán sen dúbida as mellores universidades españolas do futuro.

    Animo.

    ResponderEliminar