miércoles, 12 de enero de 2011

CONSELLO DE GOBERNO DA USC do día 22-12-2010 - VALORACIÓNS

Elaboradas por representantes de +IDEAS no CG. P


Neste post faise unha valoración dos seguintes apartados:

  • Informe do reitor
  • Informe da vicerreitora de Economía e Financiamento.
  • Informe do vicerreitor adxunto  de  Investigación e Innovación.
  • Informe da Xerencia.
  • Renovación de Comisións do Consello de Goberno.
  • Modificación de titulacións de máster universitario.
  • Aprobación de titulacións de máster universitario. 
  • Modificación da normativa do Centro de Posgrao.
  • Criterios para a elaboración da Planificación Académica Anual para o curso 2011-2012.
  • Modificación do Regulamento de adscrición funcional a efectos de docencia das materias de grao e máster ás areas de coñecemento.
  • Modificación do regulamento de asignación efectiva do encargo docente das materias de Grao e Máster. 
  • Prazas de PDI.
  • Axudas para escolarización dos nenos e nenas menores de 3 anos no Campus de Lugo.
  • Modificación da RPT de PAS
  • Rogos e preguntas.
  • Extracto do Plan de Financiamento



A) Informe do reitor.
A parte máis importante do informe do reitor estivo referido ao Plan de Financiamento do SUG 2011-2015 que asinaron os tres reitores coa Xunta o día anterior ao Consello. No seu informe o reitor reiterou a información xa difundida nos medios de comunicación. Repartiuse unha copia do acordo asinado do que facemos un extracto ao final deste documento. 
No seu informe o reitor fixo algúns comentarios sobre o significado do Plan, , dos que salientamos os seguintes:

  • A pesares de que os orzamentos do 2011 da CA tiñan unha redución nos seus ingresos con respecto ao 2010 do 11% o financiamento do SUG alcanzaría os 390 M€ que supón só o 5,56% menos que o ano 2010. 
  • Que o Plan permitiría acadar no 2015 un financiamento do SUG que suporía o 1% do PIB da CA. 

Nas posteriores intervencións no Consello, varios membros, entre eles representantes de +IDEAS,  destacaron algúns aspectos positivos do Plan (reparto afectado por resultados, ligado a investigación...) pero tamén, a compracencia dos reitores das 3 universidades co Plan que, se ben necesita de sacrificios polo momento económico que se está a vivir, nos se pode calar ante a información inexacta que  se está trasladando aos medios de comunicación e á sociedade. 
En efecto: en contra do publicado,  no acordo asinado non hai ningún compromiso de que o financiamento público do SUG alcanzará unha porcentaxe determinada (o 1%) sobre o PIB (e mesmo a evolución puidera ser negativa). Pero ademais, tal como destacou Juan Viaño e fixera público +IDEAS nunha nota de prensa, a fórmula que utiliza a Xunta de Galicia para calcular esa porcentaxe  non é homologable á utilizada no resto de España porque entre outras cousas inclúe como financiamento,  por exemplo, as achegas conseguidas en concorrencia competitiva nas convocatorias nacionais ou europeas. Facéndoo segundo os cálculos da Xunta xa estaríamos agora no 0,92%, mentres que utilizando a fórmula de cálculo empregada no resto de España estamos no 0,7%, fronte a Andalucía que supera o 1% real.  Polo tanto, a realidade é que non  se incrementaría  practicamente nada nos vindeiros cinco anos, cunhas perspectivas pésimas para a nosa Universidade e un case seguro distanciamento aínda maior con respecto ao resto do Estado. 


B) Informe da vicerreitora de Economía e Financiamento.
No seu informe a Vicerreitora fai referencia aos aspectos mais salientables do orzamento para o 2011 e nas liñas xerais orzamentarias que se presentarán ao  Claustro. Entre elas menciona as seguintes que proveñen da execución dos orzamentos do  2010:

  • A Xunta non se fai cargo dos custos de matrícula dos familiares do Persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (900.000 €). Facenda non permitiu compensar 950.000 € do IVE por investigación básica e fondos FEDER. 
  • Non se vendeu enerxía (orzamentada como ingreso de 120.000 €)  por ser necesaria para cubrir as necesidades dos edificios do Campus Vida. 
  • A contía dos fondos do Plan de Financiamento para 2010 foi 15 M€ inferior aos gastos o que foi cuberto orzamentariamente: 
    • cun préstamo de 10 M€ incrementando a débeda bancaria
    • unha achega orzamentaria de 5 M€ (nos capítulos IV e VI) sobre a que segundo di textualmente “non existía ningún compromiso senón que fora acordado polo equipo reitoral anterior con representantes da Xunta nunha conversa de aeroporto” e que non se puideran facer efectivos. 
Estas manifestacións da Vicerreitora suscitaron a inmediata resposta de Juan Viaño, de +IDEAS, que como membro de equipo reitoral precedente, non podía aceptar baixo ningún concepto as manifestacións que viña de facer a Vicerreitora e emprazou ao señor Reitor a emendar as palabras da Vicerreitora pois 
“vostede sabe perfectamente que ese compromiso dos 5 M€ foi asumido pola Xunta de Galicia, sen ser escrito, certo, pero ratificado nunha reunión, convocada expresamente polo propio Presidente da Xunta,  co profesor Barro, como reitor saínte, e vostede como reitor electo, en presenza do Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. Reunión que tivo lugar o 23 de xuño. Que os 5 M€ estaban ligados a convenios aínda sen definir esperando precisamente polo novo reitor, e que eran para axudar no transitorio do 2010 cara a un novo plano de financiamento que xa debería facer innecesaria unha nova achega para o 2011”. 
O reitor Casares en efecto corroborou que esa reunión tivo lugar dous días antes da súa toma de posesión e que esa información era correcta, pero que pensaba que non se ían a ingresar eses cartos xa que as circunstancias cambiaran. En todo caso, reiterou Viaño 
“quedou claro que esa achega non era froito dunha conversa dun aeroporto nin estaba ligada a ningún reitor senón á USC e ás súas necesidades e circunstancias especiais, e que dende o mes de xuño tivo tempo de dar forma aos convenios que permitirían achegar eses recursos, polo que eses convenios terían que terse asinado. Polo tanto, non se trata dunha falta de compromiso en firme por parte da Xunta senón dun problema de xestión ou concreción pola súa parte”. 
Non houbo más intervencións ao respecto. 


C) Informe do vicerreitor adxunto  de  Investigación e Innovación.
Está en fase de elaboración un novo plan de avaliación dos institutos universitarios de investigación que cambiará o do anterior equipo reitoral (no que 4 institutos foron avaliados positivamente). 


D) Informe da Xerencia.
A Xerenta dá conta da Instrución X/2010 de 16 de decembro, sobre aplicación das medidas relativas a contratación temporal, da lei 35/2010 de Medidas Urxentes para Reforma do Mercado de Traballo. 
 http://www.usc.es/xerencia/Instrucions/2010/Instrucion_X_2010.pdf


E) Renovación de Comisións do Consello de Goberno.
Renováronse as Comisións específicas nomeadas polo Consello de Goberno. Por unanimidade aprobouse a proposta feita dende o equipo de goberno, que previamente foron consensuadas entre os diferentes grupos. +IDEAS foi consultada nos días previos e propuxo os seguintes nomes: 

  • Comisión de Postgrao Oficial: Ramón Estévez Cabanas. 
  • Comisión Editorial Académica: Luis M. Hervella Torrón. 
  • Comisión de Calidade e Planificación Estratéxica: Javier Bueno Lema. 
  • Comisión de Relacións Internacionais: Juan M. Viaño Rey. 

Tamén se renovou a Comisión Xeral de Validacións e Recoñecementos, e a Comisión Interna de Avaliación do Profesorado (CIAP). 


F) Modificación de titulacións de máster universitario.
Se presentan para  modificación os plans de estudio dos tres másteres seguintes: Xerontoloxía, Xestión e Dirección Laboral, Técnicas Estatísticas. Juan Viaño preguntou polo informes preceptivos que non figuraban na documentación e mais en concreto polo informe da Comisión de Organización Docente (COD)  do Claustro pois segundo o artigo 33 do Regulamento de Réxime Interno do Claustro “esta comisión asume a competencia do informe sobre os programas de estudios e as súas revisións, a que fai referencia o artigo 136.2 dos estatutos”. Suscítase unha discusión sobre a necesidade dese informe argumentando a Vicerreitora de Grao e Posgrao que para as modificacións non era necesario porque non se necesitaban aumento de recursos e que non era norma levar a revisión dos másteres á Comisión de Organización Docente e que só se facía na Comisión de Titulacións. Contestamos dicindo que, en efecto, isto se fixo mentres que o másteres se impartían a custe cero pero que a situación agora mudara polo que debería clarificarse o procedemento de cara ao futuro, pois non era a nosa intención opoñerse a modificación dos tres másteres que se propoñían neste momento. 


G) Aprobación de titulacións de máster universitario. 
Preséntase para aprobación o Máster de Bioloxía Marina e un Máster de Inmunoloxía coordinado pola Universidad Complutense. Suscítase a mesma cuestión que no caso anterior sobre os informes. Dado que o Máster de Bioloxía Marina non tiña o informe da COD foi retirado. 
En canto o máster de Inmunoloxía, infórmase que se trata dun máster que se xa se está impartindo con participación de profesorado da USC pero que non tivo a tramitación como máster interuniversitario. A preguntas de +IDEAS sobre a exposición pública da memoria e a tramitación ordinaria, a resposta da Vicerreitora de Grao e Postgrao, afirma que eses trámites non se fixeron porque “esta titulación de máster non é unha titulación outorgada pola USC senón da U Complutense”.  E nós engadimos : sendo así o trámite que se fixo non era necesario e non sirve absolutamente a nada pois a participación de profesorado da USC noutros másteres alleos ten a súa propia canle de aprobación que non pasa por un punto no Consello de Goberno sobre aprobación de másteres novos. 


H)  Modificación da normativa do Centro de Posgrao.
A normativa do Centro de Posgrao aprobada con inusitada urxencia polo equipo reitoral no CG de xullo pasado, foi sometida a unha modificación puntual, na que no artigo 4 sobre competencias da Comisión de Posgrao Oficial  se eliminan as referencias aos másteres quedando tan só referencias ao doutoramento. 
Tamén neste punto por parte de +IDEAS se suscita a posible invasión de competencias que se lle pode ter dado a esta Comisión na que nese mesmo artigo 4, no apartado m), se di que terá como competencias “as que figuren nos estatutos da USC, no regulamento dos estudios oficiais de posgrao e na normativa estatal e autonómica reguladores dos estudos de posgrao oficial” Isto entraría en colisión coas competencias da COD  mencionadas no punto anterior  sobre os másteres. Aceptouse cambiar “posgrao oficial” por “doutoramento”.  E nós dende aquí engadimos: se a Comisión de Posgrao Oficial só vai a entender de Doutoramento para que se lle da ese nome... 


I) Criterios para a elaboración da Planificación Académica Anual para o curso 2011-2012.
A Vicerreitoría presenta un documento de criterios para elaboración da PAA do vindeiro curso, que é unha actualización con modificacións puntuais do elaborado para o curso actual polo equipo de goberno anterior e mantén as mesmas liñas xerais: 

  • Ata 90 horas das 180 de titorías do profesorado pódense impartir en aula e en grupo. 
  • O recoñecemento do esforzo investigador (REI) pódese rebaixar na dedicación docente nas áreas que teñan recursos. 
  • Só as horas lectivas computan para as necesidades das áreas e non se modifican as valoracións de lectivas e titorías para os TFG e TFM. Fanse actualizacións para incluír Practicum e TFG en titulacións de enxeñaría. 
  • Sen embargo, introduce algunhas modificacións de certa importancia como son as seguintes:
  • Agás en situacións de forza maior, todos os Profesores TEU terán unha dedicación de 240 horas, independentemente da súa dedicación á investigación.
  • Introdúcese un novo tipo de “docencia interactiva de seminario” diferenciada da “docencia interactiva de laboratorio ou ordenador” na que o tamaño de grupo é de 40 alumnos. 
  • Para o desdobramento de grupos en calquera tipo de docencia e titoría será necesario que en cada un dos grupos creados se supere o 25% do módulo de alumnos establecido (que se mantén en 80 expositiva, 40 interactiva seminario, 20 interactiva laboratorio/ordenador, 10 titoría). 
  • Agás situacións debidamente xustificadas e autorizadas non se poderá impartir máis do 50% das horas lectivas dun PDI a tempo completo nun posgrao oficial. 
  • Simplifícanse as reducións por actividades de coordinación docente: coordinador de grao e máster (60 horas), coordinador de curso (20 horas), coordinador de prácticas de grao (20 horas), coordinador de materia (5 horas). 
  • O máximo de horas por REI é de 100 horas (antes era de 120). Os indicadores son os mesmos agás que en proxectos europeos pasan de 100 a 120 horas. 
  • A redución máxima total dun PDI por rendemento investigador  e coordinación docente será de 120 horas. En caso de ser un cargo académico ou asesor poderá recoñecerse ata 30 horas máis pola actividade académica que desempeñe. 
  • Nas titulacións de grao establécese unha equivalencia de 8,5 horas por ECTS. Os centros poderán modificar o reparto de horas das materias por tipo de docencia, sen embargo o cómputo total das horas lectivas, e de ser o caso, das horas de titoría, en cada curso ou da titulación non deberá superar o que resulte cando se aplica o reparto das materias tipo. (4 horas en expositiva, 4 horas en interactiva, 0,5 horas en titoría). 

As intervencións máis destacadas e o debate máis importante estivo relacionado precisamente cos últimos puntos da lista anterior. Por parte de UA e +IDEAS entendíase que rebaixar o máximo do REI de 120 horas a 100 era un retroceso, tanto mais que esta redución só se aplica nas áreas que teñen posibilidade. Para os representantes de +IDEAS, os centros deben dotarse de certa flexibilidade para poder facer pequenos cambios nas horas de docencia e titoría aprobadas no seu día e así se ven facendo habitualmente para facilitar a organización e os recursos. Pero a posta por escrito que se fai no documento abre a porta a que os centros modifiquen pola vía da PAA os plans de estudios aprobados nas memorias das titulacións en base a criterios organizativos e non de entidade académica. Eses cambios, de consideralos necesarios, teñen as súas canles para poder ser aprobados.   
A pesares de que o documento da PAA 2011-2012, está basicamente inspirado na filosofía do elaborado polo anterior Vicerreitor, Juan Viaño, de +IDEAS, ao non aceptar por parte do equipo a condición de manter o máximo do REI en 120 horas, os nosos representantes optaron por votar en contra ou absterse. O documento  foi aprobado.  


J) Modificación do Regulamento de adscrición funcional a efectos de docencia das materias de grao e máster ás areas de coñecemento.
Eliminouse do regulamento aprobado pola anterior Vicerreitoría, a obrigatoriedade da negociación sindical. O resto non se toca. 


K) Modificación do regulamento de asignación efectiva do encargo docente das materias de Grao e Máster. 
 Modificase o artigo 3 Procedemento de asignación efectiva do encargo docente ás áreas de coñecemento nos puntos 1 do dito regulamento que queda redactado como segue: 
1.“A Vicerreitoría de Persoal Docente e Investigador realizará a asignación efectiva do encargo docente das materias das titulacións de grao e máster nas propostas de PDA que envíe aos centros e as Comisións Académicas dos máster. A estes efectos terá en conta a capacidade e as necesidades lectivas das áreas, e deberá tomar como referencia o acordo aprobado coa adscrición das materias de grao e máster a áreas de coñecemento, dándolle a prioridade que corresponda segundo os coeficientes de afinidade e o estudo de capacidade lectiva das áreas”. 
 A redacción anterior era a seguinte: 
1. A Vicerreitoría con competencias en organización docente solicitará dos Decanos/ Directores dos Centros responsables das titulacións de Grao e dos Coordinadores das titulacións de Máster unha proposta de asignación do encargo de docencia das materias dos novos títulos de Grao e Máster ás áreas de coñecemento, que será elaborada de acordo cos Departamentos implicados e aprobada, segundo o caso, pola Xunta de Centro ou polas Comisións Académicas dos Másteres ou órgano coas mesmas competencias.
Da nova redacción dedúcese que a iniciativa primeira de asignación da docencia se fai por parte da Vicerreitoría quitándollela a quen estatutariamente lle corresponde,  que son os Centros. Aínda que na práctica, a Vicerreitoría  xa  viña facendo unha proposta inicial de PDA enviándoa aos  centros para a súa aprobación ou modificación negociada cos Departamentos, a redacción que se adoptou parece eliminar a participación dos centros o que introduce aspectos legais controvertidos e contraditorios co resto da normativa, que o propio CG encargou ao equipo reitoral de estudar con coidado. 


L) Prazas de PDI.
O bloque mais importante das prazas aprobadas estaba constituído por 26 cátedras de promoción de profesores titulares acreditados. Os representantes de +IDEAS interviñeron para manifestar que, se ben defendían  o dereito á promoción de todos os acreditados, o feito de crear neste ano  52 cátedras, non era moi congruente coa situación económica actual trasladada nos informes desta mañá e tampouco coas restricións que se estaban impoñendo á incorporación e promoción doutros colectivos de investigadores. 


M) Axudas para escolarización dos nenos e nenas menores de 3 anos no Campus de Lugo.
Aprobáronse as bases para a convocatoria no curso actual 2010-11.


N) Modificación da RPT de PAS
Aprobáronse diversas modificacións da RPT de PAS en relación aos seguintes motivos:

  • Cambio de adscrición de unidades organizativas
  • Dotacións para a posta en funcionamento do CIMUS
  • Creación dun posto de Xefe de Sección da Secretaría Xeral e supresión do posto de xefe de negociado do Rexistro Xeral
  • Creación dun posto base de auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos.
  • Reestruturación do Servizo de Prevención de Riscos Laborais. 



Ñ) Rogos e preguntas.
Por parte de +IDEAS trasladamos ao Consello de Dirección, entre outras,  as seguintes preguntas e rogos.


1. Como é lóxico, unha vez elixidos os representantes do novo claustro nas diferentes comisións, os antigos membros das mesmas recibiron unha carta de cese asinada  pola Secretaria Xeral. En varias delas,  na carta non aparecía en ningunha parte a frase de cortesía habitual na que se agradecen os servizos prestados á universidade. 
Parece que esta cortesía debe terse obrigatoriamente para os ceses dos membros de todas as comisións, pero, en particular, para os da de Titulacións, xa que esta comisión tivo que informar sobre todas as memorias de títulos enviadas á verificación reuníndose polo menos un día por semana, todas as semanas (agás vacacións) nos catro últimos anos. 
Rogamos que o Sr. Reitor envíe un escrito aos ex-membros da citada comisión e doutras que o considere, no se lles agradeza os servizos prestados.


2. No xornal La Voz de Galicia do 15 de decembro de 2010, o Director Xeral de I+D+I di que a convocatoria de só 15 prazas de investigadores para o ano 2011 está feita despois das conversas mantidas cos tres reitores e responden as necesidades manifestadas polas universidades. Se a noticia é certa, ¿cal foi a postura da USC? 
A reposta do Reitor foi taxativa negando que esas manifestacións respondan ao que se lle trasladou por parte das Universidades e a propia negativa da USC a chamarlle investigadores Parga Pondal é unha proba da insatisfacción da nosa universidade. 


3. O Presidente Feijoo anuncia no Parlamento o día 15 de decembro de 2010 que antes de finalizar decembro aprobaríase o Plan Galego de Investigación 2011-2015 por valor de 200 M€, consensuado e acordado coas tres universidades (ver La Voz de Galicia do día 16/12/2010). ¿Qué posición mantivo a USC?
Na súa resposta o reitor informa que a primeira reunión convocada polo Sr Feijoo sobre o Plan de Investigación foi de carácter informativo, con asistencia de varios axentes implicados (universidades, CSIC, OPIS, empresarios, centros tecnolóxicos, etc... ). Presentouse un borrador con 148 M€ que non é aceptado, entre outros, polo reitor da USC. 
Posteriormente, xa no Consello Galego de Universidades,  esta cantidade foi aumentada por parte da Xunta ata 184M€.  Por parte da USC xa non se manifestou rexeite e finalmente cando a cantidade se achega aos 200 M€ a postura na Comisión negociadora foi de apoio,  igual que a Universidade de Vigo, mentres que os representantes da Coruña un votou en contra e o outro abstívose.


4. Mais alá do lexítimo dereito de denuncia ante o TSXG, as declaracións públicas dos responsables do Colegio Oficial de Ingenieros Industriales de España sobre as “graves deficiencias” do Plan de Estudos do Máster de Enxeñaría Industrial da USC impartido pola Facultade de Ciencias de Lugo, e a súa advertencia de que non se colexiará aos alumnos matriculados neste máster están causando un grave prexuízo á USC en xeral e aos centros implicados no máster, en particular. ¿Qué ten pensado facer o equipo de goberno? 
O reitor reitera o que xa manifestara a USC nun comunicado asegurando que o máster se ten programado seguindo a normativa estatal e autonómica, tendo coñecemento as tres universidades galegas e os colexios profesionais sen que en ningún momento do proceso se tiveran presentado alegacións. O vicerreitor do Campus de Lugo informa que oficiosamente lle tiñan chegado noticias de que o Colexio tamén denunciara á ANECA por irregularidades no proceso de verificación. En todo caso,  no se iniciou ningunha actuación por parte da USC porque non se ten aínda constancia oficial de ningún deste feitos.  


ANEXO
Extracto do Plan de Financiamento
As achegas da CA ao financiamento de SUG realizarase a través do seguintes fondos: 


I. FINANCIAMENTO ESTRUTURAL 
a. Subvención fixa que comprende dous fondos diferenciados.


1. Financiamento de custes estruturais

2011: mesmas porcentaxes que no Plan de Financiamento 2005-2010 + sexenios e complementos retributivos autonómicos.
2012-2015: a distribución realizarase en aplicación de novos criterios que serán fixados polos asinantes antes do 31 de xullo de 2011. Cada ano vincularase o 5% do total do fondo aos novos criterios, de xeito que no 2015 o 20% repartirase de acordo aos novos criterios e a contía restante en función das variables utilizadas no  2011.
No ano 2011 destinaranse 290M€ dos que á USC correspóndelle 124M€, á UDC 78 M€ e a UVigo 88 M€. Este fondo evolucionará segundo a porcentaxe de variación da masa salarial fixada pola lei de orzamentos da CA de Galicia para cada exercicio. 
2. Para o financiamento de investimentos en RAM dotase un fondo de 5 M€, que permanecerá inalterable no tempo de vixencia do acordo. No 2011 repartiranse cos mesmos criterios que no 2010 podendo ser modificados en exercicios posteriores. No 2011 corresponde: USC: 2M€, UDC: 1,4 M€, UVigo: 1,6 M€. 
3. Mantemento dos Consellos Sociais. No ano 2011, 600.000 € (200.000 € a cada universidade).
4. Mantemento da ACSUG: Ano 2011: 1.200.000 Euros transferidos directamente á ACSUG.
5. Financiamento do custo derivado dos servizos do INEF-Galicia transferidos á Universidade da Coruña (2011: 2,9 M€) e a dotación de prazas vinculadas do SERGAS (2011: 6,56 M€ (USC: 5,3 M€, UDC: 1,2 M€, UVigo: 0,06 M€). 
Os recursos 3,4 e 5 variarán segundo corresponda aso incrementos retributivos básicos e complementarios do persoal ao servizo da CA. 


b. Subvención por capacidade investigadora
Ano 2011: 0,56 M€
Apoio ás universidades que desenvolvan liñas de investigación estratéxicas consideradas no Plan Estratéxico de Galicia 2010-2014.


c. Subvención para a compensación dos custos inducidos pola normativa estatal e autonómica. 
Ano 2011: 1,09 M€ (USC: 0,43 M€, UDC: 0,31 M€, UVigo: 0,35 M€). 


II. FINANCIAMENTO POR RESULTADOS
a. Subvención por resultados.
Distribuiranse en función de contratos programa con cada unha das universidades:
Haberá 2 contratos programa con cada universidade: 2011-2012 e 2013-2015. A medición dos resultados realizarase aplicando indicadores asociados a cada unha das áreas de acción: adaptación ás necesidades sociais, docencia, investigación, transferencia de tecnoloxía, proxección internacional, responsabilidade social, xestión, campus periféricos. 
Anos 2011-2012: 19 M€ que serán repartidos en función de criterios baseados no número de alumnos matriculados e nos ingresos medios por proxectos nos últimos 3 anos, en relación ao PDI de cada universidade, correspondendo: USC: 7,5 M€, UDC: 5,13 M€, UVigo: 6,37 M€. 
Anos 2013-2015: O importe mínimo deste fondo será do 10% do total dos créditos destinados ao financiamento do SUG. 
Evolución anual: 2 x (Crecemento do PIB da CA).


b. Subvención por resultados de investigación
Fórmulas de concorrencia competitiva para o desenvolvemento das liñas de acción do Plan Galego de I+D+I. Ano 2011: 38 M€. Evolución anual: crecemento do PIB da CA + 3%. 


c. Subvención por resultados de transferencia tecnolóxica
Fórmulas de concorrencia competitiva. Ano 2011: 7,2 M€. Evolución anual: crecemento do PIB da CA + 3%. 
III. FINANCIAMENTO POR MELLORA DA CALIDADE
Ano 2011: 18 M€ (USC: 7,88 M€, UDC: 4,7 M€, UVigo: 5,42 M€).  
Nos exercicios 2012-23015 o reparto deste fondo vincularase ao cumprimento do plan de sustentabilidade. 


A evolución dos fondos do Plan de Financiamento calcularase aplicando as regras mencionadas, pero en todo caso a variación anual do total estará suxeita á evolución anual do conxunto dos recursos que integran o sistema de financiamento da Comunidade Autónoma. 
Antes do 15 de febreiro de 2011, cada unha das universidades presentará perante a Consellería de Facenda, o correspondente plan de sustentabilidade financeira que contemplará as medidas e obxectivos internos a acadar nos exercicios de 2011, 2012 e 2013. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario