lunes, 13 de diciembre de 2010

consello de goberno 1/12/2010

Valoracións dos temas tratados nas
dúas sesións extraordinarias do CONSELLO DE GOBERNO DA USC
celebradas o día 01-12-2010

Elaborada por representantes de +IDEAS no CG

A información recollida nesta reseña non ten ningunha validez oficial

Temas tratados
1. ADAPTACIÓN Á LOMLOU DA COMPOSICIÓN DAS XUNTAS DE CENTRO
2. ADAPTACIÓN DA COMPOSICIÓN DAS COMISIÓNS DELEGADAS DO CG
3. ELECCIÓN DOS MEMBROS DAS DISTINTAS COMISIÓNS DELEGADAS
4. CONVOCATORIA EXTRAORDINARIA DE INCORPORACIÓN DE DOUTORES CON FORMACIÓN INVESTIGADORA ACREDITADA A GRUPOS DE INVESTIGACIÓN


1. ADAPTACIÓN Á LOMLOU DA COMPOSICIÓN DAS XUNTAS DE CENTRO
Aprobouse a seguinte modificación do Art.98 dos actuais Estatutos da USC, para dar cabida nas Xuntas de Centro a todos os profesores con vinculación permanente á universidade. Ao mesmo tempo aproveitouse para adaptar outros aspectos que recollen a realidade actual de graos e másteres. Estes aspectos foron aportados polos representantes de +IDEAS no propio Consello, que tamén alimentaron o debate sobre a composición destes órganos e as dificultades de funcionamento dos mesmos. A discusión producida en relación ás porcentaxes de cada sector fan cada vez más urxente o debate e aprobación dos novos estatutos da USC (o PDI baixa do 65% ao 61%, o estudantado pasa do 30% ao 32% e o PAS do 5% ao 7%).
Artigo 98º
Marcamos en negriña os engadidos e en negriña+tachado as supresións
1. A Xunta de Facultade ou de Escola estará composta por:
a) O decano ou o director, que a presidirá e convocará.
b) Os vicedecanos ou subdirectores, de ser o caso.
c) O secretario, que o será tamén da xunta.
d) O seguinte persoal docente e investigador e persoal investigador en formación con docencia no centro e censados nel, e o non censado que teña neste un encargo docente igual ou superior a 90 horas presenciais:
* Todo o persoal funcionario docente e investigador con vinculación permanente, que representará o 51%.
* O resto, sempre que non exceda do 14% 10% do total da xunta.
e) Unha representación do estudantado do 30% 32%.
f) Unha representación do persoal de administración e servizos censado no centro, nunha proporción do 5% 7% do total da Xunta, cun mínimo de dous.
2. O regulamento de réxime interno de cada centro, de ser o caso, determinará o número de subsectores e a representación de cada un e respectará en todo caso os seguintes límites:
a) O persoal docente e investigador sen vinculación permanente e a tempo parcial non poderá representar máis do 5%.
b) O estudantado de primeiro e segundo ciclo, dos graos e dos másteres non pode representar menos do 25% 27%.
3. Tamén deberá ser convocado para a Xunta de Facultade ou Escola, con voz, pero sen voto, todo o persoal docente e investigador que imparta docencia no centro e non sexa membro dela, sempre que o solicite.
4. Todos os representantes elixidos serano por dous anos, agás os estudantes, que o serán por un ano. A condición de membro da Xunta perderase ao cesar a vinculación co centro ou ao deixar de cumprir os requisitos demandados ao sector polo que se foi elixido.
5. O persoal docente e investigador estará censado soamente nun centro desta universidade, nas condicións que estableza o Consello de Goberno.
6. O estudantado figurará no censo daqueles centros responsables da titulación ou titulacións en que estea matriculado.

2. ADAPTACIÓN DA COMPOSICIÓN DAS COMISIÓNS DELEGADAS DO CG
No Consello anterior (16.11.2010) fora retirado o punto de elección dos membros das comisións delegadas porque a súa composición non era consecuente coa nova composición do Consello de Goberno aprobada o 27.07.2010. O equipo de goberno comprometeuse á traer unha modificación do regulamento de réxime interno do CG no que atinxira á composición das Comisións. Pero isto non se fixo así. O equipo reitoral limitouse a definir o obvio: que os profesores contratados doutores son profesores doutores con vinculación permanente e que os estudantes de 1º, 2º e 3º ciclo son estudantes. Pero non modificou a redacción dos artigos correspondentes. Foron os membros do Consello de Goberno de UA e de +IDEAS os que sobre a marcha propuxeron a redacción definitiva que como se pode ver no exemplo seguinte (o da COAP) era bastante trivial:
Regulamento de réxime interno do Consello de Goberno
Artigo 25
Marcamos en negriña os engadidos e en negriña tachado as supresións
A Comisión de Organización Académica e Profesorado estará integrada por:
a) Os Vicerrectores o vicerrectores adxuntos das áreas relacionadas coa Comisión, que sexan membros do Consello de Goberno.
b) Oito profesores funcionarios con vinculación permanente, con representación das cinco grandes áreas, e dos dous campus.
c) Un membro do restante persoal docente e investigador
d) Cinco estudantes
e) Un membro de persoal de administración e servizos.

3. ELECCIÓN DOS MEMBROS DAS DISTINTAS COMISIÓNS DELEGADAS
A continuación procedeuse a elixir os membros das distintas comisións delegadas. Para todas as elas o equipo reitoral presentou unha lista de candidatos igual ao número de membros necesarios o que motivou que non fora necesario facer votacións. Listas que, como é obvio, estaban pactadas previamente cos distintos grupos agás con +IDEAS. A sintonía de UA co equipo reitoral amosouse claramente unha vez máis.
A composición definitiva das comisións elixidas (Organización académica e profesorado (COAP), Investigación, Asuntos Económicos, Actividades culturais e deportivas) pódese ver no seguinte enlace:

4. CONVOCATORIA EXTRAORDINARIA 2010 DE INCORPORACIÓN DE DOUTORES CON FORMACIÓN INVESTIGADORA ACREDITADA A GRUPOS DE INVESTIGACIÓN
A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria comunicou ás universidades do Sistema Universitario Galego o inicio do proceso para publicar en breve unha convocatoria extraordinaria (2010) de contratación de doutores.
Aínda que dita convocatoria da Xunta fará referencia ao programa Isidro Parga Pondal é importante subliñar que se trata dunha convocatoria de incorporación de doutores de carácter extraordinario e suxeita a condicións diferentes aos anos anteriores:
- A duración dos contratos será de 3 anos, non hai garantía dunha prórroga de dous anos adicionais ata completar 5 anos, e non hai previsión de continuidade do programa Manuel Colmeiro, requisitos básicos para á estabilización na USC.
- Ademais requírese un confinanciamento dos grupos de investigación receptores.
Polo tanto as prazas de investigadores derivadas de dita convocatoria non están suxeitas ao compromiso de estabilización na USC ao tratarse dunha convocatoria que polas súas características non é equivalente ao Programa Isidro Parga Pondal do Programa de Recursos Humanos do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2006-2010, e non se axusta as esixencias para a consolidación dos investigadores na USC.
No posterior debate interveu Juan Viaño, de +IDEAS, para manifestar que esta convocatoria da Xunta de Galicia obedece tan só ás presións recibidas, pero que as condicións nas que se fai son unha mostra clara de que non existe vontade política do noso goberno, a pesares das manifestacións públicas, de potenciar a captación de investigadores e sí a de precarizar cada vez máis o persoal investigador.
Tal como lle manifestamos ao equipo reitoral na consulta previa que fixo a +IDEAS, á vista dos momentos de crise que estamos a pasar non temos máis remedio que aceptar a convocatoria, porque supón aproveitar os recursos que nos ofrecen; pero que en ningún caso a USC debera amosar pasividade ou connivencia con este empobrecemento da convocatoria de IPP, porque supón un golpe durísimo ao programa de incorporación de investigadores no sistema público de investigación que viña amosando a súa efectividade na captación de talento. Pasamos de ter prazas financiadas durante 8 anos a unha especie de "bolsas postdoutorais" de 3 anos, sen ningún compromiso de estabilización.
Por iso, apoiamos tamén que a convocatoria non se denomine IPP porque trataríase dun engano e unha afronta aos nosos investigadores IPP de convocatorias anteriores para os que, por certo, esta Universidade non pode menos que reclamar da Xunta a continuidade do programa Manuel Colmeiro. Esa cuestión é irrenunciable pois non se poden cambiar as regras do xogo na metade da partida.
Na convocatoria que presenta a Universidade non se concretan os criterios de valoración da actividade docente e investigadora para decidir ás areas elixibles e só se definen de forma vaga e extensa. Insistimos en que, tal como se viña facendo outros anos, ademais de computar o exceso-déficit de capacidade-actividade docente e investigadora débese ter en conta a evolución da plantilla nos vindeiros cinco anos en base a
- xubilacións, IPP+RC incorporados,
- previsible caída das necesidades docentes pola desaparición do último ano das licenciaturas e a readaptación dos másteres ás necesidades reais, así como aos numerus clausus restritivos que se fixaron e moitas titulacións.
Así mesmo recordouselle ao equipo de goberno que os datos de exceso-déficit das áreas deberían ser coñecidos e publicados no momento da convocatoria, o que evitaría que as áreas excedentarias traballen en balde facendo solicitudes que non serán consideradas. Compréndese a urxencia, pero estes datos deberan estar permanente dispoñibles. A Vicerreitora de PDI aclarou que o cálculo de necesidades e capacidades farase cos criterios aprobados polo anterior equipo na vicerreitoría e cos datos actuais.
O requisito de cofinanciamento engade unha restrición forte que impide a moitos grupos poder solicitar estas prazas. Este é un requisito tamén dos Ramón y Cajal. Neste senso debemos reclamar que a Universidade teña a última palabra no que se refire a aceptación dos candidatos seleccionados, como precaución para evitar que un grupo teña que cofinanciar un contrato dun investigador que, tendo superado a selección, o seu perfil non se adapte ás necesidades que o grupo manifesta na convocatoria.
Esta convocatoria foi aprobada por asentimento.

1 comentario:

  1. (comentario recibido)
    En relación con la CONVOCATORIA EXTRAORDINARIA DE INCORPORACIÓN DE DOUTORES CON FORMACIÓN INVESTIGADORA ACREDITADA A GRUPOS DE INVESTIGACIÓN,- programa Isidro Parga Pondal (mal llamado por estar totalmente devaluado) lo que no entiendo es que la vicerrectora de PDI afirme que la oferta de áreas receptoras de dichos contratos se haya hecho utilizando los criterios aprobados por el equipo anterior.
    La falsedad de tal afirmación es fácil de detectar: basta con comparar la última oferta del programa RyC del presente año con esta oferta. De hecho, áreas con un extraordinario esfuerzo investigador tales como Farmacología o Química Física, entre otras, se quedan fuera de juego.
    Y todo esto a pesar del esfuerzo que están dispuestos a hacer los grupos de investigación para financiar dichos contratos! Y todo ello a pesar del esfuerzo de los candidatos que, ante la precariedad actual, están dispuestos a aceptar un contrato que no ofrece posibilidades de futuro.
    Parece que a pesar de este estado de resignación, el equipo rectoral decide mutilar este esfuerzo. Resulta totalmente inexplicable y procede exigir claridad y transparencia en la toma de estas decisiones.

    ResponderEliminar