martes, 30 de noviembre de 2010

consello de goberno 16/11/2010

Valoracións dalgúns temas tratados no
CONSELLO DE GOBERNO DA USC
do día 16-11-2010
elaboradas por representantes de +IDEAS no CG

A información recollida nesta reseña non ten ningunha validez oficial

Inclúese nestas valoracións:

  1. Informe do reitor
  2. Informe da vicerreitora de Economía e Financiamento
  3. Informe do vicerreitor de Investigación e Innovación
  4. Informe da vicerreitora de Grao e Postgrao
  5. Renovación de Comisións do Consello de Goberno
  6. Prazas de PDI
  7. Bases para a convocatoria de axudas para a escolarización dos nenos menores de 3 anos no Campus de Lugo.
  8. Modificación do Manual de Avaliación da Actividade Docente (MAAD)
  9. Rogos e Preguntas



A) Informe do reitor

§ O reitor informa de que non foi aprobada a proposta de recualificación do Campus de Excelencia Internacional “Campus Vida” de ámbito Rexional a Global, defendida o pasado día 26 de outubro en Madrid. Non explicou os motivos, nin a razón da non solicitude de fondos adicionais para seguir desenvolvendo o proxecto e non asumiu ningunha responsabilidade polo fracaso nesta convocatoria. Incluso evitou utilizar o nome de “Campus Vida”, ao que non se referiu nin unha soa vez. Fixo unha referencia de pasada ao Campus do Mar (sen mencionar a participación da USC) que polo que se pode percibir está sendo capitalizado en exclusiva pola Universidade de Vigo a pesar da imprescindible achega da USC para o éxito de dito proxecto.
Na última sesión do Claustro, desde +IDEAS avanzamos o noso compromiso público por traballar para que prosperen esta e outras iniciativas semellantes e, en xeral, para que o compromiso global da USC coa excelencia internacional non teña volta atrás. Pódese ver no blog de +IDEAS a intervención do coordinador Enrique Macías.
Requirimos do reitor da USC ese mesmo compromiso e que abandone a tendencia a escurecer este proxecto e evite os danos que pode producir no seu desenvolvemento, desmobilizando aos nosos socios, ás administracións públicas e ao conxunto da sociedade e facendo perigar o proxecto mesmo.
§ En relación a este tema o reitor tamén da conta dunha reunión que mantivo co Presidente do CSIC e o seu delegado en Galicia na que o Consejo reafirmouse no compromiso de participación en Campus Vida e na necesidade de reformular os obxectivos que se tiñan marcado desde o ano 2005. Non se engadiu ningunha información nin comentario adicional que permitira coñecer a postura do equipo de goberno neste tema.
§ O reitor informou tamén dunha reunión das tres universidades coa Xunta sobre as novas convocatorias de investigación, a creación da Axencia de I+D e o Plan Galego de I+D+i sen aportar ningún detalle do tratado, nin explicación en relación co retraso que están a tomar estas convocatorias.
§ A matrícula no 2010-11 aumentou o 13,5%, cubríndose todas as prazas en titulacións con numerus clausus. Destacan polo seu aumento relativo: Lingua e literatura españolas, Lingua e literatura galegas, Lingua e literatura inglesas, Filosofía, Física, Matemáticas.
B) Informe da vicerreitora de Economía e Financiamento
§ Negociación do Plan de Financiamento: hai unha diminución importante de ingresos que afectan máis á USC que ás outras dúas universidades galegas. A UDC e UVigo entenden a diminución. A USC é a que sae peor parada do reparto para 2011, o que é difícil de asumir dadas as expectativas levantadas polo actual reitor antes de saír elixido.
Infórmase das malas perspectivas para elaborar un orzamento equilibrado para 2011 sobre todo pola dificultade de cubrir totalmente os gastos do Capítulo I -no que se inclúe o compromiso para crear a totalidade das cátedras de promoción de acreditados- e do Capítulo II .
§ Infórmase de que os criterios de reparto dos fondos ás tres universidades divídense en tres grupos: estruturais, resultados, calidade. Só está elaborada a proposta de criterios por resultados pero non foi dada a coñecer. A Xunta esixe un Plan de Sostibilidade Financeira, que en realidade é un Plan de Austeridade para o período 2011-13.
No CG repártese un documento que esboza esas liñas e nas que se destacan as medidas correctoras en materia de gastos de persoal propostas pola Xunta:
a) Limitación de prazas de novo ingreso á taxa de reposición de efectivos do 10%, establecida na actualización do Programa de Estabilidade 2009-2013.
b) Detalle dos custos salariais a realizar.
c) Política e procedemento para a contratación de persoal laboral temporal, nomeamentos de funcionarios interinos docentes e non docentes.
d) Proposta de supresión na RPT de prazas non dotadas, así como estabilización de porcentaxes de supresión para as dotadas e non ocupadas no último exercicio.
e) Propostas dirixidas á reordenación e reasignación de horas de docencia.
O equipo reitoral terá que explicar moi ben como fará compatibles estas medidas coa creación das 60 cátedras comprometidas no consello de goberno de xullo e cos acordos de estabilización existentes: transitoria de estatutos en vigor, investigadores RyC, IPP, etc.
Por outra banda, a medida e) ven dando xustificación ao traballo sobre adscrición de materias e asignación de docencia nos novos graos e másteres, iniciado na última etapa do anterior equipo de goberno.
§ No mesmo documento a USC propón o estudo de 20 actuacións voluntarias en materia de gastos de funcionamento nas que destacamos as seguintes:
a) Plan de xubilación anticipada do PDI
b) Plan de aforro e eficiencia enerxética
c) Peche durante o período vacacional a partir de 2011: do 25 decembro ao 1 xaneiro e máis a 2ª e 3ª semanas de agosto, en edificios docentes e bibliotecas (agás unha en cada campus).
Non se da ningún detalle de cómo se implantaría esta medida nin do tratamento que tería desde o punto de vista laboral de PDI e PAS (vacacións, traballo no domicilio, ...).
C) Informe do vicerreitor de Investigación e Innovación
Tanto no seu informe como nas respostas ás preguntas que lle foron dirixidas, o vicerreitor amosou a súa preocupación polos efectos da Lei de Reforma Laboral na renovación de contratos a investigadores novos pero non deu ningún detalle das medidas que se están a tomar para paliar a incidencia neste colectivo. Tampouco se informou do número de afectados.
D) Informe da vicerreitora de Grao e Postgrao
A vicerreitora informa das Instrucións da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria sobre novas titulacións para 2011-12
(ver
)
En relación a este tema o profesor Juan Viaño, de +IDEAS, trasladou a vicerreitora as seguintes preocupacións:
1. O novo nome de Comercialización e Loxística parece que sería Economía e Empresa, o que coincidiría na mesma Facultade co existente de ADE o que non parece moi coherente. A explicación recibida é que o nome de Economía e Empresa non está acordado.
2. O carácter interuniversitario parece que será un criterio de prioridade nos novos másteres pero ¿tense pensado cómo será a xestión para evitar que a USC siga prexudicada naqueles casos en que ela pon case todo o profesorado do máster pero son as outras universidades as que cobran as matrículas porque son as que teñen os alumnos? Aínda non se ten estudado nada novo ao respecto.
3. Nas instrucións para másteres a Xunta propón a obriga de que a verificación se faga pola ACSUG o que parece contrario a lei, que permite elixir tamén a ANECA. Segundo as explicacións recibidas esta decisión obedece a que a ACSUG estaría “ociosa” despois do boom que supuxo a verificación das novas titulacións adaptadas ao EEES.
E) Renovación de Comisións do Consello de Goberno
A secretaria xeral fai unha intervención xustificando a modificación da composición das comisións delegadas do CG, en base a modificación da composición do CG aprobada en xullo para adaptala a LOMLOU. O seu argumento é que debía trasladarase a esas comisións a composición por sectores do Claustro, o que non parece ter moita lóxica xa que esta interpretación discrimina aos funcionarios non doutores.
Os membros de +IDEAS interveñen no senso de que os cambios na composición do CG poderán afectar ou non á composición das comisións do CG, pero é necesario un acordo expreso desa composición e do sistema de elección aínda que ese acordo sexa deixar as cousas como están, pero non se pode dar por suposto unha interpretación discutible da secretaria xeral. Polo tanto, é necesario discutir e aprobar esa variación do regulamento neste CG ou noutro. Faise un receso, discútese e finalmente o reitor retira o punto.
Na exposición inicial o reitor dera a coñecer unha proposta de profesores candidatos para a COAP que non tivo ningún recorrido pero que serviu para confirmar un acordo do equipo de goberno e Universidade Aberta para deixar a +IDEAS sen representación ou cunha representación moi cativa, nun pacto cociñado en silencio ás nosas costas.
F) Prazas de PDI
Apróbanse varios contratos de interino de substitución, algúns deles nos Departamentos de vicerreitores actuais. As propostas favorables necesitan un déficit docente que, segundo informa a vicerreitora de PDI, está sendo calculado cos criterios aprobados polo equipo anterior.
G) Bases para a convocatoria de axudas para a escolarización dos nenos menores de 3 anos no Campus de Lugo.
Este punto foi retirado porque non fora negociado previamente na Mesa Sindical. Os representantes de +IDEAS non poden deixar de sorprenderse por este feito nunha cuestión que afecta directamente ás condicións laborais dos traballadores da USC.
H) Modificación do Manual de Avaliación da Actividade Docente (MAAD)
Faise unha proposta que modifica lixeiramente este MAAD en atención ás diversas suxestións recibidas das Comisións de Avaliación, profesores e responsables académicos participantes na experiencia piloto de DOCENTIA feita no curso 2009-10.
Desde +IDEAS, Juan Viaño manifesta que a pesares de recoller algunhas modificacións imprescindibles, non pasa de ser un lavado de cara pero non unha verdadeira revisión que incorpore as suxestións de calado. Pérdese así unha oportunidade de facer unha discusión importante sobre temas que están na enquisa: as guías docentes, o sistema e a coordinación na avaliación, os informes dos responsables académicos e a súa discutible confidencialidade, etc. Insiste en que esta discusión será imprescindible facela na próxima experiencia piloto que tamén se propón. A vicerreitora de Calidade acepta este compromiso e a proposta é aprobada.
I) Rogos e preguntas
Ademais das tres preguntas en relación coas instrucións sobre novas titulacións para o curso 2011-12 xa mencionadas, os representantes de +IDEAS presentaron as seguintes:
- ¿Qué hai de certo no rumor de que se supriman as subscricións ás revistas da editorial Elsevier? Nas áreas experimentais é impensable o dano que se causaría a investigación.
Na súa resposta admítese a existencia do rumor que ten a súa orixe na revisión do contrato vixente con Elsevier, na que se tratará que continúen todas ou a maior parte das subscricións co menor custe posible.
- Por diversas manifestacións públicas, como a do Comité Intercentros do PAS Laboral, sabemos de problemas graves no funcionamento do Centro de Linguas Modernas (CLM) que desembocaron no cese da directora recentemente nomeada. ¿Podería o Sr. Reitor informar a este Consello de Goberno, dentro do respecto debido as persoas implicadas, cal é o fondo dos problemas? ¿Cambiou con respecto a outros anos a política de linguas estranxeiras?
Na súa resposta o reitor foi telegráfico: No CLM xa non hai ningún problema de funcionamento. Nomeouse unha nova directora, cesando a directora académica, e agora todo está a marchar normalmente, sen problemas. Antes houbo algún problema polo que xa se pediu escusas no Claustro.
- Temos lido na prensa que o día 6 de novembro, os pazos de San Xerome e Fonseca foron “territorio Vaticano”. Supoñemos que haberá un protocolo establecido para estas ocasións ¿podería o reitor informarnos en que consiste ese protocolo?
Na súa resposta o reitor non aclarou en qué consiste o protocolo limitándose a explicar as consecuencias directas da súa aplicación: os sacerdotes participantes na cerimonia co Papa cambiáronse de roupa en Fonseca e atravesaron por San Xerome para saír á praza do Obradoiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario