miércoles, 1 de febrero de 2012

VALORACIÓN DOS ASUNTOS TRATADOS NO CONSELLO DE GOBERNO DO DIA 25 DE XANEIRO DE 2012

Elaborada por membros do Consello de Goberno pertencentes ao Colectivo +IDEAS
A información recollida nesta reseña non ten validez oficial
 
1. Acta da sesión anterior
2. Informe do reitor
4.- Modificación de titulacións de grao
5.- Análise másteres 2012-13
6.- Corrección de erros na adscrición de materias do Grao de Psicoloxía.
7.- Transferencia de coñecemento
8.- Recursos


1. Acta da sesión anterior
Apróbase por asentimento.

2. Informe do reitor
•    O reitor informa da célula de citación por querela presentada por UGT e CIG contra a súa persoa por feitos que se refiren á contratación dunha traballadora  na Fundación USC Deportiva. Amosa o seu malestar porque o seu nome apareza asociado a querela porque son feitos que sucederon nunha data na que  aínda non tomara posesión como presidente da Fundación pero si como reitor. Os feitos sucederon con coñecemento do xerente da Fundación tamén denunciado. Preguntado polo prof. J. Viaño sobre a data da contratación da traballadora o reitor respondeu que a data foi o 20/07/2010 polo que se sitúa nun interregno en que o novo equipo estaba tomando posesión e nin el nin o reitor saínte tiveron nada que ver cos feitos denunciados.
•    O reitor informa que é consciente  da confrontación da comunidade universitaria con ocasión do acordo do CG do día 29 de estabilizar tan só 2 investigadores RC e 5 IPP dos 17 que remataron contrato o 28 de decembro e tiñan avaliación positiva do programa Manuel Colmeiro, na que o seu equipo seguramente tivo unha estratexia equivocada e demasiado incisiva, pero que non busca dúas universidades nin unha universidade de dúas velocidades. Que  a raíz do rexeite no Claustro do día 14 de decembro da programación plurianual e das liñas xerais do orzamento 2012 (motivado tamén pola situación dos investigadores), ten mantido conversas con diversos membros do Claustro e do CG, co colexio de decanos e directores e outros colectivos, amosándose disposto a presentar propostas con ánimo de consenso no que atinxe á procura de solucións dos investigadores de programas de recursos humanos tanto "de presente como de futuro", a criterios estruturais de plantilla teórica e á elaboración de orzamentos para 2012. O equipo pensa que poderá presentar un documento de traballo a finais de xaneiro.
J. Viaño pide explicacións sobre o que significa "de presente e de futuro" e o reitor aclara que está pensando nos investigadores que estaban contratados no 2011 e agora xa non o están ou están contratados por outras vías e nos contratados con fin de contrato nos vindeiros anos. 
•    E. González recrimina ao reitor non faga nin a máis mínima referencia ás dimisións presentadas polo Valedor da Comunidade Universitaria, do Centro de Postgrao e outras que están nos medios de comunicación. O reitor descúlpase en que non está centrado a causa dos feitos que tiveron lugar minutos antes na entrada de San Xerome na que se manifestaban os traballadores da empresa da limpeza CLECE e os investigadores IPP.  Contrariamente ao que publican os medios, o reitor insiste en que as dimisións teñen unha base de cansazo, reorganización, pero non son desercións. Non concretou (a pesares da insistencia do prof. Fernández Prieto) se a dimisión do valedor se tiña producido antes da reunión da mesa do claustro para a sesión do 14 de decembro (pois se así fose tería que haber informado á mesma).

4.- Modificación de titulacións de grao
Tratase de modificacións menores dos graos de Medicina, ADE e RRLL. 


5.- Análise másteres 2012-13
Tratase das propostas de novos másteres para a súa tramitación: Máster Universitario en Dereito da Empresa, Master Universitario en Enxeñaría para a Produción de Leite, Máster Universitario en Sociedade da Información e do Coñecemento, Master Universitario en Investigación en automatización e telecontrol para a xestión de recurso hídricos e enerxéticos.
A Comisión de Postgrao Oficial da informes desfavorable (ao que se suma a Comisión de Titulacións). Intervén J. Viaño facendo unha reflexión xeral sobre o proceso de posta en marcha de novos másteres á vista de que por primeira vez catro másteres veñen con informe desfavorable. Cando aínda non se acabou de implantar todos os graos, vemos que a oferta de novos másteres fai auga por todas partes. Temos unha saturación da oferta e necesitamos que o equipo de goberno se poña a traballar para o futuro para evitar dar esta imaxe dun número importante de másteres que non se adminten despois do traballo que supón preparar este tipo de ofertas por parte das comisións académicas correspondentes. Por outra banda nos  informes que achega a Comisión de Postrgrao, utiliza como argumento para informar desfavorablemente que "xa existen no centro (Facultade de Dereito, EPS) outros másteres polo que  a oferta está cuberta". J. Viaño discrepa porque a viabilidade dun máster non pode depender da vinculación que se faga a un centro ou a outro nin de que outros másteres estean vinculados a ese mesmo centro... Serán argumentos de contidos, profesorado, etc... pero nunca a vinculación. Por outra banda, nos informes tamén se abonda en que xa existen outros másteres cun contido similar o que  non considera axeitado porque debería analizarse o conxunto dos másteres implicados para que non se rexeite sempre o "último que chega". A Vicerreitora de PDI e Titulacións amósase de acordo coas reflexións de J. Viaño.
Produciuse un debate vivo sobre o Máster Universitario en Enxeñaría para a Produción de Leite con diversas intervencións (J.C. Carreira, B. Rey, L. Fernández Prieto, J. Seijas) en defensa dun estudio máis a fondo que, en opinión da Vicerreitora de PDI e Titulacións, non parece doado por falta de tempo para tramitar a verificación e que debería facerse para o vindeiro ano.
Votáronse un a un e foron rexeitados, agás no Máster Universitario en Investigación en automatización e telecontrol para a xestión de recurso hídricos e enerxéticos que podería volver a aprobación unha vez revisado sempre que a universidade coordinadora o propoña.
 
6.- Corrección de erros na adscrición de materias do Grao de Psicoloxía.
Retirado.
 
7.- Transferencia de coñecemento
Apróbase a creación das empresas seguintes de base tecnolóxica:
•    AQUAGENE: Desenvolvemento de marcadores moleculares específicos para diversas especies de peixes e moluscos. Departamento de Xenética. I.P. Paulino Martínez Portela.
•    CILENIS: Procesamento da Linguaxe Natural e Enxeñería Lingüistica.  Departamento de Lingua Española. I.P.: Pablo Gamallo Otero.
•    BIOSTATECH: Bioestatística. Departamento de Estatística e Investigación Operativa. I.P.: Carmen Cadarso Suárez.
Apróbase tamén o outorgamento de poderes a Fundación Pedro Barrié para a xestión de resultados derivados do contrato específico para a maduración de resultados de investigación: “Probióticos de orixe mariño con efecto Quorum Quenching para o control de enfermidades infecciosas en sanidade veterinaria”.
 
8.- Recursos
Neste punto analízanse os recursos de reposición ao acordo do Consello de Goberno do 29 de novembro sobre estabilización dos investigadores RC y Parga Pondal, presentados por varios investigadores afectados, polo Sindicato CIG e polo Comité de Empresa do PDI-Laboral.
O recurso da CIG no foi admitido por ser presentado fora de prazo. En canto ao recurso dos investigadores utilizaba dous argumentos básicos: a convocatoria irregular porque na orde do día non figuraba a creación de prazas e a constitución irregular do Consello porque se convocara e asistiu un membro que xa deixara de pertencer ao mesmo. O Comité de Empresa argumentaba que a creación de prazas aprobada nese CG no fora previamente negociada cos sindicatos.
Acompañouse un informe xurídico elaborado pola asesoría xurídica da USC rexeitando todos os recursos. A secretaria xeral fixo unha exposición dos argumentos esgrimidos no informe. O reitor fai unha intervención moi dura contra algunhas mensaxes que lle tiñan chegado "no senso de que os informes xurídicos estaban pedidos á carta" e defendendo a profesionalidade dos servizos xurídicos. Profesionalidade que foi defendida por todos os que interviñeron posteriormente aínda que estiveran a favor de admitir os recursos e polo tanto non concordaran coas conclusións dos informes.
Producíronse varias intervencións (L. Fernández Prieto, J.Viaño, A. Pérez Casas, Decano de Físicas, Á. García, Decano de Filoloxía, Decano de CC. Comunicación) todas elas contestadas pola Secretaria Xeral ou polo Reitor. Aínda que con diferentes matices, todas as intervencións foron na mesma dirección que a de J. Viaño (+IDEAS) que resumimos a continuación:
"O pasado 29 de novembro o CG, nunha votación moi axustada de 2 votos,  tomou unha decisión sobre a estabilización de investigadores RC e IPP, que está tendo unha grande transcendencia na Universidade e cuxas consecuencias aínda temos sen resolver. Decisión que ten levado a unha grande confrontación na comunidade universitaria, a un claustro universitario no que o goberno da universidade veu rexeitado as súas propostas de programación plurianual e liñas xerais do orzamento, a manifestacións reiteradas dos investigadores, a despidos...
No medio de todo esa tormenta, enterámonos que,  mais alá dos argumentos xurídicos que se verten nos informes, para moitos membros deste consello que nos sentamos aquí, existen dúbidas moi razoables de que aquel consello puido ser convocado irregularmente porque a orde do día non era explícita, puido ser constituído irregularmente con membros que xa non o eran ou a creación de prazas aprobada non foi negociada en tempo e forma cos representantes sindicais coa debida claridade e transparencia como require a lexislación laboral que nos é aplicable.
Para min e para os profesores que eu represento non cabe dúbida que a aprobación dos recursos é a única saída razoable que podemos dar a este tema se queremos buscar unha solución no senso que o reitor timidamente adiantou ao comezo desta tarde. En efecto, despois de semanas nas que o equipo reitoral parece non decatarse das consecuencias do que pasou naquel claustro, só hoxe, despois de mes e medio, o reitor fixo  unha tímida referencia á posibilidade de rectificar aquela decisión e retomar o estudio de solucións (que aínda non definiu) para estes 17 investigadores. Pero se o equipo reitoral non admite os recursos que temos enriba da mesa, a menos de 3 horas de facer o seu anuncio, Sr. Reitor, estará violentando e contradicindo a súa declaración de vontade de reconducir o tema.
A maneira máis presentable de facer crible a súa proposta de cambiar o rumbo,  tal como lle pediu co Claustro, sería ter negociado cos alegantes a retirada dos recursos a cambio dunha oferta de solución negociada a súa estabilización. Iso sería gobernar a institución e non confrontala. Pero xa que non o fixo antes, agora ten a oportunidade aínda de aceptar o recursos e coa anulación daquela decisión, retomar o tema de novo. Ten vostede unha oportunidade... de non tensar máis a esta universidade. Porque ¿que gaña vostede cunha nova votación?. Independentemente de que a gañe ou a perda (será outra vez axustada), o único que consegue é tensar... pero sen aportar solución ningunha... Aproveite esta oportunidade e acepte os recursos... Se nos obriga a votar, non nos deixa outra saída que facelo a favor de admitilos para anular aquela decisión e retomar o tema desde o principio..."

Despois das intervencións xa sinaladas, o reitor consultou brevemente coa secretaria xeral (a única que interveu do equipo, ademais do reitor)  e finalmente decidiron sometelos a votación. O recurso dos IPP obtivo 22 fotos a favor, 18 en contra e 2 abstencións. O recurso da Mesa de PDI: 23 votos a favor, 18 en contra e 1 abstención. 
Entendemos que o equipo reitoral non aproveitou unha oportunidade para reconducir este tema e a súa actitude é de enrocarse cada vez máis, gañar tempo mentres esta universidade está perdendo o seu liderado,  a súa credibilidade e imaxe de solvencia que sempre a caracterizou. 
 
Neste momento, eran as 22:15 da noite. Non temos referencia directa do resto da sesión polo que remitimos á acta da sesión que se publicará no seu día.
 
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2012.

No hay comentarios:

Publicar un comentario