domingo, 11 de noviembre de 2012

Consello de Goberno extraordinario do 9 de novembro de 2012

Reseña da reunión e da  intervención de J. Viaño sobre a convocatoria de prazas de PDI suspendida cautelarmente

RESEÑA

O reitor da conta pormenorizada das reunións  que mantivo con representantes da Consellería de Cultura, Educación e O.U. e da de Facenda, sobre a procedencia das prazas convocadas na USC por R.R. do 21 de setembro de 2012 (aprobadas nun paquete máis amplo no C.G. do 20/07/2012) e tamén da futura convocatoria das prazas de estabilización de investigadores do programa IPP aprobadas polo C.G. nas sesións de 28/09/2012 e 26/10/2012).
Segundo a información do Reitor, a relación de prazas aprobadas no CG do 20/07/2012 foi remitida ás Consellerías, nos días seguintes. Do mesmo xeito, a convocatoria de prazas feita por R.R. do 21/09 foi comunicada a distintos ámbitos da Xunta de Galicia.
O día 20/09 a Xunta recibe indicacións do Ministerio de Hacienda en relación as convocatorias de prazas de PDI nas universidades atendendo ás limitacións previstas no RD 14/2012 e na lei de PGE de 2012. Como consecuencia o día 27/09 con entrada o día 2/10 a Xunta require datos do PDI laboral xubilado en 2011, que lle foron remitidos inmediatamente: 1 CDR xubilado.
O día 2/10 comezan as reunións coa Xunta das universidades galegas. A USC ten a primeira reunión o día 18/10. A Xunta fai valer as restricións que ten que impoñer: taxa dos 10% de reposición, limite da masa salarial. Discrepancias da USC: non se sobrepasa a masa salarial, hai aspectos singulares como son os ASO LRU afectados pola disposición transitoria primeira de  estatutos, a promoción dos AXU DR recollida en convenio colectivo.
Unha nova reunión ten lugar o  día 22/10. “Longa e difícil na que non se atopou saída a situación” segundo palabras do reitor. O día 25/10,  o director xeral de orzamentos remite unha carta ao reitor na que autorizaría  en 2012 os concursos das prazas de estabilización dos RyC 2007 (4 prazas) e dos Starting Grant (2 prazas), e deixaría aberta a posibilidade para que o resto das prazas da convocatoria se fosen negociando  a partir de 2013.  O escrito figura sen data, tal e como foi entregado polo equipo reitoral na mesa de negociación sindical do día 6 de novembro. O día 26 de outubro celebrouse un CG no que o reitor informou da situación e da postura da Xunta pero non do contido pormenorizado deste escrito.
O dia 29/10 o reitor suspende cautelarmente a convocatoria do día 21/09. Nas negociacións de última hora posteriores ao escrito estableceuse a que parece ser a postura final da Xunta  (e da que non constaría nada por escrito agás o referente aos RC e SG): 


•    Autoriza a convocatoria en 2012 das seguintes 27 prazas de CDR:

  • 4 prazas de estabilización de investigadores RC.
  • 2 prazas dos  estabilización de Starting Grant.
  • 2 prazas de estabilización de interinos de longa duración
  • 1 prazas de estabilización dun AXU LOU.
  • 3 prazas de profesores vinculados del SERGAS
  • 15 prazas de estabilización de investigadores IPP do 2006 que estaban pendentes de convocar en 2011.
•    Propón excepcionar da taxa de reposición as prazas de transformación de AXU-DR a CDR, previa acreditación e de acordo con convenio colectivo, que sería recollido nos orzamentos de 2013.
•    As prazas de CDR  de transformación de ASO-LRU e estabilización de investigadores IPP 2007, serán convocadas pautadamente en 2013, con datas que se negociarán tamén en 2013.
Nota: Para unha información mais detallada recollemos en Anexo a relación e tipos de prazas afectadas, co CG no que se aprobaron, a súa situación actual e a posición que, segundo o reitor, ten adoptado a Xunta en canto a súa cobertura en convocatoria pública.
O reitor engade que este non  é un acordo senón unha imposición e que intentará todo o posible para que ningún afectado perda o vínculo contractual coa USC. Informa tamén que ten solicitado un dictamen xurídico sobre a posible invasión da autonomía universitaria por parte da Xunta, cando fixa cantas e que  tipo de prazas podemos convocar. Non aclara na súa información nin no posterior debate se anulará total ou parcialmente ou manterá a convocatoria do 21/09.
Unha vez rematada a súa exposición, o reitor deu lectura a un escrito da Plataforma de Afectados pola Suspensión Cautelar, reclamando que se continúe coa convocatoria. A continuación pasoulle a palabra á Directora do Departamento de Fundamentos de Análise Económica (M. Dolores Riveiro), que deu lectura a un escrito asinado por varios directores de departamento con prazas afectadas pola suspensión cautelar. Nel criticaba moi duramente ao reitor e ao seu equipo por ordenar a convocatoria sen ter autorización da Xunta, por no informar das negociacións e non enviarlle os escritos da Xunta, por non defender a autonomía universitaria, e instándoo a que acorde coa Xunta un calendario para a cobertura escaleirada de todas as prazas aprobadas polo CG.
Pediron a palabra para intervir Angel García (que leu un escrito dos investigadores RC 2007 afectados), Juan Viaño (+IDEAS), L. Fernández Prieto, Jaime Feijoo, dous estudantes, Esther Hervés, Antón Pérez Casas, Javier Jorge Barreiro e Gumersindo Feijoo. Todas as intervencións - excepto J Feijoo e J Jorge - foron críticas coa actitude do reitor e do seu equipo nesta cuestión.
Despois das intervencións o reitor intentou xustificar as súas decisións e non aclarou cal sería a que adoptaría sobre a convocatoria suspendida.  Aínda que sen dicilo expresamente a súa predisposición parece ser a anulación da convocatoria para convocar de novo as prazas para as que dispón de autorización.

INTERVENCIÓN DE J. VIAÑO (+IDEAS)

Vimos de escoitar o relato pormenorizado das reunións do reitor e o seu equipo cos representantes da Xunta a propósito da convocatoria de prazas na nosa universidade. Reunións que vostede mesmo non califica de negociacións e nos que  presenta ao seu equipo como vítima dunha situación na que non conseguen facer valer o seus argumentos e mesmo consideran que se vulnera a autonomía universitaria.
Sen dúbida,  coa desculpa da crise económica actual,  estamos asistindo a continuos   atropelos da autonomía das universidades por parte doutras administracións. Seguramente neste caso tamén pode haber excesos que non debemos permitir. Pero, sendo isto así, pensamos tamén, que no caso das prazas de PDI que vostede negocia,  a USC é vítima da situación que vostede e a súa vicerreitora de PDI se empeñaron en colocarnos, pola súa visión negativa dunha universidade investigadora, pola súa intención de anular todo os referentes a equipos de goberno anteriores e defender unha universidade anclada no pasado.
No mes de xullo do ano 2011 vostedes tiñan que ter convocado as prazas dos 17 investigadores IPP e RC que remataban contrato en decembro dese ano. Lémbrolles que vostedes ofreceron só 5. Naquel momento non tiñan os  “decretazos” do goberno Rajoy que restrinxen as contratacións e tiñan o acordo maioritario da comunidade universitaria para cumprir con ese compromiso, que era un compromiso da USC;   pero vostedes empeñáronse en rachalo.
A súa postura,  defendida contra toda lóxica,  levou a unha loita dun ano enteiro, a unha perda de tempo e recursos para comprobar o que xa sabiamos:  que todos os investigadores reunían méritos sobrados para ser estabilizados de acordo coas convocatorias.  Tivo que ser a comunidade universitaria, coa implicación a fondo de todos os colectivos, quen evitara este erro histórico e lles arrincase un cambio de actitude,  do que todos nos alegramos. Pero a  pesar dese cambio, vostedes non foron dilixentes na execución dos acordos, foron sempre a remolque e a día de hoxe as súas prazas non foron aínda convocadas e están interferindo coas doutros colectivos que reclaman lexitimamente. Se vostedes tiveran convocado aquelas prazas no verán de 2011, hoxe non estaríamos aquí con este problema e as negociacións para solventar as prazas doutros colectivos poderían levarse agora nun contexto moi distinto.
Vostedes persistiron no seu erro de forma permanente. En efecto, o dia  23 de marzo acadouse un gran acordo universitario, moi traballado e moi custoso para sacar adiante as prazas dos IPP 2006 e 2007, dos  RC  2007 e os criterios para transformar os Asociados LRU afectados pola transitoria primeira de estatutos, os interinos de longa duración e a promoción  por convenio colectivo dos axudantes doutores.
Se vostedes fosen dilixentes, ao dia seguinte tiñan que estar negociando coa Xunta de Galicia as condicións económicas e as autorizacións necesarias para convocar as prazas sen riscos de paralización. Pero non o fixeron, porque vostede e a súa vicerreitora de PDI tiñan outras ideas na cabeza: non sacarían ningunha praza de investigador mentres non tivesen a punto os cálculos dos criterios estruturais (inicialmente, desprezando o esforzo investigador) que utilizaron para aprobar as prazas de transformación de Asociados LRU e interinos. Os criterios non foron publicados  ata xullo de 2012 (por certo nunca depurados) e as prazas de transformación de Asociados LRU e interinos, non foron creadas ata o CG do día 27/07/2012 (incluíndo o despido inxustificado e inxusto de cinco profesores  aos que lles quedaban escasos meses   para a súa xubilación).
Naquel CG creáronse un total de 98 prazas, das que 41 eran de CDR e 17 de AXU-DR. Destas,  33 prazas de CDR e 1 de AXU-DR  foron sacadas a concurso público na convocatoria feita por resolución do 21 de setembro (dos meses despois) e agora suspendida cautelarmente por vostede o pasado 26 de outubro. 
Naquel momento (xullo de 2012)  xa coñeciamos a advertencia mediante burofax do Ministerio de Hacienda dun contencioso administrativo contra a convocatoria en xuño de 16 prazas de titular de universidade, por superar a taxa de reposición. Requirimento provocou que vostede anulara a convocatoria definitivamente.   Por este motivo, no mesmo CG xa lle advertimos
“…da necesidade de explicar moi ben á Xunta e aos medios de comunicación a decisión de crear 98 prazas nun momento de crise tan delicado. Advertimos da necesidade de coidar as mensaxes, de explicar moi ben que os postos fixos que se crean son de transformación e de estabilización de investigadores que xa son traballadores da universidade, non de prazas novas, e que non saímos dos límites da masa salarial. Temos que evitar que a Xunta reaccione igual que o Ministerio fronte a convocatoria de prazas de titulares. ¿Que garantías temos de que a Xunta non vai presentar recurso por pasar dos límites da masa salarial ou do 10% de reposición? ¿pode a vicerreitoría garantir que as prazas de CDR non forman parte da taxa de reposición? Hai interpretacións que aseguran que si....”
¡Canto me gustaría ter errado na miña previsión!! Porque (supostamente) o pasado día 25 de outubro,  nun escrito, sen data, que foi dado a coñecer na mesa de negociación sindical pero que non foi repartido a comunidade universitaria, o director xeral de orzamentos lle  pide ao reitor que suspenda a convocatoria das 34 prazas.  Vostede cumpre con ese requirimento nunha R.R.  de data do 26 de outubro e procede a suspensión cautelar.  A R.R. de suspensión foi asinada ao mesmo tempo que se celebraba  un  C.G. no que vostede nos informou das negociacións pero non mencionou o contido do escrito do director xeral de orzamentos. Vostedes non contaron no CG toda a verdade do que estaba pasando.
Neste resumo da situación faltan aínda dous datos  de enorme importancia: 15 prazas dos IPP 2006 e 6  dos IPP 2007 creadas nos CG do 28 de setembro e do 26 de outubro, para os investigadores que obtiveron a avaliación de excelente na ANEP…e que tampouco foron aínda convocadas.
É difícil atopar un calificativo para unha actuación tan errática da vicerreitoría de PDI: dous anos de xestión absolutamente perdidos,  dous anos de enfrontamentos entre áreas e colectivos, prazas convocadas e anuladas, recursos, claustros e consellos de goberno extraordinarios, negociacións “in extremis”, avaliacións da ANEP, bandazos e malentendidos, sufrimentos e ultimátums,    ¿e todo isto para que?. Despois de dous anos e medio na reitoría a situación que nos presenta vostede e a súa vicerreitora de PDI, non pode ser máis desesperante: 

  1. Todas as prazas dos investigadores IPP dos anos 2006 e 2007 están creadas en CG pero sen convocar; en dous anos e medio vostede non estabilizou ningún investigador; nin tan sequera os Starting Grant que tanto anunciou defender; a un deles xa lle convocaron a prazas tres veces e as tres veces lla paralizaron.  ¿Cómo podemos pedirlle confianza na nosa universidade.
  2. As prazas de transformación dos asociados LRU,  as dos investigadores RC 2007 e as de promoción de axudantes doutores a contratados doutores suspendidas cautelarmente.
  3. A convocatoria das 16 prazas de promoción de CDR a TU, definitivamente anulada.
Dous anos e medio de xestión absolutamente errática e sen solucións para ninguén. A vostedes xa ninguén lles cree nada. Ninguén lle pode creer nada porque votedes en lugar de ir resolvendo problemas pouco a pouco empeñáronse en xuntalos todos, mixturando todo tipo de prazas e facendo colisionar os distintos colectivos que agora xa non confían para nada na súa xestión. Vostedes, en contra da opinión maioritaria, non tomaron decisións cando as tiñan que tomar,  foron deixando sen aire a todos os afectados coa promesa da salvación universal. Agora, cando todos están afogando,  dinlle que  non os poden rescatar por culpa da Xunta. 
A estas alturas, todos os colectivos afectados esperan de vostede e da vicerreitora de Titulacións e PDI  que, dunha vez por todas, asuman as súas responsabilidades, que deixen de dar largas e de enganar e que resolvan algo. Vostedes teñen a obriga de defender por igual todas as prazas acordadas neste CG. Se a Xunta permite convocar algunhas prazas, convóquense sen perder mais tempo. Aten todo o que poidan no 2012 e intenten amarrar todo o que poidan para o 2013,  a ser posible por escrito.  Acorden unha folla de ruta, convocatorias pautadas, un calendario,  o que sexa; pero fagan algo. E fágano o mellor posible. Consulte cos asesores xurídicos que teña que consultar para ver se anula ou non anula a convocatoria paralizada. Trate de que o dano e o sufrimento sexa o menor posible. Intente evitar que dentro de 3 ou 4 anos estas prazas estean aínda impugnadas. Pedímoslle que actúe, que resolva problemas e non os amoree  sen decidir nada,  como fixo ata agora.
Moitas grazas.

ANEXO

PRAZAS AFECTADAS APROBADAS NOS CG DE 20/07/2012, 28/09/2012 E 26/10/2012

Consello de Goberno do 20/07/2012.

  • 19 ASO LOU (Asociados LOU) e 21 PACS (Profesores asociados de Ciencias da Saúde). Motivo: transformación Asociados LRU e cobertura de vacantes. Algunhas destas prazas foron convocadas nos concursos 6001/12-13 a 6024/12-13 (R.R. do 28/09/2012).
  • 17 AXU-DR (Axudantes doutores). Motivo: transformación Asociados LRU. En caso de que os asociados non estiveran acreditados para AXU-DR, cubríanas interinamente de forma directa. Destas prazas só foi convocada unha no concurso 5034/12-13 (R.R. do 21/09/2012), suspendida cautelarmente por R.R. do 26/10/2012. Por ser praza con contrato temporal a Xunta autoriza a súa cobertura.
  • 41 CDR (Contratados doutores). Un total de 33 destas prazas foron convocadas nos concursos 5001/12-13 a 5033/12-13 por R.R. do 21/09/2012 e agora suspendidas cautelarmente por R.R. do 26/10/2012. A continuación resumimos os motivos da creación e o número de prazas xa convocadas para cada un deles nos referidos concursos. 
  • Transformación de Asociados LRU con tese de doutoramento antes do 31 de xullo de 2012, con cobertura interina directa en tanto non se tivese a acreditación para CDR. Convocadas: 8. A Xunta non autoriza a súa cobertura en 2012 e accede a negociar a saída pautada  en 2013 e sucesivos exercicios.
  • Transformación dun AXU LOU acreditado, unico existente na USC. A Xunta autoriza a súa cobertura en 2012.
  • Transformación  de interinos de sustitución en áreas deficitarias con acreditación. Convocadas: 4. A Xunta autoriza a cobertura de 2 por amortización das cátedras correspondentes.
  • Promoción de AXU-DR acreditados recollida no Convenio Colectivo. Convocadas: 14. A Xunta non autoriza a súa cobertura neste ano 2012. Será posible no futuro porque se promete excepcionar estas promocións   da taxa de reposición, a partir dos orzamentos de 2013.
  • Estabilización de investigadores con Starting Grant con finalización de contrato. Convocadas: 2.  A Xunta  autoriza a súa cobertura en 2012.
  • Estabilización de investigadores RyC de 2007 que finalizan contrato en 2012. Convocadas: 4. A Xunta autoriza a súa cobertura en 2012.

Consello de Goberno do 28/09/2012.

  • 13 CDR. Motivo: Estabilización de investigadores IPP do 2006  avaliados positivamente pola ANEP en cumprimento do acordo do CG de 23/03/2012. Estas prazas non foron convocadas ata o momento. A Xunta autoriza a súa cobertura en 2012.

Consello de Goberno do 26/10/2012

  • 8 CDR: Motivo: Estabilización de investigadores IPP do 2007 (6 prazas) e do 2006 (2 prazas para investigadores reclamantes da avaliación inicial). Estas prazas non foron convocadas ata o momento. A Xunta autoriza  a cobertura en 2012 das 2 prazas de IPP do 2006 e a negociación en 2013 das de IPP 2007.

1 comentario:

  1. Ata cando esta vergonzosa actuación do equipo rectoral da USC? Máis parece a xestión dunha comunidade de veciños en precario

    ResponderEliminar