miércoles, 27 de julio de 2011

VALORACIÓN DE +IDEAS SOBRE ALGÚNS ASUNTOS TRATADOS NO CONSELLO DE GOBERNO DO DIA 19 DE XULLO DE 2011


Elaborada por representantes de +IDEAS no CG
A información recollida nesta reseña non ten validez oficial
INFORMES DA REITORÍA
·      Medallas de Galicia ao ILGA e ao Profesor Ángel Carracedo Álvarez. 
·      Consejo de Universidades (11/07/2011)
·      Comisión Mixta USC-SERGAS (01/07/11)
INFORME DAS VICERREITORÍAS 
·      Vicerreitoría de Investigación - Investigadores IPP.   
·      Vicerreitoría de Economía e Infraestruturas - Plan de Financiamento e Plan de Austeridade. 
·      Vicerreitoría de Grao e Posgrao 
·      Xerencia
PARTICIPACIÓN  NA FUNDACIÓN CENTRO GALEGO DE INVESTIGACIÓNS DA AUGA (CETAQUA)
MODIFICACIÓN DE VARIOS PLANS DE ESTUDO
PROPOSTA DE MEMORIA DE MÁSTER EN MEDICINA
PLAN DE PROMOCIÓN DOS INSTITUTOS UNIVERSITARIOS DE INVESTIGACIÓN
ÁMBITOS E LIÑAS DO PLAN ESTRATÉXICO DA USC 2012-2020
COMPOSICIÓN DOS GRUPOS DE TRABALLO PARA A ELABORACIÓN DO PLAN ESTRATÉXICO DA USC 2012-2020.
MODIFICACIÓN DO ACORDO DO CONSELLO DE GOBERNO DE 27 DE XULLO DE 2010 NO REFERENTE AO CALENDARIO ACADÉMICO.
ACORDO SOBRE A REGULACIÓN DUNHA OPORTUNIDADE DE RECUPERACIÓN PARA OS PLANS DE ESTUDIO EN PROCESO DE EXTINCIÓN.
ASUNTOS ECONÓMICOS - MATRÍCULA FILLOS DE TRABALLADORES DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

INFORMES DA REITORÍA
·      Medallas de Galicia ao ILGA e ao Profesor Ángel Carracedo Álvarez.
·      Consejo de Universidades (11/07/2011).
o   En España están implantados 2.379 Graos, 2.640 Másteres e 1.684 Programas de Doutoramento. O ME entende que son demasiados títulos.
o    No ano 2010 o número de estudantes nas universidades españolas aumentou un 2,14% con respecto ao ano 2009 (un 9% o número de estudantes de novo ingreso).
o   A inauguración oficial do curso 2011-12 será na Universidade de Cantabria. No SUG será na Universidade de Vigo o día 16 de setembro.
o   En indicadores de investigación, España ocupa o 9º lugar en número de publicacións científicas e o 10º en publicacións por índice de impacto.
o   Está en preparación un decreto que modifica a normativa de creación de centros e institutos universitarios, no senso de outorgar máis autonomía ás universidades.
·      A Vicerreitora Adxunta para Estudos de Grao e Posgrao, dona María Isabel González Rey, cesou a petición propia para presentarse como candidata a Decana da Facultade de Humanidades de Lugo.
·      O 19/06/2011 a USC recibeu unha axuda de 600.000 Euros de carácter transversal, asociada ao Campus Vida, dentro do programa de fortalecemento dos campus de excelencia.
·      Os días 5 e 6 de xullo tivo lugar a auditoría externa de seguimento do Campus Vida realizada pola Comisión nomeada ao efecto. (Luis Oro-Zaragoza-, Fco. Gracia - Córdoba- Luis Delgado -MICINN- Patricia Somorrostro -ACSUG-). Aínda que non se ten o informe escrito, verbalmente a comisión transmite que a avaliación é satisfactoria e que non será necesaria outra acción de seguimento ata 2014. Foron auditados os 9 campus de excelencia aprobados en 2009.
·       Comisión Mixta USC-SERGAS (01/07/11)
o   O Hospital Clínico "Lucus Augusti" de Lugo foi declarado Hospital Universitario
o   Apróbase a "desvinculación voluntaria" dos profesores vinculados.
o   Apróbase unha praza de profesor titular vinculado na área de estomatoloxía.
o   Avánzase na posibilidade de atopar unha solución aos "profesores clínicos" que non tiñan posibilidade de vincularse (profesores titulares en áreas clínicas non vinculados pero que dan docencia clínica). Non se informa de cal é a solución pero dáse a indicar que sería unha "vinculación provisional definitiva"?
o   PACS: Créanse 5 prazas en Lugo e 6 en Santiago para cubrir 4 baixas e 2 xubilacións.  A preguntas de representantes de +IDEAS, a vicerreitora de PDI informa que no CHUAC e no CHUVI non se fará ningunha modificación da plantilla de PACS existente.
Intervén J. Viaño para manifestar que, se ben parece que houbo un intento de desbloquear algúns temas, o clima de entendemento do que se fala non casa moi ben coas informacións que circulan sobre que o SERGAS non está a transferir á USC as achegas que, segundo convenio, lle corresponden pola parte da nómina dos profesores vinculados. ¿A USC está adiantado estes cartos para pagarlle as nóminas completas a este profesorado?. Pide que lle aclare esta situación. O Reitor manifesta que en efecto é así dende o mes de abril, pero que o SERGAS xa o ten recoñecido e que en breve o problema quedará solucionado.
Cabe preguntarse: ¿Estanse utilizando os remanentes dos departamentos, centros, institutos... "requisados" a principios de ano para pagar estas nóminas que son obrigas do SERGAS?.

INFORME DAS VICERREITORÍAS
·      Vicerreitoría de Investigación - Investigadores IPP.
Téñense recibido 17 avaliacións positivas do programa Manuel Colmeiro dos 18 IPP's da convocatoria de 2006 (o que falta parece que non se presentou). O vicerreitor deixa caer que esta avaliación positiva non implica garantía de estabilización pois a Xunta de Galicia non garante o financiamento dos contratos por tres anos tal como estaba previsto no programa Manuel Colmeiro.
Intervén J. Viaño para reclamar unha postura clara e contundente pois non podemos mandar información confusa ao colectivo de IPP's: "Dende o meu punto de vista a USC non pode quedarse de brazos cruzados ante o incumprimento dos compromisos (financiamento do contrato estable por 3 anos) que ten a Xunta de Galicia cos IPP's de convocatorias anteriores ao cambio de modelo imposto por este goberno no 2010".
Intervén a vicerreitora de PDI para insistir que a avaliación positiva no Manuel Colmeiro non implica financiamento da Xunta e de feito xa non garante ese financiamento para os 26 estabilizados pola USC no 2010 (das últimas negociacións parece que poderían financiar só 16).
A conclusión é que non saben o que vai pasar cos 17 IPP's avaliados positivamente pero confían en que a Xunta cambie de opinión. Tamén lembran que a USC é a única das tres galegas que ten este compromiso de estabilizar a todos os avaliados positivamente.
(O compromiso de estabilización é froito dunha aposta clara do equipo de goberno anterior pola incorporación de investigadores de valía á plantilla de PDI tras un proceso de avaliación esixente e un financiamento da nova praza durante tres anos por parte da Xunta. ¿Cal é a alternativa que se propón agora dende a USC e a Xunta?)

·      Vicerreitoría de Economía e Infraestruturas - Plan de Financiamento e Plan de Austeridade.
o   Reunión o dia 23 de xuño co representantes das Consellerías de Educación e Facenda. Constatan o que xa sabían todos menos eles: algunhas das medidas de aforro que se propoñían no plan de austeridade non supoñen aforro de ningún tipo e hai protestas polas medidas que saíron publicadas pola Xunta no "decálogo" porque nalgúns casos son "ridículas" (uso de skype en lugar de teléfono). Polo tanto, as medidas non se fan vinculantes. Varias intervencións (J. Jorge, E. González),  manifestan o malestar pola intencionalidade que tiña o decálogo das medidas de austeridade: "machacar" a USC asociándolle unha imaxe despilfarro e buscar xustificación para recortarnos aínda mais. Reclámase que a USC contraataque deixando claras as súas posturas na prensa.
o   O equipo reitoral xa ten feito varias intervencións públicas desmentindo o seu acordo co decálogo e mesmo manifestando o seu malestar. Malestar que se trasladou tamén non asistindo a última reunión sobre o plan de financiamento. A Universidade de Vigo tampouco asistiu. Estas reunións estaban programadas para avanzar na definición dos criterios de reparto da parte variable do financiamento estrutural previsto no Plan. A primeira reunión para este tema terá lugar o vindeiro 27 de xullo (os criterios tiñan que estar aprobados no primeiro semestre).
o   O reitor e o seu equipo dan mostras de estar superados pola actitude da Consellería de Educación xa amosada en moitos temas (Convocatoria IPP, decálogo de medidas de austeridade, matrícula estudantes fillos de traballadores da Consellería, ... ): teñen unha reunión na que a Consellería fai unha proposta pechada e a continuación anúnciase na prensa como unha decisión de consenso acordada coa USC ou as universidades do SUG, cando a USC ou as outras universidades non tiñan nin sequera tomado postura.
o   Neste momento intervén J. Viaño para preguntar se, neste clima ta enrarecido coa Xunta de Galicia, o reitor e o seu equipo atoparon maneira de reclamar os 5 millóns de euros que o Presidente tiña comprometido coa USC no 2010. A resposta da Vicerreitora foi contundente: "O día 30 de maio o reitor e eu mesma estabamos totalmente convencidos de que os 5 millóns estaban conseguidos. O presidente da Xunta así se comprometera nunha reunión co Sr. Reitor e comigo en darlle orden ao D.X. de Orzamentos para transferir esa cantidade á USC. Dende entón falei varias veces co D.X. que recoñece ter recibido o encargo pero que está a facer todo o que pode. O tempo pasou e os 5 millóns aínda non os temos".
Por fin, despois dun ano, o equipo reitoral recoñece que o compromiso da Xunta de Galicia coa USC por valor de 5 millóns de euros, xestionado no seu momento polo reitor Barro, non era unha "conversa de aeroporto", como dixo a mesma Vicerreitora que agora loita para que se fagan efectivos.

·      Vicerreitoría de Grao e Posgrao.
o   Informe ANECA sobre Programas de Doutoramento para Mención de Excelencia: 31 presentados (24 favorables, 7 desfavorables).
o   Máster en Tecnoloxía da Información. Avaliación ANECA favorable con observación mínimas.
·      Xerencia
o   Resolto o concurso para a contratación do Centro de Bioloxía Experimental de Galicia (CEBEGA) en por valor de 6M€ a favor da empresa Obrascom-Lalin-OHL.

PARTICIPACIÓN DA USC NA FUNDACIÓN CENTRO GALEGO DE INVESTIGACIÓNS DA AUGA (CETAQUA)
Trátase dunha fundación na que participan a USC, AQUAGEST, CSIC E AGBAR (Aguas de Barcelona). A achega da USC faise en especie: cesión de 3 módulos no edificio Emprendia por un valor de 17.000 Euros (valor do aluguer). A creación da Fundación está en trámite.

MODIFICACIÓN DE VARIOS PLANS DE ESTUDO
o   Modifícase o calendario de implantación do Grao en Medicina: no curso 2012-13 implántanse os cursos 3º, 4º, 5º e no 2013-14 xa se implanta o 6º.
o   Licenciatura en Medicina: modifícanse as condicións de acceso ao segundo ciclo: 50% de créditos troncais e obrigatorios do primeiro ciclo aprobados (en lugar do 75% actual).
o   Modificación da memoria do Grao en Óptica e Optometría pola que se introduce a modalidade semipresencial no Curso Ponte desta titulación.
o   Corrección do límite de prazas na titulación propia de Diploma
Superior en Criminoloxía para o curso 2011-12. O aprobado inicialmente eran 65 para quenda xeral e 60 para a Academia Galega de Seguridade Pública. Agora resulta que non se asina o convenio coa Academia polo que se propón sumar as dúas e ofertar 125 libres.
J. Viaño fixo unha intervención no senso xa manifestado noutro Consello de Goberno: á vista da demanda que ten o título e de que o titulo propio atende a un sector de profesionais da policía que non pode acceder á titulación oficial ¿por qué non se implanta un titulo oficial que coexista co título propio? A resposta é que o mapa de novas titulacións aínda non está aberto.
o   Modificación do plan de estudos do Grao en Administración e Dirección de Empresas. Modificación das fichas de dúas materias

PROPOSTA DE MEMORIA DE MÁSTER EN MEDICINA
Trátase, de acordo co procedemento establecido pola ANECA, de solicitar a verificación do Máster en Medicina, tal e como foi aprobado polo Consejo de Universidades en novembro de 2010.

PLAN DE PROMOCIÓN DOS INSTITUTOS UNIVERSITARIOS DE INVESTIGACIÓN
O EG retoma o "Plan de Promoción da Actividade dos Institutos Universitarios de Investigación da USC" que xa puxera en marcha o anterior equipo de M. J. Alonso e cuns retoques "mínimos" o relanza de novo.
J. Viaño puxo de manifesto na súa intervención que eses retoques "mínimos" teñen sen embargo algunha relevancia: por unha banda, acertadamente imponse a obrigatoriedade de facer una avaliación, para o que debe presentarse unha memoria antes do 31 de marzo de 2012, e pola outra non se contemplaba ningunha acción a tomar en caso de que a avaliación fose negativa e o plan de mellora tampouco fose considerado axeitado (o que debería levar a reconsiderar a viabilidade ou continuidade do instituto). A súa proposta de incluír unha emenda neste sentido foi aceptada.
Viaño tamén insistiu en que deberan darse instrucións claras e esixentes para a elaboración da memoria e o sobre todo no que se refire aos problemas máis claros destes institutos: a adscrición e a selección dos investigadores e a avaliación da súa produción científica.

ÁMBITOS E LIÑAS DO PLAN ESTRATÉXICO DA USC 2012-2020
Neste punto a Vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade presenta o documento inicial de definición de ámbitos e liñas estratéxicas do Plan Estratéxico 2012-2020, segundo o procedemento de elaboración aprobado no Consello de Goberno do pasado día 15 de xuño.
  
AMBITOS E LIÑAS ESTRATÉXICAS PROPOSTOS
1. PERSOAS
·      Liña 1. Un modelo de recursos humanos baseado na eficacia, a flexibilidade a sostibilidade
·      Liña 2: Compromiso co desenvolvemento profesional do seu pesoal
·      Liña 3: O estudantado: valor de presente e de futuro
2. ACTIVIDADE UNIVERSITARIA
·      Liña 1: Oferta de titulacións adaptadas ás necesidades da sociedade
·      Liña 2: Procura da excelencia na docencia
·      Liña 3: Pulo á actividade investigadora
3. XESTIÓN INSTITUCIONAL
·      Liña 1: Unha universidade internacional de recoñecido prestixio
·      Liña 2: Xestión sinxela, eficaz e transparente dos recursos
4. RELACIÓN CO CONTORNO
·      Liña 1: Transferencia efectiva do coñecemento
·      Liña 2: O compromiso e a implicación coa sociedade

A intervención de J. Viaño traslada ao Consello de Goberno e ao EG a postura que fora recabada de +IDEAS en relación ao procedemento de elaboración do Plan Estratéxico; +IDEAS discrepa do procedemento de elaboración do Plan, polas razóns que se expoñen a continuación, pero en todo caso ofrece a súa colaboración institucional e a participación nos grupos de traballo dos distintos ámbitos estratéxicos, deixando clara a nosa postura e mantendo intacta a nosa capacidade de crítica, tanto no CG como en calquera órgano no que se debata o tema.
a) Resulta peculiar que este equipo de goberno, despois de incumprir a obriga estatutaria de presentar unha programación plurianual antes dos presupostos do 2011, así como un compromiso do Reitor de reunir ao claustro no primeiro semestre do 2011 para debater a proposta de programación plurianual, nos presente agora a metodoloxía de realización dun Plan Estratéxico, nada menos que para o 2012 -2020 (!)
O reitor xustifica o retraso na presentación da programación plurianual no feito de que cambiou o contexto económico que se tiña a principios de ano o que non permitiu elaborar as liñas de programación plurianual.
b) Preténdese facer un PE que abarca 3 lexislaturas pero no que se comeza por dicir que durante a primeira, e parte da segunda, ata o 2015, non se pode facer nada porque é un período de transición debido a crise. É inconcibible que se poida dicir iso á hora de elaborar precisamente un PE. É discutible que se propoña un período tan longo para o PE pero xa resulta absolutamente inadmisible esa xustificación de agocharse durante 4 anos para que pase unha tormenta, a económica, en parte derivada de ter asumido un plano de financiamento absolutamente lesivo para a USC.
A vicerreitora intenta explicar que a transición da que se fala no documento está referida ás dificultades económicas que non permiten avances importantes o que non quere dicir que se renuncie a fixar estratexias.
c) Non se comprende que non se mencione o documento "USC-Horizonte-2015", presentado en 2010 ao Consello de Goberno, e que foi o resultado dun proceso inconcluso para a elaboración dun Plan Estratéxico 2009-2015, que contou cunha moi ampla participación de todos os sectores universitarios. Este documento foi presentado a toda a Comunidade Universitaria polo anterior equipo 4 meses antes de rematar o mandato e quedou pendente de aprobarse formalmente para non comprometer a acción do novo goberno. Aínda que este documento non é vinculante para o novo equipo, non é de recibo que nin sequera se mencione e se ignore o traballo exhaustivo feito por un grupo tan amplo de persoas desta universidade, desprezando claramente o seu traballo.
O Reitor di que non se cita ese documento pero tampouco se citan outros como "Estrategia Universidad 2015 " ou "Europa 2020:una estrategia para un crecimiento inteligente, sostenible e integrador", o que é manifestamente incerto como se pode comprobar lendo o preámbulo, tal como lle fai observar J.Viaño.
A vicerreitora insiste en que o documento "USC-Horizonte 2015" é un documento moi importante e que serve de referencia para este Plan, como se pode ver no documento que se trae hoxe no que algunhas liñas e comentarios se trasladan case literalmente. Que lamenta a ausencia da referencia e que será engadida nas seguintes versións do documento.
d) O procedemento para formar os grupos de traballo nas distintas liñas estratéxicas é cando menos insólito: o Reitor fai unha proposta ao CG de membros para os distintos grupos, que deben ser claustrais e tratando de que representen os distintos sectores que compoñen o Claustro. No fondo ven ser o mesmo pois é o Reitor o que "elixe" aos membros do Claustro. Se se quere que representen os sectores do claustro deberían ser os sectores os que os propoñan. Desta maneira non son unha cousa nin outra.
e) O calendario de traballo proposto pretende que o PE estea elaborado en novembro. Non se entende tanta presa: un plan para 9 anos temos que facelo en 3 meses! coincidindo co inicio do curso. As 44 persoas dos 4 grupos son nomeadas xusto antes de vacacións e comezarán a traballar en setembro ao inicio do curso coa pretensión de que en 2 meses teñan feito o Plan Estratéxico, nada menos que para unha institución tan complexa coma a USC e cun horizonte tan complexo como o que de feito se anticipa no propio documento aprobado. Non parece doado chegar a tempo cun PE a menos que teñan pensado retocar algo que xa existe (¿USC-Horizonte 2015?) ou facer un PE para cumprir co expediente.
Xa entrando na análise das propostas de ámbitos estratéxicos e liñas propostas no documento J. Viaño fai algúns comentarios críticos:
- Non parece xustificable que se agrupen baixo o mesmo epígrafe as estratexias de actuación para o persoal docente e laboral (axentes activos na docencia, investigación e xestión) coas do estudantado, receptores (non necesariamente pasivos) desa actividade.  Entendemos que o estudantado merece un ámbito específico no que debía entrar toda a actividade de ensino e aprendizaxe pero non incluílo no ámbito dos problemas laborais e de formación do PDI e PAS, como se fai nesta proposta.
- Non se comprende que nunha universidade da que se asegura no propio documento que ocupa unha posición de prestixio na investigación e transferencia de resultados non se dedique un ámbito estratéxico a excelencia na investigación e se despache só cunha liña estratéxica cuxa redacción e por si mesma desconsiderada e infravolorativa: "Pulo a actividade investigadora". ¡Qué menos que "Excelencia Investigadora" nunha universidade que ten recoñecido un campus de excelencia".
O Reitor na súa resposta mostra o seu acordo con esta observación e indica que será posible buscar unha redacción máis axeitada para o que pide se faga unha proposta. J. Viaño di que debera incluír as palabras "excelencia na investigación" e propón: "Unha universidade excelente en investigación" que, despois dunha intervención crítica de E. González foi modificada a "Cara unha Universidade excelente en investigación".
-"Finalmente quero referirme a presentación que se fai da Liña estratéxica 1 da actividade universitaria (oferta de titulacións) cando se fala da oferta de posgrao e a súa racionalización e se aventura que "é clave o papel do Centro de Posgrao como estrutura de coordinación da oferta"... "Esta aseveración, que nin nego nin reafirmo, -di J. Viaño- sobresae do ton do resto do documento, pois da por suposto unha estratexia que, cando menos deberá ser discutida nos grupos de traballo".
O reitor e a vicerreitora aceptan a pertinencia da crítica e propoñen modificar a redacción final.

COMPOSICIÓN DOS GRUPOS DE TRABALLO PARA A ELABORACIÓN DO PLAN
ESTRATÉXICO DA USC 2012-2020.
Xa se di máis arriba o que pensamos do procedemento. Estes representantes son elixidos polo Reitor... Isto non sería malo en si mesmo se o resultado fose sometido a discusión posterior da comunidade universitaria. En todo caso, mantendo a nosa postura de colaboración institucional aceptamos formar parte dos grupos. A proposta feita polo equipo de goberno foi aprobada por asentimento.

MODIFICACIÓN DO ACORDO DO CONSELLO DE GOBERNO DE 27 DE XULLO DE 2010 NO REFERENTE AO CALENDARIO ACADÉMICO.
"Cando se faga referencia á finalización do curso académico, e non se estableza unha data concreta, a efectos administrativos e de persoal entenderase que a data de finalización é o 30 de setembro.
En particular no caso de xubilacións forzosas, os profesores que cumpran a idade de xubilación no mes de setembro xubilaranse o día 30 dese mes."

ACORDO SOBRE A REGULACIÓN DUNHA OPORTUNIDADE DE RECUPERACIÓN PARA OS PLANS DE ESTUDIO EN PROCESO DE EXTINCIÓN.
Trátase de dar mais facilidades aos estudantes de títulos en extinción: catro convocatorias con seis oportunidades sen prexuízo do número de convocatorias consumidas cando se ofertaba docencia.
Producíronse varias intervencións, destacando a de E. González no senso dos problemas que crea nos centros a coexistencia de tantas convocatorias de exames.

ASUNTOS ECONÓMICOS - MATRÍCULA FILLOS DE TRABALLADORES DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN
Cumprindo o acordo do CG a USC informou a estes estudantes (en total 2.972) de que se a Consellería non ingresaba o importe das súas matrículas antes do 30 de xuño de 2011 poderíaselle reclamar o pago directamente.
Con data 8 de xuño de 2011 a USC reclamou da Consellería o importe destas matriculas (893.412,67 €) recibindo unha contestación un mes despois negándose a facer a transferencia en base ao seguinte argumento no que negase toda unha historia na exención de matrícula que as universidades aplicaban en base unha acción social da Consellería e que agora se intenta presentar como unha forma mais de malgastar por parte da USC: "... no que se refire aos escritos relativos aos importes dos prezos públicos correspondentes ao persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria matriculados na USC nos cursos 2008/09 e 2009/10, fáiselle saber que se trata dunha subvención establecida unilateralmente pola USC, mediante sendas resolucións reitorais de 26/06/2008 e 22/06/2009 e que non foi acordada coa Consellería de Educación e O.U. nin está recollida no decreto de prezos". (Asdo: S.X. de Universidades, José Alberto Díez de Castro).
A pesares de que se trata dun incumprimento manifesto dos seus compromisos por parte da Consellería, o EG propón (e así se aprobou con dous votos en contra) non reclamar o pago ás familias polo complicado que resultaría a xestión (con posibilidade de recursos) e porque ao final a USC non se libraría do embarre público. Varias intervencións no CG apostan por esta vía pero intentando trasladar claramente á opinión pública a explicación e a decepción da USC unha vez mais coa actuación da Consellería.

1 comentario:

  1. Quero facer so unha pequena aclaración sobre o párrafo a seguir, porque a información que contén no é a correcta.

    "Intervén a vicerreitora de PDI para insistir que a avaliación positiva no Manuel Colmeiro non implica financiamento da Xunta e de feito xa non garante ese financiamento para os 26 estabilizados pola USC no 2010 (das últimas negociacións parece que poderían financiar só 16)".

    A USC, non estabilizou a 26 IPP no ano 2010. Dende o 1 de xaneiro do ano 2010 ata o 31 de xuño do ano 2011, a USC estabilizou a 16 IPP. Os 10 restantes corresponden as estabilizacións do ano 2009.

    No ano 2010 non saiu a convocatoria do programa de finanzamento Manuel Colmeiro, polo tanto a USC e ningunha outra universidade do SUG pudo acceder a esas axudas. Esta convocatoria dependia da Conselleria de Industria.

    En maio deste ano os IPP de Universidades pasamos a depender da Conselleria de Educación, según

    Os 16 contratos que a Xunta, Conselleria de Educacion, pretender financiar corresponden polo tanto ao periodo 1 de xaneiro 2010 ata o 31 de xuño de 2011. Estas axudas serán publicadas antes de final de este ano.

    Atentamente.

    Pedro Vázquez Verdes
    Asociación de Investigadores do Programa Parga Pondal.

    ResponderEliminar